luns, 10 de agosto de 2020

RUTA DA COBA. (SANTA EULALIA DE OSCOS) PR.AS-153


Levamos realizadas xa moitas rutas na zona dos Oscos. Esta comarca asturiana está formada por 7 concellos: Santa Eulalia, S. Martín e Villanueva de Oscos, Castropol, S. Tirso de Abres, Taramundi e A Veiga.. É unha comarca con impresionantes rutas de sendeirismo,  con pequenas aldeas deshabitadas ou con moi poucos habitantes, algunhas delas restauradas respectando a arquitectura popular da zona; con bosques inmensos dominados por ábores autóctonas. En fin, un lugar que hai que visitar e ao que sempre apetece volver.
As rutas de sendeirismo destes concellos están todas elas moi coidadas e sinalizadas algo a destacar xa que por desgraza en moitas outras que levamos feitas non sempre é así.
Como dixen, temos realizadas varias rutas por esta comarca. Son estas:

Hoxe volvemos para realizar a ruta da Coba, unha ruta longa e que resultou "durilla" para algún de nós (para algunha, mellor dito)
A ruta oficial empeza  e remata en Ferreira (pequena aldea a 4km. de Santa Eulalia) e serían 15km e pico. Nós decidimos acortala porque ademais de longa é de dificultade media e en lugar de empezar en Ferreira, empezamos en Nonide, evitando así unha forte subida e quitándolle uns 4 km.

CARACTERÍSTICAS DA RUTA:
Lonxitude: 12,4 km.
Dificultade: Media-alta
Ruta circular excelentemente sinalizada.

DESCRIPCIÓN.
Partimos pois de Nonide despois de deixar un coche en Ferreira.
Ubicación de Ferreira, AQUÍ
Ubicación de Nonide, AQUÍ
Casas resturadas en Nonide

Igrexa de Nonide

Despois de cruzar esta pequena aldea duns 20 habitantes, empezamos a baixar:
Estamos a moita altitude e hai néboa
O sendeiro é cómodo e está coidado

Baixamos rodeados de árbores autóctonas:
A ruta aparece perfectamente sinalizada e con moita frecuencia:
As raias brancas e amarelas están presentes todo o percorrido

Seguimos baixando agora entre toxos
E entre piñeiros:
Estamos moi altos e impresiona esta fermosura que vemos:
A ruta transcorre pola media ladeira da montaña:

Entre vexetación agora propia de montaña:

Vemos ao lonxe un "cortío"(edificación de pedra para protexer as colmeas dos ataques dos osos)
E chegamos á aldea totalmente abandonada xa hai moitos anos de A Valía:
A Valía


Veremos nesta ruta (e tamén o levamos visto en moitas outras tanto aquí en Asturias como en Galicia) muros de pedra seca rodeando fincas, montes, casas...

Pois resulta que estes muros están declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e afirma:«Estas construcciones constituyen un testimonio de los métodos y prácticas usados por las poblaciones desde la prehistoria hasta la época moderna, con vistas a organizar sus espacios de vida y trabajo, sacando el máximo partido de los recursos naturales y humanos locales. Los muros de piedra seca desempeñan un papel esencial en la prevención de corrimientos de tierras, inundaciones y avalanchas, en la lucha contra la erosión y desertificación de terrenos, en la mejora de la biodiversidad y en la creación de condiciones microclimáticas propicias para la agricultura».

 

Estes muros que se empregan dende o Neolítico foron realizados polos nosos antergos de xeito artesanal e moi laborioso. Esta arte de construir muros de pedra seca é tradicional en moitos países. En España está presente nas Comunidades de Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Canarias, Cataluña, Extremadura, Galicia e Valencia.

Ao remate da baixada esperábanos o río Allonca que vén dende Galicia:

Descansamos un pouco na Ponte da Coba.

Deseguida atopamos outra ponte e os restos do que debeu ser un muíño.
Este xa é o río Agüeira.


A auga do río forma aquí un remanso con area na beira que pode ser un excelente lugar para un baño:

E chegamos á aldea de A Coba que está dividida en dúas:
A Coba de abaixo:

Coa súa igrexa dedicada a Santa Marina:


A partires de aquí ascendemos por carretera ata La Coba de arriba. Este ascenso faisenos duro polo calor que vai que se ve incrementado polo asfalto:

Andaremos por carretera aprox 1,5 km. que se nos fan eternos ata coller un sendeiro á esquerda que nos levan rapidamente a outra aldea que tamén se chama Cova(agora sen artigo diante) e que está totalmente abandonada aínda que atopamos un home que está restaurando a casa que foi de seu pai.

A partires de aquí xa non atoparemos máis aldeas nin sinais de vida humana ata chegar a Ferreira. Aínda falta moito camiño que percorrer e deberemos ir provistos de auga. Só atopamos dous regatos onde beber. Fontes, ningunha.

As subidas van ser duras:


Estas vistas ben merecen un pequeno sacrificio:

Camiñamos a media ladeira da montaña, dende un lado, vemos o outro:

Este tramo ata Ferreira fáisenos longo con contínuas subidas e baixadas pola moita calor que facía pero é fermoso; atravesamos distintas variedades de paisaxe que non fan o camiño nada monótono:



E despois de 5 horas chegamos á area recreativa de Ferreira. ATENCIÓN: realizamos varias paradas. Calculo que entre unha e outra, dedicamos cerca dunha hora a estar sen camiñar.


