martes, 6 de xuño de 2023

RUTA CIRCULAR. CANGAS DE FOZ


Esta ruta comparte o primeiro tramo (o que vai pegado ao mar) co Camiño Natural do Cantábrico. Eu xa coñecía todo o que hoxe vin porque ese Camiño xa o percorrín todo e neste blog está recollido e a outra parte da ruta tamén a coñecía por estar cerca da parroquia onde vivo e percorrela xa varias veces. Faltábeme facer unha ruta circular unindo a zona marítima de Cangas coa zona non tan pegada ao mar e neste traxecto que hoxe fixen conseguino.

Resaltar que esta NON é unha ruta de sendeirismo no estricto sentido da palabra xa que transcorre por paseo marítimo e asfalto na súa maioría; só un pequeno tramo vai por un camiño.

Características da ruta:

Lonxitude: 6,8 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular só sinalizada no tramo que coincide co Camiño Natural do Cantábrico.

O meu track en WIKILOC:

Descripción:

Eu partín da praia de Os Xuncos, unha praia pequena na que para acceder hai que baixar (e despois subir, que é o peor) bastantes escaleiras. A min persoalmente gústame moito porque está bastante illada, non hai moita xente e ten moito encanto ao ser recóndita e con augas cristalinas. O peor é que apenas hai sitio para aparcar.

Na seguinte vemos a praia de Os Xuncos e o illote que vemos é Pena Orxal ao que se pode acceder en marea baixa.

Praia de Os Xuncos e ao lonxe  Pena Orxal

Neste mes de xuño, as flores están en pleno apoxeo.

Xardín en flor

No medio dos cantís, aparece esta cala. A punta que se adentra no mar é a Punta de Riosmar

Cala de difícil acceso

O Rego de Alemparte que cruza a parroquia de Cangas desemboca aquí, na praia de Riosmar:
Desembocadura do Rego de Alemparte

Fermosa imaxe do Rego de Alemparte:
Rego de Alemparte

A praia de Riosmar é un coído ou praia formada totalmente por pedras ou coios. Este recuncho solitario (o que non chegue o coche ata a mesma praia, o non estar sinalizada e non ter area fai que os únicos habitantes sexan as gaivotas)
A min encántame!!
Praia de Riosmar

Praia de Riosmar

Subimos agora por un estreito carreiro durante uns poucos metros:
Carreiro
 
Desembocamos no Paseo Marítimo de Cangas. É un paseo moi curto pero con moito encanto, con recunchos moi fermosos.
Comenzo ou final do Paseo Marítimo de Cangas

Esas moles rochosas que vemos son os chamados "Castelos"
Os Castelos

Esta praciña, xunto ao coñecido restaurante de Casa Selmira, é a Praza de S. Pedro.Non só  hai unha en Italia, no Vaticano; en Cangas tamén hai outra. É moito máis modesta pero ten o "seu aquel".
Praza de S. Pedro

A Praia de S. Pedro ou dos Castelos está composta dunha mestura de coios, grava e area e o espazo útil de area varia moito segundo a marea estea alta ou baixa.
Ten un difícil acceso por medio dunhas escaleiras estreitas.
Praia de S. Pedro ou dos Castelos

A igrexa de S. Pedro de Cangas está situada nun promontorio rochoso onde se di que primeiro habitaron os fenicios e máis tarde os celtas. Nese lugar levantouse primeiro, no S. XIII unha igrexa e sobre esta, no S. XVII, a actual igrexa.
Ao longo dos séculos sufreu distintas reformas.
Igrexa de S. Pedro de Cangas e casa rectoral

Diante da igrexa vemos unha moreira negra, unha árbore recollida na lista de "Árbores Senlleiras de Galicia".
Orixinaria de Asia, a moreira negra é cultivada no Mediterráneo dende hai séculos. As súas follas son usadas para alimentar os vermes de seda e o seu froito é comestible, rico en vitamina C. A cortiza da súa raíz foi usada historicamente como laxante e para problemas intestinais. A madeira é usada en ebanistería porque resiste ben a humidade.
Moreira negra.

