mércores, 1 de xaneiro de 2025

RUTA CIRCULAR AO MONTE MAZANTEO PASANDO POLAS PRAIAS DE FORNOS E FIGUEIRAS (CARIÑO)

 Cariño é unha vila costeira da provincia de A Coruña que me encanta e xa fixen dúas rutas nese concello. Na 1ª, coñecín a vila en profundidade e na 2ª fomos ata o Cabo Ortegal facendo tamén unha ruta circular ben fermosa.

O outro día, coñecemos outras praias deste concello moito menos visitadas e coñecidas e rodeamos para esto o Monte Mazanteo.

Características:

Lonxitude: 8,5 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. Necesario seguir un track. O meu en WIKILOC

Descripción:

Iniciamos esta ruta xunto ao Cemiterio Municipal de A Pedra (unha parroquia moi próxima á vila)

Empezamos a ascender moi lixeiramente e xa se ofrecen estas vistas da vila de Cariño. Vemos as praias da Concha e da Basteira, o porto...

Iremos por asfalto ata a praia de Fornos. Só nos cruzamos con algún coche de cazadores .

Imos tendo vistas á ría case de seguido.

A Ría de Ortigueira, formada pola desembocadura do río Mera é un lugar moi importante de paso e invernada de aves acuáticas. As augas desta ría bañan os os concellos de Ortigueira e de Cariño.

Ao fondo podemos ver Espasante  e máis ao lonxe a Estaca de Bares.

Despois de percorrer 2 km. chegamos a Figueiroa, lugar que pertence á parroquia da Pedra

Desembocamos nunha estrada dende a que temos esta vista da Enseada da Caleira


Por este camiño baixamos á Praia de Fornos, en lugar de facelo pola estrada:

Nun entorno rural, virxe e illado atopamos a Praia de Fornos. É unha praia ventosa, o que a fai ideal para practicar surf.

Praia de Fornos

Esta praia ten forma de cuncha, unha area fina e bastante ondaxe.
Praia de Fornos

Ao redor desta praia están aparecendo pequenas casiñas que son residencia de verán para alguén. Estaban todas elas pechadas.

Seguimos por estrada para a praia de Figueiras que xa vemos aló embaixo:
Praia de Figueiras



 Á praia de  Figueiras non se chega en vehículo, hai accesos polas dúas marxes da praia pero camiñando.


Baixamos por un carreiro.

Ao contraio da anterior, a praia de Figueiras é de augas tranquilas e está abrigada dos ventos.

Percorremos toda a praia para subir polo lado oposto ao de baixada.
 
Este é o outro acceso á praia de Figueiras:


Subimos á estrada e collemos á esquerda para, camiñando uns metros, ir ata o Miradoiro de Punta Figueiroa dende o que temos vistas á ría de Ortigueira.

Abandonamos a praia por este camiño

Pasamos polo medio da aldea de Figueiroa.


Dende un punto da aldea de Figueiroa temos fermosas vistas sobre a ría.

Saimos á outra estrada.

A Capela da Milagrosa non se parece en nada as que estamos acostumados a ver nin pola forma, nin polo campanario, a entrada...parece calquera cousa menos unha capela...Realmente a min non me gustou nada.

Dende a igrexa podemos dar a volta uns metros (moi poucos) para pillar a pista paralela ou ben podemos cruzar por este carreiro diante destas casas. (O can estaba preso)

Deseguida pillamos á dereita por esta congostra antiga:


Pasamos baixo un túnel de loureiros:


Imos vendo á esquerda lugares da parroquia de Pedra: a Cerca, Pousadoiro...e deseguida chegamos ao punto de inicio.


Páxina web consultada:
https://es.wikipedia.org/wiki/R%C3%ADa_de_Ortigueira_y_Ladrido


Ningún comentario:

Publicar un comentario