Hai pouco estivemos en Carballo vendo os case 100 murais que adornan moitas das súas rúas. Podes ver esa publicación AQUÍ
O que eu non sabía é que tamén nas Pontes hai un proxecto creado polo concello que xa deu como froito cerca de 50 murais espallados polas rúas desta vila. O proxecto nacido en 2017 e chamado As Pontes enPEZAS pretende a transformación ambiental, a participación ciudadá e a posta en valor da arte pública. Usando diversas técnicas e estilos artísticos reflíctense historias, lendas, oficios, personaxes, hábitats, valores e elementos que caracterizan a vila.
Así que o memso día que fixemos a ruta SENDA DA RIBEIRA despois de xantar estupendamente no Mesón de Pepe a un prezo imbatible e cunha exquisita atención dedicámonos a coñecer os murais espallados polas rúas de As Pontes.
Partimos da Praza de América , moi próxima ao Mesón de Pepe onde xantamos. Esta é a principal praza e máis céntrica da vila. Nunha noticia recente lemos que esta Praza se vai transformar para:«ordenar o ámbito en termos de funcionalidade, seguridade e accesibilidade, atendendo a criterios de calidade ambiental, eficiencia enerxética e sostibilidade» A intervención aspira a «recuperar os valores orixinais perdidos, como o papel protagonista da escola ou a relación coas rúas perimetrais e o carácter de paseo do coñecido na vila como Paseo dos Americanos, e tamén a crear espazos útiles para o uso diario e para o lecer e a celebración de eventos». Para eso está previsto derribar o edificio da biblioteca Campo da Feira co edificio do concello.
Outra vista do Campo da Feira:
Un dos primeiros murais que vemos é este chamado "La seguridad empieza por ti" do que atopei nula información en Internet.
|
La seguridad empieza en ti |
Recuncho animado das fragas é un mural escondido nun calexón, no medio da villa, aí naceu un pequeno recuncho cheo de vida, no que habitan animais e plantas características da zona do Eume. Este recuncho de natureza en forma de peza mural cobrou vida da man de Judith Cao.
Judith Cao é unha socióloga natural da vila aficionada ao arte dende moi pequena.
|
Recuncho animado das fragas |
|
Recuncho animado das fragas |
|
Recuncho animado das fragas |
Este mural chamado "Oda á muller" foi creado por un grupo de mulleres de tódalas idades de As Pontes establecendo lazos sociais moi enriquecedores. O mural ocupa os muros de 2 rúas. |
Oda á muller |
|
Oda á muller |
Hai un galego na lúa pintado por Wedo ten un significado moi literal, xa que pretende evocar no espectador esa sensación de nostalxia, acompañada de retranca galega –a de unha vaca-, ben fornida, pacendo pedras. Unha metáfora que nos tempos que corren, fainos reflexionar sobre a sociedade actual, coa falsa saciedade coa que nos conformamos e desfrutamos.
|
Hai un galego na lúa |
Debaixo vemos a Praza do Hospital. Para o mural "Construíndo Capacidades" (Frente á Biblioteca Pública) contouse cunha combinación entre "A Xanela"(Asociación de persoas con Discapacidades Activas) e ArtPo (Asociación Cultural de Artistas Pontenses)
Propuxéronse facer un doble homenaxe no seu mural: por unha parte, ao proxecto As Pontes enPezas en sí mesmo e ás PEZAS que o compoñen e, por outra parte, á idea de que tódalas persoas formamos parte dun “puzzle” común e temos a mesma importancia, a mesma valía e somos igual de necesarias e necesarios para o conxunto.
