Voltamos a Pantón!! Xa realizara eu neste concello a ruta Cibrisqueiros-S. Cosmede e tamén a da Fervenza de Augacaída. Hoxe tocou a Ruta de A Coruxeira, moi curtiña pero con moito encanto. Debido a esta curta lonxitude da ruta tamén aproveitamos para visitar a igrexa de S. Fiz de Cangas, a igrexa de Augas Santas e o mosteiro cistercense de Santa Mª ou das Madres Bernardas.
O concello de Pantón está situado ao sur da provincia de Lugo, na Ribeira Sacra lucense. Está bañado o concello por tres ríos: o Miño, o Sil e o Cabe. A capital do concello é Ferreira.
Imos primeiro coa ruta.
Características:
Lonxitude: 4,7 km. (porque demos unha voltiña pola aldea de Pacios, senón serían menos)
Dificultade: fácil
Ruta circular sinalizada agora mesmo de xeito deficiente xa que atopamos algún poste indicador caído, outros faltaban e tamén atopamos na baixada á fonte de augas férreas unha árbore atravesada.
A ruta en WIKILOC:
Descripción:
Dicir en 1º lugar que é unha lástima que non sinalizaran a ruta dende a igrexa de S. Fiz de Cangas, xa que o comenzo oficial está moi preto e dende logo considero que é imprescindible unha visita a esta igrexa e o seu entorno. No meu track veredes que nós comezamos a ruta onde está o panel inicial. Despois en coche fomos a S. Fiz.
Estamos na parroquia de S. Fiz de Cangas e dentro dela no lugar de A Arribada. Antes de chegar ao núcleo de poboación empeza a ruta. AQUÍ
Baixamos por un carreiro estreito á beira dun prado.
E deseguida chegamos á Fonte de Augas Férreas. Estas augas no pasado eran moi aproveitadas pola xente que tiña problemas de saúde pola falta de ferro. A fonte está nun entorno moi fermoso:
|
Entorno da fonte |
Vemos a cor característica deste tipo de auga:
|
Fonte de Augas Férreas |
Seguimos o noso camiño nun fermoso entorno entre muros de pedra seca e carballeiras:
Neste tramo imos sempre á sombra e boa falta fai que temos un día de sol ben caloroso!!
|
Camiñando á sombra |
Agora cruzamos un prado onde o sendeiro empeza a estar desdebuxado pola alta herba:
E chegamos a unha bifurcación onde dá igual o camiño elexido xa que se imos por un lado, volveremos polo outro para atoparnos outra vez aquí:
Nós escollemos ir primeiro á esquerda, pola ponte:
Seguimos á sombra que agradecemos neste día de calor.
|
Camiño sombreado |
E, de súpeto, a paisaxe ábrese ante nós e desembocamos nunha zona de vides. Pantón é terra de viño. O seu emplazamento xeográfico otorga aos seus viños unhas características únicas e nos últimos anos o concello incrementou a producción vinícola e ao redor de 400 viticultores están rexistrados na denominación de orixe. Hai 8 adegas que fan evidente unha importante actividade neste sector que é un gran dinamizador da economía local.
|
Vides |
Tódolos anos ten lugar en maio a Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón que recentemente obtivo o recoñecemento oficial de Festa de Interese Turístico.
Estamos xa noutra parroquia, na de Deade. A aldea que vemos ao fondo é Pacios que non pertence a esta parroquia senón a de Espasantes. |
Pacios ao fondo |
Atravesamos o lugar de A Cal, pertencente á parroquia de Deade. |
A Cal |
Camiñamos agora por asfalto pero só uns metros para atravesar A Cal e chegar a Pacios onde colleremos de novo un sendeiro de terra para facer circular esta ruta.
|
Chegando a Pacios |
Aínda que o trazado da ruta non se adentra en Pacios, nós quixemos dar unha voltiña e fomos coñecer a igrexa de Santo Estevo de Espasantes, construida no S. XIII e reconstruida no S.XVII
|
Igrexa de Santo Estevo |
Vistas dende a igrexa: vides e A Cal por onde acabamos de pasar.
En Pacios, hai que coller ao pé dunhas casas un carreiro á dereita. Que nos volve a sumerxir en sendeiros tradicionais con árbores autóctonas. Volvemos a atoparnos na bifurcación polo outro lado e logo imos palo camiño da ida ata o final.
