xoves, 5 de maio de 2022

RUTA DA LAGOA DE PALLARES OU LAGOA DOS PATOS. (BARREIROS)


O concello de Barreiros sinalizou esta ruta  Lagoa de Pallares ou Lagoa dos Patos e aínda que eu xa coñecía o tramo ata lagoa, xa que coincide co Camiño Natural do Cantábrico, quixen facer a parte que me faltaba e que ten elementos etnográficos que son dignos de admirar. 

Características: 

Lonxitude: 6 km.

Dificultade: fácil. Nalgunha páxina do concello lin que a califican como moderada e non entendo as razóns xa que esta ruta ten un firme de chan moi bon, non presenta apenas desniveis e non pasa por lugares que entrañen ningún perigo.

Ruta circular moi ben sinalizada.

Deixo o meu TRACK

Descripción:

A ruta sae e volve ao Campo de Fútbol de Cascabeiro. Estamos no lugar de Áspera que pertence á parroquia de S. Cosme de Barreiros No inicio temos un panel grande co mapa e as características da ruta.

Xiramos á esquerda onde vemos un cruceiro.

Cruceiro entre Áspera e Viladaíde

Empezamos a camiñar por asfalto por unha estrada local e deseguida enlazamos co percorrido do Camiño Natural do Cantábrico que chega a nós nun cruce pola dereita.
Xa imos no tramo coincidente co C. Natural do Cantábrico

Baixando por esta estrada veremos deseguida un pequeno camiño á dereita que nos leva á mesma beira da Ría. Hoxe a marea estaba baixa e a auga quedaba moi lonxe. Vale moito a pena achegarse aquí. Supón apartarse da ruta uns 20m. e sentarse nun rústico banco de madeira que hai aí é todo un relax. Estamos no lugar de Xestelo.
Vistas da vila e da Ría de Foz dende Xestelo

Voltamos á estrada pola que non pasa ninguén. A cor verde rodéanos.


Despois dunha curta subida, volvemos ver Foz e a Ría:
                                                             Vistas de Foz e a súa ría


Chegamos a este cruce onde vemos os sinais das rutas coincidentes:

Estamos en A Barcela e dende aquí as vistas son inmellorables sobre Foz coa súa ría.

Abandonamos o asfalto para adentrarnos nun monte no que aínda que a maioría de árbores son eucaliptos tamén vimos algún carballo:


Deseguida cruzamos este monte e chegamos á Lagoa de Pallares tamén coñecida como Lagoa dos Patos (Eu xa a visitei ben veces e patos, a verdade, nunca vin) pero a visita merece igual a pena pois a lagoa é moi fermosa:
Lagoa de Pallares
Deixamos á esquerda esta ponte do tren por debaixo da que viremos despois.
 
Bordeamos unha parte da Lagoa que nace a partires dunha antiga canteira naturalizada e reconvertida nun espazo natural.

Seguimos camiño e nun claro, vemos outra vez a ría e ao lonxe a costa de Foz e a de Barreiros.

O noso percorrido continua entre eucaliptos. Á nosa dereita, podemos intuir a ría entre as árbores.
 
Vemos este inmenso caserío rodeado de cipreses.
 
E agora chegamos ao asfalto de novo, neste tramo, todo son acacias.
 
Neste cruce separámonos do Camiño Natural do Cantábrico xa que nós colleremos á esquerda:

E deseguida aparecemos outra vez na Lagoa de Pallares. Na foto seguinte vemos á esquerda o camiño polo que chegamos e agora imos polo asfaltado da dereita:

 Chegamos ao lugar de Vilar:

Paceunos un sitio precioso, con moitas árbores e fermosos xardíns moi coidados.

Fermoso xardín

Ata vimos a Pinocho
Ata os hórreos lucían así de chulos. Nesta ruta aprendín a diferenciar os de estilo Mondoñedo e os de estilo Ribadeo.
Muíño estilo Mondoñedo pero con bodega debaixo
 
 Tanto o de arriba como o de abaixo son de estilo Mondoñedo. Os hórreos deste estilo teñen mestura de madeira e pedra e están elevados sobre altas cepas e a cuberta é ás 4 augas de pizarra.
Hórreo estilo Mondoñedo

Case pegado ao anterior, vemos outro hórreo pero agora, de estilo Ribadeo. Están todos construidos en pedra e recebados. Non se levantan sobre cepas, senón sobre celeiros que poden ser dun ou dous pisos. Este estilo de hórreo leva aberturas laterais en vertical. A cuberta é tamén a 4 augas de pizarra con turulecos de pedra para suxeitar a pizarra.
Hórreo estilo Ribadeo
 
Noutra casa vimos esta fermosura de xardín!

Canto me gustou este barrio! Aquí vemos outro hórreo estilo Mondoñedo frente a unha casa indiana.

"Casa Arturo" é unha casa indiana que atopamos neste barrio de Vilar.
Casa indiana

Detalle do gurugú ou miradoiro desta casa indiana:

Pasamos tamén pola igrexa de S. Cosme de Vilar. Esta era a antiga igrexa desta parroquia de S. Cosme de Barreiros. Como está situada no lugar de Vilar por eso se chama así. Foi construida nos S. XVII e XVIII. Na actualidade, a igrexa parroquial está situada no núcleo urbano do concello.
Antiga igrexa parroquial de S. Cosme

Uns metros antes da igrexa, a ruta lévanos ao antigo lavadoiro de Áspera e Vilar:
 
Este lavadoiro foi construido en 1911 e aproveita a auga do Rego de Esteiro:
 
A igrexa de S. Cosme de Vilar segue a funcionar como co-parroquial e ten enfrente o cemiterio.
Igrexa de S. Cosme de Vilar

Estamos xa en Áspera e chama a nosa atención esta enorme casona: é outra casa de indianos coñecida precisamente como "Casa Grande".

Esta casa indiana foi promovida por Ignacio López e data de 1907.

Vimos por esta zona de Barreiros árbores moi diversas. Ata vimos unha oliveira.

Xa chegando ao final do percorrido, vemos este pombal no Cascabeiro. Os pombais eran un privilexio de pazos e grandes casas labregas. Os buratos era por onde as pombas entraban e saían e dentro tiñan os niños. Non teño foto pero ao pé da igrexa de S. Cosme vimos outro pombal.
 
E aquí, onde empezamos remata a ruta. Marchamos moi satisfeitos do que vimos e do aprendido xa que non hai ruta de sendeirismo na que non se aprenda algo.





Ningún comentario:

Publicar un comentario