mércores, 21 de xuño de 2023

CARBAYAL DE SALGUEIRAS. (PR-AS 215) VILLANUEVA DE OSCOS

 


Os Oscos é unha zona das preferidas por min para facer sendeirismo (carreirismo máis ben sería en galego, xa que adoptamos do castelán sendeirismo porque para eles o que é sendero, para nós é un carreiro) Eu, que nacín nunha aldea e nelas hai moitos carreiros nunca oín dicir a ninguén sendeiro. Esta palabra, collémola do castelán e "traducímola ao galego, penso eu)

No concello de Villanueva de Oscos fixemos xa outras rutas .

RUTA DOS BOSQUES+CASCADA DE MORLONGO

RUTA DA BOBIA

RUTA DEL SILENCIO

A de hoxe é outra ruta ben fermosa (Os Oscos nunca decepciona) pero reafirmoume no que eu penso das rutas homologadas: non son garantía de estar ben sinalizadas nin acondicionadas. Esta ruta non está nin unha cousa nin a outra. Sen un track é imposible facela xa que vin un único sinal ao longo de todo o percorrido e hai un tramo despois de Xestoso que polo menos nesta época da que falo (mes de xuño de 2023) estaba case impracticable con felgos e maleza que me chegaban á cabeza.

Características da ruta:

Lonxitude: 6 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular mal acondicionada nun tramo e sen sinalizar.

Deixo o meu track en WIKILOC: 

Descripción da ruta:

Esta ruta parte da aldea de Salgueiras, lugar que pertence á parroquia de S. Xosé de Xestoso no Concello de Vilanova de Oscos. O inicio está ao pé da estrada AS-27 que vai a Santalla e á Fonsagrada.

Mesmo á entrada desta aldea hai unha área recreativa e una antiga capela. Tamén vemos un edificio novo moi grande e a antiga escola reconvertida en vivenda. Aí, ao pé dese edificio grande e diante da escola hai unha explanada grande onde podemos aparcar.

Na foto seguinte vemos a área recreativa de Salgueiras e a capela de S. Antonio.

A capela de S. Antonio ten cuberta nova e está restaurada por fóra. A porta de entrada e unha valla que protexe a entrada, danos a sensación que hai moito tempo que non se celebra aquí culto ningún.

Capela de S. Antonio en Salgueiras

Rodeamos a capela para ascender lixeiramente e cruzar a aldea de Salgueiras:

Salgueiras

Salgueiras está situada a 815m. de altura. Chamoume a atención que ten casas moi coidadas e algunhas moi grandes restauradas en pedra. A actividade económica da aldea está moi vencellada á gandaría aínda que cada vez quedan menos granxas porque a xente moza dedícase agora ao sector servizos, construcción, etc.
Salgueiras

Deseguida abandonamos esta localidade deixando a estrada para introducirnos nun camiño de carro. Xa podemos ver o inmenso carbayal (carballeira).

                                                                         Carbayal de Salgueiras

Na parroquia de Xestoso aínda hai xente que ten gando.
Vacas en Salgueiras

A pesares de levar o nome de "carbayal" e sendo, efectivamente, os carballos as árbores máis abundantes tamén hai neste bosque moitas bidueiras.
Á dereita, bidueiras.

Facendo carreirismo, aprendín a coñecer moitas árbores. As bidueiras recoñécense facilmente polo seu tronco branco e as follas pequeniñas en forma de corazón.
As follas da bidueira son fermosas.


Cruzamos o Rego de Suarado
Rego de Suarado

A ruta non pode ser máis fermosa. Imos sempre á sombra no medio desta frondosidade.
Carbayal de Salgueiras

Non podo entender como unha ruta homologada está só sinalizada neste lugar, que tampouco é necesario xa que non hai ningún cruce. Foi o único sinal que vin.
Un só sinal...

