martes, 9 de agosto de 2022

SENDA VERDE DAS CARBALLEIRAS. PR.AS-167 SANTA EULALIA DE OSCOS (ASTURIAS)

 Voltamos a Santalla de Oscos para realizar a que vai ser  5ª ruta de sendeirismo neste concello.

As anteriores ruta que realizamos son as seguintes (pinchando no nome de cada unha podedes velas no blog)

RUTA DA SEIMEIRA

RUTA FORCÓN DE LOS RÍOS

RUTA DA COBA

RUTA DEL ESQUEICER

Hoxe imos realizar unha ruta moi curta, a Senda Verde das Carballeiras.

Características:

Lonxitude: 5,5 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular ben senalizada.

O track en Wikiloc:

Descripción:

Esta ruta parte do centro da vila.

Santalla de Oscos é unha vila preciosa a que eu personalmente non me canso de volver.

  

Na foto seguinte, vemos a Casa Consistorial e a igrexa parroquial.


Toda a vila está impecablemente limpa.


Vemos o letreiro que nos leva ao inicio da ruta:
 

Aquí dá comenzo a ruta, xunto á Aula da Natureza.

 

Subimos por unha pista de cemento.

 

Que deseguida desemboca nun camiño rodeado de carballos. Imos en lixeira subida.



A ruta toma o nome desta carballeira que atravesamos:

Rematamos a subida despois de case 1km. rematando a carballeira e meténdonos nun monte de piñeiros.

Atravesamos este monte de piñeiros. A ruta está perfectamente sinalizada.
 
Amplíanse as vistas neste claro.
 
E chegamos deseguida á Área Recreativa de Millarado, moi ben acondicionada e coidada contando incluso con aseos que estaban abertos, un campo de fútbol e mesas, barbacoas, unha fonte e bancos. Non había unha alma e eso que era sábado sobre as cinco da tarde cando pasamos por alí. Deunos a impresión que, a pesares de ter todo o necesario para pasar un día no campo, non debe ser moi visitada porque ademais hai outra área recreativa moi próxima (a de Pumares) e que é máis fermosa.
Vemos na foto unha estrada que segue de frente e un camiño que torce á esquerda. Os sinais desta ruta mádannos moi claro pillar á esquerda e así o fixemos pero indo por aí NON pasamos por Pumares que era o que pretendíamos. Para ir a Pumares había que seguir de frente.
En Millarado, torcemos á esquerda
 
A área recreativa de Millarado está moi ben acondicionada.
 
Moi limpa e ben coidada esta área recreativa de Millarado.

 Baixamos pois polo camiño da esquerda. Unha baixada cun gran desnivel!!
 
Voltamos a camiñar entre carballeiras de novo:

E seguindo sempre os sinais, atopámonos outra vez en Santa Eulalia. 
 
Unha imaxe de Santa Eulalia:

A verdade é que o roteiro ata aí é moi curtiño: 3,5 km. aprox. e ademais tampouco aporta moita cousa, é practicamente un "paseo" entre carballos e piñeiros pasando por unha coidada área recreativa. Polo tanto, e como eu quería pasar por Pumares, en lugar de ir ata o inicio do roteiro, que xa tíñamos moi cerca, decidimos na rotonda torcer á dereita e ir ata esa aldea que está moi cerca, a pouco máis de 1km.
 
Na ida ata Pumares fomos pola estrada:

En Pumares comenza unha ruta moi fermosa e coñecida que xa fixemos hai algúns anos e foi a 1ª que fixemos neste concello: A ruta da Seimeira.
Cartel anunciador do roteiro da Seimeira

Pumares é unha pequena aldea totalmente restaurada e orientada ao turismo rural. Unha recóndita aldea moi visitada polo turismo onde predominan a pedra e a pizarra.


O río Agüeira pasa por Pumares e unha ponte une as dúas partes da aldea que o río separa. É moi visible o pouco que choveu este ano 2022 xa que o río máis ben semella un rego.

