venres, 6 de xaneiro de 2023

SOBREIRAL DO ARNEGO. RUTA CIRCULAR. AGOLADA(PONTEVEDRA)

 Esta é a 2ª ruta que facemos na provincia de Pontevedra, concretamente no concello de Agolada.

 

O concello de Agolada limita coa provincia de Lugo por eso é un dos que nos queda máis cerca. Pertence á comarca do Deza e ao igual que moitos concellos do interior de Galicia a súa poboación vai a menos cada ano debido á forte emigración que sofre.

A ruta que realizamos atravesa as parroquias seguintes do concello: Santa Comba, Brántega e S. Pedra de Carmoega e Orrea.

O concello de Agolada sinalizou o percorrido do sobreiral ás beiras do río Arnego (Lugar de Importancia Comunitaria) dentro da Rede Natura 2000 e que non só abrangue este concello senón que tamén se extende polos concellos veciños de Lalín e Vila de Cruces. Na parroquia de Agolada é un percorrido lineal dun 6 km. aprox. ida e volta que ademais das beiras do río Arnego, métese cara ao interior chegando ata a aldea de Garlín.

Nós vimos que había varios tracks que facían circular esta ruta sumándollle algún km. máis e así a fixemos desfrutando ademais da paisaxe ás beiras do río, de varias aldeas e das vistas dende Pena Maior.

Características da ruta

Lonxitude: 13,7 km.

Dificultade: baixa

Ruta circular só sinalizada a 1ª parte. Para facela circular hai que seguir u GPS.

Deixo o meu track en WIKILOC

Descripción:

Partimos da área recreativa do río Arnego.

Área recreativa do río Arnego ou área recreativa de Carmoega
 

Esta área recreativa está ás beiras do río Arnego. Está cruzada por unha estrada local e ten bancos e mesas de granito.

Área recreativa do río Arnego

Camiñamos uns 50m pola estrada cruzando unha ponte e dende ela vemos este piar no mediodo o que pertencía á antiga ponte que houbo no pasado.

Antigo piar da ponte

Torcemos á dereita para empezar xa o roteiro chamado "Sobreiral do Arnego" e vemos xa a 1ª sobreira inmensa e verde xa que son árbores de folla perenne.

Sobreira
Non só hai sobreiras neste percorrido. Estas árbores aparecen mesturadas con carballols, amieiros, castiñeiros...
Percorrido ás beiras do río

As sobreiras mestúranse aon outras árbores:
Sobreira e outras árbores

O río Arnego debe sairse do seu cauce cando chove moito e así o comprobamos no chan coas herbas "peinadas" e sen restos de follas que a auga levou. A auga tapou o camiño todo e incluso o atravesou. Supoño que en épocas así non será viable facer este percorrido.

Nótase que hai pouco desbordou o río

 Algunha das sobreiras que atopamos son enormes.

Enorme sobreira

Alonxámonos do río e empezamos a subir. No medio dos piñeiros tamén vemos sobreiras:

Sobreiras no medio de piñeiros

A medida que ganamos altura cambia a paisaxe. Desapareceron de momento as sobreiras. Aparecen uces e toxos nunha subida por un estreito carreiro co chan de lousas e pedras.

Subida por un estreito carreiro
 

Como vemos non hai só sobreiras ao lado do río senón que a medida que ganamos altura tamén vemos estas árbores.

Sobreiras tamén nas alturas
Agora o carreiro que trouxemos durante uns metros (sobre 1km) tranformouse nun ancho camiño.
Ancho camiño
Desembocamos nunha estrada local.
Estrada local.
E chegamos a Garlín, unha aldea da parroquia de Santa Comba, no concello de Agolada.
Garlín
 

Sen chegar a cruzar esta aldea de Garlín, torcemos á dereita por esta pista.

Ao final desta pista, na curva, torcemos á dereita.

Chámanos a atención que xa empezar a florecer as mimosas ou acacias.

Acacias xa en flor
Agora temos unha fermosa vista de Garlín que é unha aldea gandeira con grandes extensións de prados.
Garlín

No comenzo da subida do camiño da imaxe paramos a tomar o noso "tente en pé". Atravesaremos este monte durante 1 km. 
Subimos por esta pista de monte durante 1 km.

