martes, 1 de febreiro de 2022

ENSEADA DO BAÑO/A BAILADORA/PUNTA SEGAÑO/CASTELO DA PALMA/A REDONDA (MUGARDOS/ARES)

 Esta fermosa ruta que pasa polos concellos de Mugardos e Ares non está sinalizada polo que un track é imprescindible para poder realizala. Os puntos importantes da mesma son todos accesibles en coche pero non ten nin punto de comparación ir camiñando e contemplando ao mesmo tempo a ría e a cidade de Ferrol.

O máis significativo da ruta son as espléndidas vistas que temos durante case toda ela, as baterías militares que veremos; o Miradoiro da Bailadora, Punta Segaño, o Castelo da Palma o Banco de Escampós, a aldea de A Redonda na fabulosa enseada do Baño da que partiremos e na que finalizaremos.

Características:

Lonxitude: 11,5 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar.

O track en WIKILOC

Descripción:

A ruta sae da Enseada do Baño, ao pé de Mugardos. A ubicación AQUÍHai un lugar onde aparcar segundo empeza mesmo a enseada que cando marchamos estaba en marea baixa.

Enseada do Baño

Imos por estrada 1,2 km.


Aquí pillamos á esquerda e xa vemos indicadores do que imos ver (excepto o mosteiro de Santa Catalina, xa que colleremos antes un sendeiro que nos apartará da estrada onde se atopa)

Ao pouco de empezar a subir, xa nos deleitamos coas primeiras vistas da ría de Ferrol:

En vez de seguir pola estrada, colleremos o sendeiro da dereita:

Xa vemos no outro lado da ría o Castelo de S. Filipe
 
Imos subindo pero é unha subida moi levadeira.

 Temos que ir con coidado xa que esta é un zona moi frecuentada por ciclistas:
 
As vistas ábrense máis cada vez e agora tamén podemos ver Mugardos na parte dereita:

Pola situación xeográfica e as condicións naturais e defensivas da ría, Ferrol converteuse nun lugar estratéxico para a Armada Real dende o S. XVI. No punto máis alto de Montefaro levantouse a finais do S. XIX a batería militar de A Bailadora.
Unha torre vixía 
 Vistas da entrada da ría en Ferrol  e castelos de S. Filipe e da Palma dende o miradoiro de A Bailadora. Dende outros puntos tamén podemos ver as rías de Ares, Coruña e Betanzos. 

O Castelo de S. Filipe atópase na parroquia ferrolana de Santa Mª de Brión; esta construcción defensiva é de estilo barroco clasicista. Foi construida no S. XVI por orde de Filipe II, de quen toma o nome. A práctica totalidade do edificio foi remodelada no S. XVIII e permitía a defensa do conxunto civil e militar de Ferrol
 
O obxectivo da base militar era destruir calquera barco inimigo que se adentrase na Costa Ártabra. Nunca entrou en combate.

Hai decenas de túneles subterráneos que comunican as distintas dependencias militares.
 
Este lugar foi rehabilitado en parte no 2011 e acondicionouse un miradoiro que nos regala unhas incribles vistas da ría de Ferrol e da cidade, así como dos castelos de S. Filipe e o da Palma.

 Numerosas antenas coroan o Montefaro:

 En poucos metros atopamos outra batería militar: a de Fonte Seca.
Batería Militar de Fonte Seca
 
O camiño pasa de ser unha pista ancha en moi bo estado a outro cheo de pedra, pero só dura uns poucos metros:
 
Vemos aló embaixo a praia de Chanteiro.
Praia de Chanteiro

 De frente temos Punta Segaño e á dereita vemos o porto exterior de Ferrol:

Outra batería militar: a de Salgueira.

 E outra:a de Punta Segaño

Agora continuamos por unha cómoda pista sempre á beira da ría:
Paseo moi relaxante

Chaman a nosa atención as augas tan claras desta ría na que ao fondo temos o Castelo de S. Filipe.



