xoves, 29 de xuño de 2023

CAMIÑO DE SANTIAGO PRIMITIVO. GRADO-SALAS


Onte, 25 de xuño de 2023, tocou facer a 2ª etapa deste Camiño. Unha etapa bastante fácil (hai un tramo de 5 km. ao principio en constante subida) para mín a parte máis complicada do percorrido de hoxe, pero indo despacio lévase ben. O resto foi en chao, algunha baixada e subida sen importancia.

Pasamos por varias aldeas coas típicas construccións tradicioanais de hórreos e paneiras, vimos santuarios, capelas e igrexas, atravesamos bosques fermosos e fértiles veigas e defrutamos de vilas cos cascos medievais interesantes como Grado e Salas e tamén vimos ao longo de todo o percorrido nogueiras, moitas nogueiras.

Nesta 2ª etapa uníronse aos 7 que eramos na etapa anterior, Angelina e Andrés.

Características da etapa:

Lonxitude: 23,2 km.

Dificultade : moderada (pola 1ª e longa subida)

Ruta lineal perfectamente sinalizada. O meu track en WIKILOC

Descripción da etapa:

Antes de empezar a camiñar, sempre tomamos un café. É un ritual que conservamos dende que empezamos a camiñar, tanto se vou eu sola como cando imos máis persoas, neste último caso serve ademais para xuntarnos, saudarnos e cambiar impresións sobre a ruta a realizar e sobre outros moitos asuntos.

Hoxe o noso primeiro café foi en Grau e despois dedicámonos a percorrer a vila antes de sair do casco urbano e comenzar a etapa de hoxe. O casco histórico de Grado/Grau está considerado BIC (Ben de Interese Cultural) e conserva interesantes exemplos de arquitecura medieval, indiana e edificios civís dos séculos XIX e XX.

Aparcamos ao pé dun albergue público de peregrinos Villa de Grado (en Grau hai outro privado) e do Parque Manuel Pedregal ou Parque de Arriba.

Parque Manuel Pedregal ou Parque de Arriba

Aquí vemos o edificio do albergue. É un albergue público exclusivo para peregrinos do Camiño de Santiago Primitivo con credencial. Está situado onde se celebraba o antigo mercado de gando e foi inaugurado en 2016. Hai outro albergue, La Quintana, pero é privado.
Albergue Villa de Grado

O albergue privado de La Quintana está situado nunha fermosa casona indiana:

                                                                     Albergue La Quintana

Segundo baixábamos para a Cafetería Exprés onde quedáramos, vimos este impoñente pazo chamado El Capitolio ou Palacete Velázquez. É un pazo indiano do S. XIX mandado construir por Pancho García emigrado en Santo Domingo. Durante a Guerra civil foi ocupado e saqueado e despois recuperado pola familia que a vendeu a Manuel Velázquez, outro indiano. A día de hoxe a familia deste segue ostentando a propiedade.

Capitolio ou Pazo Velázquez

Na Cafetería Exprés foi onde nos reencrotramos e tomamos o 1º café como facemos sempre antes de empezar unha ruta.O edificio é ben fermoso!!
Cafetaría Exprés en Grado

Ao pé da cafetería vimos o Pazo de Miranda-Valdecarzana de orixe medieval pero cunha importante reforma no S. XVIII. Actualmente alberga a Biblioteca Pública de Grado.
Pazo de Miranda-Valdecarzana 
                                                                       
O Pazo foi levantado pola familia Miranda á que Felipe IV lle concedeu o título de marqueses de Valdecarzana en 1624.
Pazo de Miranda-Valdecarzana

A Capilla de los Dolores é unha impoñente obra barroca que actualmente non ten caracter relixioso senón que é un espazo multicultural para concertos, representacións teatrais...etc.
Antigamente era a capela do pazo anterior, Miranda-Valdecarzana. Foi mandada construir en 1713 por Sancho Fernández de Miranda Ponce de León y Trelles, III marqués de Valdecarzana.
Capilla de los Dolores.

No pasado, Grado/Grau foi unha vila amurallada e pemaneceu así ata o 1810, ano no que foi destruída para evitar que servise de refuxio aos franceses durante a guerra de Independencia. A muralla tiña medio metro de espesor e 7m. de altura.
Os poucos restos da muralla que houbo están en estado ruinoso. O que vemos na seguinte foto é a reconstrucción da muralla orixinal feita con cantos rodados protexidos por unha malla.
Reconstrucción da muralla de Grau

Na pequena praciña que hai entre o Pazo de Miranda-Valdecarzana e a muralla e diante da escultura dun banco en forma de libro, quitamos a nosa foto de grupo hoxe:
A foto de grupo(falta un)

Espectaculares casonas que vemos en Grado:


O edificio que alberga a Casa Consistorial de Grado é de mediados do S. XIX, levantado sobre un primitivo de menor tamaño. Trátase dun edificio de 3 pisos cunha torre onde está o reloxo. O edificio sufreu varias reformas nos séculos XIX e XX ata ter o aspecto actual. Adosado ao concello hai un edificio de vivendas particulares.

