mércores, 18 de xaneiro de 2023

S. XOÁN DA COVA (PR-G 36) VEDRA-A CORUÑA

Vedra é un concello du sur da Coruña. Tamén ao sur do concello está o río Ulla que fai fronteira natural coa provincia de Pontevedra. Pertence este concello á Comarca de Santiago á que está moi vinculada pola súa proximidade, pola súa relación co Camiño de Santiago. Tanto  Vedra como a toda a comarca do Ulla se coñecen como "a horta e xardín de Compostela"

Concellos que pertencen ao Val do Ulla


A ruta que fixemos hoxe vai case toda ela ás beiras do Ulla,  pero NON se debe facer en épocas de moita chuvia xa que o Ulla é un río que sofre grandes desbordamentos e  nós tivemos bastantes dficultades para realizala xa que o sendeiro por onde transcorre estaba en moitos tramos inundado completamente e tíñamos que alonxarnos do río, o que ás veces foi complicado porque tíñamos que atravesar por medio de silvas, maleza...Dúas pontellas que tíñamos que atravesar para salvar dous regos que desembocan no Ulla estaban debaixo da auga  e tivemos que buscar alternativas (non sempre doadas) para poder cruzalos.

Foi unha ruta complicada por ese motivo pero é fermosa e fácil. Comemos en Ponte Ulla na Taberna de Gundián e rematamos no Miradoiro de Gundián.

Características da ruta

Lonxitude: 12,7 km. 

Dificultade: fácil. (A nós resultounos complicada porque a fixemos despois de días nos que choveu moito e tivemos que modificar o trazado orixinal en bastantes ocasións porque o río estaba fóra do seu cauce)

Ruta lineal perfectamente sinalizada.

Eu deixo o meu track por se  alguén se lle ocorre facela coma nós, despois de días de días de chuvia abundante.

En WIKILOC

A miña valoración desta ruta:🔅🔅🔅

Descripción:

Nós partimos da área recreativa de Cubelas, situada na parroquia de Sarandón.

Área recreativa de Cubelas

Nun día fermoso con nubes e sol aínda que fría temperatura empezamos a camiñar. O frío nunca importa porque non hai mellor maneira de entrar en calor que camiñar.

Empezando a camiñar

Imos ás beiras do río Ulla, ancho con moita corrente. O sendeiro nótase moi pisado e está en perfectas condicións. A nosa alegría neste senso axiña vai rematar.

Río Ulla
 Pasamos por debaixo da Ponte de Ximonde. Contruido en 2012 une o concello de Vedra co da Estrada. É accesible para minusválidos e ten chan antideslizante. Esta ponte sustitueu a outra que levou unha riada no 2001.

A ruta pasa por debaixo pero nós quixemos cruzala e poñernos no concello da Estrada.

Ponte de Ximonde
 

O río Ulla, un dos máis importantes de Galicia, nace no concello de Antas de Ulla e o seu curso divide as provincias de A Coruña e Pontevedra. Despois de percorrer 132 km. desemboca na Ría de Arousa.

Río Ulla


O Ulla divide as provincias de A Coruña e Pontevedra

O edificio da imaxe seguinte foi un gran muíño noutros tempos. Hoxe é un centro ictiolóxico  dedicado á cría e reproducción de salmóns. Aquí contrólase a migración dos salmóns do río ao mar e viceversa. Púxose a funcionar no 1993. 
O Coto de Ximonde é un dos cotos salmoneiros máis importantes de Galicia. 
Centro ictiolóxico creado en 1993

Nesta zona hai unha presa que servía para desviar a auga ao antigo muíño e pensouse en derribala porque se considera que retrasa a subida dos salmóns para o desove. De momento segue aí.

Este coto de Ximonde é o preferido polos pescadores e antigamente pertencía aos condes de Ximonde.

Hai numerosos paneis informativos que nos paramos a ler.