Desembocamos noutra estrada local que xirando á dereita nos leva a Santán, da parroquia de Santa Comba.
Santán
Dende Santán, xa temos vistas espectaculares.
Vistas dende Santán
Zona de pastos verdes e vacas. Vímolas de leite e do país.
Zona gandeira

Deseguida abandonamos a estrada (esta ruta pisa pouco asfalto xa que deseguida se desvía por pistas e camiños) Pillamos no cruce que vemos á esquerda.
Pillar á esquerda

Subindo por este camiño e mirando cara atrás, temos excelentes vistas.
Subindo a O Valadoiro

 Ao rematar a subida e chegar a O Valadoiro, temos un cruce e non sabiamos por onde coller . Parecíanos lóxico seguir polo camiño da dereita pero o track dicía que non era por aí
O Valadoiro

En vez de polo camiño resulta que hai que ir polo prado paralelo e pegado ao mesmo ao principio, aínda que despois descubrimos que seguindo ese camiño que se ve na imaxe anterior, un pouco máis adiante tamén collendo á esquerda chegariamos a Pena Maior igual.
Subindo a Pena Maior pola beira do prado.

Despois de rematar o prado, desembocamos nunha pista de monte que nos achega a Pena Maior. Son só uns 100 metros de desvío e merece a pena. Vemos unha antena de telefonía e o vértice xeodésico.

                                                                Pena Maior

Dende Pena Maior as vistas son espectaculares. Vemos todo o val do Ulla e do Deza.
Vistas dende Pena Maior

Outra panorámica dende Pena Maior
Vistas dende Pena Maior

Damos a volta ata onde enlazamos co prado polo que subimos pero agora continuamos de frente para facer circular esta ruta. A partires de aquí xa todo será baixar. Que ninguén teña medo tampouco á subida, xa que é lixeira.
Empezamos a baixar

E chegamos a un cruce de estradas locais. Cruzamos a estrada perpendicular á que traemos e seguimos de frente.
Uns metros por asfalto.

Deseguida deixamos o asfalto para torcer pola pista que vemos na foto, á esquerda.

Torcemos á esquerda
Cuzamos por esta pista forestal durante 1,5 km. aprox. Estamos ao pé do Monte da Filgueira.

Monte da Filgueira

Case rematando de cruzar o monte, este transformase nun fermoso bosque..

Bosque

O camiño desemboca na parroquia de Brántega. Concretamente no lugar de a Feira Nova. A parroquia de S. Lourenzo de Brántega foi durante anos unha das máis importantes de Agolada
Brántega
 Neste Campo da Feira se celebraba o día 26 de cada mes unha importante feira que durou ata mediados dos anos 60 do S. XX.
Campo da Feira

Seguramente recibe o nome de Feira Nova en relación coa que se celebraba nos Pendellos de Agolada que era máis antiga.
A Feira Nova

 No mesmo recinto da feira, está o monumento aos músicos de Brántega en honra dos que crearon a Banda de Música de Brántega.
Monumento aos músicos de Brántega

Podíamos seguir por estrada ata Carmoega pero o track sempre acaba por alonxarnos do asfalto e collemos á dereita pola pista da foto:
Collemos á dereita

Imos por un camiño de carro.
Camiño de carro

E desembocamos na estrada local que antes traíamos, Carmoega.
Carmoega
A igrexa de S. Pedro de Carmoega é de estilo neoclásico
Igrexa e S. Pedro de Carmoega

Un pouco máis abaixo da igrexa temos o lugar onde xantamos: A Taberna de Carmoega. Un  sinxelo lugar, sen luxos pero limpo e con comida caseira . Nós xanamos uns calamares de 1º, despois churrasco de porco e tenreira con chorizo criolo e patacas fritas, bebida, postre e café por 13€ cada un. Eso si, o servizo foi algo lento xa que tiñan o comedor a tope de traballadores pero como tampouco tíñamos presa xa que faltaba moi pouco para chegar ao remate da ruta, deunos igual.
Taberna de Carmoega, xa moi cerca do final de ruta

 O seguinte lugar, moi cerca de Carmoega e da mesma parroquia é Pazos
Pazos

E tamén case pegado o lugar anterior temos a Devesa
A Devesa
Aquí enlazamos co traxecto de ida. Os cans que se ven acompañáronnos dende o restaurante onde xantamos ata o coche.
Enlace co camiño da ida.