Construíndo capacidades
|
Construíndo capacidades |
As poetisas e poetas do grupo Alalá e o grafiteiro Rubén Moledo crearon este poema na escaleiras que unen a Praza de América e a rúa Coruña. É unha obra cen por cen pontesa. Outros poemas que vimos nos muros ao pé da Biblioteca son estes:
O mural que adorna a parte superior da Biblioteca Pública é anterior ao proxecto As Pontes enPEZAS, o autor é Leo López. Chámase "Versos a D. Enríque" (Enríque Rivera Rouco foi cronista oficial da vila e a Biblioteca leva o seu nome)
Os debuxos, nos que destaca a cor e o uso do grafiti fan alusión ao reflexado nos poemas que figuran nas paredes:a auga, a terra,o paso do tempo, a relixión, a maxia, os feitizos....
|
Versos a D. Enrique |
|
Versos a D. Enríque |
Este fermoso edificio que alberga o Colexio Público Santa Mª, foi edificado nos anos 20 con fondos de veciños emigrados a Cuba
|
Colexio público de Santa Mª |
Imos camiñando polas beiras da fermosa Praza onde está o concello. E chegamos a un dos murais máis famosos da vila, o de Date Toribio elexido entre os mellores do mundo pola plataforma europea Street Art Cities. O mural foi realizado polo galego Neve Noel para o proxecto As Pontes enPEZAS.
O mural, situado na Praza do Carme, está dedicado ao fugitivo Mamede Casanova, apodado Date Toribio e representa a este bandoleiro cun traxe de habaneiro que roubara a un veciño que acababa de voltar da Habana enriquecido e morre ao pouco de chegar. Toribio non tivo reparos en desenterrar ao morto e locir as roapas que levaba o difunto nun baile. No mural tamén vemos unha pega que según dicían os veciños e veciñas o avisaba da presenza da Garda Civil.
|
Mural de Date Toribio, un dos mellores do mundo. |
Para mín, o mural máis fermoso de todosé o que vén a continuación. Pola súa expresividade, detalles e cores paréceme moi fermoso Trátase de "La leyenda de las tres fuentes hermanas" de Delio Rodríguez que representou a lenda moi coñecida de que na serra do Xistral, nacían tres fontes xuntas como irmás, Masma, Landro e Eume. O mar prometéralles que á primeira que chegase xunto a el, cumpriríalle un desexo. As tres fontes botáronse ao camiño rápidamente ata que se cansaron e se puxeron a durmir, prometendo que a primeira en despertar, avisaría ao resto. Sen embargo, cando o Masma e o Landro espertaron, fóronse caladiñas e despaciño para seguir o seu camiño. Cando espertou o Eume e descubreu a traizón, saíu enfurecida e alocada, conseguindo chegar a primeira ao mar. Esta fonte deu lugar ao río Eume, quen lle pideu como desexo ao mar que cada ano lle regalase unha persoa.
Ese é o motivo polo que cada ano, o río Eume se leva unha persoa consigo. |
La leyenda de las tres fuentes hermanas |
|
La leyenda de las tres fuentes hermanas
De súpeto, pasamos por unha rúa na que vimos unha galería cuns debuxos murais nas paredes. Asomámonos e unha parella moi amable invitounos a pasar, resultou ser o Taller de Artes que dirixe o artista local Sergio Picos (Comeluz) El e unha rapaza que o acompañaba explicáronnos onde se atopaban o resto de murais que nos quedaban por ver proporcinándonos planos e sinalando no mapa o que nos quedaba por ver, entre eles o deste artista polifacético e multidisplinar cunha gran formación. Grazas a esta parella, vimos moitos máis murais, incluidos os del que mostrarei deseguida. |
Poño a foto de "A Taberna de Pancho" na que estivéramos pola mañá almorzando e onde volvemos parar durante este paseo. Encantounos este lugar, moi acolledor, limpo e cunha exquisita atención.
Outro mural moi coñecido é o seguinte: "Lady Falcón (Carmen da Depuradora)" de Yoseba MP, un artista de Cambre que está a revolucionar o muralismo pola súa reivindicación das avoas como superheroínas. A traxectoria profesional deste home está plagada de recoñecementos e galardóns. Nesta ocasión a súa musa local foi esta muller de 95 anos provista dunha gran memoria e de sentido do humor.
