domingo, 28 de agosto de 2022

RUTA OS CORTÍOS. P.R.AS-278 (SANTALLA DE OSCOS)

 Outra vez máis nos imos a Santalla de Oscos para outra ruta neste concello. E xa van 6 con esta!

As outras rutas que levamos realizadas podes velas pinchando no nome de cada unha:

Ruta da Seimeira

Ruta del Forcón de los Ríos

Ruta da Coba

Ruta del Esqueicer

Senda verde das Carballeiras

A ruta dos Cortíos que hoxe realizamos é semifluvial ao ir aprx. a metade da ruta pegada ao río Barcia e ao Rego da Pasadía. Neste percorrido destaco sobre todo a fermosa aldea de Barcia orientada ao turismo rural e a riqueza da vexetación que atopamos atravesando frondosas carballeiras e vendo tamén outras árbores como acivros, freixos, amieiros... arbustos coma bieiteiros, arandeiras...

Características da ruta:

Lonxitude: 9,2 km.

Dificultade:moderada.

Ruta circular ben sinalizada

O meu track en WIKILOC

Descripción:

Mesmo á beira da estrada AS-27  empeza esta ruta, a uns 2 km. de distancia de Santalla de Oscos. A un lado temos un amplo aparcadoiro nun prado e xusto ao outro lado empezamos o percorrido. Esta perfectamente sinalizada.

Inicio da ruta
Á nosa esquerda vai o río Barcia que apenas vemos, debido á exuberante arboreda que o rodea.
Empezando a ruta
 

Vemos carballos, freixos, bidueiras, abelairas...e tamén bieiteiros que están en plena explosión de froitos. Este arbusto teñen moitas propiedades menciñais.

Viaiteiros en flor
Barcia é uha pequena aldea totalmente enfocada ao turismo rural. Practicamente tódalas casas están restauradas en pedra e lousa.
Barcia
Inmensa vivendas restauradas de cara ao turismo:
Barcia
 Detalles curiosos que vimos nesta aldea.



 

Vemos as mostras da dedicación ao turismo:

Barcia
 

Abandonamos Barcia por este fermoso camiño:


Chegados a este punto, temos a opción de seguir de frente ou ben cruzar a ponte que vemos á esquerda. A ruta faise circular neste lugar e iremos por un lugar e voltaremos polo outro para atoparse aquí. Nós seguimos de frente e pensamos que é a mellor opción xa que as subidas que imos ter son algo máis suaves e aínda que a paisaxe é a mesma subindo que baixando, non se ve igual dunha ou outra maneira e penso que se desfruta mellor se cruzamos a ponte á volta.

Seguimos de momento ás beiras do río Barcia que axiña deixaremos.
 
Agora cruzamos esta ponte deixando o río.
Ponte sobre o río Barcia
 
E empezamos unha suave ascensión a media ladeira acompañados sempre dun rego: o rego da Pasadía.
 Fe recollendo arandos

A ruta está moi ben sinalizada e aquí indícanos o curto desvío ao cortín de Carrelo.
 
Este cortín está ben conservado e mantén a súa forma totalmente redonda.
 
Un cortín (alvariza en galego) é unha contrucción típica do occidente asturiano que consiste nun pechamento redondo de manpostería rematado por un aleiro de lousas ou pedras. É xeralmente redondo ou ovalado e pode acadar os 3m. de altura. A súa función é protexer as colmeas do lume, dos ruobos e dos ataques do oso. Sempre se construen en pendente aproveitando o desnivel do interior para colocar as colmeas nunha sucesión de repisas escalonadas. 
O emplazamento dos cortíns facíase en ladeiras orientadas cara ao sol e resgardadas de ventos, o monte debía ser rico en flora melífera, sobre todo iuces e ter cerca un curso de auga.
Cortín de Carrelo.

Continuamos o percorrido sempre polo medio de impresionantes carballeiras.