 Por un pequeno tramo de estrada, chegamos ao final xunto á área recreativa.

Como aínda era cedo, parecíanos unha mágoa non aproveitar para chegar ata Agolada e ver os seus famosos pendellos dos que eu por certo nunca oira falar ata que preparando esta ruta atopei información.
Quince minutos nos separaban de Agolada e aló fomos.

Os PENDELLOS DE AGOLADA son unhas construccións do S. XVIII que acolleron unha das feiras máis populares de Galicia.


Están construidos en pedra e o tellado colocábase sobre vigas de madeira de castaño.
Pendello por dentro con vigas de madeira


Había catro tipos de pendellos:
 Os Expositores para colocar as mercadorías e que podían ser alugados para tal fin:
Pendellos expositores

Os Pendellos Comedor onde se reunirían os disferentes gremios de feirantes para comer. Como sinal distintivo, nestes pendellos abríanse grandes celosías de madeira que deixaban pasar a luz e ventilaban. No interior había unha lareira e o chan era de terra.
Pendello comedor.

Restauración dun pendello comedor por dentro:

Os Pendellos almacén: chamados casetas eran utilizados como almacén os días de feira, onde se gardaba o gando e a mercancía para vender ou a xa mercada antes de marchar.
Pendellos almacén

No 1985 este conxunto de arquitectura civil foi declarado Conxunto Histórico Artístico e mantívose activo ata os anos 70 do S. XX. Entre 1977 e 1978 foron derribados 23 pendellos.
No ano 2008 os pendellos foron adquiridos pola Deputación de Pontevedra e restaurados.
A que vemos na foto é a rúa principal da feira. Chámase Rúa da Parranda. Nela había 12 pendellos expositores que se situaban en ámbolos dous lados, 5 pendellos comedores, varias casetas almacén, varias vivendas e a Capela das Virtudes.
Rúa da Parranda
 Pendellos comedor.

 Interior da Capela das Virtudes.


A Capela das Virtudes estaba situada nun meandro do río de Ferreiroa. A familia Sarandeses propietaria aínda hoxe da capela foi a que decideu o seu traslado ao lugar actual xa que na época de chuvias o lugar era impracticable e incluso a auga  chegou a levar dúas columnas e os santos.
É unha capela sinxela e humilde sen campanario e que non sobresae por derriba dos pendellos. Foi o 1º templo de Agolada e houbo culto nel ata finais dos anos 60.
Capela das Virtudes

Un pendello restaurado no seu interior.
Interior dun pendello

O proceso de rehabilitación dos pendellos rematou no 2008. No ano 1978 forn derribados 11 pendellos para construir o edificio que alberga o concello.
Non son edificios con grandes ornamentacións, senón sinxelos e funcionais servindo perfectamente para o que foron creados.
Nos pendellos que vemos na foto seguinte realizábase a venta da mercancía. Teñen unha especie de mostradores duns 50cm. de ancho de pedra rematados con lousas que facilitan a colocación dos productos a vender. Contaban con cubertas que os protexían do sol ou da chuvia. A maioría destas construccións teñen detrás un segundo mostrador con lousas de pedra empotradas no muro interior ou un banco adosado para colocar máis mercadorías ou incluso para sentarse.

Este recinto feiral utilizouse ata principios de 1970
. Durante este tempo, unha vez ao mes, celebrábase aquí unha feira dedicada ao comercio de gando, productos agrícolas, téxtiles e ferramentas que se coñecía como o Mercado Medieval de Os Pendellos de Agolada .
Os pendellos eran de propiedade particular e alugábanse os días de feira.
Algúns pendellos estaban adosados a casas particulares que estiveron habitadas ata os anos 70.


Os pendellos de Agolada están considerados como un dos mellores  exemplos deste tipo de mercados en toda Europa.

Había tamén edificios que funcionaban como pousadas para que poideran durmir nelas os que viñan á feira e se quedaban para o día seguinte ou viñan o día antes.


Páxinas web consultadas:

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/rodis-117714641

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/pontevedra/comarca-do-deza/agolada/pendellos/

https://www.miniontour.es/os-pendellos-de-agolada-una-pasada-de-mercado-tradicional-en-galicia/

Ningún comentario:

Publicar un comentario