O depósito de auga é un elemento cotiá en moitas casas do rural de Galicia e, no caso de Carmen, forma parte da súa esencia, xa que viveu a maior parte da súa vida na casa-depuradora construida a mediados doS. XX poa empresa eléctrica e mineira Calvo Sotelo, na que traballaba o seu marido.
En canto aos cogomelos (amanitas muscarias) da cesta que leva Carmen na cabeza, representan o secredo da súa lonxevidade, “95 anos de bon humor”.
|
Lady Falcón (Carmen da Depuradora) |
A obra García Rodríguez das Pontes de Wedo Goás retrata por primeira vez na Historia a imaxe de tan ilustre cabaleiro medieval, na fachada dun edificio localizado á entrada da súa vila natal, deixando tamén constancia da cesión do señorío medieval no muro situado ao seu lado.
Para o deseño e realización desta PEZA mural, non se contaba con imaxes do guerreiro a retratar, polo que, tras investigar cómo era a estética da época, realizouse un casting para encontrar un modelo da zona que lle puxera rostro ao inmortal García Rodríguez.
No S. XIV trala guerra civil acontecida entre Henrique II e o seu medio irmán Pedro I (O Cruel), o cabaleiro García Rodríguez de Valcarce e Balboa convírtese no señor da vila de As Pontes, como recompensa do rei Henrique II de Trastámara polos servizos prestados no conflicto fratricida. Dende entón, as terras que lle foron cedidas – chamadas ata ese momento Pontes de Ume (o Eume) pasaron a denominarse As Pontes de García Rodríguez, un topónimo oficial e indisociable que chegou á actualidade.
|
García Rodríguez das Pontes |
Na entrada da piscina municipal temos este mural de Luis Davila, mestre da ilustarción, da viñeta e do humor. Xunto con María Acuña foron uns dos que inauguraron este proxecto en 2017. O mural chámase Dora, a Ghreleira e fai referencia ás mulleres rurais galegas.
|
Dora, a ghreleira. |
Mesmo enfrente da Piscina Municipal temos o Parque "Vila de Lesneven"
E na súa entrada vemos esta fermosa idea que tamén se leva a cabo noutras vilas e cidades de ter unha caixiña para depositar libros e ir pillando outros para ler. Descoñezo o resultado desta idea que en principio parece moi boa.
Os Cogumelos Retranqueiros, é o 2º mural de Luis Davila e María Acuña. Volveron con motivo da XXX Feira de Fungos e Cogomelos e deixaron un mural micolóxico, protagonizado por Carmela Cantarela –mascota oficial da Feira– e o resto de cogomelos personificados e creados polo autor. O mural ten o formato de tira cómica propio do artista, sempre caracterizado pola súa ironía e o seu humor do país, 100% galego.
|
Os cogomelos retranqueiros |
|
Os cogomelos retranqueiros |
Agora vemos un monumento que non ten nada que ver co proxecto As Pontes enPEZAS. Trátase do que vemos a continuación e que ten unha placa que di " En memoria de tódolos traballadores que realizaron algunha actividade na industria das Pontes..."
Un dos murais máis impresionantes e fermosos é o de Lula Goce "Rapaza durminte". Lula é unha das máximas expoñentes do muralismo internacional, as súas obras non deixan indiferente. A obra é protagonizada por unha nova veciña da vila que despois de moito viaxar, atopou un sitio no que quedarse a durmir e nunca máis se foi
|
Rapaza durminte |
Destaca a expresión superrealista da cara: Camiñamos ás beiras dun fermoso paseo.
Para chegar deseguida a un espazo grande e aberto, frente ao Centro de Saúde no que atopamos unhas esculturas que tamén forman parte do proxecto As Pontes en PEZAS. Trátase dunhas esculturas en madeira realizadas por Marcos Mariño, experto en dar vida a calqueira pedazo deste material traballando cunha motoserra.
