É a 3ª vez que imos ao concello de Pantón que pertence á Comarca de Terra de Lemos e tamén á Ribeira Sacra lucense.
Os ríos Cabe, Miño e Sil delimitan este concello e forman nas súas ribeiras agrestes e empinadas unha riqueza paizaxística inigualable que se mestura coa riqueza artística de igrexas románicas, mosteiros, pazos...
As outras realizadas neste concello foron estas:
DE CIBRISQUEIROS A S. COSMEDE
FERVENZA DE AUGA CAÍDA
A CURUXEIRA E OUTROS LUGARES DE PANTÓN
Aparece o nome de tres rutas pero a de Cibrisqueiros e Augacaída foron realizadas o mesmo día.
Así que hoxe realizamos unha 4ª ruta neste fermosísimo concello.
A ruta que tíñamos programada seguindo un track tivo que ser modificada xa que había que cruzar un río por unha ponte pero esta desapareceu e non poidemos cruzar xa que o río levaba bastante auga e con correntes, así que a partires dese punto tomamos un camiño alternativo.
A ruta é moi, moi fermosa. Non tivemos sorte cun miradoiro porque había néboa pero despois despexou e poidemos desfrutar do entorno e as vistas dende o Castro de Marce e da fervenza espectacular de Augacaída.
Características da ruta:
Lonxitude: 7,5 km.
Dificultade: Moderada pola subida e baixada á cascada sobre todo estando húmidas as escaleiras e pasarelas de madeira que hai e tamén as escaleiras de pedra.
Ruta circular con desvíos e ben sinalizada (excepto o camiño ao Miradoiro das Marabillas que non aparece nomeado en ningún lado)
Deixo o track do percorrido en WIKILOC
A miña valoración da ruta:🔅🔅🔅🔅
Descripción da ruta.
Saimos da aldea de Marce que pertence á parroquia de Vilar de Ortelle. Sorprendeunos moito o enorme que é esta aldea e o despoboada que está. Ao igual que a maioría de aldeas de interior de Galicia, sofre dende hai anos dunha perda de poboación constante pero ao revés que outras aldeas, onde se ven casas restauradas de xente que ven de vacacións ou fins de semana, aquí hai moitísimas casas en completa ruína.
O ceo víase azul pero había unha néboa baixa.
|
Marce |
Coa esperanza de que despexara axiña, dixímonos ao Miradoiro das Marabillas. Non esperedes atopar ningunha sinal que vos indique o lugar. Hai que seguir un indicador que pon "Área Recreativa da da Maiorga" (PR-G 162) que pertence a unha ruta homologada moito máis longa que pasa por Marce. Seguimos por esta ruta homologada perfectamente sinalizada.
|
Ruta PR-.G 162 |
Vemos sobreiras, carballos...un fermosos camiño. |
Sobreira no camiño |
E aquí sepáranse as rutas. NON seguir polo marcado que é por onde vai a PR-G 162 cara á área recreativa da Maiorga. Nós imos ao Miradoiro das Marabillas que nalgún momento debeu estar sinalizado porque vemos un poste de madeira pero actualmente se non segues un track, non o atopas. Está a tan só uns poucos metros deste cruce.
Polo tanto pillamos o camiño da esquerda!!
|
Á esquerda |
E...gran decepción...non polo miradoiro que adiviñamos que ten que ter unhas vistas espectaculares senón pola néboa que nos castigou non deixándonos ver absolutamente nada!! Temos que volver!
|
Mirador das Marabillas e a néboa |
Voltamos sobre os nosos pasos ata chegar de novo ao punto de inicio e agora pillamos un camiño pegado ao anterior pero cara á Fervenza de Augacaída. Segimos de novo a PR-G162
|
Pillamos cara á fervenza |
Ímonos asombrando do grande que é aldea de Marce que nos anos 20 tiña sobre 500 habitantes. Hoxe apenas hai uns 15.
