martes, 25 de maio de 2021

CAMIÑO NATURAL DO CANTÁBRICO (BURELA- S. CIBRAO)

 A etapa 4 do Camiño Natural do Cantábrico, vai de Burela a S. Cibrao. É a etapa máis curta e eu acorteina algo máis aínda, xa que oficialmente  sae dende a praia urbana de O Portelo percorrendo o paseo marítimo de Burela pero eu saín dende a praia de A Marosa dado que esa parte xa teño moi percorrida porque ademais forma parte da ruta circular de Burela que xa plasmei neste blog:

Rutas de sendeirismo: RUTA CIRCULAR DE BURELA

Saín pois dende A Marosa e, alternando carreiros e camiños con asfalto, cheguei a S. Cibrao, pasando antes por moi cerca da praia de Rueta, xa no concello de Cervo.

Nun momento dado, o Camiño alónxase da costa para levarnos ver o Pazo de Pedrosa por un trazado ben fermoso e xa desembocaremos na vila de S Cibrao que percorreremos ata chegar á Punta da Atalaia onde está o faro.

Ao final da entrada, deixo o track desta ruta.

Características deste tramo:

Lonxitude: 10,3 km.
Dificultade: ningunha
Ruta lineal ben sinalizada agás nun cruce no que é fácil engañarse. É o cruce onde se atopa a única fonte que atoparemos, en Madeiros. Neste cruce temos dúas posibilidades: seguir de frente ou pillar á esquerda. HAI QUE PILLAR Á ESQUERDA! Seguindo o track que deixarei ao remate, non hai perda.

Descripción:
Saín pois da Praia de A Marosa en Burela e deseguida abandonarei este concello xa que esta praia limita xa case co concello veciño de Cervo.

Praia de A Marosa

Abandonamos a praia por este carreiro como nos indican os sinais:

O carreiro anterior desemboca deseguida na beirarúa pegada á estrada pola que imos só uns poucos metros:

Deseguida pillamos un carreiro á dereita que nos leva cerca dos acantilados. Hoxe o mar está ben bravo e a súa forza sobrecolle:

No momento que empecei a camiñar por aquí non puiden deixar de acordarme doutro Camiño: o dos Faros que temos feito ata a metade aprox. e axiña contamos con retomalo.

Aquí tamén hai cantís :

O illote que vemos de frente chámase Pena Grande

Saimos ao asfalto polo que iremos durante aprox. 1,5km.

Levando sempre o Cantábrico pola dereita:

Agora pillamos un ancho camiño:


De momento, o Camiño está perfectamente sinalizado. Onde se ve a casa, ao fondo, tomaremos de novo a estrada pola que camiñaremos aprox. 700m.

Cruzaremos unha ponte na estrada sobre o río Xunco que está a punto de desembocar na praia de Rueta:

Por debaixo desta ponte vemos o río Xunco desembocando na praia de Rueta:

O barrio de Rueta, do concello de Cervo. Xusto na curva que se ve tomaremos unha pista de asfalto ou estrada local á esquerda durante 700m.
Rueta

Agora alonxámonos do Cantábrico:

Ao fondo distinguimos(malamente porque había néboa ao lonxe) S. Cibrao e as chimeneas de Alúmina:

Esta é a única fonte que veremos en toda a ruta e OLLO! Aquí falta sinalización. A fonte está nun cruce e deberemos pillar á dereita:

Imos cara ao apeadeiro de Madeiro.

Despois do apeadeiro, vou paralelo á vía por un carreiro durante uns 500m:

Ao remate deste carreiro, cruzo por debaixo da vía para desembocar no Polígono Industrial de S. Cibrao:

Durante uns 500m. (Xusto ata remata a subida da estrada) camiño pola beira da LU-P- 1510

Deseguida vemos esta enorme casa que están restaurando:

Pasamos á beira deste pozo de pedra:

E adentrámonos por un carreiro ben tupido de vexetación durante uns poucos metros:


E vemos á dereita o Pazo de Pedrosa de caracter privado:

Este Pazo foi construído por un nobre irlandes chamado O´Connor que fuxía das persecucións relixiosas no seu país no S. XVI. Chegou a esta zona e vendo o que se parecía no verdor á súa terra, quedouse a vivir aquí construíndo este pazo. No seu interior aínda se conserva o mascarón de proa do barco no que viaxou. Na actualidade, o pazo é propiedade de dáus familias e pertenceu no pasado aos marqueses de Villaverde de Limia ou de Pedrosa, como se coñecen na localidade.

Chamoume a atención esta árbore á beira do camiño, sola, grande, fermosa: é unha moreira negra.

