mércores, 18 de outubro de 2023

RUTA DO RÍO OURO (DENDE A IGREXA)

 Fixen esta ruta varias veces como non podía ser doutro xeito vivindo nesta parroquia. Hoxe fíxena dende a igrexa e a próposito neste época que levamos de sequía para ver se o Ouro baixou moito de caudal e a verdade é que si, baixou bastante, nunhas zonas nótase máis ca noutras e vese especialmente na presa de Posada ou tamén chamada Fervenza de Pena Ruxida.

Características da ruta

Lonxitude: 8,3 km.

Dificultade: ningunha

Ruta lineal aínda que eu fixen un pequeno círculo que non recomendo polo estado do carreiro.

O meu track en WIKILOC

A mkña valoración desta ruta: 🔆🔆🔆🔆

Descripción:

Iniciei esta ruta no aparcadoiro ao pé da igrexa parroquial. Esta igrexa é do ano 1750 e foi construida sobre outra anterior da que só se conserva a porta principal. Esta nova igrexa ten só unha nave con sacristía a tres augas e capela maior a catro.

Igrexa parroquial de Fazouro

Ao pé da igrexa hai unha pequena área recreativa.
Área recreativa
Tamén no adro da igrexa podemos ver a Fonte de S. Campio que foi canalizada e decorada en pedra.
Fonte de S. Campio

Estamos ao pé do Río Ouro que xa vai camiño da súa desembocadura moi próxima.
O río Ouro
O Ouro nace na Serra do Xistral , concretamente no Pereiro (Alfoz) e desemboca aquí, na nosa parroquia despois de percorrer case 30 km.
Río Ouro
Entrando no barrio da Pontevella temos á man dereita, nunha esquina, esta xoia: un petroglifo que ten a seguinte historia escrita por Xesús do Breogán.
                                                           Petroglifo
Xa moi preto da súa desembocadura, o río ensánchase e sofre o influxo das mareas polo que unhas veces leva máis auga e outras menos, dependendo das mesmas.
Río Ouro
A Ponte Vella actual sustitúe a outra antiga que había e era de madeira. Cando esta podreceu e ata que fixeron a nova, un veciño do lugar , Ramón Martínez, o Caminero, dispuña dunha pequena gabarra coa que cruzaba o río levando xente.
O nome precisamente de Ponte Vella vén de cando esa ponte era de madeira e era vella.
A Ponte Vella
O barrio da Ponte Vella é pequeno, só está formado 7 ou 8 casas pero ten moito encanto.
Barrio de A Ponte Vella

O río está rodeado, sobre todo pola marxe dereita de xunqueiras, lugar onde medran as plantas chamadas xuncos que viven en lugares húmidos. No pasado, estas xunqueiras eran de propiedade pública pero coa nova Lei de Costas de hai uns anos, agora son propiedade desta entidade.
                                                                       Xunqueiras

Aquí temos o cartel de inicio de ruta. Temos dous puntos onde podemos empezar: ou ben aquí ou 1,5km. antes, na área recreativa da Ponte de Ferro.
Inicio de ruta
Ao pé deste inicio de ruta hai tamén unha pequena área recreativa cunha zona infantil.
Área Recreativa
O  percorrido empeza ao pé do río.

Imos co río á dereita e canle de auga á esquerda.

Á man esquerda temos a Fonte de Fenandete.

Fonte de Fernandete

No pasado, houbo vida humana nesta zona. Algúns e algunhas veciñas da parroquia, todos da mesma familia, naceron e viviron aquí. É o lugar chamado "O Muíño dos Albariños" A casa que vemos en 1º termo foi un muíño que logo se reconvirteu en vivenda (aínda vive o matrimonio que a ocupou os primeiros anos de casados)



Esta casa grande e o cabozo foi tamén onde viviron outros membros da mesma familia. Todo era propiedade doutra xente que tiñan o lugar arrendado. O nome de "Muíño dos Albariños" pode deberse a que Fazouro foi terra de vides e de seguro que habería uvas en lugar de eucaliptos.


No percorrido ímonos atopando con árbores autóctonas aída que o eucalipto ameaza con invadilo todo.