E ata aquí esta curtiña pero fermosa ruta. Agora xa no coche, achegámonos ata a igrexa de S. Fiz de Cangas.O primeiro que vemos ao chegar é o Calvario do Campo do Santo Cristo do S. XIV que no seu interior alberga unha réplica dun calvario gótico coas figuras de Cristo crucificado, a Dolorosa e S. Xoán realizado en madeira policromada. O conxunto orixinal atópase no Museo do Convento das Clarisas en Monforte.
|
Calvario do Campo do Santo Cristo |
Popularmente este lugar é coñecido como humilladoiro, pequeno lugar de devoción situado nas entradas ou nas aforas das aldeas ou cidades con imaxes ou cruces.
|
Humilladoiro |
Neste lugar , ao lado do Calvario, hai un campo grande onde se celebran as festas, chamado Campo do Santo Cristo.
Seguimos o sinal que nos vai levar á igrexa:
A igrexa de S. Fiz de Cangas foi construida entre os Séculos XII e XIII como templo dun convento de monxas benedictinas pero, dende moitos séculos antes, en época visigoda, xa había aquí un mosteiro. Do conxunto mosteiral que houbo, consérvanse restos das antigas dependencias, hoxe propiedade privada e moi modificadas, destinadas a vivendas e á actividades agrícolas ata non hai moito tempo; consérvase a igrexa e unha pequena capela adosada a ela.
|
Igrexa de S. Fiz |
No S. XVII practicáronse algunhas reformas como o derribo da ábsida lateral esquerda e no seu lugar engadeuse a capela de Torrenovais para albergar o sepulcro de D. Rodrigo López de Quiroga
|
No lugar onde había unha ábsida, engadeuse unha capela |
Na fachada principal, destaca un arco apuntado e o tímpano debaixo. A decoración deste consta dunha cruz grega con grafismos que simbolizan o sol e a lúa, uns rectángulos concéntricos e unha estrela inscrita nun cadrado.
A vida monástica mantívose en S. Fiz ata a reforma de finais do S XV en que as relixiosas desta orde Benedictina se viron obrigadas a trasladarse ao Mosteiro de S. Paio de Antealtares en Santiago.
|
Restos do mosteiro. |
Moi preto da igrexa vemos este pombar restaurado que supoñemos pertencería ao conxunto mosteiral no pasado. |
Pombar restaurado |
Outra imaxe das dependencias pegadas á igrexa: Tamén vemos esta fonte e lavadoiro frente á igrexa: |
Fonte e lavadoiro |
Imaxe do conxunto de S. Fiz visto dende o lado oposto á igrexa. Todas estas dependencias están pegadas a ela.
E agora imos comer a Ferreira, a capital de Pantón. Fixémolo no restaurante O Mosteiro. Comemos un menú do día normal de todo. Nada que destacar da comida pero sí do lugar. Como o día se prestaba, comemos fóra no que é o centro da vila, nunha fermosa praza onde están o edificio do Concello, da Biblioteca pública e un Centro Sociocultural.
A construcción orixinal do edificio que vemos debaixo data do S. XVII aínda que se fixeron reformas posteriores, ten forma de L, muros de sillería de granito con tellado de tella. No 1928 engadeuse a Torre do Reloxo. Diante hai unha fermosa praza.
|
O edificio alberga a Casa Consistorial, a Biblioteca e o Xulgado. |
No edificio onde está o Centro Sociocultural, no baixo, hai un bar e na terraza cuberta temos a estes dous coñecidos escritores galegos da provincia de Lugo, ligados a Pantón dalgunha maneira xa que ámbolos dous mencionaron este concello nalgunha das súas obras literarias. Manuel Mª ten unha rúa dedicada que sae xusto da Praza do Concello.
Outra imaxe do centro da vila:
O Centro Sociocultural xa é máis moderno:
|
Centro Sociocultural |
Despois de comer, fomos visitar o Mosteiro Cistercense de Santa Mª que tamén se chama Mosteiro de S. Salvador (porque está consagrado a este santo) ou Mosteiro das Bernardas (porque nel viven monxas bernardas en clausura) que dende logo non pasa desapercibido pola súa beleza e grandiosidade. Este é o único mosteiro feminino cistercense da Ribeira Sacra que ten actualmente vida relixiosa.
