domingo, 26 de setembro de 2021

MOSTEIRO +SANTA COLOMBA DAS PÍAS + CAMPAMENTO ROMANO DE CIADELLA.(SOBRADO DOS MONXES-A CORUÑA)

MOSTEIRO DE SANTA Mª DE SOBRADO

Despois de realizar a "Ruta da Carballeira":  Rutas de sendeirismo: RUTA DA CARBALLEIRA. SOBRADO DOS MONXES. A CORUÑA e comer en Sobrado, quedábanos a tarde libre e aproveitamos para coñecer ao máximo este concello.

E por suposto, empezamos polo seu monumento estrela, o máis emblemático e polo que é coñecida esta vila: o Mosteiro de Santa Mª de Sobrado que foi incluido no 2015 dentro  do Camiño Norte como un ben individual formando parte do Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

É un dos monumentos galegos que mellor representa o estilo barroco.


Este mosteiro foi fundado no S. X polo conde de Présaras e a súa muller. O mosteiro foi herdado polos sucesores dos fundadores ao longo dos séculos. No S. XII foi entregado por Fernando e Bermudo Pérez de Traba aos monxes cistercienses, chegando dende Francia unha comunidade de monxes.

Durante os séculos XII e XIII o mosteiro desenrola unha grande actividade espiritual e aconómica. Logo entra en decadencia ata o S. XVI no que recupera o seu esplendor e son construídos a maioría dos edificios que hoxe podemos ver, por exemplo a monumental igrexa é de finais do S. XVII.

No S. XIX entra nunha gran decadencia a consecuencia da Desamortización, no ano 1834, o mosteiro queda suprimido. O mosteiro, os edificios contiguos e todas as propiedades son vendidas a particulares e hai un deterioro progresivo de tódolos edificios acabando practicamente en ruínas.

No ano 1954 por orde do arcebispo de Santiago, Fernando Quiroga Palacios, outro mosteiro da mesma orde faise cargo da súa restauración e no ano 1966 envíase unha comunidade de monxes da orde cisterciense da estreita observancia(trapenses) de Cantabria e así despois de máis de 130 anos de ausencia volve a inicarse a vida monástica neste mosteiro ata o día de hoxe.

Para entrar a visitar o mosteiro hai que pasar por debaixo do arco da foto seguinte (Casa do Arco) que foi antiguamente Casa de Audiencias e hoxe se emprega como hospedería cando é necesario

Os peregrinos entraban por debaixo deste arco e atravesaban o patio chamado "Vía Sacra" ata o mosteiro.
Vista da Casa do Arco ou Casa das audiencias do lado do mosteiro

Dentro do recinto do mosteiro, está a igrexa parroquial de S. Pedro da Porta.

Damos un paseo ao redor do mosteiro para darnos conta do inmenso que é:

Aquí temos o muíño do mosteiro que facían funcionar coa auga traída dende a lagoa que mandaran construir moi cerca coa auga do río Tambre.

Na foto seguinte vemos a igrexa por detrás e parte do mosteiro:

A igrexa do mosteiro é espectacular por dentro e por fóra. A impresionante fachada é obra de Pedro Monteagudo, do S. XVII. Sobre a porta hai unha imaxe da Virxe da Asunción. Dous pares de columnas altísimas enmarcan o corpo central. Máis arriba hai un escudo de armas flanqueado tamén por dúas columnas. Por último o frontón corvo partido serve de base a un enorme crucifixo. As torres aumentan a sensación de verticalidade e altura desta igrexa.

Para poder acceder ao interior, hai que pagar 2.5€ e tes dereito a visitar dous claustros, a Sala capitular, a cociña do S. XIII e a igrexa.
En 1º lugar, visítase o Claustro dos Peregrinos, do S. XVII  e rehabilitado no 1972 É de planta cadrada e as columnas superiores de estilo xónico as inferiore son dóricas. 
Claustro dos peregrinos

Na foto seguinte vemos a Maristella, escaleira principal que leva a estancias privadas dos monxes. Debe o seu nome a que cando os monxes subían a escaleira ían cantando o himno "Ave Maris Stella" e á Virxe que as preside. 
As dependencias privadas dos monxes non van incluídas na visita, loxicamente

A continuación, entramos no "claustro de los medallones" que foi o claustro orixinal da construción do século XIII pero foi completamente restaurado entre os séculos XVI e XVIII
É de planta rectangular e destacan os 36 medallóns da parte superior con caras de diferentes personaxes: bispos, apóstolos, cabaleiros...etc
Claustro dos medallóns

Na seguinte foto, vemos algunha das caras dos medallóns.