Paneis informativos

A estrada que vemos de frente dá accceso ao Centro Ictiolóxico que nos queda detrás. Torcemos á dereita para ir pegados ao río.

Á dereita

 E aquí é onde nos damos conta de que o río desbordouse, xa que estes días pasados choveu moito. O sendeiro está impracticable e tivemos que camiñar máis polo prado como se ve na foto:

O río desbordou
 

Na foto podemos ver o nivel de desbordamento que tivo o Ulla en días pasados.

Observamos a gran enchente que tivo o río días atrás.

Pensamos que ao mellor sería unha zona puntual e non teríamos máis dificultades. As únicas ata o momento foi embarrar algo as botas.

Ruta fácil e relaxante

O camiño estaba inundado. Menos mal que o arame non era de pinchos ou que non había un can...

Agarrándonos ao arame para pasar.

Ao rematar o inundado camiño anterior, chegamos á Ponte de Sarandón que tíñamos que cruzar por debaixo pero non foi posible xa que o paso estaba completamente inundado. Saimos á estrada e cruzamos como poidemos por unha finca particular. Deseguida viñemos outra vez ao pé do río.

Ponte de Sarandón

Seguimos agora por unha zona tranquila, sen auga e observando una extensa plantación á nosa esquerda de árbores que nos pareceron arces.

Plantación á esquerda
 E aquí chegou unha dificultade moi gorda:  hai un rego (O Rego de Merín) que desemboca no Ulla e que deberiamos cruzar  xusto na desembocadura por unha pontella de madeira: Como se ve na imaxe foi imposible pasar; poderiamos arriscarnos a mollarnos algo para pasar a ponte pero é que onde esta remata, non sabíamos a profundidade que había así que houbo que buscar unha alternativa camiñando rego arriba onde este era máis estreito pero aínda así non era posible cruzalo. 

Cruzamos por un troco que había tirado no rego e agatuñando por unha árbore. O paso así non valía para calquera e d efeito, unha persoa que nos acompañaba caeu no rego, por fortuna sen máis consecuencias que mollarse enteiriña polo que voltou para o coche acompañada doutra persoa a cambiarse (é moi previsora e sempre trae unha muda enteira de recambio, menos mal...)

Ponte intransitable
 Así tivemos que cruzar o rego!!
Cruzando o rego de Merín

A partires de aquí a tónica xeral foi atopar o río "comendo" o sendeiro en numerosas ocasións.

O carreiro moitas veces non existía
 

Outra ponte que non estaba para cruzar:

Outra pontella que non poidemos cruzar

Aquí atopamos outra altenativa moi fácil un pouco máis arriba. Seguindo o rego, demos cun camiño que pasaba por derriba do mesmo. Xirando á dereita, polo prado abaixo, voltamos á beira do Ulla.

Tivemos que abandonar o río en numerosas ocasións.


Camiñabámos tranquilamente e de súpeto...o traxecto estaba cortado pola auga.
A riada cortando o sendeiro
As veces camíñábamos perfectamente coa esperanza de seguir así ata o final.
Sendeiro sen problemas

Pero ao pouco volvíamos ter problemas e tivemos que camiñar ao desviarnos do río entre silvas e maleza.
Enchente do río Ulla


Na área recreativa de Agronovo paramos a comer algo e repoñer forzas. Estamos na parroquia de Santa Cruz de Ribadulla
Área recreativa de Agronovo

 É unha área de esparcemento grande, ao pé do río dotada de mesas, bancos e barbacoas para pasar un día relaxante en plena natureza. No verán pódese alquilar unha piragua ou unha barca para dar un paseo polo Ulla.
Área recreativa de Agronovo

Seguimos camiñando e pasamos por debaixo do  viaducto da AP-53.
Ponte da autovía

Temos outra vez que alonxarnos un pouco do río e cruzar entre estas vides:
Vides polas que tivemos que atravesar
 
Despois de atravesar as vides, tíñamos que cruzar esta ponte pero ao estar inundada buscamos unha alternativa máis arriba pero as canas formaban aquí un tupido bosque que non poidemos atravesar polo que xa collemos para a estrada que víamos moi cerca.
Outra ponte anegada

Saimos á estrada uns metros antes do que marcaba o track que seguíamos pola imposibilidade de seguir pola beira do río. Tan só andivemos uns 100m. pola estrada da imaxe e deseguida atopamos o cruce onde sae a ruta oficial tamén á mesma estrada.