Ao rematar este camiño que traíamos, desembocamos nun acceso novo que fixeron non hai moito para entrar a S. Cibrao. Cruzarmos a estrada para coller a pista de grava da esquerda que desemboca deseguida nunha rotonda:

Xa vemos ao fondo a punta da Atalaia co faro:

A partires de aquí, entramos no fermoso paseo marítimo de S. Cibrao. A primeira praia que atopamos é a da Caosa:
Praia de A Caosa

S. Cibrao é unha península pequena pero moi fermosa que acumula nun espazo pequeno tres praias magníficas, un paseo marítimo que dá gusto percorrer; un porto pequeno e acolledor; a Punta da Atalaia onde se atopa o faro e dende o que hai unhas vistas grandiosas sobre o Cantábrico (non hai moito que puxeron un mirador de ferro e cristal moi vangardista dende o que divisamos o mar, os Farallóns e a zona industrial de Alúmina-Alumnio) preciosos parques e prazas...
A Península da Paz como é coñecida esta vila, está dividida en dúas zonas: o Porto de Arriba (onde está a parte alta co faro e o barrio de pescadores) e o Porto de abaixo que é a parte continental xa que Porto de Arriba pénsase que era unha illa que foi uníndose á outra parte por acumulación de area.
Un rincón da vila

Paseo marítimo
 Outra praia: a de Cubelas

Estas ruínas son chamadas " O castelo" tal vez pola súa forma. Realmente, son os restos dunha fábrica de salazón. No ano 1921 sufriu un incendio e xa non sería reconstruída.

Despois dunha curta subida, aí temos o faro na Punta Atalaia:

Os illotes que vemos dende o faro, son Os Farallóns. É un arquipélago formado por tres illas onde levan naufragado varios barcos.


Mirador vangardista cunhas vistas impresionantes sobre o Cantábrico e os Farallóns de frente.

Rodeamos o faro e baixamos pola parte contraria á subida atopándonos co antiguo barrio de pescadores:




Rematando a baixada atopamos a capela de S Cibrao que data dos séculos IX ou X sendo probable que antiguamente fose unha igrexa.

Estamos no porto:

Seguimos o noso camiño polo paseo marítimo que agora bordea a famosa praia de O Torno:

Nesta praia atopamos atopamos a estátua da famosa Maruxaina. Di a lenda que cerca dos Farallóns hai un castelo debaixo da auga onde vive unha serea. Uns din que é boa e que emprega a súa sabedoría para avisar aos mariñeiros das inclemencias do mar; outros din que é mala e que emprega os seus encantos para enfeitizar aos mariñeiros dando lugar a que estes se perdan no mar.
A festa da Maruxaina está declarada de interese turístico e celébrase cada ano na praia do Torno onde, portada polos mariñeiros aló pola medianoite, é xulgada na praia. A xente viste ese día como se vestía antiguamente a xente do mar. Se a Maruxaina é absolta no xuizo(algo que sempre sucede) todo son vítores, ledicia e a festa continúa e se non queimaríana.

Rematamos este tramo do Camiño Natural do Cantábrico, vendo como o río Xunco desemboca na praia de O Torno.

Track da ruta:

Powered by Wikiloc


martes, 18 de maio de 2021

RUTA DOS BOSQUES - VILLANUEVA DE OSCOS (ASTURIAS) + CASCADA DE MORLONGO

Hoxe volvemos ir aos Oscos. Tres municipios son os que forman este lugar ao que nunca nos cansamos de volver: Santa Eulalia, S. Martín e Villanueva de Oscos. Os tres concellos teñen un ambiente rural e unha natureza virxe (Forman parte da Reserva da Biosfera Oscos- Eo)
Ns Oscos, ademais dunhas paisaxes únicas onde o verde predomina, podemos ver unha arquitectura típica coidada e restaurada con mimo que fai as delicias de quen visita esta zona.

As rutas de sendeirismo dos Oscos son fermosísimas e temos moito onde elexir nos tres concellos: máis longas, menos...con maior ou menor dificultade...todas elas son únicas .

Nós levamos feitas xa as seguintes rutas por estes paraxes:

Santa Eulalia de Oscos:



S. Martín de Oscos:

Villanueva de Oscos:


Hoxe volvemos a Villanueva para realizar a Ruta de los bosques. Unha ruta curta que non ofrece dificultade técnica salvo unha subida importante dende Santa Eufemia ata Abilleira.
Pasaremos por bosques de abidueiras e de carballos e castiñeiros; veremos unha ferraría, a aldea de Pacios e voltaremos a Santa Eufemia, preciosa aldea totalmente rehabilitada onde se atopa o Eco Museo do pan. Dende aquí voltaremos a Villanueva polo mesmo camiño que trouxemos á ida.
A ruta empeza AQUÍ
 Ao final deixo o track desta ruta!!

Características:

Lonxitude: 7,5 km.

Dificultade: Media-baixa

Ruta circular ben sinalizada, tendo en conta que en todo o percorrido non aparece o nome da ruta, salvo no inicio e outro polo medio da ruta e coincide con outras, sobre todo coa Senda Verde do Agüera (Ter en conta que nós non imos a S. Mamed como imos atopar moitas veces) . En fin que con tanta sinalización que atoparemos, ás veces podemos sentirnos confundidos. Para non pèrderse e facer a ruta que non queremos, nada mellor que seguir un track. Eu deixo o meu ao final.