A continuación, visitamos a a cociña que ten arcos de medio punto e catro sólidas columnas das que pendían as cadeas colgando sobre a lareira.
Cociña do S. XIII

Despois fomos á Sala Capitular que foi reconstruída no 1965 conforme a como era no S. XII. esta sala era onde se reunían os monxes para recordar o Capítulo que leran durante a comida e/ou para conversar de asuntos relativos ao mosteiro.


E por último imos á igrexa que causou en nós unha sorpresa ao vela totalmente baleira de imaxes, retablos...

A Capela do Rosario, atribuida a Domingo de Andrade, ten unha portada que semella a fachada da igrexa, cun barroco moi exuberante no arco de entrada. O conxunto interior desta capela coa súa cúpula é considerado o barroco máis representativo de Galicia.

A Sacristía está considerada como o máis fermoso conxunto renancentista en Galicia. Foi deseñada por Juan de Herrera, autor do mosteiro do Escorial.

Dende aquí podemos contemplar outro claustro que non está aberto ao público:


A cúpula da sacristía:


Despois de admirar tranquilamente a fermosura e grandiosidade deste monumento, saimos dispostos a ir coñecer outro lugar deste concello.

CAPELA DE SANTA COLUMBA DAS PÍAS
Na parroquia de Codesoso, a 8 km. de Sobrado, atopamos este santuario moi antigo e de gran devoción popular. Está situado nunha fermosa carballeira e por aquí pasa o Camiño Norte a Santiago.
Aquí celébrase unha importante romería xa que esta santa é para moita xente remedio a moitas e variadas enfermidades.

Capela de Santa Columba das Pías, do S. XVII

Está situada nunha fermosa carballeira.

Este é o camiño que conduce a fonte que, como en case tódolos santuarios, non podía faltar:

A Fonte Santa é de estilo barroco. Débese beber dela ou lavarse para poñer remedio ás máis diversas enfermidades.


 A parte baixa deste cruceiro é o elemento  máis antigo da capela. Faltáballe a cruz que foi colocada recentemente e ben se nota a diferenza.

Tamén hai un ritual en torno a este carballo centenario que conta no seu tronco cunha cruz tallada no mesmo para sacralizalo. A tradición manda encher a pía que ten diante con auga da fonte e dar nove voltas ao redor do carballo e da pía dándolle un bico ao tronco, rezar un Noso Pai e facer o sinal da cruz en cada xiro para acadar o que se pida ou ben para dar grazas polos favores recibidos.



CAMPAMENTO ROMANO DE CIADELLA

Por último fomos ver o campamento romano de Ciadella que tivo moita actividade entre os séculos II e IV.
É o maior campamento romano de Galicia

A función principal deste campamento sería o control das comunicacións entre Brigantium (A Coruña) e Lucus Augusti (Lugo)

O foxo do campamento

O campamento estaba defendido por unha muralla que pechaba todo o recinto, protexido por varias torres e un foxo paralelo ao recinto do que só se conserva o lado este.
As excavacións comenzaron no ano 1935 e non foron continuadas, sendo retomadas na década dos oitenta. 
No campamento atopáronse abundantes materiais destacando restos cerámicos, monedas e obxectos de vidro, de bronce e de ferro. Están depositados para o seu estudo no museo arqueolóxico e histórico "Castelo de S. Antón" (A Coruña)

Se queres saber máis cousas deste campamento romano, Podes visionar este vídeo:



venres, 24 de setembro de 2021

RUTA DA CARBALLEIRA. SOBRADO DOS MONXES. A CORUÑA

 Seguro que case todos oímos falar de Sobrado dos Monxes a causa do seu enorme e maxestuoso mosteiro do que falarei na seguinte entrada porque ben merece unha para el solo.

En Sobrado tamén hai unha ruta de sendeirismo, a Ruta da Carballeira, que percorremos e como é curta e moi fácil deunos tempo a visitar o Mosteiro con calma, a coñecer o pequeno santuario de Santa Colomba das Pías que está nun entorno moi fermoso e a Ciadela, un campamento romano , o máis grande de Galicia que aínda non está rematado de escavar.