Estrada local

Atravesamos o lugar de Vista Alegre, cruzamos a N 525 e chegamos  a Ponte Ulla, parroquia de Vedra onde o 1º que vemos é unha escola antiga de 1926. Este edificio, antes de ser un centro de ensino, foi un cárcere. Saquei unha mala foto, á presa e correndo porque empezaba a chover.

Antiga escola de Ponte Ulla
 
Paramos a xantar na Taberna de Gundián onde a verdade nos pareceu un pouco cara a comida: por churrasco de porco e tenreira, croca de tenreira con patacas e ensalada, postre e café pagamos 20€ por persoa.
Xa sabemos que os domingos, aínda que haxa menú, hai que pagar máis que o resto da semana pero nunca pagamos máis de 20€ comendo 2 pratos. Desta vez non comemos 1º porque como chegamos algo tarde os callos xa se acabaran.
Se coméramos tamén callos, canto pagaríamos entón?
Eso sí, hai que dicir tamén que a comida estaba moi ben preparada, toda a carne estaba deliciosa.
Taberna de Gundián onde xantamos
 
A  partires de Ponte Ulla, a ruta volve ao pé do río pasando pola Igrexa de Santa Mª Magdalena que conserva unha absida románica. O resto  do templo é de estilo barroco, moi sobrio.
Igrexa de Santa Mª Magdalena
 
A absida da igrexa conserva algún canciño propio do estilo románico.
Ábsida da igrexa

Fomos ver por onde continuaba a ruta oficial pero ao ver que volvía baixar para ir pegada ao río , demos a volta porque non queríamos mollarnos máis, xa que seguro que habería tamén lugares anegados.
Por aquí vai a ruta oficial.

Observamos a ponte de pedra que une as provincias de A Coruña e Pontevedra e que foi unha das primeiras construidas dando o nome de Ponte Ulla a esta parroquia. Foi reconstruida na segunda metade do S. XVIII sobre outro da I. Media que quedara destruido por unha riada no S. XVI e sustitueu no S. XIX á antiga barca que unía os dous lados do río Ulla.
Ponte vella 

Decidimos seguir a ruta ata o Miradoiro de Gundián indo pola estrada AC-240. (1,7 km. aprox.)
Estrada ao miradoiro de Gundián
A piques de chegar ao miradoiro, vemos o impresionante viaducto do tren de Alta Velocidade (AVE) de máis de 100m. de altura.
Viaducto do AVE

Enfrente da ponte anterior temos outra de 1958 moi fermosa tamén para o ferrocarril e que a díá de hoxe aínda presta servizo.
Vista das dúas pontes dende o miradoiro de Gundián
 
As vistas dende este miradoiro son fabulosas: as dúas pontes, a aldea de Ponte Ulla, o río estreitándose para  atravesar o Paso da Cova e un lugar alto onde vemos unhas penas, é o Alto do Castro, que tal e como o seu nome indica foi o asentamento dun castro na Idade de Ferro.
Ponte Ulla dende o miradoiro

A ponte do ferrocarril máis antiga é moi fermosa e está situada derriba do Paso da Cova que dá nome a esta ruta. Á dereita o Alto do Castro.


https://es.wikipedia.org/wiki/Vedra

https://www.galiceando.com/

venres, 13 de xaneiro de 2023

CASTRO DE MARCE-FERVENZA DE AUGACAÍDA (PANTÓN)

 É a 3ª vez que imos ao concello de Pantón que pertence á Comarca de Terra de Lemos e  tamén á Ribeira Sacra lucense.

