martes, 1 de marzo de 2022

MIRADOIRO DO CHANO + CAPELA DA REGALINA

 Despois de realizar a ruta  Luarca-Portizuelo -Luarca publicada na última entrada deste blog, comemos e despois de comer subimos andando ata o Miradoiro do Chano. Estiveramos no da Atalaia pola mañá no percorrido da ruta e non podía quedarnos este.

O Miradoiro do Chano é un lugar tranquilo (a xente acostuma a visitar moito máis o da Atalaia) que ten unhas vistas inmellorables de todo Luarca.

Empezamos a andaina na Ponte do bico, de orixe medieval e que ten coma moitas pontes, unha lenda. É esta:

A filla do señor da Atalaia namorouse do cruel pirata Cambaral, prisioneiro nas mazmorras da fortaleza tras ser capturado polas naves luarquesas. (Xa dixemos no post da entrada anterior que o Miradoiro da Atalaia aséntase  sobre os restos dunha antiga fortaleza da que aínda queda algún resto)

Cando os amantes foron sorprendidos na súa fuxida cara ao porto, o pai da rapaza loco de ira, cortou coa súa espada as cabezas da súa filla a do pirata. Neste lugar, ata onde chegaron rodando as súas cabezas unidas nun último bico, levántouse anos despois esta ponte que leva este nome en lembranza da traxedia dos namorados.

Ponte do bico
Esta é unha das 7 pontes coas que conta Luarca. Serve de acceso peatonal ao barrio da Pescadería e ás praias dende o casco urbano.
A Ponte do Bico dende o outro lado
 Agora toca subir, xa que esta vila e concretamente este barrio está totalmente escalonado na súa construcción. Imos subir 200 escaleiras.

A medida que imos subindo xa empezamos a contemplar unhas vistas extraordinarias:

Estas praias na propia vila de Luarca que vemos ao subir son de area oscura, son tres praias seguidas separadas por rochas. Á última, chamada Salinas ou 3ª praia só se pode acceder andando dende a 2ª praia. Nesta praia son moi coñecidas as vistosas casetas que instalan só en temporada estival.

As tres praias son de augas tranquilas e teñen tódolos servizos. Forman parte da Paisaxe Protexida da Costa Asturiana.

Praias de Luarca.

Outra marabillosa vista. Vemos: a Atalaia na que estivemos pola mañá coa capela, o cemiterio e o faro; a desembocadura do Río Negro no mar, o porto e o barrio do Cambaral.

 
Se miramos á dereita vemos a parte máis nova da vila e dúas pontes que cruzan o río. Tamén vemos o porto.
 
No alto do Chano está a capela de S. Roque e S. Martiño, é barroca do S. XVII. Derriba da porta da entrada ten a seguinte inscripción: " A mayor Gloria de Dios. Esta capilla fue trasladada dede la villa a este sitio y reedificada a expensas del párroco y los vecinos del Chano en el año 1916"

A carón da capela plantaron no 2020 un teixo na honra dos falecidos por COVID. Chámase "El tejo de la memoria" 


 Outra vista dende este alto:

Baixamos por un lado diferente á subida pero sempre polo barrio da Pescadería que foi un dos primeiros asentamentos da vila xunto ao barrio do Cambaral. 

As casas encaramáronse unhas sobre outras polo cantil ata chegar arriba ao miradoiro, de feito, as vistas son fabulosas dende elas pero non debe ser nada cómodo vivir aí xa que non chegan os vehículos e hai unha empinada costa para chegar a elas.

Este pequeno e colorido edificio que vemos xusto na desembocadura do río Negro é o antigo Club Náutico, hoxe unha vivenda privada. É moi característico na vila e foi construido a finais do S. XIX sobre un illote. É unha zona de paso para acceder ás praias e lugar de paseo para mirar o mar en calma ou enfurecido.

Este lugar é coñecido como Marchica

Antigo Club Náutico


O Río Negro e a igrexa parroquial de Santa Eulalia ao fondo.

CAPELA DA REGALINA

A ermida de Santa Mª de Riégala máis coñecida como "A Regalina" está situada na parroquia de Cadavedo . A ubicación exacta AQUÍ

O impresionante desta capela é o entorno que a rodea con paisaxes de tremenda beleza ao pé do mar.
Este hórreo estaba antes nun lugar máis próximo ao mar pero un corremento de terra fixo que houbese que trasladalo un pouco máis adentro no prado. Foi desmontado peza a peza para a nova ubicación e tamén se aproveitou para reparar a madeira.

Este era o lugar onde estaba antes o hórreo. Ao fondo, a praia de Cadavedo.
 
A capela, pintada de azul e blanco está no campo da Garita e foi construida en 1931 por mandato do padre Galo que quería facer un  lugar de peregrinación para venerar á Virxe de Riégala, patrona de Cadavedo.
Capela da Virxe de Riégala, coñecida popularmente como "A Regalina"

Dende aquí divisamos aló embaixo a fermosa praia de Cadavedo:
Praia de Cadavedo

É esta unha preciosa zona de cantís e praias inaccesibles.
 
O Padre Galo consigueu o seu obxectivo xa que o último domingo de agosto celébrase aquí unha multitudinaria romería, declarada Festa de Interese Turístico.
Capela da Regalina
 Outro hórreo que podemos ver nas proximidades da ermida.


Aquí demos por rematada a nosa viaxe a Luarca pero voltaremos sen tardar moito porque aínda nos quedan cousas por ver: o xardín botánico da Fonte Baixa, realizar a ruta da Cangrexa ou a de Punta Muyeres, ver a parte  da vila onde está o concello e outros monumentos importantes...enfín moitos motivos para volver.

Páxinas web consultadas:

https://asturiasprestosa.com/

https://animalesviajeros.es/

Ningún comentario:

Publicar un comentario