Concello de Grado.

Na foto seguinte vemos a Praza do concello.

Abaixo vemos a Praza General Ponte, pegada á anterior e que é o centro da vida comercial e social de Grau.  Alberga, xunto a outras rúas colindantes, o mercado tradicional que se celebra tódolos mércores e domingos. Onte era domingo, así que había mercado.


Praza General Ponte

A que vemos debaixo é a Casa dos Fernández de Miranda situada na Praza General Ponte. É unha casa do S.XVIII. Tamén se ve a Casa dos Arcos que se estructura en tres plantas. Os dous primeiros pisos datan do S. XVIII e están realizados en sillar de pedra caliza rosácea, mentras que o terceiro, xunto ao faiado, parecen corresponder a unha ampliación do S. XIX.

Esta edificación corresponde a un modelo de vivenda urbana, que se repite  noutras vilas  e que posiblemente, sexa a única construcción que permanece en pé dun conxunto máis amplio que bordeaba a praza.

Destaca o pórtico con arcos de medio punto na planta baixa e que dá nome á casa.

Casa dos Fernández de Miranda e Casa dos Arcos

O edifcio pintado de verde é a Casa Tejeiro.

Na foto seguinte vemos o Pazo dos Casares que hoxe é coñecida como Casa Vidal. É unha edificación elegante na que destaca a súa escalinata, decorada con esculturas que representan as catro estacións. No seu interior consérvase o 1º ascensor que houbo en Grado.
Pazo dos Casares
 
Esta cruz de pedra dá nome ao barrio no que se atopa, o barrio da Cruz, polo que sae o Camiño de Santiago Primitivo da vila de Grado para ir cara a un entorno rural.
A Cruz do Camiño de Santiago

Empezamos unha subida de 300m. de desnivel que vai durar 5 km. ata chegar ao Santuario do Fresno. Tamén haberá algún pequeno tramo en chao, claro que sí.
Empezando a subir

Foi un día de calor pero bastante menos que o día anterior, sábado, no que os termómetros chegaron a acadar aquí os 34º. Sería difícil camiñar así, con tantísima calor á que non estamos acostumados.

Agora temos un tramo en chao que nos reconforta.

Empezamos a ver as típicas construccións asturianas. Virán moitas máis ao longo desta etapa.
Un hórreo asturiano

Pasamos polo Acebiu/Acebedo que pertence á parroquia de Villapañada do concello de Grau
Acebedo/acebiu
El Cascayal é un lugar de Acebedo.
El Cascayal


El Valle é un lugar da parroquia de Villapañada no concello de Grau.
El Valle

Continuamos subindo.

Abelairas, freixos, castiñeiros e carballos son os compañeiros que nos proporcionan agradecida sombra:

A costa está a piques de rematar xa se ve alí enriba o Santuario do Fresno. El Fresno (El Freisnu) é unha parroquia de Grado de apenas 100 habitantes. Goza dunha situación privilexiada e está atravesada polo Camino Real da Mesa e polo Camiño de Santiago Primitivo.
Aló enriba, o santuario de Santa Mª del Fresno

O Camiño Primitivo axudou a realzar a importancia do Santuario de Santa Mª do Fresno. A igrexa data dos séculos  XV e XVI pero sufreu varias reformas nos séculos XVII e XVIII. É un dos santuarios de Asturias máis visitados e ademais moi querido polos lugareños. Todolos fins de semana ao longo de 6 ou 7 meses se celebran vodas aquí. 
Ao pé do santuario, onde está o cemiterio, hai unha gran cruz que simboliza o lugar onde estivo situada unha vella ermida.
Durante a Guerra da Indepencia, o santuario foi usado como forte militar polas tropas de Napoleón e ao abandonalo, incendiarono e non foi reconstruído ata 1870. Durante a Guerra Civil tamén sufreu grandes desperfectos e a imaxe da Virxe foi destruída. Ata 1975 non se tivo outra imaxe, que é a actual.

Santuario de Santa Mª del Fresno

Dende o santuario gozamos de excelentes vistas panorámicas.