Nesta curva cruzamos un pequeno rego. A ámbolos lados, medran as bidueiras.
Bidueiras ao pé do rego

Estamos xa abandonado o carbayal e a paisaxe ábrese deixándonos ver a aldea de Salgueiras, onde empezamos.
Vistas de Salgueiras

Esta planta que vemos chámase  serbal do cazador. É un arbusto precioso, esas boliñas agora verdes, dentro de pouco volveranse vermellas. É caducifolio e de crecemento rápido. É moi resistente e sobrevive case en calquera situación agás en zonas de moita sombra. Aquí dalle ben o sol.
O seu nome débese a que os seus froitos empregáronse como cebo para atraer aos paxaros e cazalos.
En galego chámase capudre ou cancereixo.
Serbal do cazador (En galego, capudre ou cancereixo)

 Variedade nun mesmo espazo: unha bidueira, unha xesta, un capudre e silvas tamén.
Xestas, bidueira, cancereixo...

Alonxámonos definitivamente do carbayal e por esta ancha pista dende a que temos boas vistas, imos cara a Xestoso.
Camiño con vistas

Empezan a aparecer os pastos. Esto significa sempre que cerca hai poboación.
Prados

Pasamos ao pé do campo de fútbol de Xestoso no que debe habe tempo que non se disputa ningún partido a xulgar pola herba grande que ten.
Campo de fútbol de Xestoso

Xestoso ten unha pequena e coidada área recreativa con aparellos infantís. Lástima que non haxa nenos/as nesta aldea. Así nolo confirmou unha veciña coa que falamos. Aquí foi o meu comedor de hoxe.
Área recreativa de Xestoso

Atravesamos esta localidade. S. Xosé de Xestoso é unha das 4 parroquias que ten o concello de Vilanova de Oscos.
Xestoso

A igrexa parroquial da Virxe do Carme en Xestoso está restaurada e pareceume que está nun lugar ben fermoso  rodeada de carballos.
Igrexa da Virxe do Carme, Xestoso

Moi cerca da igrexa está a capela de S. Xosé que supoñemos que no pasado tería a súa importancia xa que a parroquia leva o nome deste santo. Actualmente está en ruinas ao pé dunha casa e serve como leñeira e outros usos.
Capela de S. Xosé en Xestoso

Capela de S. Xosé

Vista frontal da igrexa parroquial.
Igrexa do Carme en Xestoso

Vemos outro sinal nas indicacións da estrada. A 2ª que vexo.
Sinais

Fermosa imaxe que nos permite ver Salgueiras e o bosque (prolongación do carbayal polo que xa pasamos) que imos atravesar para chegar alí.
Ao lonxe, Salgueiras e bosque que imos atravesar.

Aquí non sinal ningunha e unha veciña díxonos que moita xente ía pola estrada. A ruta oficial colle o camiño da dereita que foi o que eu fixen. Imos meternos de novo no carbayal de Salgueiras.
Camiño á dereita

Primeiro pensei que se ía polo prado ao ver aberta a cancela, pero non, o prado é propiedade privada e o sendeiro vai ao pé, cóllese onde están eses troncos atravesados para que non pase o gando.

Sempre pensei que unha ruta homologada non é garantía de que estea ben sinalizada e ben acondicionada. As moitísimas rutas que levo percorridas así mo demostraron pois atopei algunha ruta homologada (as menos, todo hai que dicilo) que non cumpren o de estar coidadas e ben sinalizadas. Esta sobre a que estou a escribir é oiutro exemplo máis. Sen seguir un track é imposible poder realizala debido á escasa, case nula sinalización e o que se ve nas fotos seguintes, é o estado no que se atopa a día de hoxe un tramo da ruta.
Estado no que se atopa un tramo desta ruta
As silvas case non deixan pasar.

 Menos mal que o tramo en tan malas condicións é curto e deseguida o carreiro se normaliza.
Carbayal de Salgueiras

Imos en constante baixada ata chegar ao Rego de Suarado que volveremos cruzar:


Xa estou abaixo de todo, xunto ao rego. O entorno non pode ser máis idílico:


Volve o sendeiro en pésimas condicións:



Temos que cruzar esta rústica pontiña sobre o Rego de Suarado.

Agora empeza unha subida con bastante desnivel pero é moi curta e por riba hai sombra. Nin nos enteramos do ascenso!

Rematamos a carballeira saíndo a unha pista que nos vai levar deseguida a Salgueiras.

Zonas de bosque e prado vanse alternando:

Fíxome nas xestas que hai poucos días estaban en flor e agora xa amosan o froito en forma de vaxas que espallarán as sementes en torno da planta nai.

Chegando a Salgueiras vemos Xestoso por onde acabamos de pasar e o Carbayal que cruzamos.


Xa estamos de novo en Salgueiras. Hai moitas casas restauradas.

Este edificio tan grande que está ao pé da área recreativa e da antiga escola, onde aparquei, son vivendas sociais, 8 pisos que están practicamente baleiros. Pareceume que só dúas vivendas estaba ocupadas. Parece que nin a oferta de vivenda barata é suficiente para consolidar poboación nestas zonas rurais.


Páxinas web consultadas:
https://www.verdeesvida.es/fichas_de_plantas/arboles-y-palmeras_2/serbal-de-los-cazadores_3052


























mércores, 14 de xuño de 2023

CAMIÑO DE SANTIAGO PRIMITIVO. 1ª ETATA: OVIEDO-GRADO


Sempre oira que este Camiño de Santiago é o máis difícil pero tamén o máis fermoso. Fixen o Camiño Francés dende Vega de Valcarcel (León) hai moitos anos e agora comenzamos este. Eu fago o Camiño de Santiago non por devoción nin promesas, nin nada que teña que ver coa relixión. Fágoo polas paisaxes, por coñecer outros lugares...enfín polos mesmos motivos que fago calquera outra ruta de sendeirismo.

O meu propósito primeiro era dividir en dúas cada etapa (ir despacio, desfrutando de cada recuncho...) pero hoxe animámonos e sentimos que podíamos camiñar aínda máis, que nos quedaban forzas suficientes para rematar esta 1ª etapa e aínda que pola tarde nos choveu ás veces, chegamos dende Oviedo a Grado/Grau.

Características da etapa:

Lonxitude: 26 km.

Dificultade: media-baixa

Ruta lineal moi ben sinalizada.

A ruta en WIKILOC

Descripción:

O Camiño Primitivo de Santiago é chamado asi porque foi a 1ª ruta de peregrinación a Santiago enlazando Oviedo coa cidade galega. O rei Alfonso II O Casto foi quen no S. IX viaxou a Compostela para certificar que os restos atopados foran os do apóstolo.

A devoción do rei pola causa xacobea foi decisiva para cimentar o novo culto. Alfonso II mandaría construir en Compostela, a primeira igrexa. Además, concedeu diversas donacións e promoveu o establecemento da primeira comunidade monástica, o mosteiro de Antealtares en Santiago

No 2015, este Camiño Primitivo foi recoñecido pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade. 

A ruta parte dende a catedral de Oviedo e de aí saimos Anxel, Fe, Luisa, Andrea, Toni, J. Antonio e eu nun caluroso 11 de xuño.

El que va a Santiago

y no visita al Salvador

visita al criado

y deja al Señor

Falta Toni, que sacaba a foto


Estatua de Alfonso II O Casto, que iniciou aló polo S. IX este Camiño.
Estatua de Alfonso II O Casto, ao pé da catedral

Basílica Catedral de S. Salvador de Oviedo é de estilo gótico aínda que como a súa construcción durou tres séculos ten tamén outros estilos. Empezou a edificarse no S. XIII sobre os restos dun conxunto catedralicio do S. IX e algúns restos de edificios desta época aínda se conservan como por exemplo a Cámara Santa. (Capela que se conservou da anterior catedral, é Patrimonio da Humanidade e garda xoias moi prezadas, como as cruces da Victoria e dos Anxos e reliquias moi importantes como o Santo Sudario, según din).

Catedral de Oviedo

Por Oviedo pasa tamén o Camiño Norte (hai outra opción que vai a  Avilés sen pasar por Oviedo) que é a ruta xacobea máis longa en España. Empeza en Irún. Na catedral de Oviedo, conflúen o Primitivo e do Norte, este vai de frente cara á Avilés; nós torcemos á esquerda, cara a Grado.
                                                                       Sinalización
Cruzamos a fermosa cidade de Oviedo.
Cruzando na cidade de Oviedo

Estase celebrando unha carreira de 10 km. polo autismo.
Carreira polo autismo

Anxel aproveitou para mirar de cerca unha das moitas esculturas que hai polas rúas de Oviedo, neste caso a de Tino Casal.
Anxel con Tino Casal

Pasamos ao pé  Basílica menor de S. Juan el Real de estilo ecléctico moi ornamentado. Foi edificado no pasado S. XX para sustituir a outra igrexa románica que estaba cerca da catedral. Nesta igrexa foi onde casaron Franco e a súa muller Carmen Polo que era de Oviedo.
Polo seu impoñente aspecto é chamada popularmente a "Catedral do Ensanche"
Basílica Menor de S. Juan el Real

Poidemos entrar e vimos un fermoso templo no que destacan as columnas, as vidreiras modernistas, os frescos da cúpula...etc
Interior da basílica de S. Juan El Real

A ámbolos lados do patio central hai un columbario con 1000 nichos. A apariencia exterior é moi parecida á dun cemiterio, o único que cambia é o contido dos nichos, aquí dentro o que hai son as cinzas dos mortos.
Columbario no interior da basílica

Seguimos atravesando a cidade fixándonos ben nas cunchas ou vieiras que atopamos no chan. A dirección que debemos seguir é a que apunta onde a cuncha se cerra.
Vieira ou cuncha que nos indica o Camiño a seguir.


Ao pasar pola Escola de Minas vemos que expón no seu exterior unha peza centenaria da central hidráulica de La Malva

É un rodete procedente da central hidráulica de La Malva, que foi restaurado e doado por EDP, propietaria da instalación. Un rodete ou turbina é a máquina motriz dunha central hidroeléctrica.

Rodete da central eléctrica La Malva

Estamos xa moi cerca da saída da cidade.  Fomos por La Losa, un enorme paseo peonil adornado con fontes e esculturas. Nótase que é a parte nova da cidade.
La Losa

Non pasamos pola Estación pero teño esta foto doutra viaxe a Oviedo e non quero deixar de falar dela:
A Estación de Oviedo tamén chamada Estación do Norte foi inaugurada no S. XIX e é a actual estación de RENFE, FEVE e Cercanías. 
Esta estación foi testemuña de feroces combates durante a Guerra Civil, rematada esta foi reconstruida no 1946 e a fachada mantén o deseño de entón.
Estación de Oviedo

Aínda que o edificio principal para viaxeiros non sufreu grandes cambios, a zona de plataformas e a das vías foi tapada cunha gran lousa sobre 220 pilares cunha lonxitude de 700m. Este espazo é chamado La Losa.

Outro aspecto de La Losa:

Estamos no barrio de La Florida onde vemos unha rotonda elevada e unha ponte sobre a línea de FEVE e sobre unha rúa que une os barrios de La Florida e Argañosa. É unha obra de inxeñería avanzada que permite suspender a rotonda elevada dun mástil ao que queda suxeita por uns tirantes.

Xa albiscamos prados e montes que anuncian un entorno máis rural. Unha pequena estatua de Santiago peregrino deséxanos Bo Camiño!


Nunha rotonda vemos esta fermosa e grande estatua chamada "La Maternidad en La Florida". Representa a unha muller amamantando ao seu fillo e é unha das máis de 100 esculturas que hai na cidade de Oviedo onde as obras escultóricas xeralmente dedicadas a personaxes ilustres adornan o espazo urbano.
Para ver moita máis información de Oviedo, dos seus monumentos, esculturas, prazas....podedes pinchar no seguinte ENLACE. (É unha entrada deste blog froito dunha viaxe realizada a esta cidade non hai moito)
Maternidade en La Florida

Deixamos definitivamente a cidade saíndo ao pé do Parque  Camiño de Santiago.
Parque Camiño de Santiago

Iniciamos a nosa 1ª etapa nun día caloroso e solleiro.

Xa Oviedo vai quedando atrás:
Oviedo

Pasamos por S. Lázaro de Paniceres que pertence aínda da parroquia de Oviedo. Aquí houbo no pasado un hospital para enfermos de lepra, de aí o nome da vila xa que este santo era o patrón dos leprosos.
S. Lázaro de Paniceres

Situado a 240m. de altitude, dende S. Lázaro de Paniceres, temos boas vistas:

Non importan os cruces, seguimos un bo track e ademais o Camiño está perfectamente sinalizado:

Chegamos a Lampaxuga onde temos a capela do Carme e onde se pode selar a credencial deste Camiño. Nós como non a levamos, non temos que preocuparnos deso.
Frente á capela, na parte de abaixo, vemos un lavadoiro do ano 1954 que foi restaurado. Ten un so cano e un bebedoiro para o gando.

A Capela do Carme sitúase no alto da vila de Lampaxuga á que pertence.

Lampaxuga pertence á parroquia de Loriana. É un lugar eminentemente rural con poucos veciños. Ao fondo, a Serra do Aramo.

Agora temos unha baixada con bastante desnivel. Non importa, son as subidas as que non nos gustan.

Estamos en Loriana e vemos o lavadoiro tradicional "La Pipera". Estivo abandonado moitos anos ata que en 2003 foi recuperado dentro do percorrido do Camiño Primitivo, engadindo neste lugar dúas mesas con bancos para quen queira facer un alto e descansar.
La Pipera

A igrexa de Loriana está moi abandonada. No ano 2016 caeu  o tellado e no 2021 aínda non estaba arranxado. Non sabemos se o está agora pero pareceunos abandonada e por fóra as herbas e a maleza rodean o edificio que está datado no S. XII:                                                                         Igrexa de Loriana

Seguimos baixando e atravesando hortas que parecen moi fértiles.

É unha fermosa baixada a que nos vai achegar ao lugar onde hoxe imos comer.

Enlazamos coa estrada AS-371. Estamos no lugar de A Bolguina que pertence á parroquia de Loriana. Xusta na 1ª casa á dereita (vense un pouco as árbores) está o Restaurante-bar Valdés onde temos a mesa reservada para 7 persoas.
Dicir que comemos moi ben, comida abundante e ben cociñada.
La Bolguina
 
Cando saimos de comer, chovía algo.

A Ponte Gallegos que unía a parroquia de Las Regueras con Oviedo, foi paso obrigado de peregrinos durante séculos. É da época medieval aínda que hai quen lle atribúe unha orixe romana. Salva o río Nora, afluente do Nalón.
Foi destruído en varias ocasións como na Guerra Civil e despois reconstruído. Ao inicio da ponte hai unha escultura do escultor ovetense J. Luis Fernández.
Esta ponte separa o concello de Oviedo do concello Las Regueras. Actualmente é só peonil.
Ponte Gallegos

Atopamos outro lavadoiro (destes tamén abundan, e moito, en Galicia) Hai un letreiro que di "Las Regueras, origen de la castaña valduna". Valduno é unha parroquia de Las Regueras de onde toma o nome a castaña. Esta variedade cultívase en todo o concello.

Pasamos por Gallegos, lugar da parroquia de Valsera dentro do concello de Las Regueras. Unha localidade na que vemos hortas e as típicas paneiras asturianas. Hai que ir con coidado, o arcén é moi estreito.
Gallegos
 
Abandonamos a estrada por este fermoso carreiro.

 
Empezamos unha subida (a máis importante do traxecto) con bastante desnivel ás veces, durante aprox 3 km. Nun claro durante a subida, temos estas vistas:

Estamos en Escamplero, lugar da parroquia de Valsera, no concello Las Regueras. Un pouco máis arriba está o Alto do Escamplero ata onde en principio contábamos chegar hoxe camiñando, pero sentímonos con ánimo e boa forma física para chegar ata Grado e rematar a etapa. E eso que estaba chovendo por veces!!
Escamplero

A igrexa de Escamplero que vemos agora foi construida no S. XX  nesta nova ubicación dende que un incendio arrasara coa anterior.
Igrexa de Escamplero

En Escamplero hai tamén un albergue de peregrinos e no pasado houbo tamén un hospital.
Escamplero

A capela de Fátima en Valsera, outra parroquia de Las Regueras, foi construida nos anos 50 sobre outra románica do S. XII destruída nun incendio en 1930. Esta nunca foi reconstruída e trouxo consigo que Valsera perdese a súa categoría de cabeceira municipal en favor de Escamplero onde se construeu a nova igrexa que xa vimos.
Os parroquianos de Valsera non tomaron ben esta decisión e afrontaron a título particular a construcción da pequena capela que vemos agora baixo a advocación da virxe de Fátima.
Capela de Fátima en Valsera

Atravesamos a pequena aldea de Valsera:

Pasamos entre os prados. NOTA: as fotos son moi regulares xa que o día púxose oscuro e con chuvia miúda.




Estamos na parroquia de Valduno e aparecen castiñeiros. Serán os que producen esa castaña chamada "valduna"? Aquí, o sinal indica que hai un muíño e achegámonos.

 É o Muiño de Picarín, totalmente restaurado:
Muíño de Picarín

Nun lugar precioso, atravesamos o río Andallón, outro afluente do Nalón.

 Pasamos por Premoño, da parroquia de  Valduno, concejo de Las Regueras.
Premoño

No S. XV houbo tamén un hospital de peregrinos e parece que esta capela de Santa Ana estaba ligada a el.
Capela de Santa Ana, en Premoño

As paneiras asturianas son unha evolución dos hórreos ou cabozos onde a planta aumenta de tamaño e faise rectangular. Desenroláronse sobre todo no S. XVII. Ten máis pegollos ou pilares que o hórreo e distínguese deste sobre todo polo tellado: os hórreos teñen tellado a 4 augas que se unen no punto superior e as paneiras teñen tellado con cabalete.
Distínguense tamén porque as paneiras acostuman a ter corredor e estar máis decoradas.
O que vemos na foto parece un hórreo, semella ser cadrado e ter 4 pés.

Carreiros ancestrais con muros de pedra seca:

Por aquí, ao estar mollado o chan con estas pedras, esvaraba bastante:

O cruce que vemos indica un desvío de 300m. ata as Termas de Valduno. Como non deixaba de chover pasamos de largo, aínda que era unha visita que tiña pensado realizar. Por riba, non é necesario dar a volta xa que outro pequeno traxecto lévanos ao Camiño outra vez.
As Termas romanas de Valduno son uns baños romanos que apareceron xunto á igrexa de Valduno como consecuencia dunhas excavacións feitas aí a principios do S. XXI que descubriron un conxunto termal datado do S. I.
Desvío ás Termas de Valduno.

Deseguida aparece diante nosa o río Nalón. Este río sempre foi fonte de riqueza e un atractivo para asentamento da poboación. Despois de percorrer 158km. desemboca formando a Ría de Pravia. 


Agora vemos unhas casas que forman o lugar de Paladín da parroquia de Valduno, concello Las Regueras. Aínda non ten 20 habitantes repartidos en 9 vivendas.


Atravesamos a ponte sobre o río Soto que vai desembocar ao Nalón.

Estaba chovendo e non era momento de fotos pero aínda así podemos aprezar o coidado e fermoso que está este lugar.

Continuamos uns metros ás beiras do río Soto.

Despois cambiamos de río, agora camiñamos as beiras do Nalón. Seguimos no concello de Las Regueras e entendemos a razón deste nome: pasamos xa tres ríos, vimos fontes, regos...