Pumares foi terra de ferreiros e está situada nun fermoso val rodeado de carballos, castiñeiros, bidueiras, freixos, abelairas e acivros.

Na entrada a Pumares hai unha fermosa área recreativa ao lado do río Agüeira.
  
É unha área con moitas árbores, unha fonte, e varias mesas, bancos e barbacoas.
 
Para voltar a Santalla non fomos pola estrada, descubrimos que dende a área recreativa saía un camiño paralelo á mesma:

O camiño que traiamos enlaza coa estrada, pero en lugar de seguir por ela, collemos á dereita por unha pista paralela que nos vai levar ao Mesón Sidrería  "Veredas" onde aproveitamos para descansar tomando algo (sidra, non, que non eran horas...)

Xa estamos case ao pé da rotonda de entrada á vila onde vemos un enorme cravo que simboliza o pasado ferreiro deste concello:

Entrando na vila atopamos este lavadoiro público que data do ano 1955. Naquela época non había lavadoras e na maioría de aldeas e vilas había lavadoiros deste tipo onde se reunían as veciñas para lavar a roupa e de paso contaban as historias, chismes....do momento. Estes lugares eran as redes sociais da época.

Un pouco máis adiante, vemos a igrexa parroquial.
 
Estamos outra vez na praza do concello que non me canso de fotografar.


Este monumento lémbranos que no ano 2016, Os Oscos (Santa Eulalia, S. Martín e Villanueva) recibirón o galardón de "Pueblo Ejemplar de Asturias"











domingo, 31 de xullo de 2022

LAGO DEL VALLE PR.AS 15-1 VALLE DEL LAGO (SOMIEDO-ASTURIAS)

 Todo o concello de Somiedo forma parte do Parque Natural de Somiedo que foi declarado Reserva da Biosfera.

Neste concello fixemos outra ruta hai uns anos que podedes ver pinchando no enlace: BRAÑA DE MUMIÁN

Situación do concello de Somiedo dentro de Asturias. (Está rodeado de azul)

Hoxe, 29 de xullo de 2022, imos realizar unha ruta que teño en mente dende hai ben tempo e que parte e remata en Valle del Lago, unha pequena parroquia do concello de Somiedo a 1200m de altitude dividida en 4 barrios. Imos cruzando estes barrios para deixar o coche no último, en L'Auteiro aínda que o cartel de inicio de ruta está algo antes, xunto a un aparcadoiro. Nós continuamos ata o final deste barrio, xusto onde a estrada se restrinxe a vehículos con explotacións gandeiras e de xestión do Parque. Aquí hai un pequeno aparcadoiro para uns 8 coches aprox. Se ides en fin de semana de verán e a non ser que madruguedes, é mellor aparcar no 1º aparcadoiro xa que haberá moita xente

O peor de todo desta ruta é chegar ao inicio da mesma en coche. Dende a Mariña lucense son 2,5 horas máis a parada para tomar un café, case 3 horas! A estrada moi ben coa autovía pero dende que a deixamos aínda temos moitos km. por estradas estreitas e con moitísimas curvas, especialmente a estrada que vai dende Pola de Somiedo ata Valle del Lago. Cantas curvas pechadas, que estreita e coas montañas case na mesma estrada!!

Elexín un día no que anunciaban que non ía ir demasiada calor e as nubes taparían o sol boa parte da xornada e así resultou: cando empezamos a camiñar ás 11 da mañá, corría unha brisa e estaba nublado. Moi ben para camiñar!! Tamén elexín un día de semana para atopar menos xente. Non me gustan nada as aglomeracións e moito menos nunha ruta de sendeirismo.

Aínda que oficialmente a ruta aparece como lineal, (empeza nun punto e remata noutro) hai que facela circular obligatoriamente ou ben indo e volvendo polo mesmo camiño ou ben indo por un e volvendo por outro diferente como nós fixemos.