|
Casas abandonadas en Marce |
Este edificio en ruínas foi a antiga escola, fundada por emigrantes en Bos Aires, tal e como lemos na placa que ten na fachada. |
Antiga escola de Marce |
A placa di: " Residentes de Marce en Buenos Aires. Fundada el 25 de abril de 1920".En 1944, chegou como mestre á esta escola Juan García-Fuentes Grosso, sevillano que cambiou o seu destino a un compañeiro por esta aldea. Nos anos nos que estivo ao frente, ademáis de atender cada curso a uns 45 alumnos, algúns de aldeas cercanas, organizou unha escola de adultos e puxo en marcha o Cadro Artístico de Marce.
|
Escola de Marce |
Pasamos unha zona , na parte máis baixa da aldea, onde hai moitas casas todas elas abandonadas e case en ruínas.
|
Casas de Marce |
Aquí nunca chegou o asfalto. Consérvanse as vellas rúas de pedra. |
Unha rúa de Marce |
Iniciamos unha baixada na que hai que ter coidado. As pedras están moi esvaradías cando chove ou coa xeada como ocorría no día de hoxe, no que eu mesma levei unha boa zoupada afortunadamente sen consecuencia ningunha.
|
Calexón de baixada |
Pantón ao igual que toda a Ribeira Sacra é terra de vides. |
Vides |
Seguimos baixando polo fermoso carreiro rodeado de muros de pedra.
|
Carreiro |
Aparece auga por calquera sitio. Choveu moito en días pasados e nótase. |
Regos que forman pequenas cascadas |
Chegamos a un cruce no que temos que pillar á dereita, segundo os sinais nos indican. |
Seguimos o sinal |
O camiño anchea e hai tramos nos que predominan as acacias, unha árbore invasora da que vimos moitas noutra ruta feita neste concello, na de Cibrisqueiros a S. Cosmede. |
Un bosque de acacias |
Axiña pasamos a un bosque autóctono, unha carballeira espida agora en inverno. |
Unha carballeira |
Pasamos por diante dunha antiga construcción que seica foi unha bodega. |
Antiga construcción |
Chegamos a unha bifurcación: á dereita imos ao Castro de Marce e á esquerda á fervenza. Primeiro imos ao Castro.
|
Bifurcación: á cascada e ao castro |
Tan só o camiño para chegar ao castro xa merece a pena porque é moi fermoso. |
Camiño ao castro de Marce |
Imos vendo moitas sobreiras. |
Sobreiras |
O entorno do Castro é moi fermoso, está situado nun promontorio derriba do río Miño. No pico hai un banco que invita a quedarse aí moito tempo xa que as vistas son marabillosas. O outro día fixemos a ruta do "Sobreiral do Arnego" en Agolada onde vimos bastantes sobreiras pero nunca moitas xuntas, senón salpicadas aquí e acolá mestruradas con outras árbores. Aquí, o castro está todo rodeado destas árbores e na parte dereita da foto vemos un inmenso sobreiral.
|
Castro de Marce |
O castro está sen escavar e a lenda di que aquí vivían os xacios e as xacias (metade peixe e metade home ou muller). Conta a lenda que saían das augas do Miño as xacias e namoraban aos barqueiros pero se se ían con un xa non podían voltar porque eran rechazadas na comunidade.
|
Castro de Marce |
Voltamos polo mesmo camiño de ida. |
Carreiro de ida e volta ao castro |
Chegamos de novo ao cruce e agora pillamos á dereita para baixar á cascada. |
Baixada á fervenza |
No 2016 o concello de Pantón instalou escaleiras e pasarelas de madeira para acceder de forma máis fácil á cascada. Antes era moito máis perigoso baixar e nalgúns tramos había cordas para axudar a non caer. Agora, aínda que pareza mentira, hai que ter moito coidado tamén cando a madeira está húmida porque esvara moitísimo.
|
Escaleiras de madeira na baixada |
Tamén hai que ter coidado coa baixada polas pedras cando están húmidas, tamén esvaran. |
Baixada natural |
Eu case prefiro unha baixada natural que estea un pouco acondicionada que tanta madeira porque é moi fácil caer cando está mollada.
|
Xa moi cerca da cascada |
Ao final, ao pé da fervenza, hai un miradoiro de madeira para observala debidamente. É espectacular esta caída de auga duns 40 metros dende o río de Aguianza que deseguida desemboca no Miño.
|
Fervenza de Augacaída |
Desta vez puiden ver a fervenza como quixen, xa que aparte de nós que éramos 4, non había ninguén. Os festivos e fins de semana sobre todo en verán acostuma a haber moita xente.