Este paseo ao pé do mar en Cangas é curto pero moi fermoso!
Paseo marítimo

Paseo marítimo

A punta que vemos, onde están a igrexa e o cemiterio, é chamada a Punta dos Castros xa que se cre que aí houbo un asentamento castrexo.
Punta de Os Castros

Este paseo ten de todo: ata ten unha pequena e fermosa área recreativa derriba do mar:
Área recreativa

 Esta área recreativa está entre a Punta dos Castros e a Punta de Perverso.
Área recreativa

Sempre vira esta área recreativa dende arriba, dende o paseo; desta vez baixei e descubrín estas escaleiras nunha baixada cara ao mar pero nun momento dado interrúmpese a baixada por uns felgos enormes.
Baixada á fonte

Ao remate das escaleiras hai unha fonte da que manaba auga en abundancia.
Fonte

A área recreativa remata nun estupendo miradoiro sobre o Cantábrico.
Miradoiro da área recreativa

Na foto seguinte vemos a Punta do Perverso con moitas furnas:
Punta do Perverso

Uns metros máis e remata este curto pero fermoso paseo. Vemos o Centro Cívico e o Pavillón de Cangas ao lonxe.
Paseo marítimo

O Centro Cívico ou Centro Social de Cangas é o lugar que condensa a vida cultural, deportiva e social desta parroquia. Dotado de cafetería e dun amplo local no que se celebran bailes, actuacións teatrais, proxeccións cinematográficas e outros espectáculos, anima moitísimo os momentos de ocio da localidade e incluso da zona.
Ao pé do Centro Cívico hai un pavillón deportivo e as instalacións do campo de fútbol onde se desenrola a vida deportiva da parroquia.
Centro Cívico ou Centro Social de Cangas
 
Pillo á dereita para cruzar a N-642 e pillo a estrada que vai a Ferreira, LU-162.
Cruce de estradas

Deseguida vou torcer á esquerda. Agora sepárome do Camiño Natural do Cantábrico polo que vin ata agora.
Sinais do Camiño Natural da Ruta do Cantábrico

Durante uns poucos metros vou en paralelo á vía de FEVE torzo despois á dereita.
Vías de FEVE

Paso pola Cruz da Veiga, onde hai un cruceiro. Neste cruce, torzo á esquerda:
Cruz da Veiga

Estou no Camiño Real, no barrio de Alemparte. Algo máis adiante, pillo á dereita, polo Camiño Granxas.
Alemparte

Vou polo Camiño Granxas. Nesta zona hai poucas casas.
Camiño Granxas
 
Desemboco na estrada local Alemparte-Vilamor e pillo á dereita.
 
Só uns poucos metros máis adiante, pillo un camiño á esquerda(este vai ser o único tramo sen asfalto que vou pisar)
Camiño

Atraveso o Rego de Alemparte pola ponte que se ve:
Ponte do Rego de Alemparte

A pesares de que estamos nunha época de bastante sequía, o rego leva bastante auga.
Rego de Alemparte

Atraveso este prado. Os amieiros medran á beira do Rego de Alemparte.
Prado e amieiros

Desemboco neste antigo camiño de carro:
Camiño
No cruce seguinte, pillei primeiro á esquerda porque o camiño estaba rozado pero só son uns metros que levan a unha casa deshabitada. O Rego de Alemparte segue o seu percorrido por aí para logo ir desembocar á praia de Riosmar que vimos antes pero non se pode pasar. Ás beiras do Rego hai moita maleza que impide a marcha.
Camiños

Este é o camiño que non ten saída.
Camiño sen saída

Dou a volta e continuo ao pé deste pequeno souto.
Pequeno souto

O fermoso camiño remata cando saio á estrada local, xa no barrio de Ribela.
Cruce en Ribela

O barrio de Ribela está no alto e ten magníficas vistas sobre o Cantábrico.
Vistas dende Ribela

Quero acceder á capela da Concepción e este camiño empedrado vaime levar a ela.

