martes, 16 de xaneiro de 2024

DE PIORNO AOS FORNOS S.L. AS 13 (S. MARTÍN DE OSCOS)

 Neste concello dos Oscos xa fixéramos esta ruta:

SENDA VERDE (PR-AS 243)

Hoxe voltamos a S. Martín a facer unha ruta moi curta pero intensa, debido aos desniveis con subidas e baixadas continuas e ao chan irregular con pedras soltas en moitos casos que en días húmidos coma o de hoxe, hai que ter moito coidado coas caídas.

A ruta é moi fermosa, remota, por antiquísimos carreiros desfrutando de montañas, cascadas, árbores como carballos e castiñeiros e sobre todo moitas uces. Vendo aló embaixo o canón do río Soutelo e pequenas aldeas diseminadas ata chegar aos fornos onde se calcinaba o mineral extraído nos xacementos de ferro que existiron nesta zona.

Características da ruta:

Lonxitude: 5 km.

Dificultade: moderada debido ao chan irregular e con pedras nalgún tramo que en tempo húmido pode producir caídas. Hai tamén desniveis importantes en subidase baixadas.

Ruta lineal perfectamente sinalizada. Eu deixo igualmente o meu track en WIKILOC

Descripción:

Para nós foi difícil chegar ao inicio da ruta en Piorno. Íamos do lado de Vilanova de Oscos e dende aí mandounos o google maps por unhas pistas que ás veces eran camiños e non pasa calquera coche. Moito mellor sería ir ata S. Martín de Oscos e dende aí ir sempre por estrada asfaltada.

Piorno é unha pequena aldea da parroquia de Labiarón que no 2021 tiña un só habitante. Nós non vimos a ninguén.

Na foto vemos o punto onde empeza a ruta que está moi ben sinalizada.

Á nosa esquerda, nun alto, vemos a capela de Piorno que debe levar moitos anos sen que aí se celebre ningún oficio relixioso.

A esta pequena aldea que semella totalmente abandonada e a maioría das casas está en ruina, chegou a 1º estrada no ano 1992.

Antes da estrada, o que son as cousas!!😐😐chegou a Piorno o teléfono. No ano 1986 instalaron un teléfono público de placa solar que alonxou a incomunicación dos veciños deste lugar co resto do mundo. No ano 1990 chegou aínda a luz.

A ruta empeza subindo por un carreiro á esquerda. Está moi ben sinalizado.

Empezamos por un carreiro fermoso dos que antes había.


Valados de pedras que delimitaban fincas e o outono que aínda se nota nos carballos.

A néboa na zona do río...

A ruta estanos parecendo moi, moi fermosa.


Vemos montañas con vexetación e montañas de pura rocha. O camiño tamén se complica por veces e faise esvaradío.


Vemos esta cascada que forma o Rego de Cabalelle.



Imos ganando altura e a paisaxe é agora máis aberta. A vexetación que predomina está formada por brezales.

Tamén abundan as xestas ou piornos. O nome da aldea da que partimos leva o nome de Piorno. Será pola abundancia desta planta?

 
Tamén me chamou a atención este tipo de musgo.

As árbores no inverno cheas de liques, tamén teñen o seu encanto.

Unha inmensa rocha fai de espléndido miradoiro natural.

Na ladeira do monte frente a nós, vemos unha alvariza. (Cercado de pedra para gardar as colmeas dos ataques dos osos e outros animais)

Na foto seguinte vemos como é o carreiro nalgúns tramos. Moito coidado se está húmido o chan!!

Toca unha boa baixada. Despois será subida...

Vemos outra cascada moi cerca xa dos fornos.


Os fornos de calcinación do mineral son o final desta ruta. Mías para aló xa non hai camiño nin carreiro e hai que voltar polo mesmo sitio.

A minaría foi unha actividade que se desenrolou na zona dende tempos prehistóricos. Antes da conquista dos romanos, os poboadores desta rexión xa buscaban pepitas de ouro nos  ríos. Pero foi tras a chegada destes cando se potenciou esta industria. O mineral que aquí se calcinaba era o ferro.

Na década dos anos 50 do S. XX, a minaría era unha das principais actividades económicas do concello de S. Martín de Oscos.

Cando emprendemos a volta o sol quere sair e ilumina o cume das montañas.

Pasamos de novo polo miradoiro natural, agora a foto é dende o outro lado:


Volvemos ver o canón que forma o río Soutelo agora sen néboa. Este río é un afluente do río Ahio.

Unha foto que mostra o complicado que volve ás veces o chan.