Damos a volta dende a cascada (hai bastante desnivel e a subida cansa. Menos mal que é curta) e seguindo o track pillamos un carreiro á dereita xusto ao rematar de subir.
|
Carreiro á dereita |
O GPS lévanos ao río, un pouco máis arriba da cascada. Oficialmente chámanlle rego de Aguianza polo que supoño que habitualmente non debe levar moita auga, xa que o consideran "rego" pero no día de hoxe, máis que rego, era un río con bastante auga e con correntes. A sorpresa foi grande cando vimos que a ponte que debíamos cruzar non existía! Pensamos que a debeu levar o río ao chover bastante en días pasados e nesa zona ademais hai unha forte corrente.
|
Rego de Aguianza |
Os sinais do outro lado do río indicaban que estábamos no lugar correcto para cruzar pero non nos atrevemos facelo a pé xa que suporía ter que mollarse ata os xeonllos e ademais a corrente tamén botaba para atrás. Así que demos a volta e buscamos outra alternativa.
|
Lugar onde tiña que haber unha ponte |
Voltamos outra vez polo mesmo lugar e ao chegar ao cruce polo que antes xa pasáramos en vez de voltar a Marce por onde viñéramos (só eran 400m pero habería unha boa subida) optamos por ir ata a entrada á fervenza dende a estrada. Son 650m. pero en chao.
|
Podemos ir para Marce por calquera dos dous camiños. O da esquerda ten moita subida. |
Este é o camiño máis frecuentado para chegar á cascada, o que vai á estrada. Un fermoso percorrido polo medio dunha carballeira con moitos muros de pedra delimitando fincas.
|
Camiño |
Un chiringuito bastante "cutre" e que garda pouca relación con este fermoso entorno.
|
Chiringuito |
Chegamos á estrada e temos que coller á esquerda, cara á aldea de Marce.
|
Enlace coa estrada |
Despois de 600m. por estrada, chegamos de novo ao punto de inicio en Marce.
|
Subida a Marce |
|
Marce |
Marce tivo estanco e cantina que debían estar no edificio que vemos das columnas.
|
Marce |
Rematada a ruta fomos xantar á capital do municipio: Ferreira onde xa estivéramos cando fixemos a ruta da Coruxeira. Desta vez comemos no restaurante Topic. Temos que dicir que é un lugar moi limpo e ben acondicionado e a atención foi d e10. Xantamos o menú diario que foi abundante e ben cociñado por un insuperable precio de 10€ por persoa.
Despois de xantar demos un paseo pola vila na que a pesares de estar unha fermosa tarde apenas había ninguén pola rúa. Estivemos na fermosa praza do concello que xa coñecíamos e despois fomos ata o mosteiro cistercense de S. Salvador ou das Bernardas que xa nos quedaba de camiño e tamén xa coñecíamos da anterior visita. Estaban en obras e había andamios e redes de protección en boa parte do edificio.
O Centro Sociocultural é un edificio máis moderno que o que alberga o concello e a biblioteca. Están en frente, separados por unha fermosa praza.
Manuel Mª o poeta da Terra Chá tiña amor fondo pola bisbarra e por eso escribeu un libriño de 51 páxinas titulado Cantigas e Cantos de Pantón, no que plasmou toda a súa sensibilidade pola terra.