E chegamos ao Pico do Orro dende o que esperabamos ter unhas espectaculares vistas pero non é así, xa que a vexetación abundante non deixa opción. Haberá que agardar un pouco.
Pico do Orro

Agora toca baixar. Esta ruta non toca nada de asfalto.
 
Parece talmente que atravesemos un bosque dos que aparecen nos contos.

O brión e os fentos tamén están no percorrido por camiños de toda a vida, agora pouco pisados.


E descubrimos este curioso cogomelo (Eu tamén descubrín que tamén os hai en verán) O nome científico é phallus impúdicus e en España chamáselle falo hediondo ou simplemente falo. (O nome é fácil de enender pola semellanza que ten cun pene) Ten un un cheiro moi forte e unha persoa do grupo descubreuno por esta característica. (Eu debo ter o sentido do olfacto atascado)
Fallus impúdicus

Agora enfrontámonos a outra forte subida. Menos mal que é curta:

Tamén vimos abundantes acivros:


E despois da intensa subida temos o premio das espectaculares vistas: contemplamos Barcia e a paisaxe dos Oscos:




Desapareu o bosque e o que nos rodea é monte baixo. O carreiro está perfectamente delimitado e en boas condicións.

E agora toca baixar ata chegar de novo. O camiño será sempre de baixada ou en chan.


De novo nos metemos na carballeira.

Ao pé dun gran carballo vemos un banco feito cunha pedra. Bo sitio para facer un alto!


O lugar non pode ser máis fermoso!

O seguinte cortín que vemos é o Cortín de Navallo.
A maioría dos cortíns ou alvarizas son só un montón de pedras incapaces de defender nada frente a naide. Atópanse en estado de abandono tanto pola dificultade de acceder a eles con comodidade, como polo cambio de modelo productivo, polo que se fai  fundamental tratar de preservalos, recuperalos e poñelos en valor como parte da nosa historia que son.

                                                                               Cortín de Navallo

Camiños con muros de pedra seca cheos de brión.

Chegamos á ponte sobre o río Barcia que agora si cruzaremos. Aquí péchase o círculo da ruta a agora volvemos por onde viñemos na ida.
Ponte sobre o Barcia

Xa vemos de novo a aldea de Barcia.
Barcia
Como nos gustan estes antigos camiños!!

Outra vez en Barcia, claro exemplo de aldea orientada ao turismo.
Barcia
E xa chegando ao punto onde comenzamos.


Páxinas web consultadas: 
https://www.museodegrandas.es/
http://mielouturelos.com/

Fomos xantar a Mazonovo ao restaurante L'Agua, a uns 10 minutos do aparcadoiro da ruta. Seguimos rumbo a Santa Eulalia e na rotonda pillamos a estrada a Fonsagrada. Deseguida aparece o letreiro e vemos xa aló embaixo o restaurante, teremos que deixar o coche arriba (penso que vimos unha pequena zona para aparcar) ou ben seguir uns metros máis como fixemos nós, torcer á dereita e unha estreita pista asfaltada lévanos a un aparcadoiro bastante amplo nun prado. Dende aquí hai que ir andando uns 150m para chegar xa que o acceso está restrinxido aos habitantes locais.
Tanto indo polo primeiro acceso como polo segundo, os últimos metros (aprox. 150 en cada caso) hai que ir camiñando. Por onde fomos nós vaise sempre á sombra e é chan pero polo outro lado hai que baixar e logo subir unha empinada costa.
Comemos ben pero non é barato. Os produtos son de calidade eso sí e incluso de horta local pero ...como dicir? eu non vexo que sexa para tantas boas calificacións como vexo na Internet en que poñen o lugar polas nubes de marabilloso. O entorno é moi fermoso entre exuberante vexetación e o establecemento é unha casona restaurada cun pequeno comedor dentro e unha pequena e acolledora terraza fóra(onde nós comemos). A atención dos rapaces que atenden é correcta pero...a mín faltoume algo. Será que cando les referencias tan positivas sempre te creas expectativas demasiado altas...O caso é que eu non repetiría. Penso que hai cerca outros lugares igualmente atractivos en tódolos sentidos e máis económicos ca este que só é para economías pudientes.
Dicir que como menú ofrecían 2 primeiros entrantes e un segundo a elexir por 72€, supoño que sería con bebidas, café e postre porque xa nin preguntamos...
O caso é que xente non lles falta xa que estaba todo cheo tanto dentro como fóra.
Na seguinte foto vemos o lugar de Mazonovo, un conxunto etnográfico que debe o seu nome a un mazo hidraúlico do S. XVIII para traballar o ferro, sendo unha excelente mostra da industriado ferro da comarca. 
 