Xa vemos Piorno, unha aldea que debeu ter sobre unhas 10/12 casas. A maioría delas están en ruinas.



O fermoso rego, ao pé da aldea.


Poñemos fin a esta fermosa ruta abandonando Piorno, esta aldea que se foi despoboando e na que viveu xente no pasado en ben duras condicións de vida pero nun entorno precioso cheo de tranquilidade.




Páxinas web consultadas:

https://mas.lne.es/aquella-asturias/media/pdf/A1-22674111-1.pdf

https://oscos-eo.net/node/2974

https://www.lne.es/occidente/2007/10/09/san-martin-oscos-recupera-minas-21821120.html

luns, 8 de xaneiro de 2024

MIRADOIRO DO CADAVAL DENDE A SENDA DA MEMORIA(AS PONTES)

 Xa fomos facer outras rutas ao concelo de As Pontes, concretamente estas:

FERVENZAS DE BERMUI E SOMEDE

ARTE URBANA

SENDA DA RIBEIRA

Hoxe realizamos unha ruta moi fermosa que nos sorprendeu moito polo fácil e polo que nos fomos atopando a cada paso.

Características da ruta:

Lonxitude: 10,8 km.

Dificultade: moi fácil

Ruta circular sinalizada parcialmente. É necesario seguir un track se non se coñece a zona. Deixo o meu en WIKILOC

A miña valoración desta ruta: 🔆🔆🔆🔆🔆

Descripción:

O Lago das Pontes ocupa o espazo onde antes había unha mina que abastecía de carbón á Central Térmica, agora pechada. A rehabilitación dese oco deu lugar a un inmenso lago artificial con dúas illas. Mide de longo 5 km. de longo, 2 de ancho e ten unha profundidade máxima de 222m. É o lago artificial máis grande de Europa. Ten unha praia de case 500m de longo na zona máis próxima á vila. No 2012 finalizouse a súa construcción.

Lago das Pontes envolto na néboa

Aparcamos os coches nun espazo onde non estorbaban, ao pé do lago.

Botamos a andar e deseguida collemos un camiño á dereita.


Imos pola chamada "Senda da Memoria",  un percorrido ideado polo concello de As Pontes e Endesa no 2017 para lembrar os lugares que desapareceron devorados pola mina.
 
No 2014, o presidente de ENDESA, Borja Prado, recibeu o IX Premio da Fundación Fondo para a Protección da Natureza (FONDENA) polo traballo da compañía na restauración do entorno da antiga mina de As Pontes que permiteu a creación do lago e un novo ecosistema.

Este tramo que hai pouco que se inaugurou e vai dende o lago ata a presa que despois veremos. Estamos na parroquia de Santa Mª de Vilavella.

 Un rego que dá auga ao lago.

Deixamos neste punto a Senda da Memoria pillando á dereita
 
O percorrido é moi doado, por camiños ben acondicionados.

Ao longo do percorrido vemos moitos sinais que din "Bidegorri". É unha ruta para bicicleta de montaña de case 55km. 

"Unen a paixón polas dúas rodas coa motivación persoal por crear novos percorridos para a bicicleta de montaña. Compaxinan as horas de desfrute e deporte con longas xornadas de traballo titánico. E o seu esforzo, calado e constante durante moitos anos en terreos expropiados da mina das Pontes, preto do inmenso lago artificial, xa é un imán para os amantes da BTT

Ruta Bidegorri, como a bautizaron en 2013 en recordo ao carril-bici vasco, recibe a centos de persoas chegadas de toda Galicia. É a única ruta de montaña 100% ciclable con cero asfalto"

É impresionante a cantidade de flora autóctona que atopamos.

Chegamos ao Miradoiro de O Cadaval e claro, tal e como esperábamos, non se vía nada. Unha néboa espesa impedía a visión. Eu fíxenme o firme propósito de repetir esta ruta en primavera ou verán nun día despexado.


No Miradoiro do Cadaval está o Castrorroibo: un ser mitolóxico que vixía o lago dende o alto.

Seguimos agora en ascenso (moi suave e durante moi pouco tempo) imaxinando o fermosa que ten que ser esta zona sen néboa.
 
Neste cruce hai indicacións para continuar de frente,  para seguir a Adegorri (ruta de bici de montaña). Nós xiramos á esquerda. Estamos no Monte da Cartelida.

Toca agora baixar un pouco. É un descenso de moi poucos metros pero con bastante desnivel no que hai que levar coidado en días húmidos como o de hoxe.
 