«O soño de San Xoán» é unha peza inspirada nas tradicións da noite máis máxica do ano: elaborar a queimada para alonxar todo mal, preparar as augas de San Xoán, saltar a fogueira, comer a sardiñas...Todas estas tradicións personifícanse en catro impresionantes figuras de grandes volúmenes e movemento propio feitas con madeiras de chopo e de carballo.
Cada figura serve ademais como banco.
Coas sardiñas.
|
O soño de S. Xoán |
Levando herbas e plantas para a auga de S. Xoán: |
O soño de S. Xoán |
O que elabora a queimada: |
O soño de S. Xoán |
A PEZA realizada por este conxunto de artistas é un photocall frente aos xardíns do Campo da Feira cuxa temática son os bicos. Así, este muro transformase nun entorno máxico no que se atopa un banco, ideal para sentarse e fotografar os mellores bicos. |
O banco dos bicos |
|
O banco dos bicos |
Moi cerca do anterior temos o mural Radio Eume, a radio máis nosa do colectivo de artistas ponteses ArtPo homenaxeando así á radio local máis antiga de Galicia, Radio Eume
|
Radio Eume, a radio máis nosa |
Na Avda de Ortigueira temos o fermosísimo mural de Rubén Moledo, un artista pontés multidisplinar, que co mural A arte nas mans, no que tamén colaborou o artista local Iván Gómez, recreou un muro roto, no que, a través dunha fenda, se poidesen ver as hortas e as edificacións que hai detrás.
|
A arte nas mans |
Sergio Picos (Comeluz) faláranos de que tamén había dous murais pintados por el na vila e sinalounos nun plano onde se localizaban. Aló fomos buscalos e atopámolos!! Realmente son dous murais nun. Chámase O camiño dos arrieiros . Este gremio era o que se dedicaba ao traslado das mercadorías duns lugares a outros. Fundamentalmente empregaban mulas, xa que eran animais fortes que podían camiñar grandes percorridos prácticamente por calquera terreo. Ademáis, tiñan unha serie de rutas establecidas. Nesta zona, existía unha das rutas máis milenarias, que comunicaba o interior e a costa.
Esta importante ruta, coñecida popularmente como o “Camiño dos Arrieiros” ten un percorrido duno 50 kilómetros.
Actualmente, esta ruta histórica atópase en proceso de valorización e señalización para facer accesible o seu traxecto e convertila nunha senda homologada para a práctica do sendeirismo.
|
O camiño dos arrieiros |
|
O camiño dos arrieiros |
Cando este mesmo día pola mañá realizamos a Senda da Ribeira poidemos ver tamén tres murais. O 1º está instalado no muíño de Severiano, que foi un importante torneiro e muiñeiro das Pontes. No mural tamén están representados outros torneiros emblemáticos da localidade: Lolo Castro e Fernando Vérez.
O mural é obra do artista Diego G. Cereijo
Xa na presa vimos este mural de Teresa MartínPatino (alias Suk Ha) pintora e ilustradora madrileña. O mural chámase Sanxoaneiras Ela di:"El proyecto de las Sanxoaneiras surgió con la intención de representar la riqueza botánica de la zona y hacer un llamamiento al conocimiento de la abundancia de flora medicinal partiendo de la festividad del San Juan..."
|
Sanxoaneiras |
Miguel Peralta é o autor do mural "A galiña e os pitiños de ouro"Conta a lenda que no Monte Caxado hai unha rocha que garda dentro unha moura que sae no solsticio de verán (os actuais San Xoán ou Noite Máxica) transformada nunha galiña cos seus sete pitiños para volver ao mencer á rocha onde está encantada. A lenda, que acompaña á vila dende tempos inmemoriais, desfruta agora dun retrato no medio dun entorno natural privilexiado ao lado do río Eume, no casco histórico da vila de orixe medieval.
|
A galiña e os pitiños de ouro |
Vimos case todos os murais (de momento hai sobre 50) pero aínda nos quedaron tres ou catro importantes que deixamos para a nosa vindeira visita Ás Pontes.
Web consultada:
https://enpezas.aspontes.org/?lang=es
Ningún comentario:
Publicar un comentario