A capela da Concepción está nun lugar moi fermoso cunhas inmellorables vistas. Foi restaurada por fóra e por dentro por iniciativa dos veciños de Ribela que se senten moi vinculados a este santuario. Hoxe mesmo había dúas veciñas poñendo flores e limpando.
Capela da Concepción

Vistas doutros barrios de Cangas e do mar Cantábrico dende a capela de Ribela.
Vistas dende a capela de Ribela

Baixo da capela e pillo á dereita para voltar ao punto de inicio.
Vistas

Atraveso unha ponte sobre as vías de FEVE outra vez:
Vías de FEVE
 
E chego a este cruce coa N-642. Teño que ir de frente.
Cruce

En Cangas vin nesta época moitos xardíns fermosos pero sen dúbida o que me pareceu máis fermoso foi o seguinte, xa chegando ao punto no que iniciei a ruta, na praia dos Xuncos.
Os últimos 400m. coinciden co traxecto da ida.
Un xardín que namora!



Páxina web consultada:

https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2022/12/paseo-por-la-costa-de-san-pedro-de.html



mércores, 31 de maio de 2023

SANTA Mª MAIOR (MONDOÑEDO)


Santa Mª Maior (Mondoñedo)

No concello de Mondoñedo xa fixen 6 rutas:

Igrexa dos remedios/Mosteiro dos Picos/Castro de Zoñán

Ruta Leiras Pulpeiro

Camiño Natural de S. Rosendo

Ruta da Auga (Ruta longa)

Ruta da auga (tramo curto)

Pena Montol-Fraga Vella

As rutas anteriores están máis ou menos sinalizadas e son máis ou menos coñecidas, esta que traio hoxe nin está sinalizada nin a vin en ningunha aplicación como Wikiloc polo que descubrín unha nova ruta nun fermosos percorrido circular que non me deixou indiferente en ningún momento. Atravesei frondosos bosques autóctonos por camiños da carro e carreiros e boas condicións para camiñar, coñecín a aldea e a igrexa de Santa Mª Maior, desfrutei de boas vistas en determinados tramos...todo esto nunha ruta circular sen apenas pisar asfalto e moi fácil.

Característica da ruta:

Lonxitude: 11,2 km.

Dificultade: fácil.

Ruta circular sen sinalizar sendo imprescindible GPS e en bo estado para camiñar.

O meu track en WIKILOC

Descripción:

Tomo a saída 542 da A-8 dirección "Riotorto/Mondoñedo/A Pastoriza" e na rotonda pillo a 2ª saída dirección Riotorto, a continuación teño outra rotonda e e pillo tamén a 2ª saída. Estou na N-124 e aparco AQUÍ

Aparquei un pouco antes deste cruce (non hai moito sitio pero para deixar dous coches, si)

Abandono a N-124 para torcer á esquerda. O sinal dime que para chegar a Santa Mª por estrada quedan 3,6 km. Para mín van quedar máis xa que penso rodear  e non ir por asfalto.

Inicio de Ruta
 
A estrada nesta época está fermosa e con árbores autóctonas.
Estrada a Curros e Santa Mª Maior

Son poucos metros por asfalto xa que deseguida torzo á dereita:
Á dereita, polo camiño

Vou por un camiño de carros onde me sorprende ver varias bidueiras. Esta ruta pinta ben!!
Bidueiras no camiño

A ruta transcorre toda pola parroquia de Santa Mª Maior, no concello de Mondoñedo.

Atraveso o Rego da Fraga.
Rego da Fraga

Enlazo coa estrada N-124. pola que camiño uns metros para pillar deseguida á dereita:
Coller o camiño á dereita

Volvendo a vista atrás, podemos ver montañas e vales.
Vistas

Mirando de frente, camiño entre toxos pero o camiño é ancho e cómodo.