Estamos nunha época de seca e nunca vin o Ouro con tan pouca auga.


A verdade é que a ruta moi fermosa e o camiño é ancho e de bo andar.

Atopo a 1ª ponte que está pegada á estrada LU-151 polo que podemos acceder fácilmente, se queremos, a ela.
Ponte

Xusto onde está a ponte que conecta directamente coa estrada, está a antiga Planta de Luz de Posada.
Planta de Luz de Posada
 A partires de aquí, iremos por un fermoso carreiro levando á nosa man dereita o río e á esquerda a canle que abastecía de auga a planta da luz.

Unha ponte ben rústica derriba da canle de auga. Quen se atreve a cruzala?
Ponte rústica

Agora, da canle sae un rego para o Ouro que cruzamos por esta outra ponte máis segura.
Ponte
O carreiro no pode ser máis fermoso!
 
Sempre acompañados de exuberante vexetación:

Deixamos por un momento de camiñar ao pé da canle e atopamos a 2ª ponte á dereita pola que podemos acceder directamente á estrada ou seguir ata a presa de Posada que é por onde segue oficialmente a ruta.

Torcemos á esquerda e atravesamos este bosque de acacias que non deixa pasar o sol.
Bosque de acacias
Despois de atravesar o bosque anterior, volvemos atopar a canle á esquerda.
 
E xa deseguida chegamos á Presa de Posada ou Pena da Ruxida que se atopa nun fermoso entorno.

Na seguinte foto aprézase ben como baixa pouca auga.

O camiño remata aquí e hai que dar a volta. As abelairas están sempre presentes.
 
Atraveso outra vez o bosque de acacias e xa desemboco na bifurcación onde podo seguir por onde vin ou pillar a ponte e sair á estrada como fixen desta volta.
Ponte

O sinal que vexo lévanos por ese carreiriño á estrada LU-125

Hai que torcer á dereita
Estrada LU-125
 
Aos poucos metros xa vemos o Pazo de Fontao.  As orixes deste lugar remóntanse ao S. XVI aínda que a parte máis importante da casa é do S. XVIII. Actualmente, o VIII  Conde de Fontao é D. José Manuel Romero Moreno que pasa longas temporadas neste pazo que mantén sempre moi ben coidado. Hai que dicir que xa estamos na parroquia limítrofe de Santa Cilla a onde pertence o pazo.
Pazo de Fontao

Deseguida vexo á man dereita os sinais que se ven na foto e entendo que é un sendeiro que haberá ao pé do río e ao principio así parece pero deseguida me dou conta de que non debín ir por aí.

Sinais pero Ollo! O carreiro pode estar sen limpar

Así de pechado está o carreiro actualmente. Eu recomendo NON pillar este sendeiro sen mirar antes como está . Eu, por non dar a volta, seguín. O caso é que a seguinte ponte (lembrar que hai 2) está moi cerca, ir pola estrada sería neste caso a opción mellor.

Carreiro en mal estado

Cruzarei a ponte que se ve para retomar o camiño por onde vin.
Ponte sobre o Ouro
 O outono empeza a marelear as follas.

Nótase na foto seguinte o baixo caudal do río.

De novo, na Ponte Vella.

Esta fonte está seca. Non hai moito, levaba auga.

Un enorme castiñeiro ao pé do Cristo.

Na foto seguinte, a historia do Cristo.

Páxina web consultada:
https://es.wikipedia.org/wiki/R%C3%ADo_Oro


























sábado, 14 de outubro de 2023

RUTA DO BATÁN DE FOLGOSO (XERMADE)


Pequena cascada no Rego do Casal

Xermade é un concello da provincia de Lugo, comarca da Terra Cha, que visitamos por 2ª vez para facer unha ruta de sendeirismo. Se a 1ª, a Ruta do río Trimaz  nos gustara moitísimo, esta non se vai quedar atrás xa que vai ás beiras do rego de Casal, que máis ben semella un río, cunha exuberante vexetación de carballos, bidueiras, algún castiñeiro e moitísimas arandeiras. Veremos batáns e muíños aproveitando esa auga e o pequeno tramo que se alonxa do rego é tamén moi fermoso con bosques autóctonos que son unha delicia. É unha ruta para facer en calquera estación pero especialmente en días de calor xa que esta se vai mitigar moito co frescor do rego e cun percorrido sempre á sombra.

