|
Pequena cascada no Rego do Casal |
Xermade é un concello da provincia de Lugo, comarca da Terra Cha, que visitamos por 2ª vez para facer unha ruta de sendeirismo. Se a 1ª, a Ruta do río Trimaz nos gustara moitísimo, esta non se vai quedar atrás xa que vai ás beiras do rego de Casal, que máis ben semella un río, cunha exuberante vexetación de carballos, bidueiras, algún castiñeiro e moitísimas arandeiras. Veremos batáns e muíños aproveitando esa auga e o pequeno tramo que se alonxa do rego é tamén moi fermoso con bosques autóctonos que son unha delicia. É unha ruta para facer en calquera estación pero especialmente en días de calor xa que esta se vai mitigar moito co frescor do rego e cun percorrido sempre á sombra.
O percorrido da ruta adéntrase un pequeno tramo no concello de Muras e aquí está o problema: este tramo necesita un GPS para poder facelo xa que aínda que hai sinais verdes nalgunha pedra, hai que fixarse para velas. A parte que pertence a Xermade (a maioría do percorrido) está perfectamente sinalizada)
O meu track en WIKILOC:
Características da ruta:
Lonxitude: 7,8 km.
Dificultade: Baixa
Ruta circular sinalizada en parte.
A miña valoración desta ruta:🔆🔆🔆🔆🔆
Descripción da ruta:
Empezamos e rematamos na Ponte sobre o Rego de Casal, na parroquia de Lousada. O inicio de ruta AQUÍ
|
Inicio de ruta |
O inicio da ruta promete: un rego que parece máis ben un río, unha vexetación exuberante, un carreiro limpo, un muíño...
|
Imos cara ao muíño de Orxás |
Empezamos no lugar de Orxás, parroquia de Lousada (Xermade)
O muíño fariñeiro de Orxás está composto dunha roda horizontal sobre a que se producía coa forza da auga un movemento que é transmitido directamente á moa por un eixe.Os muíños podían ser de dúas clases:
- Os muíños de maquía que eran propiedade dunha familia e eran traballados por eles mesmos. Se os veciños ían moer aí, tiñan que deixar ao muiñeiro unha parte da moenda, a chamada "maquía".
- Os muíños de propiedade compartida, construídos por membros dunha parroquia pertencían a varias familias e os herdeiros destas herdaban o dereito ao uso mancomunado. Este muíño de Orxas pertence a este tipo de muíño mancomunado.
|
Muíño de Orxás
|
Ao pé do muíño hai unha planta de luz. É un enxeño hidráulico que modificou a vida das persoas nun tempo en que dependían do ciclo solar. Este invento permiteu levar luz eléctrica ás vivendas. Esta planta de luz que vemos, chegou a estar operativa ata mediados do S. XX.As plantas de luz aproveitaban a forza da auga para transformar a enerxía mecánica en eléctrica. A tensión era moi débil, duns 25 W.
|
Planta de luz de Orxás |
O inicio do percorrido á beira do Rego de Casal é ben fermoso!!
Por momentos alonxámonos do rego.
Cruzamos pontes
Atopamos un batán en ruinas. Arquitectónicamente, un batán é un edificio de forma rectangular, de pedra e cuberto con lousas a dúas augas. Están destinados a transformar tecidos abertos noutros máis tupidos. Tamén funcionaban coa forza da auga que movía unha roda que activava os mazos que golpeaban nos tecidos.
Foron moi empregados en Galicia polos moitos regos e ríos que temos, e a maior parte deles estiveron en funcionamento ata finais do S. XIX. A día de hoxe, a gran maioría deles están nun estado ruinoso ou case desaparecidos, sendo moi poucos os que se conservan, quedando unicamente con fins museísticos.
|
Batán en ruinas |
Atravesamos moitas veces o rego cruzando sobre pontes de madeira. Os acivros tamén abundan no percorrido |
Ponte e acivro |
Chegamos a un punto no que o Rego do Casal segue algo máis, pero nós damos a volta por unha canle seca que levou no pasado auga para alimentar a un batán e un muíño que logo veremos.
|
Camiñamos por unha canle seca |
Dende logo, a ruta non pode ofrecer paisaxes máis fermosas. Nesta parte do percorrido vemos moitos acivros.
