luns, 22 de agosto de 2022

O CAMIÑO DOS FAROS. TRAMO: PONTE DO PORTO-MUXÍA

O noso anterior tramo deste Camiño dos Faros foi en novembro de 2021. Retomamos hoxe este Camiño realizando o tramo Ponte do Porto- Muxía.
É un percorrido de baixa dificultade e que nos permiteu desfrutar de praias practicamente desertas a pesares de ser agosto, debido a que o día amenceu nublado e incluso con barruzo e a temperatura era ideal para camiñar, máis algo baixa para o defrute nos areais. Atravesamos aldeas, montes e ríos e desfrutamos doutros elementos etnográficos como muíños, as Torres de Cereixo, a igrexa de Santiago...coma sempre vendo paisaxes diversas que fan deste Camiño dos Faros algo único e nunca monótono. Tamén desfrutamos das vilas de Ponte do Porto e Muxía.

Características do tramo:
Lonxitude: 17,3 km.
Dificultade: baixa.
Ruta lineal na que ir moi atento para ver os sinais nalgún cruce xa que empezan a borrarse. Moito mellor levar un track. Eu deixo o meu en WIKILOC:

Descripción:

Partimos de Ponte do Porto aínda no concello de Camariñas, para ir cara a Muxía. Camiñamos uns metros polo paseo fluvial do Río Grande.
Paseo fluvial de Ponte do Porto

 E case sen darnos conta, pasamos do concello de Camariñas ao de Vimianzo. Entramos en Cereixo que pertence a este último municipio.

No fondo da ría de Camariñas e preto da desembocadura do Río Grande, comenza a chamada Ría do Porto. Este estuario é navegable coa preamar e perdeu hai tempo a súa función de porto. Recentes investigacións apuntan a que na I. Media, peregrinos chegados dende as costas inglesas arriba
ban a Cereixo para logo continuar a pé ata Santiago. Por este motivo, Cereixo foi declarado Porto Xacobeo no 2010.
Porto de Cereixo
Cereixo, vila señorial fundada no S. XIII, é un cachiño do concello de Vimianzo que se quere asomar ao mar e a pesares de ser moi pequeno ten patrimonio ben interesante que amosar.
Deseguida pillamos un camiño á dereita que non alonxa do asfalto e nos vai meter nun fermoso paseo fluvial a carón do río Riotorto. O que vemos primeiro é un muíño de mareas que data do S. XVII sendo o 3º máis antigo de toda Galicia. Os muiños de mareas aproveitaban as subidas e baixadas das mareas para xerar correntes de auga capaces de mover a pedra hidráulica que move á súa vez a pedra de moer (moa)


Muiño de mareas

Vila Purificación (non teño foto da casa) é unha das edificacións máis antigas de Cereixo. É do S. XVIII e ten un dos hórreos (poidemos ver algo del a través dunha cancela) máis grandes de Galicia.
Vila Purificación era o lugar onde se cobraban os diezmos e impostos en forma de gran de aí o gran tamaño do cabozo. Na foto vemos o pombal.
Pombal de Vila purificación
Cereixo presenta un dos conxuntos arquitectónicos máis interesantes de Terra de Soneira, comarca á que pertence. Moitas das súas casas son de pedra dunha excelente cantería con balcóns que foron propiedade de familias importantes da zona, algunhas con linaxe fidalgo vinculadas a negocios portuarios, cobro de foros ou administración de muiños de mareas.
Paseo fluvial de Cereixo

A igrexa de Santiago é románica, data do S.XII e sobre unha das súas portas exhibe un relevo da barca na que presuntamente chegaron os restos do apóstolo Santiago a Galicia, xunto con varios acompañantes. 
 
É na portada sur onde vemos o que se chama "traslatio" (segundo recolle o Códice Calixtino, tralo martirio do apóstolo Santiago os seus discípulos fixéronse co seu corpo e partiron con el dende Israel a Galicia) Na representación vemos o corpo de Santiago en horizontal rodeado por algún discípulo, un bispo e un anxo. O feito de estar represenatdo nesta igrexa e a presenza constante de peregrinos ingleses que chegaban ao porto de Cereixo fai pensar nun posible Camiño de Santiago que partía dende aquí.

Outro edificio destacado son as Torres de Cereixo, un pazo nobiliario do S. XVI, aínda que dende o século X xa existía unha torre de defensa, ao ser éste un lugar estratéxico de paso para o comercio e con frecuentes saqueos por parte de árabes e vikingos.
É propiedade privada e non se pode visitar.
Torres de Cereixo
 
No atrio da igrexa de Santiago hai un carballo milenario.

Dende este lugar, xa abandonando a aldea, temos unha vista panorámica do conxunto da igrexa e das torres, que están case pegados.

Abandonamos Cereixo torcendo á dereita ao pé do cemiterio e adentrándonos nun monte que cruzamos.
 
Deseguida chegaremos de novo á beira do Río Grande que está próximo á súa desembocadura.
 
O percorrido é doado e relaxante.
 