 O Castelo da Palma, xa en Mugardos, tamén formaba parte do sistema defensivo da ría de Ferrol. Dende 1992 está considerado como Ben de Interese Cultural. A súa construcción remóntase ao S. XVI e está frente ao Castelo de S. Filipe do outro lado da ría. Carecía de armamento e a súa función era vixiar o paso marítimo. O edifici actual levantouse a finais do S XIX. 
Moi preto deste castelo atopábase o de S. Martín do que hoxe só quedan as ruinas. Entre este e o de S. Filipe tendíase unha grosa cadea no mar que impedía a entrada dos barcos inimigos á Ría de Ferrol.
A última función que tivo o Castelo da Palma foi de cárcere militar e aí estivo preso o coronel da Garda Civil Antonio Tejero por ser un dos cabecillas do intento de golpe de Estado no 1981.

Castelo de A Palma

A principios do S. XXI, este castelo foi adquirido por unha cadea hoteleira e está á espera de que comencen as obras de restauración e acondicionamento.
Castelo de A Palma

A uns metros do Castelo de A Palma, á esquerda xa vemos unha indicación nunha árbore que nos leva ao "Banco dos Escampós" e dende o que podemos contemplar de frente a parroquia de Santa Mª de Brión.

 Tamén podemos contemplar Ferrol

O banco de Escampós invita a sentar nel e non moverse en moito tempo.

Seguimos camiñando con estas idílicas vistas:


 Un pouco despois, en lugar de continuar por estrada, collemos á esquerda para ir polo barrio de A Redonda(Mugardos)

E vemos nun lavadoiro público este letreiro que nos gustou:
 
Este é o lavadoiro en A Redonda:
 
Unha ruta espectacularmente fermosa!!!
 
Agora hai unha pasarela de madeira á beira da ría:

 Desembocamos na aldea de O Baño (Mugardos)
 
E xa estamos de novo nu lugar de partida, agora con marea chea.
Enseada de O Baño


OLLO!! nesta ruta houbo un pequeno tramo de subida (ata A Bailadora) onde tivemos coidado cos ciclistas que baixaban. Este mesmo día faleceu un home pero non atropelado, se non por saltar  dun muro dunha batería militar a outro. Caeu ao vacío polo medio de ámbolos dous muros. Así que moito ollo e non supravaloremos as nosas capacidades.

















sábado, 29 de xaneiro de 2022

PRAIA ARNAO- PRAIA PENARRONDA (CASTROPOL)

 Hoxe quixen ir facer un percorrido pola costa occidental asturiana. Empecei na praia de Arnao (Castropol) e cheguei á praia de Penarronda en Tapia de Casariego.  Este tramo corresponde ao Gran Percorrido GR-E9, un itinerario europeo chamado Camiño Costeiro Europeo que iría dende o Cabo de S. Vicente en Portugal ata S. Petesburgo en Rusia. O camiño aínda non está completado e só están homologados e sinalizados algúns tramos. No occidente asturiano temos o itinerario costeiro máis amplo do norte de España dende Barayo ata A Veiga pasando por 6 concellos e duns 89 km. perfectamente sinalizados.

Como quería facer esta ruta circular, voltei polo interior ao punto de inicio.

O track do percorrido que fixen en WIKILOC
 

Características:
Lonxitude: 8,75 km.

Dificultade: moi fácil

Ruta circular, sinalizada só a ida.

Descripción:

Saín pois da praia de Arnao. A ubicación AQUÍ

A Praia de Arnao pertence ao concello asturiano de Castropol está situada xusto ao pasar a Ponte do Santos dirección Asturias. É unha praia fermosa dende onde divisamos as costas galega e asturiana. Ofrece tódolos servizos cunha gran zona  de aparcamento e unha área recreativa a pé de praia. Eso sí, en marea chea, o areal queda moi reducido.

Praia de Arnao co Faro de Illa Pancha na parte galega e a Punta de Santa Cruz, na asturiana.
 

A gaivota está entusismada mirando ao mar. Nin se inmutou co miña chegada.

Un "roubado" á gaivota

Pegada á praia temos unha area para comer e descansar.
Área recreativa na praia de Arnao

No pau da dereita vexo os primeiros sinais de ruta de longo percorrido.