Aquí, nesta pista que sube comenza a ruta:
Villanueva de Oscos

O concello de Villanueva ten moi pouca poboación, de feito é un dos concellos asturianos cunha menor densidade poboacional. A súa actividade económica principal é a gandaría e tamén se está implantando o turismo rural en toda a comarca o que está animando a reactivar esta fermosa zona.
Villanueva co seu mosteiro de fondo

Deseguida empezamos a camiñar por este carreiro:


Dous cans da vila, van acompañarno case todo o camiño(ata que nos adelantaron outros sendeiristas e se marcharon con eles....)

Camiñamos uns metros por estrada:

E de novo voltamos a camiños naturais:

Despois de 1,2km. chegamos á Santa Eufemia. O primeiro que atopamos é esta capela de estilo barroco, construída entre os séculos XVII e XVIII

Santa Eufemia é hoxe un núcleo de turismo rural totalmente rehabilitado. Conta co Ecomuseo do Pan onde podemos ver o ciclo completo de elaboración do mesmo e cunha área recreativa na confluencia de dous ríos : o Villanueva e o Pasarón.

Santa Eufemia


Imos uns poucos metros por estrada(vemos na esquina sinalización das diversas rutas)

Chegamos á área recreativa de Santa Eufemia que atopamos algo descoidada, coa herba demasiado grande.

Ponte da Castañeira, na área recreativa:

Agora, a partires de aquí, temos que coller á dereita para iniciar unha subida entre un bosque de bidueiras:

Á esquerda, subindo, vemos o Caserío abandonado de Abilleira:

Esta panorámica vémola dende o punto máis alto da ruta, ao rematar a subida anterior:

Chegamos a unha formación rochosa que nos sorprende porque a nosa imaxinación ve nun extremo a cabeza dunha ovella ou carneiro:

Iniciamos a baixada:

Por estes camiños rodeados de muros de pedra seca:

E chegamos á estrada

Pasando ao lado dos restos dunha antigua ferraría (estas terras tiveron no pasado unha gran actividade relacionada coa industria do ferro)

Deseguida deixamos a estrada para pillar á esquerda por este carreiro:

E camiñamos un pequeno treito á beira do río Vilanova:
Para irnos alonxando do río a medida que imos ascendendo:

Sempre no medio de distintas especies arbóreas:

Estamos chegando á aldea de Pacios:

Dende a que temos estas vistas, xa que está a 670m de altitude:

Nesta aldea viven unhas 20 persoas:


Pacios

As árbores frondosas seguen a acompañarnos ao deixar Pacios:


A paisaxe dos Oscos nunca defrauda:

Deseguida voltamos a Santa Eufemia:

Agora vemos esta aldea dende o outro lado:

Pois imos cruzala vendo estes recunchos:
E este antiguo muíño:

Aquí paramos a patear esta preciosa aldea :
Atopando estes rincóns:

Abandonamos Santa Eufemia pensando no dito "Asturias , paraíso natural"

E de novo estamos en Villanueva:

A mín gústame o sendeirismo non só para andar senón que tamén quero empaparme dos lugares aos que vou: sen presa, parándome onde é necesario para coñecer mellor unha aldea, un río, unha árbore...e non podía ser menos estando en Villanueva. Fixemos un "tour" pola vila, percorrendo (logo se fai que é moi pequena) os lugares máis emblemáticos.

Un destes lugares é o mosteiro de Santa Mª. É do S. XII e foi construído para os Benedictinos, sendo usado máis tarde polos cistercenses. Está declarado Ben de Interese Cultural.

O mosteiro poidemos visitalo ao noso aire, de xeito gratuito. Hai paneles explicativos como se ve na foto.

Tamén hai visitas guiadas que inclúen a igrexa. O mosteiro é inmenso e percorrelo vainos trasladar a outros tempos lonxanos.




Aquí debía estar a cociña, pois vemos unha especie de lareira e un fregadeiro:




Outros recunchos de Villanueva de Oscos:





E aproveitando que estábamos nesta zona, quixemos visitar unha fervenza que nos recomendou unha boa amiga de sendeirismo. Trátase da fervenza de Morlongo que a nós nos quedaba de camiño, na beira da estrada AS-13
A situación desta fervenza AQUÍ
Aparcamos e despois de baixar unhas ecaleiras iniciamos un curtiño paseo duns 100m e xa estamos na fervenza.
Non é tan famosa nin coñecida como a "Seimeira" (nome en asturiano das cascadas) de Santa Eulalia porque esta está incluida nunha fermosa ruta de sendeirismo que foi a 1ª ruta que nós fixemos nos Oscos e da que deixei o enlace máis arriba.
A de Morlongo, formada polo río Vilanova, é tamén unha cascada ben fermosa e que completou un fermoso día  sendeirismo.
Baixando as escaleiras de lousa

Chegando á fervenza

Unha cabana abandonada

Fervenza de Morlongo


Aquí deixo o track da ruta dos bosques:
Powered by Wikiloc