domingo, 6 de novembro de 2022

RUTA LEIRAS PULPEIRO. MONDOÑEDO




Esta é unha ruta diferente á maioría das que plasmo neste blog. Ás veces tamén hai que facer outro tipo de ruta que non sexa todo monte ou fragas para descubrir outros lugares como por exemplo vilas e/ou cidades xa que a mellor maneira de coñecelas é camiñando. 

Esta ruta leva o nome de Leiras Pulpeiro xa que é unha homenaxe a este escritor e médico de Mondoñedo e nesta ruta veremos a súa casa natal, a casa onde viveu despois, a fervenza que frecuentaba así como unha fonte de cuxas augas el recomendaba beber.

Esta é unha ruta semiurbana xa que percorre unha vila (a de Mondoñedo) e temén veremos elementos en plena natureza como unha fermosa fervenza, unha fonte, un castro...Penso que é moi pouco coñecida xa que nunca oira falar dela nin lera nada en ningún sitio. Atopeina por casualidade e só hai subido a Wikiloc un track dela. Agora tamén está o que eu fixen.

Para mín , é unha ruta que hai que coñecer sobre todo os que vivimos na Mariña de Lugo e nos queda tan cerca. É outra maneira de coñecer Mondoñedo percorrendo lugares que de seguro imos descubrir por vez primeira e que nos van sorprender.

 A ruta máis coñecida deste concello é sen dúbida a "Ruta da Auga" e tamén comenza nesta vila a ruta do Camiño Natural de S. Rosendo.

Hoxe traio unha ruta moi, moi interesante. Imos aló!

Características: 

Lonxitude: 9 km.

Dificultade: moi fácil

Ruta circular sinalizada bastante ben, aínda que nalgún cruce bótanse de menos algúns sinais. Deixo  meu track en WIKILOC

A miña valoración desta ruta:🔅🔅🔅🔅

Descripción

A ruta parte da Praza Jaime Cabot onde se atopa o Centro Cultural da Alcántara que ocupa os edificios que no pasado ocupaban a igrexa de S. Pedro de Alcántara  e un convento que actualmente, trala exclautación dos frades no S. XIX , xa non pertencen á igrexa. A capela da Orde Terceira, contigua á igrexa, segue a ter funcións relixiosas. O Centro Cultural Alcántara pretende dinamizar a vida cultural da vila e dá a coñecer as figuras literarais e musicais deste concello así como servir de Centro de Interpretación do Camiño Norte e albergue de peregrinos.

Esta praza leva o nome de Jaime Cabot en honor a un cura que houbo en Mondoñedo que axudaba moito aos necesitados e era moi querido na vila Foi profesor do Seminario e lexendario organista da catedral. Morreu en 2005

Centro Cultural Alcántara na antiga igrexa de S. pedro Alcántara.

Capela da Venerable Orde Terceira e Xulgados.

Outra vista do Centro Culural Alcántara.


Na Praza Jaime Cabot tamén se ubica o Auditorio Pascual Veiga
Auditorio Pascual Veiga na Praza Jaime Cabot

Baixamos por unha rúa cara á catedral. As rúas de Mondoñedo son fermosas, cos seus balcons e hoxe tamén son solitarias...

 Esta é a portada do Convento das Concepcionistas, fundado no S. XVII. O edificio é impresionantemente grande e esta portada é magnífica, suntuosa. Ten a Virxe da Concepción tallada en pedra, máis arriba, dous escudos da Orde Franciscana.
Portada do Convento das Concepcionistas
 
A continuación vemos a casa onde viveu Eduardo Lence Santar, escritor e cronista de Mondoñedo (1876-1960)
Casa de Eduardo Lence Santar
 
Deseguida chegamos á Praza da Catedral na que reina este fermoso edificio do S. XIII recollendo diversos estilos arquitectónicos: románico, gótico e barroco. Destaca na fachada o enorme rosetón e as suas torres do S. XVIII que sustituiron a outras máis pequenas. O seu museo catedralicio está considerado como un dos mellores de España.
Nun recuncho, o escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro mira a catedral:

A Praza da Catedral é moi fermosa coas súas casas con corredores e cos soportais.
Praza da Catedral

Xunto á escultura de Álvaro Cunqueiro, vemos unha foto dun documento do rei Alfonso VII que di "...celébrese aí un mercado o primeiro día de cada mes e unha feira de oito días..." Este documento é do ano 1156 e é a orixe da actual Feira das S. lucas, tan popular. Neste documento tamén se concede a Mondoñedo o título de cidade.
Documento do S. XII

Anexo á catedral está o impoñente Pazo Episcopal.
Pazo Episcopal

Abandonamos a Praza da Catedral pola Fonte Vella. Esta fonte foi mandada construir polo bispo Diego de Soto no S. XVI. Ten na parte superior o escudo de Carlos I e na parte inferior ten 2 escudos do bispo Diego de Soto.