Neste lugar atópase o restaurante onde xantamos: "Restaurante L' Auga. Casa da Sapeira"
Restaurante L'Auga

Despois de comer fomos visitar outra pequena aldea que xa visitáramos cando fixemos a ruta da Coba. Na foto de abaixo vemos a área recreativa coa praia fluvial na que coméramos cando realizamos dita ruta.
Área recreativa de Ferreira

O famoso hórreo que sae en tódalas fotos:
Hórreo en Ferreira
Un aspecto de Ferreira. Hai algunhas casas restauradas ou en bo estado de conservación.

Tamén hai unha pequena capela en bo estado.
























luns, 22 de agosto de 2022

O CAMIÑO DOS FAROS. TRAMO: PONTE DO PORTO-MUXÍA

O noso anterior tramo deste Camiño dos Faros foi en novembro de 2021. Retomamos hoxe este Camiño realizando o tramo Ponte do Porto- Muxía.
É un percorrido de baixa dificultade e que nos permiteu desfrutar de praias practicamente desertas a pesares de ser agosto, debido a que o día amenceu nublado e incluso con barruzo e a temperatura era ideal para camiñar, máis algo baixa para o defrute nos areais. Atravesamos aldeas, montes e ríos e desfrutamos doutros elementos etnográficos como muíños, as Torres de Cereixo, a igrexa de Santiago...coma sempre vendo paisaxes diversas que fan deste Camiño dos Faros algo único e nunca monótono. Tamén desfrutamos das vilas de Ponte do Porto e Muxía.

Características do tramo:
Lonxitude: 17,3 km.
Dificultade: baixa.
Ruta lineal na que ir moi atento para ver os sinais nalgún cruce xa que empezan a borrarse. Moito mellor levar un track. Eu deixo o meu en WIKILOC:

Descripción:

Partimos de Ponte do Porto aínda no concello de Camariñas, para ir cara a Muxía. Camiñamos uns metros polo paseo fluvial do Río Grande.
Paseo fluvial de Ponte do Porto

 E case sen darnos conta, pasamos do concello de Camariñas ao de Vimianzo. Entramos en Cereixo que pertence a este último municipio.

No fondo da ría de Camariñas e preto da desembocadura do Río Grande, comenza a chamada Ría do Porto. Este estuario é navegable coa preamar e perdeu hai tempo a súa función de porto. Recentes investigacións apuntan a que na I. Media, peregrinos chegados dende as costas inglesas arriba
ban a Cereixo para logo continuar a pé ata Santiago. Por este motivo, Cereixo foi declarado Porto Xacobeo no 2010.
Porto de Cereixo
Cereixo, vila señorial fundada no S. XIII, é un cachiño do concello de Vimianzo que se quere asomar ao mar e a pesares de ser moi pequeno ten patrimonio ben interesante que amosar.
Deseguida pillamos un camiño á dereita que non alonxa do asfalto e nos vai meter nun fermoso paseo fluvial a carón do río Riotorto. O que vemos primeiro é un muíño de mareas que data do S. XVII sendo o 3º máis antigo de toda Galicia. Os muiños de mareas aproveitaban as subidas e baixadas das mareas para xerar correntes de auga capaces de mover a pedra hidráulica que move á súa vez a pedra de moer (moa)