Os ríos Cabe, Miño e Sil delimitan este concello e forman nas súas ribeiras agrestes e empinadas unha riqueza paizaxística inigualable que se mestura coa riqueza artística de igrexas románicas, mosteiros, pazos...

As outras realizadas neste concello foron estas:

DE CIBRISQUEIROS A S. COSMEDE

FERVENZA DE AUGA CAÍDA

A CURUXEIRA E OUTROS LUGARES DE PANTÓN

Aparece o nome de tres rutas pero a de Cibrisqueiros e Augacaída foron realizadas o mesmo día.

Así que hoxe realizamos unha 4ª ruta neste fermosísimo concello.

A ruta que tíñamos programada seguindo un track tivo que ser modificada xa que había que cruzar un río por unha ponte pero esta desapareceu e non poidemos cruzar xa que o río levaba bastante auga e con correntes, así que a partires dese punto tomamos un camiño alternativo.

A ruta é moi, moi fermosa. Non tivemos sorte cun miradoiro porque había néboa pero despois despexou e poidemos desfrutar do entorno e as vistas dende o Castro de Marce e da fervenza espectacular de Augacaída.

Características da ruta:

Lonxitude: 7,5 km.

Dificultade: Moderada pola subida e baixada á cascada sobre todo estando húmidas as escaleiras e pasarelas de madeira que hai e tamén as escaleiras de pedra.

Ruta circular con desvíos e ben sinalizada (excepto o camiño ao Miradoiro das Marabillas que non aparece nomeado en ningún lado)

Deixo o track do percorrido en WIKILOC

A miña valoración da ruta:🔅🔅🔅🔅

Descripción da ruta.

Saimos da aldea de Marce que pertence á parroquia de Vilar de Ortelle. Sorprendeunos moito o enorme que é esta aldea e o despoboada que está. Ao igual que a maioría de aldeas de interior de Galicia, sofre dende hai anos dunha perda de poboación constante pero ao revés que outras aldeas, onde se ven casas restauradas de xente que ven de vacacións ou fins de semana, aquí hai moitísimas casas en completa ruína.

O ceo víase azul pero había unha néboa baixa.

Marce

Coa esperanza de que despexara axiña, dixímonos ao Miradoiro das Marabillas. Non esperedes atopar ningunha sinal que vos indique o lugar. Hai que seguir un indicador que pon "Área Recreativa da da Maiorga" (PR-G 162) que pertence a unha ruta homologada moito máis longa que pasa por Marce. Seguimos por esta ruta homologada perfectamente sinalizada.
Ruta PR-.G 162

Vemos sobreiras, carballos...un fermosos camiño.
Sobreira no camiño
 
E aquí sepáranse as rutas. NON seguir polo marcado que é por onde vai a PR-G 162 cara á área recreativa da Maiorga. Nós imos ao Miradoiro das Marabillas que nalgún momento debeu estar sinalizado porque vemos un poste de madeira pero actualmente se non segues un track, non o atopas. Está a tan só uns poucos metros deste cruce.
Polo tanto pillamos o camiño da esquerda!!
Á esquerda
 
E...gran decepción...non polo miradoiro que adiviñamos que ten que ter unhas vistas espectaculares senón pola néboa que nos castigou non deixándonos ver absolutamente nada!! Temos que volver!
Mirador das Marabillas e a néboa
Voltamos sobre os nosos pasos ata chegar de novo ao punto de inicio e agora pillamos un camiño pegado ao anterior pero cara á Fervenza de Augacaída. Segimos de novo a PR-G162
Pillamos cara á fervenza

Ímonos asombrando do grande que é aldea de Marce que nos anos 20 tiña sobre 500 habitantes. Hoxe apenas hai uns 15.
Casas abandonadas en Marce

Este edificio en ruínas foi a antiga escola, fundada por emigrantes en Bos Aires, tal e como lemos na placa que ten na fachada.
Antiga escola de Marce