Fonte Vella
Detalle do escudo de Carlos I.
Escudo de Carlos I na Fonte Vella

Ao pé da Fonte Vella está a casa natal de Álvaro Cunqueiro.
Casa de Álvaro Cunqueiro

Un pouquiño máis abaixo vemos o impresionante Seminario de Santa catalina construido no S. XVIII. Ao longo dos anos foi sufrindo reformas e ampliacións. Ten unha importante biblioteca con máis de 25000 volumes e aquí estudaron personaxes ilustres como Noriega Varela, Pastor Díaz, Aquilino Iglesias...etc
 Ademais de ser un centro educativo, actualmente alberga unha residencia para sacerdotes e unha hospedería.

Mondoñedo contaba no pasado cunha importante muralla medieval do S. XIV que rodeaba o casco urbano protexendo a vila e controlando o tráfico de mercadorías. Pouco a pouco ao espallarse a cidade, os motivos polo que fora construida fóronse esvaecendo e a muralla foi desaparecendo. Actualmente só quedan uns poucos restos.
Antiga muralla medieval

Na foto seguinte estariamos no lugar onde houbo unha porta da muralla (non se conserva ningunha) Esta sería a Porta de Perexe

                                                               Muralla medieval

Imos saindo do centro histórico da vila e xa vemos a periferia.


Saimos da vila e o camiño coincide co Camiño Natural de S. Rosendo que percorrín hai dous anos. Coincidimos tamén co Camiño Norte de Santiago que entra en Mondoñedo por aquí.
Estación de autobuses
Entramos no Barrio de S. Lázaro. Este santo está relacionado cos leprosos e conta cun hospital dende a I. Media para estes enfermos. Actualmente ese lugar, situado frente á capela, está ocupado por vivendas particulares.
 
A Capela de S. Lázaro foi fundada no S. XVIII. Neste punto o noso percorrido sepárase do Camiño Natural de S. Rosendo e do C. Norte de Santiago que torcen á dereita para atravesar a Ponte de S. Lázaro. Nós continuamos de frente pola estrada LU-160.
Capela de S. Lázaro.
Dende a Capela de S. Lázaro temos aprox 1 km. pola estrada que vai a Ferreira do Valadouro ata que pillamos un ramal á esquerda, onde vemos o cartel da foto.
Desvío á fervenza

Atravesamos o río Tronceda pola Ponte dos Garabullos.
Ponte dos Garabullos.




O río Tronceda, afluente do Masma, despéñase neste lugar de xeito estrepitoso formando varias cascadas nun privilexiado entorno. Estamos en Viloalle, parroquia de Mondoñedo.
Fervenza de Viloalle ou do Coto

Dende a fervenza súbese por unhas escaleiras á parte superior onde temos unha área recreativa perfectamente equipada incluso cunha zona cuberta onde hai mesas e bancos en granito.
Esta área recreativa é moi frecuentada no verán e, en tempos pasados, era a praia dos veciños de Mondoñedo que acudían os domingos e festivos para bañarse e comer aí.
Detrás do merendeiro cuberto vemos unha antiga instalación da fábrica de electricidade que houbo. Foi rehabilitada e hoxe úsase como almacén.
Área recreativa

A fins do S. XIX, as augas do río Tronceda foron encoradas para unha fábrica de enerxía eléctrica que aquí houbo. Vemos restos desa antiga instalación. 
Subindo polas escaleira da foto, accedemos á outra pare superior onde temos unha presa que era parte da fábrica. 

Ao redor da presa plantaron fermosas árbores, que vemos en estado case de abandono xa que as están "comendo" os toxos.

Vistas da área recreativa dende a parte máis alta onde comenza un pequeno paseo duns 200m. á beira da canle que levaba a auga para a antiga fábrica e que recorda algo ao Paseo dos Namorados de Sargadelos, aínda que este último é máis fermoso.
Área recreativa

O comenzo do curto paseo pero moi relaxante, escoitando o murmurio do río e vendo carballos, castiñeiros, abelairas...
Canle



Temos que dar a volta sobre os nosos pasos e chegar ata a área recreativa de novo para pillar agora pola pista da esquerda.
 
Deseguida chegamos á estrada LU-160 que temos que cruzar. Antes cruzamos o río Tronceda pola Ponte Nova de Viloalle. Estamos en A Cabana, parroquia de Viloalle.
A cabana

Collemos o camiño entre esas dúas casas da foto. Nunha delas vemos moi claro un letreiro que nos indica o percorrido á fonte de augas sulfurosas. Imos polo barrio de A Recadieira que pertence á parroquia mindoniense de Os Remedios.


Camiñamos uns metros á beira do Rego de Gontán e un sendeiro achéganos á fonte.
Río Valiñadares

As augas desta fonte foron descubertas a finais do S.XIX por Leiras Pulpeiro quen, como médico, as caconsellaba polas súas propiedades terapéuticas.
A fonte non se ve moi ben. Hai que agacharse.
A partires de 1907 era costume vir a tomar as augas e ás veces a xente aloxábase por dúas ou tres semanas nalgunha casa do lugar como nos contou unha veciña. Este costume, co paso do tempo caeu en desuso.
Fonte de augas sulfurosas
 
Dende a fonte oimos un gran ruído de auga, seguimos camiñando uns metros (moi poucos) polo camiño e vimos que o ruído era formado por este salto de auga:

Demos a volta e atopamos a Carmen, unha veciña do lugar coa que estivemos charlando un bo anaco e é que me encanta falar cos veciños. É como máis se aprende dun lugar!
Ao fondo da foto vemos as ladeiras do Monte de Camba, antigo campo de batalla nas guerras napoleónicas e solar das dehesas nacionais para prover de madeira á Armada. Hoxe é unha gran plantación de eucaliptos.
Carmen, unha veciña do lugar.
 