A partires de aquí,  empezamos a baixar por un camiño con grava, hai que levar coidado de non esvarar!! É o chamado "Camín del Morriondu".  Ao fondo, o val do río Narcea.
Imos entrar noutro concello: Salas, a través da parroquia de Santa Eulalia de Doriga.
Este camiño que baixamos foi ensanchado para o paso de camións durante a construcción da autovía de La Espina (aínda non está rematada). Non ten tráfico ningún actualmente e só é usada polos peregrinos.
Empezamos a baixar.

Cruzamos a Ponte de la Meredal dos séculos XVII/XVIII
Puente La Meredal

E cruzamos outra ponte sobre a autovía A-63

Chegamos a unha fermosa localidade, S. Marcelo, da parroquia de Santa Eulalia de las Dorigas, xa no concello de Salas.
S. Marcelo

O Camiño Primitivo atravesa esta localidade que é moi fermosa, con moitas plantas e flores, moi limpa e coidada.
S. Marcelo

A min encantoume esta pequena aldea de S. Marcelo!!

A continuación imos introducirnos nun bosque ao que accedemos atravesando este prado. A cor verde é sempre á que nos acompaña, para eso estamos en Asturias!!

Cruzamos unha pequena pontella rústica para salvar o rego do Fresno

Camiñaremos durante 500m ao pé do Rego do Fresno ou Meredal.
 
Tamén vimos un muíño que aproveitaba no pasado a auga deste rego.
Muíño de La Reaz
 
Na fonte La Reaz, enchemos as botellas de auga ben fresquiña!
Fonte La Reaz

Pasamos polo túnel, debaixo da estrada SL-9 

Continuamos ao pé do Rego del Freisnu, afluente do Narcea, onde vimos varios cangrexos de río.

Atravesamos Doriga que é a cabeceira da parroquia. Vemos unha paneira e un hórreo na foto. Ao longo de todo o percorrido vimos moitísimas maís destas típicas construccións asturianas que serviron para gardar os froitos das colleitas.

O hórreo que vemos na seguinte foto, díxonos unha muller coa que falamos (e non hai mellor maneira de aprender sobre o lugar que pisas que falando cos veciños) que era un hórreo antiquísimo, tanto que nin sequera tiña cravos, senón que as distintas partes se unían mediante outros madeiros.
Hórreo moi antigo

A igrexa de Santa Eulalia de Doriga está restaurada e ten uns chamativos contrafortes poducto dos avatares e reformas que sufreu ao longo da historia. O aspecto actual desta igrexa é do S. XVIII pero consérvanse porcións dun santuario do S. XII.
Igrexa de Santa Eulalia de Doriga

Continuando o Camiño, ao pé da igrexa temos Ca Pacita que foi un "chigre", un bar de aldea dos de toda a vida onde pensábamos parar a tomar algo pero...pechou!!
Ca Pacita, actualmente pechado

Subimos agora por La Veiguina, unha zona de pastos que nos deixa ver Doriga, pola que acabamos de pasar.
Doriga

Pasamos baixo o viaducto da autovía

Subimos unha pequena costa e axiña xiramos á esquerda para adentrarnos nun fermoso souto.

Temos unha curta baixada na que hai que ir con coiado para non esvarar.

O carreiro desemboca na AS-15, ao pé destas casas que pertencen ao barrio chamado Casas del puente(La Ponte) así chamado porque antes da ponte actual, hai moitísimos anos, houbo aquí unha ponte para cruzar o Narcea que desapareceu por unha riada no S. XVI.

Continuamos pegados á estrada polo sendeiro.
 
E vemos árbores presentes hoxe en todo o percorrido: nogueiras que presentan neste mes de xuño o seu froito.
Nogueiras

Entramos en Cornellana polo Parque Fluvial do Salmón.
Parque fluvial do Salmón

Cruzamos a Ponte sobre o río Narcea. Este río é o 2º máis importante de Asturias e é afluente do Nalón. É un dos ríos máis salmoneiros do Principado. As súas augas tamén son aproveitadas en 2 encoros e proporciona auga á industria siderúrxica de Avilés a través da canle do Narcea.
Ponte sobre o Río Narcea

Paramos en Cornellana a xantar en Casa Ricardo. Comemos fóra, na terraza cuberta, un menú de domingo composto de tres primeiros, tres segundos, bebida e postre por 20€. Comida abundante e bastante ben cociñada e cunha moi boa atención.
Casa Ricardo, onde xantamos

Despois de coner proseguimos o Camiño cruzando o río Nonaya que desemboca un pouco máis abaixo, no Narcea.
Ponte que cruzamos sobre o río Nonaya