Na imaxe, un carballo de moita idade: |
Un vello carballo |
Vemos o batán e algo máis abaixo o muíño de Folgoso. Folgoso é un outro lugar da parroquia de Lousada.
|
Batán e muíño de Folgoso |
Os muíños eran lugares de socialización e ao redor deles desenrolouse un rico floclore: cantigas, refráns, contos...e o baile máis representativo e tradicional da nosa terra: a muiñeira.As muiñadas era o gran que se levaba a moer pero tamén se chamaba así ás foliadas que se facían de noite nos muíños entre os mozos e mozas mentres esperaban para moer.
|
Muíño de Folgoso |
Saimos a un espazo aberto onde aprezamos a enorme fraga autóctona!
|
Fraga autóctona |
Vemos os prados e primeiras casas de Folgoso.
"Só se lembran dos camiños vellos quen ten saudade da terra" (Zeca Afonso, cantautor portugués)
|
Fermoso e vello camiño |
Pareceunos o lugar ideal para descansar un pouco e comer o que nós lle chamamos "a media mañán"
Chegamos deseguida a esta estrada local. Se pillásemos á esquerda estariamos en poucos minutos no punto de inicio, pero sería unha ruta moi curta e queremos facer a ruta oficial que nos manda cruzar a estrada e coller por un camiño. Esto é o único punto de asfalto que ten a ruta, é dicir, só atravesala para introducirnos de novo no bosque.
Vemos unha casa deshabitada e outra que parecía estalo.
|
Folgoso |
O camiño, con grandes loureiros non pode ser máis chulo.
Vemos un prado, inmensos castiñeiros e unha fonte cun lavadoiro que non se apreza na foto pero que estaba alí e debeu dar servizo ao lugar de Folgoso.
Quedamos admirados pola variedade e cantidade arborado autóctono. Neste caso, acivros.
Non camiñamos agora ás beiras do Rego do Casal pero imos por camiños, carreiros e bosques moi, moi fermosos.
Imos entre acivros
E imos ganando altura.
|
Vistas dende o alto |
De momento a ruta está perfectamente sinalizada e de cada pouco. Atravesamos grandes carballeiras.
Atravesamos outro rego que neste caso xa non é o do Casal.
Tivemos que pasar por varios peches para o gando que eran doados de abrir e sempre deberemos deixar pechados.
E deixamos o bosque desembocando nunha zona alta, nun camiño que hai pouco andiveron abrindo ou eso nos pareceu. O camiño vai á esquerda ou á dereita. Temos que pillar á esquerda. Pillando á dereita chegariamos deseguida a Buriz un lugar deshabitado da parroquia de Irixoa (Muras) Estamos no concello de Muras que limita co de Xermade. Aquí , a ruta perde a sinalización e será necesario seguir un GPS.
Nós decidimos desviarnos uns metros (son moi poucos) á dereita para ver a aldea abandonada de Buriz e a Serra do Xistral.
|
Aldea abandonada de Buriz (Muras) |
Volvemos sobre os nosos pasos para seguir por este camiño:
Empezamos a baixar agora por un ancho camiño
Que nos deixa estas vistas.
E chegamos á Ponte de Samil sobre o río Eume. Neste río, desemboca o Rego do Casal. Seguimos na parroquia de Irixoa, no concello de Muras que rehabilitou esta ponte en madeira no ano 2022.
Voltamos uns poucos metros atrás para retomar a ruta pillando á dereita por este fermoso camiño que ten un muro de pedra seca.
Vemos de cando en vez uns puntos verdes pintados sobre pedras que nos indican o camiño e tamén esta frecha, pero hai que fixarse para velos. |
Sinais |
Volvemos estar ao pé do Rego do Casal.
Atopamos de novo os sinais de madeira. |
Sinalización |
No km. 6,5 non moi lonxe xa do final o carreiro sepárase algo do rego aínda que o imos vendo aló embaixo. Seguindo uns poucos metros á beira do rego podemos achegarnos a esta fermosa cascada.
|
Cascada |
Muíño de
Vieiro xa case rematando a ruta.
A piques de rematar esta ruta que dende o principio ao fin é preciosa!
Outra planta da luz restaurada.
Unha ruta para repetir sen ningunha dúbida!!
O xantar foi en Casa Moncho en Roupar. Comida caseira ben preparada e abundante e cunha atención boísima por parte dos donos. Para repetir!!
Páxinas web consultadas:
https://gl.wikipedia.org/wiki/Bat%C3%A1n_(m%C3%A1quina)
https://www.elprogreso.es/articulo/a-chaira/muras-rehabilita-puente-rio-eume-irixoa/202207011855081587094.html
Ningún comentario:
Publicar un comentario