Segue a sorprendernos a cantida de árboreda autóctona. Entramos nunha carballeira.

Tamén vimos este inmenso acivro. Un bosque precioso!!

Nesta época invernal é moi frecuente ver as árbores espidas cubertas de liques (un lique é un organismo vivo que pertence ao reino dos fungos composto pola asociación dunha alga e un fungo) Os liques aparecen cando o lugar é húmido e hai unha vexetación densa. Son inofensivos para as árbores e ademais un indicador da calidade do aire: os liques non soportan a contaminación por eso é moi raro velos nas cidades.

Aquí o aire non está contaminado!

Hai que ir atento/a ao track que sigo porque non estamos a facer a ruta das bicis de montaña! Aquí hai que xirar á esquerda.
 
Atopamos o hórreo da Cartelida, un dos poucos elementos que segue intacto despois dos 40 anos de expropiación nestas terras.
Hórreo da Cartelida

Cando hai loureiros, acostuma a haber vivendas cerca e si atopamos as ruinas dunha cerca do hórreo, supuxemos que o cabozo formaría parte desa vivenda que houbo.
Loureiros
E chegamos de novo á beira do lago que agora podemos ver de cor azul ao despexar o día. Este lago foi premiado en varias ocasións, unha delas co Premio 5 días 2013 otorgado a ENDESA polo mellor proxecto de responsabilidade  social corporativa El jurado ha valorado “el compromiso de la empresa con un lugar en el que ha operado durante años y como, una vez finalizada la actividad, mantiene la apuesta por regenerarlo y colaborar con la sociedad local para una reorientación de la actividad de la zona”. 
Ademais de vivir nas súas augas numerosos e variados peixes,o lago coas súas dúas illas é tamén  o hábitat natural de numerosas aves tanto nidificantes como migratorias.
Lagoa das Pontes

Un nome curioso o deste paso que inicia un carreiro.


Á dereita quédanos o lago moi cerca. Sempre que se fai sendeirismo se dene levar un bo calzado porque aínda que os camiños e carreiros desta ruta están prefectamente practicables tamén atopamos auga.

Dende abaixo, nun determinado punto vemos o Castrorroibo. Ese era o momento de estar agora alí...

Aquí houbo un momento de confusión, seguimos uns metros de frente (indicación do Bidegorri) pero había que pillar o carreiro da dereita.

Tivemos que cruzar un rego saltando. Uns saltamos e outros cruzaron por uns trocos.

Unha ruta que non pisa absolutamente nada de asfalto e é moi, moi fermosa!!

 Fermosísimo carreiro con árbores en zig zag.

Un carballo que se resiste a perder as súas follas.

Estamos na parroquia de Vilavella. A principios do S. XX estivo formada por 41 lugares dos que actualmente só conserva 12 xa que a mina de carbón estendíase ao longo de toda a superficie desta parroquia e os seus habitantes víronse na obriga de desprazarse a outros lugares do municipio.

Xunto ás casas tamén desapareceron elementos de arquitectura tradicional como hórreos, muíños, pontes, capelas, cruceiros...Algúns destes elementos foron rescatados e trasladados a outros lugares do municipio como a Ponte de Illade ou a Ponte de Pedra.

O último tramo da ruta vai pegado ao lago vendo de frente as antigas chemineas da Central Térmica hoxe sen actividade.

Volvemos pasar pola presa do rego que verte a auga ao lago que agora, aínda que o día está por veces moi oscuro, podemos ver.

A piques de rematar a camiñata, vemos en 1º termo a praia construida no lago e que ten unha alta ocupación no verán xa que está moi ben acondicionada podendo estar na area ou baixo as árbores, a auga está sempre tranquila ao non ser un mar e ademais a unha temperatura constante moi boa. Hai bares, chiringuitos...e practícanse tamén deportes naúticos.

No ano 2023 que acaba de rematar, o lago das Pontes acadau por 3º ano consecutivo a Bandeira Azul.


E así rematamos esta gratificante, sorprendente e preciosa ruta que me prometo volver a realizar tal vez este verán para poder aproveitar e poder bañarme no lago.

Páxinas web consultadas:

https://www.sientegalicia.com/blog/el-gran-lago-artificial-de-galicia/

https://amigosdeaspontes.org/as-pontes-inaugura-un-nuevo-tramo-de-la-senda-da-memoria/

https://www.elprogreso.es/articulo/a-chaira/traballo-titanico-duas-rodas/202108301519001522680.html

https://jardiver.com/liquenes-y-musgos-son-peligrosos-para-los-arboles/