"Cantou todo o que viu e coñeceu, cantoulle á terra e ao viño, ao pasado e ao presente, e dicía: “eiqui a pedra fíxose arte, flor, pasmo, maravilla, milagre”. Louvou estes viños, que son únicos, produto das ribeiras de tres ríos, aos que definiu desta fermosa maneira: “o Miño, o Sil e o Cabe/ pasan cinguindo Pantón/ de xeito lento, suave”. Manuel María entendeu Pantón como ninguén e sentiuno de maneira fonda e definitiva".
Anxel Fole, o escritor lucense, estaba vencellado a Pantón polo seu pai que era da parroquia de Eiré.
|
Murais de Anxel Fole e Manuel Mª na Casa da Cultura de Pantón |
A construcción orixinal do edificio que vemos debaixo que alberga a Casa Consistorial e a Biblioteca, data do S. XVII, aínda que se fixeron reformas posteriores. Ten forma de L, muros de sillería de granito con tellado de tella. No 1928 engadeuse a Torre do Reloxo. Diante hai unha fermosa praza.
|
Concello e biblioteca de Pantón |
O Mosteiro Cistercense de Santa Mª que tamén se chama Mosteiro de S. Salvador (porque está consagrado a este santo) ou Mosteiro das Bernardas (porque nel viven monxas bernardas en clausura) que dende logo non pasa desapercibido pola súa beleza e grandiosidade. Este é o único mosteiro feminino cistercense da Ribeira Sacra que ten actualmente vida relixiosa.
A portada ten unha torre a cada lado. Na da esquerda, arriba de todo vemos unha figuriña: é a imaxe de S. Salvador a quen está consagrado o mosteiro na torre da dereita vemos o escudo da Orde do Cister pois estamos nun mosteiro cistercense. No centro da porta vemos unha cruz e un escudo que pode ser o do mosteiro.
|
Portada do mosteiro |
A vez anterior que estivemos non vimos o claustro pero desta vez chamamos a un timbre (hai un letreiro especificando o horario de visitas) e unha monxa mandounos pasar a velo aínda que como estaban en obras non poidemos aprecialo como nos gustaría.
O claustro é do S. XVI en estilo renacentista. O 1º corpo do mesmo é de pedra e o 2º de madeira.
A igrexa é parte máis antiga do mosteiro. É románica e ten chapiteis con motivos vexetais, animais e que contan historias.
A ámbolos dous lados do altar, hai dous sepulcros góticos do S. XV. Un é de D. Diego de Lemos (lider da Revolta Irmandiña) e o outro é o do seu fillo.
A igrexa é moi fermosa e ten un artesonado mudexar do S. XVI, precioso.
Este mosteiro foi levantado ao longo de cinco séculos, a igrexa románica é do S. XII, o claustro do S. XV e o resto de dependencias, do S. XVIII pero xa se fundou no S. X aínda que nese momento era dúplice (tiña dependencias para monxe e para monxas totalmente separadas) e era Benedictino. No S. XII este tipo de mosteiros dúplice desapareceu e este anexionouse ao Cister dependendo do Mosteiro de Santa Mª de Meira.
Dende 1975, o Mosteiro de Santa Mª de Pantón é Monumento Nacional.
Na foto seguinte vemos a Casa das Donas que é o lugar no que antigamente estaban as celas das relixiosas nobles, que tomaban os seus votos pero mantiñan un estatus de superioridade sobre as otras monxas, tiñan ata criadas. De aí ven o nome deste espazo, porque eran as habitacións das donas. Destacan las 8 chimeneas do seu tellado, unha por cada cela.
|
A Casa das Donas |
Un gran muro rodea a zona onde viven as monxas e pégase á igrexa.
Tamén ten actualmente este mosteiro unha hospedería que é o edificio que vemos enfrente.
|
Hospedería |
Páxinas web consultadas: https://www.elcorreogallego.es/tendencias/manuel-maria-e-panton-BI4684627
https://www.miniontour.es/el-monasterio-cisterciense-de-santa-maria-y-otras-cosas-que-ver-en-ferreira-de-panton/
https://es.wikipedia.org/wiki/Marce_(Pant%C3%B3n)
Ningún comentario:
Publicar un comentario