Ao pouco, oio un zumbido xordo e vexo colmeas nese camiño. Como non teño que ir por aí, sigo sen molestar as abellas, non vaia ser que se incomoden...

Agora hai un tramo curto moi estreito e agobiante xa que o carreiro é moi estreito e os felgos son moi altos.
Estreito carreiro

Desemboco deseguida nun bosque de abelairas.
 
Chego a un lugar case máxico que forma o Rego de Coto Redondo. Abelairas, felgos, brión e algún carballo forman unha paisaxe de conto. Cantos segredos ben gardados ten esta ruta!!
Rego de Coto Redondo

Atraveso o Rego de Coto Redondo :
Rego de Coto Redondo

Non sei quen andará por estes carreiros pero nótase que están pisados. Serán os cazadores?

Estou metida en pleno bosque, rodeada de árbores autóctonas onde agora vexo tamén acivros.

Carreiros ancestrais que percorro en total soidade.

Carreiros entre peches milenarios de pedra cubertos de brión:

Neste bosque predominan sen dúbida as abelairas.  As varas destas árbores empregábanse tradicionalmente para a construción de valados, cestaría, feche de canastros e na construción, mesturando as pólas con barro para a fabricación de tabiques.
É unha árbore moi abundante en Galicia e estas deben de sre bravas e non as que dan as comestibles abelás.
As abelairas teñen gran importancia ecolóxica, as súas follas alimentan a animais como bolboretas, eirugas...e os froitos para esquíos, corvos...
É unha árbore sagrada no calendario celta.
Bosque de abelairas


Nun determinado momento temos que deixar o carreiro Temos que pillar á esquerda para achegarnos á beira do Rego dos Casteláns.

Volvemos atoparnos coa estrada N-124 

Camiño uns 50m pola estrada para cruzala e pillar á dereita por un camiño en moi boas condicións:

Fermoso camiño polo que agora vou:

O río Dos Baus vai pola miña dereita pero só o verei neste momento no que o teño que cruzar.

O camiño é ben fermoso!!

Paso por un claro que me deixa vistas panorámicas:

Ás beiras do camiño vexo bastantes castiñeiros:

Agora noto que estou chegando a algún lugar habitado xa que aparecen os prados e as vacas:

O camiño remata nunha estrada local pola que irei uns centos de metros ata Santa Mª Maior:

Primeiro paso polo lugar de O Souto que pertence á parroquia de Santa Mª Maior:
Souto

Fermosa imaxe da aldea:
Santa Mª Maior

A igrexa de Santa Mª Maior é do S. XVIII.
Igrexa de Santa Mª Maior

Esta parroquia non chega actualmente aos 200 habitantes pero no pasado tivo bastantes máis como reflicte esta casa hoxe pechada e que aínda apila caixas de bebida no exterior  e un letreiro de "tabacos" polo que sospeito que aí debeu de haber un bar.
Casa abandonada que foi tamén un bar.

Unha imaxe dunha rúa da aldea de Santa Mª Maior. Vexo moitas casas abandonadas, algunhas delas con tellados novos o que demostra que as están rehabilitando.
Santa Mª Maior

Á saída da aldea vexo un bosque de abetos:
Bosque de abetos

Deseguida abandono a estrada local para xirar a dereita por un camiño. Hai unha pequena costa pero é moi curta.
Subida importante pero curta

A medida que vou subindo, teño á dereita a aldea na que acabo de estar.
Vistas a Santa Mª Maior

Este fermoso camiño achégame á estrada que antes deixei.

Camiño uns 200 m. pola estrada e pillo un camiño á esquerda.
 
Nun claro, mirando á miña esquerda, volvo ver Santa Mª Maior.

Os camiños que percorro son todos fermosos e ben tranquilos. Non vin unha alma neles!

Desemboco na estrada N-124 e unn 100m máis adiante, collo á dereita polo camiño que antes vin. A partires de aquí a ruta é lineal e volvo ao inicio polo mesmo camiño que antes vin.