Imos primeiro e coa ruta de sendeirismo "Ruta da Carballeira".

Características: 

Lonxitude: 7,9 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular ben sinalizada, aínda que nós apartámonos algo do trazado orixinal por recomendación de Adelaida, unha rapaza que traballa en Información Turística do concello de Sobrado e que moi amablemente nos indicou unha pequena variación no percorrido para poder visitar a Lagoa de Millares e enlazar despois coa ruta orixinal.

O track da ruta en Wikiloc

Descripción: 

Aparcamos o coche diante mesmo do concello e de aquí é de onde parte esta ruta. 


Camiñamos uns metros pola beirarúa e deseguida vemos xa a 1ª indicación da ruta. Collemos pois, á dereita:


Cruzamos a estrada que vai a Melide, seguindo as indicacións.


Pasados case 500m. entramos de cheo na carballeira:


Nesta carballeira, chamada "carballeira de Casa do Gado" foi rodada a película do director J. Luis Cuerda, "El bosque animado".



Chegamos de novo á estrada con beirarúa pola que camiñaremos sobre 800 m. ata chegar á Lagoa de Sobrado:

A Lagoa de Sobrado é artificial xa que foi creada polos monxes do mosteiro no S. XVI co obxectivo de ter auga para os seus cultivos, para as cociñas do mosteiro e para mover o muíño.
Nesta lagoa hai moitos nenúfares.


A lagoa é un paraíso para as aves. Nós poidemos observar ao lonxe a dous lavancos.

Hai un observatorio de aves e con sorte e estando en silenzo podemos ver algunhas.
A lagoa está rodeada por un espeso bosque caducifolio.

Unha pasarela de madeira percorre parte da lagoa (uns 500m) Ao ser espazo protexido onde se refuxian moitas aves, non se pode percorrer enteira.


Damos a volta ao chegar ao fin da pasarela. A maioría da xente, dá a volta dende este punto. É dicir volve pola estrada para atrás ata atopar o sinal da ruta. Nós, por recomendación de Adelaida, unha rapaza que traballa en Información Turística do concello, seguimos de frente pola estrada que traíamos uns metros (con moitísimo coidado xa que non hai beirarúa) para ver a lagoa dende o outro lado, frente á pasarela de madeira onde estivemos antes.  Despois, collemos unha estrada estreita onde indica "Aptos. turísticos de Casa de Millares" e "Eirixe Nova".
 
Esta lagoa é unha zona húmida de interese europeo

Imos por esta estrada local sen pintar e aínda que é por asfalto a vexetación é xenerosa ás beiras.
E chegamos deseguida á Lagoa de Millares, tamén artificial. Foi construída para embalsar auga para un muíño próximo. É moito máis pequena ca outra pero tamén un importante refuxio para moitas aves.

Ao pé desta lagoa están os apartamentos turísticos "Casa de Millares" que amosan varias figuras  feitas en madeira.
Uns curiosos cervos

Os apartamentos están nun entorno privilexiado:
As orixes desta casa foron a agricultura e a gandería.

Encantounos este tren!!!


Estes apartamentos turísticos foron unha casa de campo que ten máis de 400 anos de antigüidade.


Despois de parar a contemplar tantas cousas fermosas, proseguimos o camiño pola estrada local que traíamos:
Contemplamos unha paisaxe eminentemente rural

E ao pouco deixamos o asfalto para meternos á esquerda por onde nos manda o sinal.

Imos bordeando o mosteiro. Á nosa dereita está o muro do mosteiro que abarca unha boa lonxitude:

Ao rematar de bordear o mosteiro saimos á estrada e á nosa esquerda temos unha área de lecer .


Xa case chegando á vila, divisamos ao lonxe o mosteiro con prados e terras de millo:


E chegamos de novo á praza do concello de onde saímos.

Fomos xantar ao bar-restaurante Real  no que comemos un menú do día con moitos platos onde escoller, abundantes e lugar limpo con bastante bo servizo (tal vez, un "chisquín" lento.

Pola tarde, dedicámonos a coñecer o mosteiro, Santa Colomba das Pías e o campamento romano de Ciadella que comentarei noutra entrada.