A placa di:  " Residentes de Marce en Buenos Aires. Fundada el 25 de abril de 1920".
En 1944, chegou como mestre á esta escola Juan García-Fuentes Grosso, sevillano que cambiou o seu destino a un compañeiro por esta aldea. Nos anos nos que estivo ao frente, ademáis de atender cada curso a uns 45 alumnos, algúns de aldeas cercanas, organizou unha escola de adultos e puxo en marcha o Cadro Artístico de Marce.
Escola de Marce
  
Pasamos unha zona , na parte máis baixa da aldea, onde hai moitas casas todas elas abandonadas e case en ruínas.
Casas de Marce

Aquí nunca chegou o asfalto. Consérvanse as vellas rúas de pedra. 
Unha rúa de Marce

Iniciamos unha baixada na que hai que ter coidado. As pedras están moi esvaradías cando chove ou coa xeada como ocorría no día de hoxe, no que eu mesma levei unha boa zoupada afortunadamente sen consecuencia ningunha.
Calexón de baixada

Pantón ao igual que toda a Ribeira Sacra é terra de vides.
Vides
Seguimos baixando polo fermoso carreiro rodeado de muros de pedra.
Carreiro
 
Aparece auga por calquera sitio. Choveu moito en días pasados e nótase.
Regos que forman pequenas cascadas

Chegamos a un cruce no que temos que pillar á dereita, segundo os sinais nos indican.
Seguimos o sinal

O camiño anchea e hai tramos nos que predominan as acacias, unha árbore invasora da que vimos moitas noutra ruta feita neste concello, na de Cibrisqueiros a S. Cosmede.
Un bosque de acacias
 
Axiña pasamos a un bosque autóctono, unha carballeira espida agora en inverno.
Unha carballeira

Pasamos por diante dunha antiga construcción que seica foi unha bodega.
Antiga construcción

Chegamos a unha bifurcación: á dereita imos ao Castro de Marce e á esquerda á fervenza. Primeiro imos ao Castro.
Bifurcación: á cascada e ao castro

Tan só o camiño para chegar ao castro xa merece a pena porque é moi fermoso.
Camiño ao castro de Marce

Imos vendo moitas sobreiras.
Sobreiras

O entorno do Castro é moi fermoso, está situado nun promontorio derriba do río Miño. No pico hai un banco que invita a quedarse aí moito tempo xa que as vistas son marabillosas. O outro día fixemos a ruta do "Sobreiral do Arnego"  en Agolada onde vimos bastantes sobreiras pero nunca moitas xuntas, senón salpicadas aquí e acolá mestruradas con outras árbores. Aquí, o castro está todo rodeado destas árbores e na parte dereita da foto vemos un inmenso sobreiral.
Castro de Marce

O castro está sen escavar e a lenda di que aquí vivían os xacios e as xacias (metade peixe e metade home ou muller). Conta a lenda que saían das augas do Miño as xacias e namoraban aos barqueiros pero se se ían con un xa non podían voltar porque eran rechazadas na comunidade.
Castro de Marce
Voltamos polo mesmo camiño de ida.
Carreiro de ida e volta ao castro

Chegamos de novo ao cruce e agora pillamos á dereita para baixar á cascada.
Baixada á fervenza

No 2016 o concello de Pantón instalou escaleiras e pasarelas de madeira para acceder de forma máis fácil á cascada. Antes era moito máis perigoso baixar e nalgúns tramos había cordas para axudar a non caer. Agora, aínda que pareza mentira, hai que ter moito coidado tamén cando a madeira está húmida porque esvara moitísimo.
Escaleiras de madeira na baixada
 
Tamén hai que ter coidado coa baixada polas pedras cando están húmidas, tamén esvaran.
Baixada natural
Eu case prefiro unha baixada natural que estea un pouco acondicionada que tanta madeira porque é moi fácil caer cando está mollada.
Xa moi cerca da cascada

 Ao final, ao pé da fervenza, hai un miradoiro de madeira para observala debidamente. É espectacular esta caída de auga duns 40 metros dende o río de Aguianza que deseguida desemboca no Miño.
Fervenza de Augacaída
Desta vez puiden ver a fervenza como quixen, xa que aparte de nós que éramos 4, non había ninguén. Os festivos e fins de semana sobre todo en verán acostuma a haber moita xente.