Dende o 1º aparcadoiro pódese optar por ir por zona de sombra pero non hai que preocuparse se optamos pola de sol e logo queremos sombra: ata en outras dúas ocasións poderemos optar a ese percorrido en dous cruces sinalizados. Nós fomos pola zona de sol porque estaba nublado pero anunciaban sol para a tarde polo que deixamos a sombra para a baixada.

O meu track en WIKILOC:

Características da ruta: 

- Lonxitude: 13 km.

- Dificultade: media/baixa.

- Ruta circular moi  ben sinalizado o tramo de sol. Ao chegar ao lago non hai sinal para bordealo nin tampouco onde se pilla o tramo de sombra para baixar pero é moi intuitivo e non hai perda.

A miña calificación desta ruta:🔆🔆🔆🔆🔆 Repetiría esta ruta? Si, sen dúbida ningunha.

Descripción da ruta:

Na seguinte imaxe podedes ver o pequeno aparcadoiro (o noso foi o último coche que cabía aí, xa estaba todo a tope) e tamén vemos o barrio L'Auteiro.

Empezando a camiñar no barrio L'Auteiro (Valle del Lago)

A paisaxe que aparece ante nós non pode ser máis fermosa. Estamos nun val encaixado entre grandes montañas.



Camiñamos entre prados perfectamente coidados.



Paralelo a nós, pola dereita, vemos o lugar por onde despois baixaremos.



A pista pola que imos ás veces é de cemento e outras de grava.

A ruta está moi ben sinalizada. Neste cruce, indo á esquerda, iriamos aos Lagos de Saliencia (Hai bastante xente que realiza estas dúas ruta xuntas, son case 30 km. nós xa non podemos con tanto nun só día)

Un inconvinte que atopamos ao ir polo tramo de sol foi que pasaron bastantes  coches  de gandeiros que ían ver o gando, tamén algún tractor que levantaban gran cantidade de po e nos poñían perdidos...

Neste cruce podemos pillar a ruta de sombra no ramal da dereita. Algo máis  adiante, atoparemos outro.


Atopamos algún paso canadiense (consisten nunha grella de barras ou rexas metálicas paralelas que se instala en posición horizontal e a nivel de rasante. Os animais evitan cruzar sobre o paso canadiense en primeiro lugar porque lles provoca desconfianza e en segundo porque lles resulta dificultoso facelo. Sen embargo para os vehículos e persoas  non representa especial dificultade, de modo que permite un tránsito selectivo evitando o escape ou o acceso de gando e outros animais, mentras que non obstaculiza o movemento de vehículos, maquinaria e peóns.)
Paso canadiense.

Vemos os famosos teitos que teñen moita relación coas nosas pallozas en canto ao tellado pero diferenzanse na forma e estructura. Chámase teito á cuberta vexetal dun edificio pertencente á arquitectura tradicional autóctona e estaban destinadas a vivenda, cabanas para o gando, edificios auxiliares...Os destinados a vivenda desapareceron e os que podemos ver actualmente foron cabanas para o gando, palleiros e tamén hai algún hórreo con esta cuberta.
Teitos 

Se volvemos a vista atrás, esta é a marabilla de paisaxe.


Este cartel eu xa o coñecía de velo en outras fotos. Está nesta ruta e fai moita gracia. A verdade é que o percorrido non atravesa esa finca para nada, así que sería posto para avisar a outras persoas e non a sendeiristas ou montañeros.

Mirando ao frente, temos estas outras vistas que non desmerecen ás que imos deixando detrás. Todo o camiño é un placer visual.
 
Vemos moitas brañas: pastos de altura en sitios frescos onde pasta o gando no verán. En Somiedo temos moitas brañas. En moitas destas brañas é onde están os teitos.
Unha braña
A pista pola que imos agora é de grava.

O percorrido ten algunha subida pero lévanse ben e ademais son curtas. O que vemos na imaxe é o ultimo repecho antes de chegar ao lago.

Volvendo a vista atrás, quedo impresionada con esta beleza.

