mércores, 31 de maio de 2023

SANTA Mª MAIOR (MONDOÑEDO)


Santa Mª Maior (Mondoñedo)

No concello de Mondoñedo xa fixen 6 rutas:

Igrexa dos remedios/Mosteiro dos Picos/Castro de Zoñán

Ruta Leiras Pulpeiro

Camiño Natural de S. Rosendo

Ruta da Auga (Ruta longa)

Ruta da auga (tramo curto)

Pena Montol-Fraga Vella

As rutas anteriores están máis ou menos sinalizadas e son máis ou menos coñecidas, esta que traio hoxe nin está sinalizada nin a vin en ningunha aplicación como Wikiloc polo que descubrín unha nova ruta nun fermosos percorrido circular que non me deixou indiferente en ningún momento. Atravesei frondosos bosques autóctonos por camiños da carro e carreiros e boas condicións para camiñar, coñecín a aldea e a igrexa de Santa Mª Maior, desfrutei de boas vistas en determinados tramos...todo esto nunha ruta circular sen apenas pisar asfalto e moi fácil.

Característica da ruta:

Lonxitude: 11,2 km.

Dificultade: fácil.

Ruta circular sen sinalizar sendo imprescindible GPS e en bo estado para camiñar.

O meu track en WIKILOC

Descripción:

Tomo a saída 542 da A-8 dirección "Riotorto/Mondoñedo/A Pastoriza" e na rotonda pillo a 2ª saída dirección Riotorto, a continuación teño outra rotonda e e pillo tamén a 2ª saída. Estou na N-124 e aparco AQUÍ

Aparquei un pouco antes deste cruce (non hai moito sitio pero para deixar dous coches, si)

Abandono a N-124 para torcer á esquerda. O sinal dime que para chegar a Santa Mª por estrada quedan 3,6 km. Para mín van quedar máis xa que penso rodear  e non ir por asfalto.

Inicio de Ruta
 
A estrada nesta época está fermosa e con árbores autóctonas.
Estrada a Curros e Santa Mª Maior

Son poucos metros por asfalto xa que deseguida torzo á dereita:
Á dereita, polo camiño

Vou por un camiño de carros onde me sorprende ver varias bidueiras. Esta ruta pinta ben!!
Bidueiras no camiño

A ruta transcorre toda pola parroquia de Santa Mª Maior, no concello de Mondoñedo.

Atraveso o Rego da Fraga.
Rego da Fraga

Enlazo coa estrada N-124. pola que camiño uns metros para pillar deseguida á dereita:
Coller o camiño á dereita

Volvendo a vista atrás, podemos ver montañas e vales.
Vistas

Mirando de frente, camiño entre toxos pero o camiño é ancho e cómodo.

Ao pouco, oio un zumbido xordo e vexo colmeas nese camiño. Como non teño que ir por aí, sigo sen molestar as abellas, non vaia ser que se incomoden...

Agora hai un tramo curto moi estreito e agobiante xa que o carreiro é moi estreito e os felgos son moi altos.
Estreito carreiro

Desemboco deseguida nun bosque de abelairas.
 
Chego a un lugar case máxico que forma o Rego de Coto Redondo. Abelairas, felgos, brión e algún carballo forman unha paisaxe de conto. Cantos segredos ben gardados ten esta ruta!!
Rego de Coto Redondo

Atraveso o Rego de Coto Redondo :
Rego de Coto Redondo

Non sei quen andará por estes carreiros pero nótase que están pisados. Serán os cazadores?

Estou metida en pleno bosque, rodeada de árbores autóctonas onde agora vexo tamén acivros.

Carreiros ancestrais que percorro en total soidade.

Carreiros entre peches milenarios de pedra cubertos de brión:

Neste bosque predominan sen dúbida as abelairas.  As varas destas árbores empregábanse tradicionalmente para a construción de valados, cestaría, feche de canastros e na construción, mesturando as pólas con barro para a fabricación de tabiques.
É unha árbore moi abundante en Galicia e estas deben de sre bravas e non as que dan as comestibles abelás.
As abelairas teñen gran importancia ecolóxica, as súas follas alimentan a animais como bolboretas, eirugas...e os froitos para esquíos, corvos...
É unha árbore sagrada no calendario celta.
Bosque de abelairas


Nun determinado momento temos que deixar o carreiro Temos que pillar á esquerda para achegarnos á beira do Rego dos Casteláns.

Volvemos atoparnos coa estrada N-124 

Camiño uns 50m pola estrada para cruzala e pillar á dereita por un camiño en moi boas condicións:

Fermoso camiño polo que agora vou:

O río Dos Baus vai pola miña dereita pero só o verei neste momento no que o teño que cruzar.

O camiño é ben fermoso!!

Paso por un claro que me deixa vistas panorámicas:

Ás beiras do camiño vexo bastantes castiñeiros:

Agora noto que estou chegando a algún lugar habitado xa que aparecen os prados e as vacas:

O camiño remata nunha estrada local pola que irei uns centos de metros ata Santa Mª Maior:

Primeiro paso polo lugar de O Souto que pertence á parroquia de Santa Mª Maior:
Souto

Fermosa imaxe da aldea:
Santa Mª Maior

A igrexa de Santa Mª Maior é do S. XVIII.
Igrexa de Santa Mª Maior

Esta parroquia non chega actualmente aos 200 habitantes pero no pasado tivo bastantes máis como reflicte esta casa hoxe pechada e que aínda apila caixas de bebida no exterior  e un letreiro de "tabacos" polo que sospeito que aí debeu de haber un bar.
Casa abandonada que foi tamén un bar.

Unha imaxe dunha rúa da aldea de Santa Mª Maior. Vexo moitas casas abandonadas, algunhas delas con tellados novos o que demostra que as están rehabilitando.
Santa Mª Maior

Á saída da aldea vexo un bosque de abetos:
Bosque de abetos

Deseguida abandono a estrada local para xirar a dereita por un camiño. Hai unha pequena costa pero é moi curta.
Subida importante pero curta

A medida que vou subindo, teño á dereita a aldea na que acabo de estar.
Vistas a Santa Mª Maior

Este fermoso camiño achégame á estrada que antes deixei.

Camiño uns 200 m. pola estrada e pillo un camiño á esquerda.
 
Nun claro, mirando á miña esquerda, volvo ver Santa Mª Maior.

Os camiños que percorro son todos fermosos e ben tranquilos. Non vin unha alma neles!

Desemboco na estrada N-124 e unn 100m máis adiante, collo á dereita polo camiño que antes vin. A partires de aquí a ruta é lineal e volvo ao inicio polo mesmo camiño que antes vin.



Ningún comentario:

Publicar un comentario