Damos a volta dende a cascada (hai bastante desnivel e a subida cansa. Menos mal que é curta) e seguindo o track pillamos un carreiro á dereita xusto ao rematar de subir.
Carreiro á dereita

O GPS lévanos ao río, un pouco máis arriba da cascada. Oficialmente chámanlle rego de Aguianza polo que supoño que habitualmente non debe levar moita auga, xa que o consideran "rego" pero no día de hoxe, máis que rego, era un río con bastante auga e con correntes. A sorpresa foi grande cando vimos que a ponte que debíamos cruzar non existía! Pensamos que a debeu levar o río ao chover bastante en días pasados e nesa zona ademais hai unha forte corrente.
Rego de Aguianza

Os sinais do outro lado do río indicaban que estábamos no lugar correcto para cruzar pero non nos atrevemos facelo a pé xa que suporía ter que mollarse ata os xeonllos e ademais a corrente tamén botaba para atrás. Así que demos a volta e buscamos outra alternativa.
Lugar onde tiña que haber unha ponte

Voltamos outra vez polo mesmo lugar e ao chegar ao cruce polo que antes xa pasáramos en vez de voltar a Marce por onde viñéramos (só eran 400m pero habería unha boa subida) optamos por ir ata a entrada á fervenza dende a estrada. Son 650m. pero en chao.
Podemos ir para Marce por calquera dos dous camiños. O da esquerda ten moita subida.

Este é o camiño máis frecuentado para chegar á cascada, o que vai á estrada. Un fermoso percorrido polo medio dunha carballeira con moitos muros de pedra delimitando fincas.
Camiño

Un chiringuito bastante "cutre" e que garda pouca relación con este fermoso entorno.
Chiringuito
  
Chegamos á estrada e temos que coller á esquerda, cara á aldea de Marce.
Enlace coa estrada
  
Despois de 600m. por estrada, chegamos de novo ao punto de inicio en Marce.
Subida a Marce

Marce
Marce tivo estanco e cantina que debían estar no edificio que vemos das columnas.
Marce

Rematada a ruta fomos xantar á capital do municipio: Ferreira onde xa estivéramos cando fixemos a ruta da Coruxeira. Desta vez comemos no restaurante Topic. Temos que dicir que é un lugar moi limpo e ben acondicionado e a atención foi d e10. Xantamos o menú diario que foi abundante e ben cociñado por un insuperable precio de 10€ por persoa.
Despois de xantar demos un paseo pola vila na que a pesares de estar unha fermosa tarde apenas había ninguén pola rúa. Estivemos na fermosa praza do concello que xa coñecíamos e despois fomos ata o mosteiro cistercense de S. Salvador ou das Bernardas que xa nos quedaba de camiño e tamén xa coñecíamos da anterior visita. Estaban en obras e había andamios e redes de protección en boa parte do edificio.

O Centro Sociocultural é un edificio máis moderno que o que alberga o concello e a biblioteca. Están en frente, separados por unha fermosa praza.

 

Manuel Mª o poeta da Terra Chá tiña  amor fondo pola bisbarra  e por eso escribeu un libriño de 51 páxinas titulado Cantigas e Cantos de Pantón, no que plasmou toda a súa sensibilidade pola terra.