Aquí, neste precioso lugar comemos á sombra das árbores na beira do río:

E despois de descansar visitamos a aldea de Ferreira que queda na parte alta:





venres, 7 de agosto de 2020

CAMIÑO DOS FAROS (COSTA DA MORTE) TRAMO PORTO DE MALPICA-BARIZO

O Camiño dos Faros é unha ruta de sendeirismo que une Malpica con Fisterra pola costa e transcorre por 9 concellos. Ao longo dos seus 200 km. podemos ver tódolos faros desta zona e os principais puntos de interese da Costa da Morte.

É unha ruta que desperta sensacións únicas e na que se contemplan paisaxes moi diversos: faros, praias, cantís, dunas...pero tamén vilas mariñeiras, castros dólmenes.,.

Non é ningún paseo á beira do mar porque ten tramos dificultosos, desniveis, chan irregular xa que esta costa é moi abrupta e aínda que ten tramos moi sinxelos bordeando o mar tamén sube algún monte.

O Camiño dos Faros xurdíu no 2012 a partires da idea de 6 amigos que pensaron que sería boa idea unir Malpica con Fisterra pola beira do mar. Eles abriron o camiño. Logo fóiselles unindo máis xente e promocionaron esta ruta, dérona a coñecer en moi diversos medios, creouse unha Asociación, páxina en facebook e esta páxina á que vou poñer un enlace onde poderedes saber todo o referente á ruta, etapas, recomendacións para facela, historia da mesma...etc etc é unha páxina moi, moi  interesante, moi clara e instructiva. Se decides realizar esta ruta non deixes de botarlle un ollo.

Toda a información AQUÍ

É moi importante e, se entrades na páxina anterior poderedos lelo, o traballo inmenso que desenrolou esta Asociación de O Camiño dos Faros para promocionar esta ruta e poder homologala; algo que aínda non conseguiron e que dende logo parece mentira que unha ruta con tantísimo potencial paisaxístico, cultural e que redundaría sempre en beneficio económico para a zona non esteña homologada dende hai anos. Lendo o que eles contan, vense os atrancos que atoparon e os moitos organismos e administracións diversas coas que tiveron que lidiar. 

Enfin, poden sentirse ben contentos e orgullosos de promocionar, de dar a coñecer unha ruta que cada día ten máis adeptos e percorre máis xente. Nótase que aman a súa terra. Agora homologar, coidar, conservar decente esta fermosísima e importante ruta xa non depende das persoas particulares se non dos distintos concellos e /ou organismos competentes.

A ruta está dividida en 8 etapas pero a nós parécennos demasiado longas(20 e pico e incluso 32 km.) e decidimos dividir cada unha delas en dúas para así facelo máis levadeiro e desfrutar sen présa ningunha das marabillas que nos ofrece.

CARACTERÍSTICAS DA RUTA:

Lonxitude: 14 km.

Dificultade: Media

Ruta lineal ben sinalizada.

Saimos do porto de Malpica. A ubicación, AQUÍ

Porto de Malpica

Dende aquí, imos para atrás, cara ao Concello e pillamos unha rúa que nos leva directamente e deseguida á praia de Area Maior:


Praia de Area Maior no medio da vila
Imos polo paseo marítimo ata o final da praia e chegamos a outra pegada á anterior: a praia de  Canido:
A partires de aquí, imos por un sendeiro de terra cara á capela de S. Adrián:
Bebendo na fonte de Canido

Vemos a praia de Seaia e a capela de S. adrián ao lonxe, na punta do cabo:


Unha das varias fontes que atopamos. Neste caso, na praia de Seaia:

Outra fonte máis, preto da anterior. É a Fonte de Navenllos con tres caños:
O camiño a S. Adrián:
A capela de S. Adrián do mar ou San Hadrián (vímolo escrito das dúas maneiras) é do S. XVI pero no S. XX foi totalmente restaurada e honra a este santo que segundo a lenda salvou a comarca dunha praga de serpes. O santo pisou unha delas e as outras tiráronse ao mar converténdose en pedra.
Coma moitas capelas, ten a súa fonte milagreira. Din que cura as verrugas se se deixa un pano como ofrenda na vexetación que a rodea. A mín personalmente, como non creo nestas cousas, paréceme un verdadeiro atentado que se manche e se afee así a paisaxe.
Moi cerca da capela hai un mirador dende o que temos unhas fabulosas vistas de Malpica e das illas Sisargas:
Despois dunha pequena parada para fotos e descanso despois da subida, continuamos sen deixar de admirar e fotografar a marabilla de paisaxe que se nos ofrece:
O camiño está sinalizado con frechas e puntos verdes:
E fomos chegando a Beo:
Preciosa e tranquila praia:
E algo máis adiante á de Seiruga. Esta praia está situada nun entorno de gan valor natural xa que é o lugar elexido por diversas aves para aniñar ou facer unha parada nas súas viaxes:
Nesta praia hai que descalzarse para cruzar un río que a atravesa. Mellor que estea a marea baixa.
Saimos por unha das dúas pasarelas de madeira que hai e agora toca camiñar por asfalto uns 2 km. aprox ata chegar ao restaurante onde comemos e demos por rematada a etapa.
En Barizo:
Restaurante "O XAN" onde comemos excelentemente:
CONTINUAREMOS...