E de súpeto, porque non o vemos ata mesmo chegar...o lago!! Dirixímonos cara á esquerda porque a nosa intención é bordear case todo o lago para logo pillar o camiño de sombra para baixar. Non hai ningún sinal que nos indique que o lago se pode bordear nin vemos por onde facelo.

Onde se ve o letreiro, se queremos ir aos Lagos de Saliencia, colleremos o carreiro da esquerda. Vimos xente que o facía.

Dende o lugar onde estabamos parecíanos que era imposible bordear o lago, non apreciabamos ningún sendeiro e como non hai mellor información que a que proporciona unha persoa local, preguntamos a un gandeiro que pasaba e díxonos que aínda que non o víramos si que había un sendeiro polo que se podía bordear todo o lago, que así o facía tamén o gando. E aló fomos. 

O que vemos é outro teito chamado Cabana Cobrana.

Outra cousa que nos dixo o gandeiro co que charlamos foi que detrás da Cabana Cobrana (seguindo o sendeiro á esquerda) había unha fonte por se queríamos pillar auga. Esta fonte non está sinalizada. Como a que nós levábamos xa estaba quente, repuxemos auga nesa fonte. Estaba friísima, que gusto nos deu beber aquela auga tan fresca!! Aproveitamos ademais para rechear as botellas.
Fonte

Dende a fonte captamos esta imaxe. O Lago del Valle actual,  é o resultado de numerosas modificacións  dunha primitiva lagoa de orixe glaciar que tería uns 15 m de profundidade e forma de ril. Na actualidade, debido ao seu aproveitamento hidroeléctrico está represado e por eso é o máis grande de Asturias. Está declarado Monumento Natural.

Empezamos a bordear o lago. Primeiro fomos uns metros pola parte de arriba pero deseguida nos demos conta que non era por esa parte senón pola parte de baixo, pegados ao lago.


O lago ten unha pequena illa no medio.

Este pequeno tramo é a parte máis dificultosa ao redor da lagoa pero indo con xeito nos debería haber problema. Ao outro lado xa hai sendeiro normal.



Hai zonas no lago onde a auga é tan verde como as montañas.

Outro aspecto do lago.

Aquí vemos ben o carreiro que hai para rodear o lago.
 
Unhas vacas estaban deitadas no sendeiro. Non as molestamos, estamos no seu territorio así que respectuosamente imos por outro lado.

Aquí, con este fondo e ao pé do lago e das vacas foi o noso comedor de hoxe. Non hai restaurante que poda igualar esta panorámica.

Estamos rematando de bordear o lago.

Despedímonos do lago ao pé do muro da presa emprendendo o camiño de volta pola sombra:
 
Aínda que de momento, a sombra é pouca. Estamos a bastante altura e neste tramo non medran árbores:

Agora toca sempre baixar.

A baixada polo camiño de sombra é totalmente diferente á subida que fixemos polo camiño de sol. Aquí non hai pistas anchas polas que pasen vehículos, este é un verdadeiro sendeiro que nos gusta moito:

O camiño de sombra ten bastante desnivel e non quero pensar canto me custaría subilo!


Agora sí aperacen frondosas árbores que dan boa sombra.


Vemos á dereita a pista paralela pola que fomos pola mañá.


Por este lado, o camiño é tamén moi fermoso. Na foto, pasando ao pé dun teito.

Nun momento dado enlazamos coa pista de sol pola que imos uns poucos metros para volver coller pola pista de sombra:



Volve haber moita sombra. O camiño está limpo e vese que é moi transitado.

 Xa vemos ao lonxe o barrio de L'Auteiro dende onde partimos:

Chegamos a L'Auteiro. Atopamos aberto o bar-restaurante "Las Duernas" onde descansamos tomando algo.
 
Xa estamos no aparcadoiro e non podo resistirme a fotografar por última vez esta extaordinaria paisaxe . Adeus Somiedo! Quero voltar no inverno con algo de neve!!