Muiño de mareas

Vila Purificación (non teño foto da casa) é unha das edificacións máis antigas de Cereixo. É do S. XVIII e ten un dos hórreos (poidemos ver algo del a través dunha cancela) máis grandes de Galicia.
Vila Purificación era o lugar onde se cobraban os diezmos e impostos en forma de gran de aí o gran tamaño do cabozo. Na foto vemos o pombal.
Pombal de Vila purificación
Cereixo presenta un dos conxuntos arquitectónicos máis interesantes de Terra de Soneira, comarca á que pertence. Moitas das súas casas son de pedra dunha excelente cantería con balcóns que foron propiedade de familias importantes da zona, algunhas con linaxe fidalgo vinculadas a negocios portuarios, cobro de foros ou administración de muiños de mareas.
Paseo fluvial de Cereixo

A igrexa de Santiago é románica, data do S.XII e sobre unha das súas portas exhibe un relevo da barca na que presuntamente chegaron os restos do apóstolo Santiago a Galicia, xunto con varios acompañantes. 
 
É na portada sur onde vemos o que se chama "traslatio" (segundo recolle o Códice Calixtino, tralo martirio do apóstolo Santiago os seus discípulos fixéronse co seu corpo e partiron con el dende Israel a Galicia) Na representación vemos o corpo de Santiago en horizontal rodeado por algún discípulo, un bispo e un anxo. O feito de estar represenatdo nesta igrexa e a presenza constante de peregrinos ingleses que chegaban ao porto de Cereixo fai pensar nun posible Camiño de Santiago que partía dende aquí.

Outro edificio destacado son as Torres de Cereixo, un pazo nobiliario do S. XVI, aínda que dende o século X xa existía unha torre de defensa, ao ser éste un lugar estratéxico de paso para o comercio e con frecuentes saqueos por parte de árabes e vikingos.
É propiedade privada e non se pode visitar.
Torres de Cereixo
 
No atrio da igrexa de Santiago hai un carballo milenario.

Dende este lugar, xa abandonando a aldea, temos unha vista panorámica do conxunto da igrexa e das torres, que están case pegados.

Abandonamos Cereixo torcendo á dereita ao pé do cemiterio e adentrándonos nun monte que cruzamos.
 
Deseguida chegaremos de novo á beira do Río Grande que está próximo á súa desembocadura.
 
O percorrido é doado e relaxante.
 
E así chegamos á praia de Area Grande onde desemboca o Río Grande. Enfronte vemos o tramo que percorremos na ocasión anterior. Estamos no concello de Muxía.
Praia de area Grande

 Aloxámonos da costa cruzando un piñeiral para chegar a outra praia.
 
O día non está para fotos nítidas

Baixamos á praia de Leis. O día estaba perfecto para camiñar, con nubes e boa temperatura.    
A praia de Leis é moi fermosa, recóndita, de augas transparentes e que apenas se moven, como todas as que veremos, debido a que forman parte dunha ría (a de Camariñas) e non son de mar aberto.
Praia de Leis. Ao fondo, Camariñas.


Dende o medio da praia temos que aganchar por estas rochas para proseguir o camiño:

Camiñamos vendo a un lado Camariñas e ao outro Muxía.
                                                                           Muxía
Os cantís que separan as praias de Leis da de Lago chámanse Punta do Lago e aí se encrava este faro.
Faro de Punta do Lago


Rebasado o faro xa estamos na
Praia do Lago , moi fermosa cun piñeiral que procura sombra e agocha dous restaurantes nos que podemos parar a comer ou tomar algo. Nós, fixemos aquí unha boa parada para comer no restaurante Paraíso.
Praia do Lago

Abandonamos a praia do Lago pola estrada cruzando o río Lago.
Río Lago
Imos abandonando a praia do Lago e non podemos deixar de mirar a marabillosa paisaxe que deixamos atrás
 
Na seguinte imaxe podemos ver os restaurantes agochados entre piñeiros.
O río Lago desembocando na praia do Lago

Despois de cruzar a ponte, no final da praia do Lago chegamos, en pouco máis de 1km., a Merexo.