O Mosteiro de S. Salvador,  a pesares de sufrir varios incendios, ocupacións e guerras,  resiste o paso do tempo e é Patrimonio da Humanidade dende 2015.
Mosteiro de S. Salvador en Cornellana

A fachada da igrexa é barroca, do S. XVII enmarcada por dúas torres. Actualmente estase a conmemorar os mil anos da  fundación deste mosteiro.
Mosteiro de S. Salvador en Cornellana

O mosteiro foi fundado pola infanta Cristina, filla do rei leonés Bermudo II, no S. XI. No S. XII, Suero Vermúdez (bisneto da infanta Cristina) e a súa muller  donan o mosteiro á francesa Orde De Cluny. O rei Alfonso VII, no mesmo S. XII, crea o Coto de Cornellana en virtude do que tódolos habitantes quedan baixo a xurisdicción do abade do mosteiro.
No S. XIV, disminue o poder da Orde de Cluny e o mosteiro queda inmerso nas loitas nobiliarias que suceden en Asturias.
No S. XVI, o mosteiro pasa a formar parte da comunidade benedictina de Valladolid que reedifica todo o edificio.
No S. XVII, adósase sobre a antiga fachada románica a fachada actual e tamén se reedifica o claustro.
No S. XIX, o Coto de Cornellana pasa a depender do concello de Salas. Na guerra de independencia (pricipios do S. XIX) o mosteiro pasa a servir como cabaleiriza para os franceses e cando marchan, incendiano. Despois pasou a mans particulares e incluso albergou unha fábrica de manteca.
No ano 1878, o mosteiro pasa a mans do Obispado de Oviedo.
No 1931 é declarado Monumento Nacional e Ben de Interese Cultural.
Durante a nosa Guerra Civil é utilizado por ámbolos dous bandos. Ao rematar a guerra, restaurouse a igrexa, a torre románica e parte do claustro.
No ano 2015, o Camiño Primitivo foi declarado Patrimonio da Humanidade coas súas igrexas, albergues, mosteiros...e demais infraestructuras co que o mosteiro entra dentro desa consideración.
Na foto seguinte vemos unha das torres co reloxo e o escudo de Castela e León (de cando pertenceu á Orde Benedictina de Valladolid) que tamén ten a figura da osa amamantando aun bebé


O mosteiro foi retellado de novo pero necesita máis actuacións de rehabilitación e mentemento porque o seu deterioro é evidente nalgunhas zonas, pero as autoridades parece que retrasan unha e outra vez esas necesarias labores.
Ábsidas románicas

No mesmo mosteiro está o albergue de peregrinos ao que se accede mediante unha porta que non se ve na foto e está pechada (para acceder ao albergue hai que chamar) Despois de traspasar esa  porta temos que cruzar esta que se ve na foto e que é a famosa "Porta da osa". Este pódese considerar o antigo acceso ao mosteiro, é unha porta románica que ten a figura dunha osa amamatando a un bebé que según di a lenda perdeuse no bosque e o animal deulle de mamar.
Porta da osa


Abandonamos Cornellana e o seu mosteiro subindo por esta estrada local.

Dende aquí contemplamos a inmensidade do mosteiro, todo un emblema do Camiño Primitivo. Vemos ademais a outra torre, a románica que facía as veces de campanario.
Mosteiro de Cornellana

Vemos xa a aldea de Sobrerriba ou Suburriba desparramada ao longo do Camiño Primitivo e aos verdes prados. Pasaremos polo medio.

Estamos subindo pola estrada que ven de Cornellana SL-7 e vemos unha paneira con bodega debaixo(hai moitísimas así) de 8 pilares. Está moi ben adornada coas flores.

Seguimos vendo máis paneiras. Estas edificacións son evolucións dos hórreos. Suponde que as paneiras naceron aló polo S. XVII para albergar as grandes colleitas de millo procedente de América.

 Agora perdemos o asfalto para adentrarnos nun camiño de carro entre prados.

Mirando á dereita vemos Cornellana asentada na veiga onde o río Nonaya se xunta co Narcea.

Pasamos entre castiñeiros.

Felgos dos que medran onde hai moita humidade. Este carreiro en época de chuvias estará moi enlamado pero os peregrinos de verdade traerán bo calzado...