E así chegamos á praia de Area Grande onde desemboca o Río Grande. Enfronte vemos o tramo que percorremos na ocasión anterior. Estamos no concello de Muxía.
Praia de area Grande

 Aloxámonos da costa cruzando un piñeiral para chegar a outra praia.
 
O día non está para fotos nítidas

Baixamos á praia de Leis. O día estaba perfecto para camiñar, con nubes e boa temperatura.    
A praia de Leis é moi fermosa, recóndita, de augas transparentes e que apenas se moven, como todas as que veremos, debido a que forman parte dunha ría (a de Camariñas) e non son de mar aberto.
Praia de Leis. Ao fondo, Camariñas.


Dende o medio da praia temos que aganchar por estas rochas para proseguir o camiño:

Camiñamos vendo a un lado Camariñas e ao outro Muxía.
                                                                           Muxía
Os cantís que separan as praias de Leis da de Lago chámanse Punta do Lago e aí se encrava este faro.
Faro de Punta do Lago


Rebasado o faro xa estamos na
Praia do Lago , moi fermosa cun piñeiral que procura sombra e agocha dous restaurantes nos que podemos parar a comer ou tomar algo. Nós, fixemos aquí unha boa parada para comer no restaurante Paraíso.
Praia do Lago

Abandonamos a praia do Lago pola estrada cruzando o río Lago.
Río Lago
Imos abandonando a praia do Lago e non podemos deixar de mirar a marabillosa paisaxe que deixamos atrás
 
Na seguinte imaxe podemos ver os restaurantes agochados entre piñeiros.
O río Lago desembocando na praia do Lago

Despois de cruzar a ponte, no final da praia do Lago chegamos, en pouco máis de 1km., a Merexo.

                                                                    Vistas chegando a Merexo

Merexo é un lugar da parroquia de Ozón (Muxía) no que destacan as súas casas de cantería. O percorrido pasa polo medio da aldea.
Merexo, da parroquia de Ozón

En Merexo temos boas vistas á punta de Muxía. A estructura que vemos no espigón ao mar é unha piscifactoría de rodaballo que hai uns anos pretendían ampliar contando coa negativa dos veciños que daquela se manifestaron en contra. De momento conseguiron que non se ampliase.
Vistas dende Merexo.

Agora iremos 2 km. pola estrada coincidindo ademais co Camiño de Santiago a Fisterra


E chegaremos á aldea de Os Muíños, pertencente á parroquia de Moraime na que veremos arquitectura tradicional representada nas casas e hórreos de cantería.


Aquí, en Os Muiños, sepáranse os camiños dos Faros e o de Santiago. O de Santiago segue pola estrada local pasando polo mosteiro de Moraima e o dos Faros torce á dereita para pasar por un entorno moi fermoso que agora imos ver.
Trátase dos Muíños do Río Negro, un pequeno paseo ás beiras deste río acondicionado con pasarelas de madeira e varios muiños restaurados.
Baixada ao inicio do paseo

Na Fonte da Tella poidemos aprovisionarnos de fresca auga.
Fonte da Tella
Vemos varios muiños rstaurados.
Muiño restaurado
Pasarelas e pontes de madeira.
 
Teño que dicir que as pasarelas de madeira, que tan de moda parecen estar xa que as vemos colocadas en moitas rutas que realizamos, non me gustan nadiña. Penso que desvirtúan o entorno porque o percorrido podía ir igualmente por un sendeiro natural e porque nestes entornos tan húmidos cando xea ou chove poden convertirse en autéticas pistas de patinaxe.

Fermosa ponte de pedra (para meu gusto moito mellor e máis natural que as de madeira)

Saimos a un sendeiro 
 
E deseguida chegamos á praia de Area Maior-Os Muíños onde desemboca o río Negro. Esta praia ten un importante sistema dunar.
Praia Area Maior-Os Muíños

Abandonamos a praia por unha pasarela de madeira.
 
E agora toca subir unha costiña pero é moi curta.
 
Pasamos por outro lugar, Chorente da parroquia de Moraime.
Chorente
Ims agora por un cómodo e ancho camiño rodeado de muros de pedra seca.


Estamos xa moi cerca de Muxía. Pasamos pola praia de Espiñeirido, virxe e solitaria que antes era chamada "a praia dos curas" por ser o areal máis alonxado do núcleo urbano e aí ian os curas bañarse por estar máis lonxe da xente.
Praia de Espiñeirido

Volvemos coincidir co Camiño de Santiago. Ao fondo, Muxía.

 Pegada á anterior está a praia da Cruz que atravesamos ao estar a marea baixa.
Praia da Cruz
 
A praia da Cruz, á entrada da vila, é tranquila, de augas transparentes. Preciosa!!
Praia da Cruz
 
Adentrámonos en Muxía polo seu fermoso paseo marítimo.

 
E chegamos ata o porto onde damos por rematado o tramo de hoxe.

Paseo marítimo de Muxía

A vindeira etapa lin que era moi dura pero farémola indo a modo, parando as veces que faga falta e así ao mesmo tempo que descansamos contemplaremos as marabillosas paisaxes que sen dúbida nos deixará o percorrido.

Ningún comentario:

Publicar un comentario