                                                                    Vistas chegando a Merexo

Merexo é un lugar da parroquia de Ozón (Muxía) no que destacan as súas casas de cantería. O percorrido pasa polo medio da aldea.
Merexo, da parroquia de Ozón

En Merexo temos boas vistas á punta de Muxía. A estructura que vemos no espigón ao mar é unha piscifactoría de rodaballo que hai uns anos pretendían ampliar contando coa negativa dos veciños que daquela se manifestaron en contra. De momento conseguiron que non se ampliase.
Vistas dende Merexo.

Agora iremos 2 km. pola estrada coincidindo ademais co Camiño de Santiago a Fisterra


E chegaremos á aldea de Os Muíños, pertencente á parroquia de Moraime na que veremos arquitectura tradicional representada nas casas e hórreos de cantería.


Aquí, en Os Muiños, sepáranse os camiños dos Faros e o de Santiago. O de Santiago segue pola estrada local pasando polo mosteiro de Moraima e o dos Faros torce á dereita para pasar por un entorno moi fermoso que agora imos ver.
Trátase dos Muíños do Río Negro, un pequeno paseo ás beiras deste río acondicionado con pasarelas de madeira e varios muiños restaurados.
Baixada ao inicio do paseo

Na Fonte da Tella poidemos aprovisionarnos de fresca auga.
Fonte da Tella
Vemos varios muiños rstaurados.
Muiño restaurado
Pasarelas e pontes de madeira.
 
Teño que dicir que as pasarelas de madeira, que tan de moda parecen estar xa que as vemos colocadas en moitas rutas que realizamos, non me gustan nadiña. Penso que desvirtúan o entorno porque o percorrido podía ir igualmente por un sendeiro natural e porque nestes entornos tan húmidos cando xea ou chove poden convertirse en autéticas pistas de patinaxe.

Fermosa ponte de pedra (para meu gusto moito mellor e máis natural que as de madeira)

Saimos a un sendeiro 
 
E deseguida chegamos á praia de Area Maior-Os Muíños onde desemboca o río Negro. Esta praia ten un importante sistema dunar.
Praia Area Maior-Os Muíños

Abandonamos a praia por unha pasarela de madeira.
 
E agora toca subir unha costiña pero é moi curta.
 
Pasamos por outro lugar, Chorente da parroquia de Moraime.
Chorente
Ims agora por un cómodo e ancho camiño rodeado de muros de pedra seca.


Estamos xa moi cerca de Muxía. Pasamos pola praia de Espiñeirido, virxe e solitaria que antes era chamada "a praia dos curas" por ser o areal máis alonxado do núcleo urbano e aí ian os curas bañarse por estar máis lonxe da xente.
Praia de Espiñeirido

Volvemos coincidir co Camiño de Santiago. Ao fondo, Muxía.

 Pegada á anterior está a praia da Cruz que atravesamos ao estar a marea baixa.
Praia da Cruz
 
A praia da Cruz, á entrada da vila, é tranquila, de augas transparentes. Preciosa!!
Praia da Cruz
 
Adentrámonos en Muxía polo seu fermoso paseo marítimo.

 
E chegamos ata o porto onde damos por rematado o tramo de hoxe.

Paseo marítimo de Muxía

A vindeira etapa lin que era moi dura pero farémola indo a modo, parando as veces que faga falta e así ao mesmo tempo que descansamos contemplaremos as marabillosas paisaxes que sen dúbida nos deixará o percorrido.