luns, 28 de febreiro de 2022

LUARCA-PRAIA DE PORTIZUELO- LUARCA

 Hoxe marchamos ao occidente asturiano para descubrir Luarca, unha parroquia do concello de Valdés e unha vila da mesma parroquia. Esta vila é a capital do concello e ten unha poboación de arredor de 5000 habitantes.

Valdés é un dos concellos máis extensos de Asturias. Xeográficamente ten dous modelos diferentes: a Mariña, integrada por 6 parroquias na zona costeira e 8 parroquias de interior.

Luarca é unha fermosa vila situada nunha enseada onde desemboca o Río Negro. É unha vila mariñeira que foi un importante porto pesqueiro dende a I. Media. A súa forma asemella a un anfiteatro con dous miradoiros e dúas capelas a cada lado e descubrimos hoxe o moito que ten para ofrecer a quen a visita e que vou ir descubrindo pouco a pouco neste relato.

Decidimos facer unha pequena ruta co fin de coñecer ao máximo posible esta vila. O track da mesma deixoo en WIKILOC

Características:

Lonxitude: 8 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. É necesario un track.

Descripción:

Empezamos a ruta, AQUÍ

Partimos dende a igrexa parroquial de Santa Eulalia que é de orixe medieval; existen probas da súa existencia no S. XII. Desta primitiva construcción non queda nada xa que o templo actual é do S. XIX. A igrexa está pegada ao porto.

Igrexa parroquial de Santa Eulalia

Empezamos a rodear o porto que é un dos máis importantes de Asturias. Dende tempos antigos, a actividade económica de Luarca baseouse na pesca e a súa flota pesqueira foi unha das máis importantes na pesca da balea.
O porto está situado nunha fermosa enseada natural.
Porto de Luarca
 Xunto aos barcos pesqueiros tamén amarran as embarcacións deportivas.
Porto de Luarca
 Achegámonos ata a baliza polo dique do Canouco:
 
E se miramos ao alto xa vemos o cemiterio, a capela e o faro aos que deseguida chegaremos:

Voltando a vista atrás a medida que subimos á Atalaia, divisamos a baliza onde antes estivemos, a praia de Salinas e o xardín botánico.

Subindo polas escaleiras ao miradoiro atopamos a escultura "La ausencia, la presencia" de José de la Riera en homenaxe ao Nobel de medicina Severo Ochoa, nado nesta vila e aínda que vivíu noutros lugares sempre estivo moi vinculado a Luarca.
Esta escultura foi inaugurada en 2005.
Escultura " La ausencia, la presencia"
 Severo Ochoa naceu en Luarca no 1905 e morreu en Madrid no 1993. Foi un médico e científico que en 1959 recibiu o Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina. Despois da morte do seu pai cando el era neno, trasladouse a Málaga coa súa nai.
Rematou a carreira de Medicina no 1928 e sigueu dedicándose á investigación en distintos campos da bioquímica e da bioloxía molecular. Resideu en varios países e ademais do Premio Nobel recibiu moitos outros ao longo da súa vida. No 1956 nacionalizouse estaunidense e nunca quixo recuperar a nacionalidade española. A pesares disto, el quixo ser enterrado en Luarca, á que se sentía moi unido, xunto coa súa muller.
Tumba de Severo Ochoa e a súa dona

O cemiterio de Luarca é moi fermoso xa que se alza nun promontorio sobre o Cantábrico. É un dos máis antigos de Asturias e o entorno no que se atopa convirteu en único.
Cemiterio de Luarca
 Vistas moi fermosas dende o cemiterio que dende logo non sei eu se os mortos desfrutarán...
Cemiterio de Luarca

Ao lado do cemiterio temos a capela de Nosa Señora A Blanca, un templo gremial das xentes do mar que foi construido sobre unha antiga ermida do S. XIV e que foi ampliada e mellorada nos S. XVII e XVIII
Capela de Nosa Señora A Blanca

A Capela de Nosa Señora a Blanca sirveu de faro ata 1862 que se construeu o faro. Encendiase a luz no campanario e o seu custo era sufragado polos mariñeiros.

O Faro de Luarca está situado debaixo da capela, na Punta Focicón.  Vemos restos da muralla do forte que serviu de defensa contra os ataques dos corsarios franceses e ingleses na estructura que pintaron de branco e que antes estaba coa súa forma orixinal, en pedra. Foi construido no 1862 e conta cunha vivenda para o fareiro.
Faro de Luarca

Dende o Miradoiro da Atalaia podemos ver ao lonxe o Cabo Busto.
Cabo Busto
 Moi cerca da Atalaia, no barrio de O Cambaral,  atopamos un monumento que chama a nosa atención: A Mesa de Mareantes e Navegantes situada sobre os restos dunha batería defensiva do S. XVI. 