O percorrido da ruta adéntrase un pequeno tramo no concello de Muras e aquí está o problema: este tramo necesita un GPS para poder facelo xa que aínda que hai sinais verdes nalgunha pedra, hai que fixarse para velas. A parte que pertence a Xermade (a maioría do percorrido) está perfectamente sinalizada)

O meu track en WIKILOC:

Características da ruta:

Lonxitude:  7,8 km.

Dificultade: Baixa

Ruta circular sinalizada en parte.

A miña valoración desta ruta:🔆🔆🔆🔆🔆

Descripción da ruta:

Empezamos e rematamos na Ponte sobre o Rego de Casal, na parroquia de Lousada. O inicio de ruta AQUÍ

Inicio de ruta

O inicio da ruta promete: un rego que parece máis ben un río, unha vexetación exuberante, un carreiro limpo, un muíño...

Imos cara ao muíño de Orxás

Empezamos no lugar de Orxás, parroquia de Lousada (Xermade)

O muíño fariñeiro de Orxás está composto dunha roda horizontal sobre a que se producía coa forza da auga un movemento que é transmitido directamente á moa por un eixe.

Os muíños podían ser de dúas clases:

- Os muíños de maquía que eran propiedade dunha familia e eran traballados por eles mesmos. Se os veciños ían moer aí, tiñan que deixar ao muiñeiro unha parte da moenda, a chamada "maquía".

- Os muíños de propiedade compartida, construídos por membros dunha parroquia pertencían a varias familias e os herdeiros destas herdaban o dereito ao uso mancomunado. Este muíño de Orxas pertence a este tipo de muíño mancomunado.

Muíño de Orxás

Ao pé do muíño hai unha planta de luz. É un enxeño hidráulico que modificou a vida das persoas nun tempo en que dependían do ciclo solar. Este invento permiteu levar luz eléctrica ás vivendas. Esta planta de luz que vemos, chegou a estar operativa ata mediados do S. XX.

As plantas de luz aproveitaban a forza da auga para transformar a enerxía mecánica en eléctrica. A tensión era moi débil, duns 25 W.

Planta de luz de Orxás

O inicio do percorrido á beira do Rego de Casal é ben fermoso!!


Por momentos alonxámonos do rego.

Cruzamos pontes

Atopamos un batán en ruinas. Arquitectónicamente, un batán é un edificio de forma rectangular, de pedra e cuberto con lousas a dúas augas. Están destinados a transformar tecidos abertos noutros máis tupidos. Tamén funcionaban coa forza da auga que movía unha roda que activava os mazos que golpeaban nos tecidos.
Foron moi empregados en Galicia polos moitos regos e ríos que temos, e a maior parte deles estiveron en funcionamento ata finais do S. XIX.  A día de hoxe, a gran maioría deles están nun estado ruinoso ou case desaparecidos, sendo moi poucos os que se conservan, quedando unicamente con fins museísticos.
Batán en ruinas
Atravesamos moitas veces o rego cruzando sobre pontes de madeira. Os acivros tamén abundan no percorrido
Ponte e acivro

Chegamos a un punto no que o Rego do Casal  segue algo máis, pero nós damos a volta por unha canle seca que levou no pasado auga para alimentar a un batán e un muíño que logo veremos.
Camiñamos por unha canle seca

Dende logo, a ruta non pode ofrecer paisaxes máis fermosas. Nesta parte do percorrido vemos moitos acivros.


Na imaxe, un carballo de moita idade:
Un vello carballo

Vemos o batán e algo máis abaixo o muíño de Folgoso. Folgoso é un outro lugar da parroquia de Lousada.
Batán e muíño de Folgoso
Os muíños eran lugares de socialización e ao redor deles desenrolouse un rico floclore: cantigas, refráns, contos...e o baile máis representativo e tradicional da nosa terra: a muiñeira.
As muiñadas era o gran que se levaba a moer pero tamén se chamaba así ás foliadas que se facían de noite nos muíños entre os mozos e mozas mentres esperaban para moer.
Muíño de Folgoso

Saimos a un espazo aberto onde aprezamos a enorme fraga autóctona!
Fraga autóctona

Vemos os prados e primeiras casas de Folgoso.