"Cantou todo o que viu e coñeceu, cantoulle á terra e ao viño, ao pasado e ao presente, e dicía: “eiqui a pedra fíxose arte, flor, pasmo, maravilla, milagre”. Louvou estes viños, que son únicos, produto das ribeiras de tres ríos, aos que definiu desta fermosa maneira: “o Miño, o Sil e o Cabe/ pasan cinguindo Pantón/ de xeito lento, suave”. Manuel María entendeu Pantón como ninguén e sentiuno de maneira fonda e definitiva".

Anxel Fole, o escritor lucense, estaba vencellado a Pantón polo seu pai que era da parroquia de Eiré.

Murais de Anxel Fole e Manuel Mª na Casa da Cultura de Pantón

 
A construcción orixinal do edificio que vemos debaixo que alberga a Casa Consistorial e a Biblioteca, data do S. XVII, aínda que se fixeron reformas posteriores. Ten forma de L, muros de sillería de granito con tellado de tella. No 1928 engadeuse a Torre do Reloxo. Diante hai unha fermosa praza.
Concello e biblioteca de Pantón
 
Mosteiro Cistercense de Santa Mª  que tamén se chama Mosteiro de S. Salvador (porque está consagrado a este santo) ou Mosteiro das Bernardas (porque nel viven monxas bernardas en clausura) que dende logo non pasa desapercibido pola súa beleza e grandiosidade. Este é o único mosteiro feminino cistercense da Ribeira Sacra que ten actualmente vida relixiosa.
A portada ten unha torre a cada lado. Na da esquerda, arriba de todo vemos unha figuriña: é a imaxe de S. Salvador a quen está consagrado o mosteiro na torre da dereita vemos o escudo da Orde do Cister pois estamos nun mosteiro cistercense. No centro da porta vemos unha cruz e un escudo que pode ser o do mosteiro.
Portada do mosteiro
 
A vez anterior que estivemos non vimos o claustro pero desta vez chamamos a un timbre (hai un letreiro especificando o horario de visitas) e unha monxa mandounos pasar a velo aínda que como estaban en obras non poidemos aprecialo como nos gustaría.
 
O claustro é do S. XVI en estilo renacentista. O 1º corpo do mesmo é de pedra e o 2º de madeira.

A igrexa é parte máis antiga do mosteiro. É románica e ten chapiteis con motivos vexetais, animais e que contan historias.

A ámbolos dous lados do altar, hai dous sepulcros góticos do S. XV. Un é de D. Diego de Lemos (lider da Revolta Irmandiña) e o outro é o do seu fillo.


A igrexa é moi fermosa e ten un artesonado mudexar do S. XVI, precioso.

Este mosteiro foi levantado ao longo de cinco séculos, a igrexa románica é do S. XII, o claustro do S. XV e o resto de dependencias, do S. XVIII pero xa se fundou no S. X  aínda que nese momento era dúplice (tiña dependencias para monxe e para monxas totalmente separadas) e era Benedictino. No S. XII este tipo de mosteiros dúplice desapareceu e este anexionouse ao Cister dependendo do Mosteiro de Santa Mª de Meira.
Dende 1975, o Mosteiro de Santa Mª de Pantón é Monumento Nacional.

Na foto seguinte vemos a Casa das Donas que é o lugar no que antigamente estaban as celas das relixiosas nobles, que tomaban os seus votos pero mantiñan un estatus de superioridade sobre as otras monxas, tiñan ata criadas. De aí ven o nome deste espazo, porque eran as habitacións das donas. Destacan las 8 chimeneas do seu tellado, unha por cada cela.
A Casa das Donas
 
Un gran muro rodea a zona onde viven as monxas e pégase á igrexa.

Tamén ten actualmente este mosteiro unha hospedería que é o edificio que vemos enfrente.
Hospedería
Páxinas web consultadas:

https://www.elcorreogallego.es/tendencias/manuel-maria-e-panton-BI4684627

https://www.miniontour.es/el-monasterio-cisterciense-de-santa-maria-y-otras-cosas-que-ver-en-ferreira-de-panton/

https://es.wikipedia.org/wiki/Marce_(Pant%C3%B3n)