Ao chegar a este cruce, a ruta oficial mándame ir á dereita pero eu quero ir ata a Punta da Cruz que está a tan só uns poucos metros e sigo entón pola pista da esquerda e logo, en vez de dar a volta polo mesmo sitio, fago un círculo e veño sair á pista que está no medio na foto e xa enlazo coa ruta de novo.


Na Punta da Cruz hai unha baliza de orientación marítima. É un lugar tranquilo, solitario e moi fermoso co mar romprendo nos cantís e a Illa Pancha de Ribadeo de fondo.
Punta da Cruz

Vistas da Illa Pancha co seu faro dende Punta da Cruz.


Mirando á esquerda temos a Ponte dos Santos que une Galicia e Asturias.
 
Continuamos coa ruta. O camiño é ancho e moi cómodo de camiñar.


É esta unha zona de acantilados onde o mar vai erosionando as rochas e forma covas como as que vemos na foto:


Esta zona de rochas é coñecida como A Espiela.
A Espiela


Continuamos coas fermosas vistas ao Cantábrico e o camiño é ben cómodo:


E non podía faltar o banco cara ao mar! Parece que está de moda colocar un banco en calquera sitio da costa. Dende este vemos de frente o mar e á dereita por vez 1ª divisamos a vila de Tapia de Casariego.

Saíndome uns metros do trazado, achegándome ao mar nunha punta, descubrín entre rochas esta pequena cala que só debe ter area en marea baixa. Dende o camiño non se ve e non ten acceso, pero alguén trazou un carreiro sinuoso e algo perigoso para baixar a ela.
 
A partires de aquí alonxámonos do mar que non recuperaremos ata chegar á praia de Penarronda. Pasamos polo Campo de Tiro de Arnao e xusto no cruce, pillamos á esquerda. (Está indicado)

Ao pé do Campo de Tiro, hai unha fermosa área recreativa cun lago ao pé.

Fermosa lagoa dentro da área recreativa na que se pode oir o chiar de distintas aves:

 Agora toca ir por estrada uns 2 km.

Atraveso a aldea de Vilardún que pertence á parroquia de Barres dentro do concello de Castropol.
Vilardún

Chámame moito a atención que nesta pequena aldea alternen as vivendas rodeadas de granxas con apartamentos, un hotel rural e outras construccións totalmene restauradas con elementos naturais. Aquí parecen convivir dous estilos de vida: un dedicado á gandaría e outro ao turismo.

 Xa estamos chegando de novo ao mar. Aquí vemos a testemuña da vida gandeira desta aldea:

A praia de Penarronda pertence a dous concellos: a Castropol e a Tapia. O rego que desemboca nesta praia serve de fronteira entre os dous concellos.
Está considerada Monumento Natural porque aquí nidifican aves en perigo de extinción e é o único lugar asturiano onde medra o alhelí de mar. 
A praia ten forma de concha e destaca no medio unha gran rocha cun burato que dá nome á praia "Pena redonda" derivou en Penarronda. É unha praia ventosa , moi apropiada para a practica do surf.

Dende aquí din a volta pola mesmo sitio ata Viladún. O Camiño Norte de Santiago pasa por este lugar.

Viladún é como xa dixen unha aldea singular onde se combinan traballos gandeiros e agrícolas coa explotación turística, como os apartamentos que vemos na imaxe:

O contraste co anterior vémolo na foto seguinte onde se pode ver una vivenda coa súa granxa.

Agora vou polo interior e o camiño faise moito máis curto que á ida xa que antes indo pola beira do mar, vaise dando moita máis volta. Imos por un camiño de terra.
Ás nosas costas, Vilardún

Imos contemplando unha paisaxe de prados e algunha terra onde  houbo millo. No cruce, pillaremos á esquerda xa por asfalto ata o final que está xa moi preto.

Chego á praia de Arnao ao anoitecer e quedo sorprendida pola cantidade de coches que hai a pesares de ser un día de semana de xaneiro. Ten unha explicación: as postas de sol son espectaculares dende este lugar.