Seguimos camiño ao Castro de A Recadieira. Nun momento dado hai que pillar á esquerda, había un sinal pero está borrado. Grazas que íamos seguindo un track (o único que atopei) Pasamos polo medio dunhas casas e preguntando a unha señora, demos deseguida co castro no que se atoparon un torques de ouro, un de prata e un pequeno lingote de ouro.

 A pena tan grande que vemos é a Pedra do Unto que ten unha macabra tradición segundo a lenda: aquí facíanse sacrificios humanos. "A concavidade que presenta a pedra, adáptase a un corpo humano en aptitude de ser degolado e de que o seu sangue corra pola profunda canle da pedra..." (J. Villaamil y Castro)
A lenda di tamén que debaixo da Pedra do Unto hai un tesouro que deixaron escondidos os mouros.
Pedra do Unto
 
O castro non está escavado e a súa estructura é case irrecoñecible entre as árbores.
Castro da Recadieira

Vistas dende o Castro.
Vistas dende o castro

 Damos a volta por onde subíramos e vemos as casas de A Recadieira.

A Recadieira
 
Deseguida atopamos a estrada pola que subimos antes para ir á fervenza. Xúntanse aquí, na Fonte do Coto.
Fonte do Coto
 
Pasamos por S. Lázaro de novo:
Barrio de S. Lázaro

E imos visitar o Cemiterio Vello que ten gran importancia xa que aquí se atopan enterrados ilustres personaxes da cidade: Leiras Pulpeiro, Pascual, Veiga, Álvaro Cunqueiro...
Unha das entradas ao Cemiterio Vello

Este cemiterio ten a peculiaridade de contar con varios niveis claramente diferenciados e organizados xerarquicamente onde se observan as dististas clases sociais da vila. Na foto seguinte vemos o nivel máis baixo, onde se enterraban os máis pobres, directamente na terra.
Nivel inferior, o dos máis pobres.

O Cemiterio Vello é un dos 10 con máis historia de Galicia.
Neste nivel eran enterrados os que non tiñan recursos
 
Na zona ou nivel medio eran enterrada a xente de clase media.
  


Na parte alta están os panteóns da xente máis poderosa da cidade. Coma este de Leiras Pulpeiro. Xace na parte laica do cemiterio dedicada á parte de nenos sen bautizar e aos non crentes. É coñecido este home polo seu anticlericalismo.
Panteón de Leiras Pulpeiro
Unha vista do Cemiterio Vello.
 
Panteón de Pascual Veiga, músico formado na catedral de Mondoñedo. as súass obras musicais máis coñecidas son Alborada Galega e o Himno Galego.
Panteón de Pascual Veiga
 Panteóns no nivel superior.
Panteóns da xente rica
 
A sepultura de Álvaro Cunqueiro é  moito máis humilde que a doutros personaxes coñecidos.
Sepultura de Álvaro Cunqueiro
Chaman a atención estas inmensas cruces!
Panteóns

Seguimos o camiño polo centro da cidade e vemos o Pazo de Santomé mandado construir por esta familia no S. XVIII. Despois pasou a ser da familia Montenegro. Posee dous escudos que representan as armas de Santomé e Labra por un lado e as de Segador, Aguado e Villaamil por outro.
Foi cuartel da Garda Civil durante varios anos e despoisde permanecer varios anos pechado, este edificio foi mercado polo concello de Mondoñedo e rehabilitado e actualmente alberga o Centro de Interpretación do Camiño Norte.
Pazo de Santomé

Unha rúa de Mondoñedo moi solitaria un sábado pola tarde.
Unha rúa de Mondoñedo

A igrexa de Santiago do S. XIX é popularmente coñecida como "Igrexa Nova" xa que foi a última construcción relixiosa da cidade. Pertence ao estilo neogótico.
Igrexa de Santiago

A Casa do Concello é un antigo pazo do S. XVIII, onde estaba a Sede do Reximento Provincial.
Casa do Concello

A Praza do Concello, no centro da cidade, é un lugar fermoso con terrazas.
Praza do Concello
Pasamos por diante deste monumento dedicado ao médico e escritor Leiras Pulpeiro
Monumento a Leiras Pulpeiro
 
E por diante da súa casa natal e na mesma rúa, algo máis adiante, pola casa onde viveu.
Casa natal de Leiras Pulpeiro

Casa onde viveu Manuel Leiras Pulpeiro:
                                              Casa onde viveu Leiras Pulpeiro

Ao final desta rúa torcemos á esquerda e xa deseguida chegamos á Praza Jaime Cabot ond etíñamos aparcado o coche e de onde saimos para realizar esta proveitosa ruta, moi didáctica e que nos pon tamén en contacto coa natureza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario