Os Oscos é unha zona das preferidas por min para facer sendeirismo (carreirismo máis ben sería en galego, xa que adoptamos do castelán sendeirismo porque para eles o que é sendero, para nós é un carreiro) Eu, que nacín nunha aldea e nelas hai moitos carreiros nunca oín dicir a ninguén sendeiro. Esta palabra, collémola do castelán e "traducímola ao galego, penso eu)No concello de Villanueva de Oscos fixemos xa outras rutas .
RUTA DOS BOSQUES+CASCADA DE MORLONGO
RUTA DA BOBIA
RUTA DEL SILENCIO
A de hoxe é outra ruta ben fermosa (Os Oscos nunca decepciona) pero reafirmoume no que eu penso das rutas homologadas: non son garantía de estar ben sinalizadas nin acondicionadas. Esta ruta non está nin unha cousa nin a outra. Sen un track é imposible facela xa que vin un único sinal ao longo de todo o percorrido e hai un tramo despois de Xestoso que polo menos nesta época da que falo (mes de xuño de 2023) estaba case impracticable con felgos e maleza que me chegaban á cabeza.
Características da ruta:
Lonxitude: 6 km.
Dificultade: fácil
Ruta circular mal acondicionada nun tramo e sen sinalizar.
Deixo o meu track en WIKILOC:
Descripción da ruta:
Esta ruta parte da aldea de Salgueiras, lugar que pertence á parroquia de S. Xosé de Xestoso no Concello de Vilanova de Oscos. O inicio está ao pé da estrada AS-27 que vai a Santalla e á Fonsagrada.
Mesmo á entrada desta aldea hai unha área recreativa e una antiga capela. Tamén vemos un edificio novo moi grande e a antiga escola reconvertida en vivenda. Aí, ao pé dese edificio grande e diante da escola hai unha explanada grande onde podemos aparcar.
Na foto seguinte vemos a área recreativa de Salgueiras e a capela de S. Antonio.
A capela de S. Antonio ten cuberta nova e está restaurada por fóra. A porta de entrada e unha valla que protexe a entrada, danos a sensación que hai moito tempo que non se celebra aquí culto ningún.
|
Capela de S. Antonio en Salgueiras |
Rodeamos a capela para ascender lixeiramente e cruzar a aldea de Salgueiras:
|
Salgueiras |
Salgueiras está situada a 815m. de altura. Chamoume a atención que ten casas moi coidadas e algunhas moi grandes restauradas en pedra. A actividade económica da aldea está moi vencellada á gandaría aínda que cada vez quedan menos granxas porque a xente moza dedícase agora ao sector servizos, construcción, etc.
|
Salgueiras |
Deseguida abandonamos esta localidade deixando a estrada para introducirnos nun camiño de carro. Xa podemos ver o inmenso carbayal (carballeira).
Carbayal de Salgueiras
Na parroquia de Xestoso aínda hai xente que ten gando.
|
Vacas en Salgueiras |
A pesares de levar o nome de "carbayal" e sendo, efectivamente, os carballos as árbores máis abundantes tamén hai neste bosque moitas bidueiras.
|
Á dereita, bidueiras. |
Facendo carreirismo, aprendín a coñecer moitas árbores. As bidueiras recoñécense facilmente polo seu tronco branco e as follas pequeniñas en forma de corazón.
|
As follas da bidueira son fermosas. |
Cruzamos o Rego de Suarado
|
Rego de Suarado |
A ruta non pode ser máis fermosa. Imos sempre á sombra no medio desta frondosidade. |
Carbayal de Salgueiras |
Non podo entender como unha ruta homologada está só sinalizada neste lugar, que tampouco é necesario xa que non hai ningún cruce. Foi o único sinal que vin.
|
Un só sinal... |
Nesta curva cruzamos un pequeno rego. A ámbolos lados, medran as bidueiras.
|
Bidueiras ao pé do rego |
Estamos xa abandonado o carbayal e a paisaxe ábrese deixándonos ver a aldea de Salgueiras, onde empezamos.
|
Vistas de Salgueiras |
Esta planta que vemos chámase serbal do cazador. É un arbusto precioso, esas boliñas agora verdes, dentro de pouco volveranse vermellas. É caducifolio e de crecemento rápido. É moi resistente e sobrevive case en calquera situación agás en zonas de moita sombra. Aquí dalle ben o sol.
O seu nome débese a que os seus froitos empregáronse como cebo para atraer aos paxaros e cazalos.
En galego chámase capudre ou cancereixo.
|
Serbal do cazador (En galego, capudre ou cancereixo) |
Variedade nun mesmo espazo: unha bidueira, unha xesta, un capudre e silvas tamén. |
Xestas, bidueira, cancereixo... |
Alonxámonos definitivamente do carbayal e por esta ancha pista dende a que temos boas vistas, imos cara a Xestoso.
|
Camiño con vistas |
Empezan a aparecer os pastos. Esto significa sempre que cerca hai poboación.
|
Prados |
Pasamos ao pé do campo de fútbol de Xestoso no que debe habe tempo que non se disputa ningún partido a xulgar pola herba grande que ten.
|
Campo de fútbol de Xestoso |
Xestoso ten unha pequena e coidada área recreativa con aparellos infantís. Lástima que non haxa nenos/as nesta aldea. Así nolo confirmou unha veciña coa que falamos. Aquí foi o meu comedor de hoxe.
|
Área recreativa de Xestoso |
Atravesamos esta localidade. S. Xosé de Xestoso é unha das 4 parroquias que ten o concello de Vilanova de Oscos.
|
Xestoso |
A igrexa parroquial da Virxe do Carme en Xestoso está restaurada e pareceume que está nun lugar ben fermoso rodeada de carballos.
|
Igrexa da Virxe do Carme, Xestoso |
Moi cerca da igrexa está a capela de S. Xosé que supoñemos que no pasado tería a súa importancia xa que a parroquia leva o nome deste santo. Actualmente está en ruinas ao pé dunha casa e serve como leñeira e outros usos.
|
Capela de S. Xosé en Xestoso |
|
Capela de S. Xosé |
Vista frontal da igrexa parroquial. |
Igrexa do Carme en Xestoso
|
Vemos outro sinal nas indicacións da estrada. A 2ª que vexo. |
Sinais |
Fermosa imaxe que nos permite ver Salgueiras e o bosque (prolongación do carbayal polo que xa pasamos) que imos atravesar para chegar alí.
|
Ao lonxe, Salgueiras e bosque que imos atravesar. |
Aquí non sinal ningunha e unha veciña díxonos que moita xente ía pola estrada. A ruta oficial colle o camiño da dereita que foi o que eu fixen. Imos meternos de novo no carbayal de Salgueiras.
|
Camiño á dereita |
Primeiro pensei que se ía polo prado ao ver aberta a cancela, pero non, o prado é propiedade privada e o sendeiro vai ao pé, cóllese onde están eses troncos atravesados para que non pase o gando.
Sempre pensei que unha ruta homologada non é garantía de que estea ben sinalizada e ben acondicionada. As moitísimas rutas que levo percorridas así mo demostraron pois atopei algunha ruta homologada (as menos, todo hai que dicilo) que non cumpren o de estar coidadas e ben sinalizadas. Esta sobre a que estou a escribir é oiutro exemplo máis. Sen seguir un track é imposible poder realizala debido á escasa, case nula sinalización e o que se ve nas fotos seguintes, é o estado no que se atopa a día de hoxe un tramo da ruta.
|
Estado no que se atopa un tramo desta ruta |
As silvas case non deixan pasar.
Menos mal que o tramo en tan malas condicións é curto e deseguida o carreiro se normaliza.
|
Carbayal de Salgueiras |
Imos en constante baixada ata chegar ao Rego de Suarado que volveremos cruzar:
Xa estou abaixo de todo, xunto ao rego. O entorno non pode ser máis idílico:
Volve o sendeiro en pésimas condicións:
Temos que cruzar esta rústica pontiña sobre o Rego de Suarado.
Agora empeza unha subida con bastante desnivel pero é moi curta e por riba hai sombra. Nin nos enteramos do ascenso!
Rematamos a carballeira saíndo a unha pista que nos vai levar deseguida a Salgueiras.
Zonas de bosque e prado vanse alternando:
Fíxome nas xestas que hai poucos días estaban en flor e agora xa amosan o froito en forma de vaxas que espallarán as sementes en torno da planta nai.
Chegando a Salgueiras vemos Xestoso por onde acabamos de pasar e o Carbayal que cruzamos.
Xa estamos de novo en Salgueiras. Hai moitas casas restauradas.
Este edificio tan grande que está ao pé da área recreativa e da antiga escola, onde aparquei, son vivendas sociais, 8 pisos que están practicamente baleiros. Pareceume que só dúas vivendas estaba ocupadas. Parece que nin a oferta de vivenda barata é suficiente para consolidar poboación nestas zonas rurais.
Páxinas web consultadas:
https://www.verdeesvida.es/fichas_de_plantas/arboles-y-palmeras_2/serbal-de-los-cazadores_3052
Ningún comentario:
Publicar un comentario