"Só se lembran dos camiños vellos quen ten saudade da terra" (Zeca Afonso, cantautor portugués)
Fermoso e vello camiño

Pareceunos o lugar ideal para descansar un pouco e comer o que nós lle chamamos "a media mañán"

Chegamos deseguida  a esta estrada local. Se pillásemos á esquerda estariamos en poucos minutos no punto de inicio, pero sería unha ruta moi curta e queremos facer a ruta oficial que nos manda cruzar a estrada e coller por un camiño. Esto é o único punto de asfalto que ten a ruta, é dicir, só atravesala para introducirnos de novo no bosque.

Vemos unha casa deshabitada e outra que parecía estalo.

Folgoso

O camiño, con grandes loureiros non pode ser máis chulo.

Vemos un prado, inmensos castiñeiros e unha fonte cun lavadoiro que non se apreza na foto pero que estaba alí e debeu dar servizo ao lugar de Folgoso.

Quedamos admirados pola variedade e cantidade arborado autóctono. Neste caso, acivros.

Non camiñamos agora ás beiras do Rego do Casal pero imos por camiños, carreiros e bosques moi, moi fermosos.

 Imos entre acivros

E imos ganando altura.

Vistas dende o alto

De momento a ruta está perfectamente sinalizada e de cada pouco. Atravesamos grandes carballeiras.

Atravesamos outro rego que neste caso xa non é o do Casal.

Tivemos que pasar por varios peches para o gando que eran doados de abrir e sempre deberemos deixar pechados.

E deixamos o bosque desembocando nunha zona alta, nun camiño que hai pouco andiveron abrindo ou eso nos pareceu. O camiño vai á esquerda ou á dereita. Temos que pillar á esquerda. Pillando á dereita chegariamos deseguida a Buriz un lugar deshabitado da parroquia de Irixoa (Muras) Estamos no concello de Muras que limita co de Xermade. Aquí , a ruta perde a sinalización e será necesario seguir un GPS.
Nós decidimos desviarnos uns metros (son moi poucos) á dereita para ver a aldea abandonada de Buriz e a Serra do Xistral.
Aldea abandonada de Buriz (Muras)
 Volvemos sobre os nosos pasos para seguir por este camiño:

Empezamos a baixar agora por un ancho camiño

Que nos deixa estas vistas.

E chegamos á Ponte de Samil sobre o río Eume.  Neste río, desemboca o Rego do Casal. Seguimos na parroquia de Irixoa, no concello de Muras que rehabilitou esta ponte en madeira no ano 2022.

Voltamos uns poucos metros atrás para retomar a ruta pillando á dereita por este fermoso camiño que ten un muro de pedra seca.

Vemos de cando en vez uns puntos verdes pintados sobre pedras que nos indican o camiño e tamén esta frecha, pero hai que fixarse para velos.
Sinais

Volvemos estar ao pé do Rego do Casal.

Atopamos de novo os sinais de madeira.
Sinalización

No km. 6,5 non moi lonxe xa do final o carreiro sepárase algo do rego aínda que o imos vendo aló embaixo. Seguindo uns poucos metros á beira do rego podemos achegarnos a esta fermosa cascada.
Cascada
Muíño de Vieiro xa case rematando a ruta.

A piques de rematar esta ruta que dende o principio ao fin é preciosa!

Outra planta da luz restaurada.


Unha ruta para repetir sen ningunha dúbida!!

O xantar foi en Casa Moncho en Roupar. Comida caseira ben preparada e abundante e cunha atención boísima por parte dos donos. Para repetir!!

Páxinas web consultadas:

https://gl.wikipedia.org/wiki/Bat%C3%A1n_(m%C3%A1quina)

https://www.elprogreso.es/articulo/a-chaira/muras-rehabilita-puente-rio-eume-irixoa/202207011855081587094.html