Seguimos por un fermoso sendeiro, o río vai á nosa esquerda.

Cruzamos unha pontella algo deteriorada sobre un rego: a pasarela das Xanas. As xanas son en Asturias as fadas que viven nos ríos, fontes, montañas...

Desembocamos na estrada AS-372 que non ten arcén e soporta bastante tráfico. Hai que extremar as precaucións!!

Durante uns metros estamos no concello de Candamo.

Cruzamos a Ponte de Peñaflor sobre o Nalón. A ponte actual é da I Media e sustitúe a outra anterior de madeira que levou unha riada; estaba situada noutro lugar. Frente a nós vemos a Peña del Aire onde houbo unha explotación mineira de caolín. Deixamos a AS- 372 para despois da ponte, incorporarnos á N-634 que vai a Grado.

Na seguinte foto vemos o desfiladeiro co río Nalón e as vías do tren entrando en Peñaflor.

A Ponte de Peñaflor ten un alto valor histórico xa que por unha parte é a vía de entrada do Camiño Primitivo no concello de Grado e por outra foi o lugar onde se libraron impottantes batallas durante a Guerra de Independencia e a Guerra Civil.
A ponte contaba inicialmente con 5 arcos dos que se manteñen 3 xa que un transformouse polas obras do ferrocarril e outro foi tapado cunha estrada.
Ponte de Peñaflor

A igrexa parrpquial de S. Juan de Peñaflor é de estilo románico rural e foi reformada en varias ocasións nos S. XVIII e XIX. Conserva o arco da entrada da súa primitiva orixe. Está situada ao pé da estrada N-634 que deixamos para meternos polo medio da vila por onde marca o Camiño Primitivo.
Igrexa de S. Juan de Peñaflor

Entrando en Peñaflor, ao pé da igrexa anterior, vemos dúas paneiras e un cabozo.
Dúas paneiras e un cabozo
 
Peñaflor, que pertence ao concello de Grado/Grau, é unha vila alargada situada nun extremo dun impoñente desfiladeiro. Chamou a nosa atención que practicamente tódalas casas teñen balcóns ou corredores.
Peñaflor
 
Deixamos Peñaflor para introducirnos nunha veiga que cruza o Río Nalón onde vimos grandes plantacións de escanda, un cereal autóctono de Asturias cultivado dende a prehistoria.
Tras un declive continuado deste cultivo dende o S. XVI, os novos tempos e as novas pautas de mercado, decantadas pola producción ecolóxica e a calidade alimenticia, colocan á escanda asturiana ante un novo renacemento e unha paulatina extensión de terras para o su cultivo.
A escanda asturiana ten un 50 por ciento máis de proteínas que o trigo común, un alto valor nutricional que se concreta en numerosas características saudables. 
O cultivo da escanda merece unha especial mención nos concellos de Grado, Pravia, Belmonte, Somiedo, Proaza, Yernes e Tameza e zonas limítrofes, ao igual que algunhas parroquias de Salas e Tineo, onde conservan este cereal tradicional e de verdadeiro interese etnolóxico.
Cultivo de escanda
Xa vemos ao lonxe Grado, o noso destino de hoxe.

A nosa entrada na vila de Grado prodúcese pola zona onde está o Museo Etnográfico que ten 3 sedes na vila, nós pasamos pola que está na Cardosa que se puxo en marcha en 1995 e ten dúas coleccións: a de Cultura Tradicional e a da Guerra Civil.
Museo etnográfico

Vemos xa a estación de trenes de Grado que vai ser o noso fin de esta etapa.
Estación de Grado

Aquí quedamos. Deixamos percorrer a vila de Grado para a seguinte etapa.
Estación de Grado

Páxinas web consultadas:
https://www.senditur.com/es/poblacion/penaflor-2/
https://www.dendecaguelu.com/
https://es.wikipedia.org/wiki/R%C3%ADo_Nal%C3%B3n