O carreiro anterior desemboca na canteira de Sílices La Cuesta que leva funcionando dende que se creou en 1964. Explota arenisca cuarcítica dedicada principalmente á industria do vidro. O Camiño evita a explotación pasando por detrás, á esquerda da foto.
Canteira

De súpeto e pasando case sen fixarnos hai uns ollos que nos miran!!! É un moucho de plástico que alguén escondeu entre as pedras non sabemos con que fin, ao mellor o de asustar ou divertir ao camiñante...
Un moucho de mentira

Un pouco máis adiante, atopamos un cobertizo cunha máquina de refrescos que ao non haber agora bares na maioría das aldeas, palía algo a necesidade que alguén poda ter de tomar algo frío.

Estamos en Llamas, parrroquia de Villazón, no concello de Salas. Vemos un pombal.

 En Llamas atopamos este posto con tellas, unha hucha e letreiros escritos en castelán e inglés para que escribas ou debuxes o que queiras nas tellas que logo servirán para cubrir a capela de S.Ildefonso que nos queda moi cerca, á esquerda. Hai unha hucha pedindo a vontade do peregrino para arranxar esa capela.
 
Desvíome uns metros para ver de cerca a capela e en verdade si que precisa unha rehabilitación.
Capela de S. Ildefonso en Llamas

Estamos na parroquia de Villazón onde o río Nonaya forma un espléndido val.


Os cultivos de millo alternan cos pastos onde pacen as vacas.

Vemos os desmontes na montaña que se fixeron con motivo do paso da autovía que aínda non está rematada.

Este é un dos tramos máis chaos e longos do Camiño Primitivo.

Vemos Quintana, cabeza parroquial da parroquia de Villazón. Quintana ten as casas agrupadas nun alto e a igrexa parroquial quedá un pouco máis á dereita da foto. Deseguida chegaremos cerca dela.
Quintana

A igrexa dedicada a Santiago delata  a vinculación desta parroquia coa senda xacobea. Hai pergameos que din que aquí houbo un mosteiro. A finais do S. XVIII o edificio foi reedificado e no 2013 foi de novo restaurado.
Igrexa de Santiago en Doriga
 
Ao pé da igrexa temos a Fonte de Santiago con lavadoiro. No pasado foi lugar de reunión e encontro dos veciños e actualmente dá repouso ao peregrino.
Fonte de Santiago

Na Fonte de Santiago volvemos encher as botellas de auga fresca e incluso refrescamos os pés no lavadoiro.
Fonte de Santiago

Seguimos vendo nogueiras cargadas de froitos.



Algo máis adiante atopamos Fuente Caliente aínda que non fai honra ao nome, xa que a auga estaba ben fresquiña!
Fuente Caliente

Agora deixamos a estrada para introducirnos nun fermoso e frondoso bosque á esquerda.

Pasamos a Ponte de Casazorrina sobre o Río Nonaya construído entre os séculos XVII e XVIII. Un lugar dunha gran beleza.
Ponte de Casazorrina

Entramos en Casazorrina, da parroquia de Villamar . Os veciños chámanlle Zorrina. Seguimos á beira da canle que servía auga a un muíño.

Pasamos por diante do albergue "La Figal de Xugabolos" onde tamén hai apartamentos turísticos.

Volvemos cruzar o Nonaya pola pasarela de A Debesa
Pasarela de A Devesa

A Torre de A Devesa é un dos símbolos do Camiño Primitivo. É do S. XVI e mentras algúns investigadores afirman que aquí houbo unha venta, outros din que se trata dunha casa fidalga.
Torre da Devesa

Imos agora por un camiño entre árbores e pastos.

Temos que cruzar a estrada:

E de novo imos por un carreiro con carballos á beira dos prados.


Entramos en Mallecín, un lugar da parroquia de Salas e vemos varios hórreos sen restaurar, como eran no estado orixinal.
Mallecín

Ímonos achegando a Salas, fin da etapa de hoxe. Ao fondo xa podemos ver a vila. Na foto estamos contemplando as abelairas que teñen moitos froitos e pola situación, dentro dunha finca con peche, e o coidadas que se ven deducimos que estas abelás se aproveitan para o consumo.

Cruzamos a AS-226 para entrar en Salas e desta vila escribirei cando publique a 3ª etapa.

Páxinas web consultadas:
https://monasteriodecornellana.es/

https://www.xn--castillosdeespaa-lub.es/es/content/muralla-de-grado


http://xurdemoran.blogspot.com/2014/06/casazorrina-y-la-antigua-venta-de-la.html

https://es.wikipedia.org/wiki/El_Fresno_(Grado)
https://www.senditur.com/es/punto-interes/santuario-de-nuestra-senora-del-fresno/

https://www.ayto-grado.es/
https://grado.vivirasturias.com/
http://xurdemoran.blogspot.com/2013/07/el-palacio-de-doriga-salas-asturias.html

Ningún comentario:

Publicar un comentario