Está situado moi cerquiña do centro da vila, na estrada que vén de Monforte , á man dereita. Na foto seguinte xa vemos ao lonxe o centro da vila onde está o concello e á dereita en 1º termo está o mosteiro con sitio para aparcar.
O mosteiro etá rodeado por unha muralla e a entrada recorda á entrada dun castelo:
A portada ten unha torre a cada lado. Na da esquerda, arriba de todo vemos unha figuriña: é a imaxe de S. Salvador a quen está consagrado o mosteiro na torre da dereita vemos o escudo da Orde do Cister pois estamos nun mosteiro cistercense. No centro da porta vemos unha cruz e un escudo que pode ser o do mosteiro.
|
Entrada ao mosteiro |
Este mosteiro foi levantado ao longo de cinco séculos, a igrexa románica é do S. XII, o claustro do S. XV e o resto de dependencias, do S. XVIII pero xa se fundou no S. X aínda que nese momento era dúplice (tiña dependencias para monxe e para monxas totalmente separadas) e era Benedictino. No S. XII este tipo de mosteiros dúplice desapareceu e este anexionouse ao Cister dependendo do Mosteiro de Santa Mª de Meira.
Dende 1975, o Mosteiro de Santa Mª de Pantón é Monumento Nacional.
|
Mosteiro de Santa Mª de Pantón |
A fachada é de estilo barroco, moi sinxela segundo marcaban as normas do Cister. |
Fachada do mosteiro |
A fachada principal da igrexa non se pode ver porque dá a zona na que viven as monxas e non é visitable. É do S. XII e é un dos exemplos do románico máis interesantes da Ribeira Sacra.
|
A entrada á igrexa |
Os chapiteis desta igrexa teñen decoración vexetal, animal e con historias.
A ámbolos dous lados do altar, hai dous sepulcros góticos do S. XV. Un é de D. Diego de Lemos (lider da Revolta Irmandiña) e o outro é o do seu fillo
Mirando ao teito vemos un artesonado mudexar do S. XVI que é ben fermoso. |
Artesonado mudexar |
Unha cousa que sempre chama a atención nas igrexas románicas son os canciños (non todas os conservan) nesta vense moi ben. Tamén se conservan moi ben as ventaniñas das ábsidas.
Dicir tamén que o mosteiro conta cunha hospedería que hai pouco que reabreu. Nós non vimos o claustro porque íamos con presa pero é moi fermoso e tampouco probamos os doces que elaboran as monxas de xeito artesanal que din que están exquisitos. Temos que volver!!
Decidimos ir facer unha visita rápida á igrexa e balneario de Augas Santas e de camiño chamounos a atención un inmenso conxunto de edificacións que están sendo restauradas ao pé dunha igrexa. Paramos e había cerca un home que moi amablemente nos informou. Non hai nada mellor que falar cos lugareños para enterarse ben das cousas!
Resulta que a igrexa que vemos é a de S. Martiño de Siós e é o único que se conserva dun antigo convento dominico do S. XVI. Este convento que estaba totalmente en ruínas mercouno no 2017 un empresario natural da parroquia de Doade en Pantón propietario dunha cadea de hoteis en Canarias e a rehabilitación vai feita con fins turíssticos; tamén se plantaron dentro deste proxecto unhas 200 hectáreas de viñedo. A xoia deste lugar é unha adega que se atopa anexa á igrexa pola parte de atrás, dise que é a maior da R. Sacra e tamén está sendo restaurada.
|
Igrexa de S. Martiño e edificios en restauración. |
Tamén vimos o Balneario que foi construido no S. XIX sobor dunha charcas que se usaban dende moi antigo como augas medicinais. Foi un dos balnearios máis importantes da provincia de Lugo ata principios do S.XX. Despos foi abandoado e un incendio converteuno en ruinas. No 2006 construeuse o edificio que hoxe vemos.
|
Balneario de Pantón |
Cerca do balneario atopamos o Santuario de Augas Santas. É un lugar de culto na zona e no mes d esetembro hai importante romaría. |
Santuario de Augas Santas |
|
Santuario de Augas Santas. |
Ningún comentario:
Publicar un comentario