Neste lugar ao redor dunha mesa  de pizarra reuníase o Consello da Vila na Idade Media e máis tarde o gremio de mareantes e navegantes trataban aquí asuntos relacionados coa vida do mar. O panel que representa este gremio foi realizado polo escultor e pintor Goico Aguirre. Como se pode ver na fotografía anterior, o mnumento consta tamén dunha áncora e un canón 

Mesa de Mareantes e navegantes

Enfrente deste monumento, na parede da muralla, hai 14 mosaicos en cerámica de Talavera que representan episodios históricos da vila de Luarca entre os Séculos IX e XIX

Dende esta zona de O Cambaral, temos unha espectaculares vistas sobre o porto de Luarca:

Imos agora polo barrio de Villar
 
Atopamos unha casa indiana mandada contruir por un marino emigrado en Cuba onde fixo unha considerable fortuna. O pai de Severo Ochoa mercouna para obsequiar á súa muller, Carmen.
Como a entrega da casa se retrasaba, mercaron outra en Luarca onde naceu o Premio Nobel. Ao morrer o pai, trasladáronse a Málaga pero Severo voltaba os veráns e desfrutou tamén nesta casa dos anos da súa infancia.
Villa Carmen

En frente da casa temos a capela de S. Xoán
Capela de S. Xoán
 Baixamos cara á Praia de Portizuelo. A baixada é pronunciada pero moi curtiña.
Baixada á Portizuelo

Atravesamos un pequeno regato por unhas pedras e xa estamos na praia de Portizuelo:

A praia de Portizuelo está enmarcada dentro da Paisaxe Protexida da Costa Occidental de Asturias. É unha praia perigosa nun entorno rural sen servizos xa que non é axeitada para o baño debido a que está formada maioritariamente por cantos rodados e polo perigosa que é. Eso sí, é dunha fermosura espectacular con grandes formacións rochosas como a "Pedra do Óleo" (a que está furada), así chamada por ser pintada por numerosas persoas.
Praia de Portizuelo coa "Pedra do Óleo"


A esta praia baixaba frecuentemente Severo Ochoa a pasear e contemplar este entorno único.

En lugar de dar a volta por onde viñemos e para facer a ruta algo máis longa, decidimos ir polo barrio de  Hospital que pertence á parroquia de Barcia y Leiján e que coincide co Camiño De Santiago e coa Ruta da Cangrexa.

 
Estamos agora nunha zona eminentemente agrícola e gandeira.

 Atravesamos Hospital.
 
Deseguida chegamos oa barrio de Villar polo que antes xa pasamos. Este é o lugar que máis casas indianas ten en Luarca.

  
Unha fermosa vista dende o barrio de La Carril volvendo ao lugar da saída permétenos contemplar o fermoso porto de Luarca, o río Negro desembocando no mar (á esquerda de todo), o miradoiro de A Atalaia no que antes estiveramos, o edificio do antigo Club Naútico...etc

O barrio de La Carril é un dos máis populares de Luarca e tamén dos máis antigos xunto co de Cambaral e o da Pescadería. xa que a súa orixe remóntase á Idade Media. É un dos primeiros focos de asentamento da vila. O barrio é un privilexiado por gozar dunhas vistas estupendas.
Barrio de La Carril
O que vemos agora é o Pazo do Marqués de Ferrera, formado por dúas ás unidas por un arco que vemos na foto. É un conxunto de 3 edificacións dos S. XVI e XVIII. Consta de dous corpos en forma de L e dunha capela. Actualmente é a Biblioteca Pública e a Casa da Cultura. O arco bayón une as dúas ás do pazo.
Arco Bayón
 Luarca está construida de xeito escalonado o que lle dá un encanto especial ás súas rúas. en moitas hai escaleiras, coma nesta rúa Olavarrieta:

Agora pasamos pola Praza da Constitución:

 E despois pola de Carmen e Severo Ochoa onde se atopa a casa natal do Premio Nobel.

Xa deseguida chegamos á igrexa de Santa Eulalia que foi o noso punto de partida nesta fermosa e interesante ruta.
Xantamos no restaurante Cambaral, ao pé do río Negro e do porto. A situación xenial.
Resulta que tiñan un menú de Carnaval que consistía en croquetas de morcilla e outras de lacón con grelos ( Apenas se distinguían os sabores a eses alimentos pero estaban boas) e de segundo picadillo (en Galicia chamámoslle zorza) con ovos e patacas fritas; de postre requeixo con noces que estaba boísimo.
Claro, en Galicia non chamariamos nunca a esto unha comida de Entroido. O prezo eran 12,5€ pero as bebidas e o café eran aparte polo que viñemos pagando uns 15€.
A atención da camareira moi boa.
Pola tarde realizamos outras excursións pero esto queda para outra entrada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario