Volvo aos Oscos porque as súas rutas nunca me defraudaron e porque me encantan as aldeas restauradas e tan coidadas que hai, a vexetación autóctona, as vistas impresionantes...
Volvo a Vilanova facer a 3ª ruta de sendeirismo neste concello. As dúas que xa realicei, fermosísimas están nestes enlaces:
Rutas de sendeirismo: RUTA DEL SILENCIO. VILLANUEVA DE OSCOS(ASTURIAS) PR.AS-209
Rutas de sendeirismo: RUTA DOS BOSQUES - VILLANUEVA DE OSCOS (ASTURIAS) + CASCADA DE MORLONGO
A ruta da Bobia é espectacular. Destacaría dela as vistas impresionantes dende os puntos máis altos do percorrido (Pico do Somo e Pico de Murias) a fraga de carballos, castiñeiros, abidueiras...salpicada de regatos que forman cascadas (como choveu as pasadas semanas, vimos ata tres fervenzas) e destaco tamén a fermosa aldea de S. Cristóbal semi restaurada e as abandonadas de todo como Sela de Murias e Murias.
A ruta está ben acondicionada pero falta sinalización en tres puntos claves onde hai cruces e se poden presentar dúbidas razonables, xa que os sinais que hai máis ben confunden en vez de axudar.
Características:
- Lonxitude: 9 Km ( uns 100m. de máis porque nos engañamos nun cruce que xa comentarei)
- Dificultade: moderada (por unha baixada e unha subida importantes)
- Ruta semicircular mal sinalizada.
O track da ruta en WIKILOC:
Descripción:
Había unha ruta antiga , a PR- AS 103 cunha lonxitude de 20 km. que subía ao alto da Serra da Bobía e remataba en Vilanova. Nós faremos unha máis curta.
A ruta empeza AQUÍ
|
Ponte Penacoba onde empeza a ruta |
Subimos por esta estrada sen desviarnos por ningún sitio, sempre recto. O son da auga en regatos próximos vainos acompañando.
|
Subida ao Pico do Somo |
No Pico do Somo, ábrese a paisaxe e temos estas vistas:
Nas beiras da estrada aínda quedan restos da recente nevada de días pasados:
Aló embaixo queda a aldea de Morlongo.
Empezamos agora a baixar cara a S. Cristóbal, xa o divisamos aló no fondo.
|
S. Cristobal entre montañas. |
A baixada ten un importante desnivel que a estrada de formigón con surcos axuda a levar mellor.
|
Baixando a S. Cristóbal |
A néboa envolve parte do val.
A estrada é preciosa entre as árbores vestidas de outono:
Chegando a S. Cristobal:
A Ruta do Silencio, que se pode empezar onde empezamos a da Bobia, en S. Cristobal sepáranse. Nós que xa fixemos tamén a ruta do Silencio empezarámola aquí, nesta aldea.
Parte desta aldea está abandonada.
Vemos o típico hórreo asturiano.
Outra parte da aldea está restaurada ou en proceso de facelo:
Ten unha fermosa e pequeniña praza chamada "Praza das Lastrias" |
Praza das Lastrias en S. Cristobal |
A partires de aquí imos introducirnos nunha preciosa fraga con castiñeiros, carballos, abidueiras....chea de regatos que, debido ao que choveu en días pasados, forman cascadas fermosas (ata 3 vimos) |
Sendeiro que arranca dende S. Cristobal |
Volvendo a vista atrás, vemos a capela de S. Cristóbal que estando alí non vimos e eso que fixemos un pequeno percorrido pola aldea. |
Igrexa de S. Cristóbal |
Non nos resistimos a volver de seguido a vista porque nos parece que S. Cristóbal se enclava nun lugar precioso.
Regatos que formaban pequenas cascadas:
O sendeiro pola fraga vetida de outono é relaxante e fermoso.
Ata tres cascadas atopamos tendo que atravesar os regatos. Menos mal que non eran moi anchos nin levaban auga en exceso que impedira o paso. Eso sí, as botas humedecéronse.
Por este sendeiro dende S. Cristóbal vimos case sempre en chao..
E chegamos a unha aldea completamente abnandonada e á que nunca chegou unha estrada: Sela de Murias. MOITO OLLO ao chegar a esta aldea. Non hai que atravesala se non que hai que pillar cara arriba no primeiro sendeiro que veremos á dereita. Non está sinalizado. |
Sela de Murias. |
A partires de aquí empezamos a subir. É unha subida dura para os que non nos gustan as costas. Hai bastante desnivel.
Mirando ás nosas costas, a medida que empezamos a subir, a panorámica é espectacular:
A medida que ascendemos, cambia a estructuta do chan e a paisaxe. Desaparecen as árbores para dar paso a matorral baixo.
Chegamos a outra aldea abandonada aínda que vemos unha vivenda recén contruida. Aquí tampouco chegou nunca unha estrada. Estamos en Murias. |
Murias. |
|
Murias |
Chegaremos a un cruce no que se nos ofrecen dúas opcións para ir a Vilanova con máis ou menos km. Nós debemos coller á dereita por onde pon máis km. pero non imos a Vilanova se non a Ponte de Penacoba. Un pouco máis adiante enlazaremos coa estrada que trouxemos á ida.
Tivemos a sorte de ter un día sen néboa, nin vento, un día moi tranquilo para poder admirar as vistas marabillosas que nos ofrece este lugar.
Estamos xa finalizando o tramo circular.
Enlazamos aquí coa estrada da ida. Por ela voltaremos á Ponte de Penacoba.
Nos últimos metros de baixada, vemos de frente, Penacoba: |
Penacoba |
E para xantar, pillamos o coche e fomos ata Vilanova (a 3km.) a nosa intención era comer en Casa Perales porque xa o fixéramos unha vez e cómese super ben, comida caseira e a moi bo prezo pero como xa eran as 14:30 dixéronnos que a esa hora xa non podíamos comer. Entón fomos ao outo que hai "Hotel-Restaurante Oscos" e non moi convencidos xa que léramos reseñas bastante nefastas sobre este lugar.
Entramos e a verdade é que non había unha alma, nin no bar nin comendo e pensamos "Ai, Deus..." Pero o certo é que comemos o menú do día por 12€ e estaba ben preparado e era abundante e pensamos naquel refrán. "Cría buena fama..." porque os únicos dous restaurantes existentes están case pegados ; en Casa Perales había moitos coches aparcados así que debía haber moita xente comendo e onde nós comemos estaba baleiro...
|
Restaurante "Os Oscos" |
Aínda que xa coñecemos de sobra esta vila por ser a 3ª vez que estamos aquí e porque é moi pequena e logo se ve, demos un paseo despois de comer e saquei fotos doutros recunchos. |
Concello de Vilanova |
Este hórreo téñoo en outras fotos pero penso que non dende esta perspectiva.
O mosteiro de Santa Mª, emblema da vila, visiteino xa na anterior ruta pero non me resistín a volver entrar. Está en semirruínas . As paredes de fóra están perfectamente pero hai unha parte sen teito e por dentro está abandonado. |
Este mosteiro do S. XII foi fundado polo rei Alfonso VII |
Por dentro, está en estado ruinoso.
Vilanova, xunto con Santa Eulalia e S. Martín de Oscos foron "Pueblos Ejemplares" no ano 2016. A estatua representa a irmandade das tres vilas.Que fermosos son Os Oscos!
Fixemos bastantes rutas nesta zona pero aínda nos quedan unhas cantas.. Volveremos!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario