venres, 22 de abril de 2022

OVIEDO

 O sábado, día 9 e o domingo día 10 deste mes de abril de 2022 viaxamos a Oviedo, Llanes e Villaviciosa nunha viaxe organizada por Xaime Cancio. Como de costume, a organización non me defraudou senón todo o contrario. Non creo que haxa axente de viaxes que organice mellor unha saída nin que estea máis atento ás necesidades de cada pasaxeiro.

Comezamos a viaxe en Oviedo, capital do Principado de Asturias, que eu non coñecía e que me sorprendeu moi positivamente. É unha cidade moi limpa e coidada  que mellorou moito na últimas décadas facendo peoniles moitas rúas, restaurando edificios, colocando monumentos e estatuas en lugares emblemáticos e que ten moito que ofrecer a quen a visita: un casco histórico medieval onde se atopa a súa fermosa catedral gótica ademais doutros monumentos importantes; edificios da arte prerrománica que son Patrimonio da Humanidade como Santa Mª do Naranco ou S. Miguel de Lillo; a igrexa de S. Juan el Real, o Parque de S. Francisco, as numerosas e fermosas esculturas que atopamos polas rúas...etc, etc.

A viaxe a Llanes e Villaviciosa, podes vela pinchando AQUÍ

ARQUITECTURA PRERROMÁNICA.-Visitamos 2 dos monumentos máis representativos da arte prerrománica de Oviedo declarada toda ela Patrimonio da Humanidade.

 SANTA Mª DEL NARANCO.-

Santa Mª del Naranco

Na súa orixe foi un pazo real e lugar de descanso do rei Ramiro I. Foi construido no S. IX e despois pasou a ser igrexa. O seu estilo é chamado arte asturiano ou ramirense dentro do perrománico. Destacan os seus chapiteis bizantinos.

Fachada oriental de Santa Mª del Naranco
Outra fachada do monumento:

Dende Santa Mª del Naranco temos unhas boas vistas da cidade de Oviedo. Non subimos á cima do Monte Naranco (faltan 3 km. dende aquí) e dende aí as panorámicas sobre a cidade son insuperables. Os autobuses non poden subir e andando hai bastante distancia tendo en conta que hai que respectar un programa e que é unha subida continua e importante que moita xente no estaría disposta a afrontar.

Vistas de Oviedo dende Santa Mª del Naranco.

S. MIGUEL DE LILLO

S. Miguel de Lillo

A poucos metros de Santa Mª, atopamos esta igrexa tamén construida en tempos de Ramiro I. Orixinariamente era moito máis grande pero sufreu un derrubamento debido tal vez ás malas condicións do terreo. O edificio que hoxe contemplamos é aprox. 1/3 da construcción orixinal. No 2011 leváronse a cabo tamén obras de restauración debido ao que parecía un inmininte derrube e ao deterioro xeral que presentaba. Santa Mª del Naranco e S. Miguel de Lillo conformarían no pasado un conxunto palaciego.
 
CENTRO HISTÓRICO
No pasado, Oviedo estivo rodeado por unha muralla da que aínda hoxe se conservan restos nalgunhas rúas. Dentro dela estaba a cidade medieval que segue a conservar ese aspecto que dá a sensación de que paseando por ela nos adentramos na I. Media.
O rei Fruela foi o 1º impulsor da cidade construindo un pazo e unha igrexa próximos entre sí pero foi Alfonso II O Casto co traslado da Corte dende Pravia a Oviedo quen lle deu a capitalidade e gran importancia ao ser o impulsor do Camiño Primitivo de Santiago e da catedral.

A Basílica Catedral de S. Salvador de Oviedo é de estilo gótico aínda que como a súa construcción durou tres séculos ten tamén outros estilos. Empezou a edificarse no S. XIII sobre os restos dun conxunto catedralicio do S. IX e algúns restos de edificios desta época aínda se conservan como por exemplo a Cámara Santa (Cando a guía nos falou dela eu pensei que sería unha urna, imaxinei un cofre moi grande...algo así...) pero resulta que é unha capela que se conservou da anterior catedral, é Patrimonio da Humanidade e garda xoias moi prezadas, como as cruces da Victoria e dos Anxos e reliquias moi importantes como o Santo Sudario según din.

Catedral de Oviedo. Á dereita, a igrexa de S. Tirso


Esta é a Cámara Santa polo exterior. (Foto de Wikipedia)

Na Praza da Catedral ou Praza de Alfonso II El Casto podemos ver tamén a Igrexa de S. Tirso, separada da catedral pola rúa Santa Ana. Esta igrexa foi fundada por Alfonso II no S. IX e a pesares de sufrir múltiples transformacións aínda conserva algo da parte prerrománica.
                                                          Igrexa de S. Tirso

Aquí vemos a Praza da Catedral pola parte oposta ao edificio relixioso. Vemos a capela da Balesquida, a esquina do Museo de Belas Artes e tres Pazos: o de Valdecarzana, o de Camposagrado e o da Rúa.
Praza da Catedral ou Alfonso II O Casto

Nunha esquina da Praza, mirando ao Pazo de Valdecarzana vemos tal vez a estatua máis famosa de Oviedo: a da Regenta en memoria de Ana Ozores, protagonista do libro de Leopoldo Alas "Clarín"

O Pazo de Valdecarzana , dos S. XVII e XVIII é de estilo barroco. Foi construido pola familia Miranda, un dos grandes linaxes asturianos. Deixou de ser residencial no S. XIX, despois albergou un casino e dende 1931 é a sede da Audiencia Territorial de Asturias.
Pazo de Valdecarzana

Case pegado ao Pazo de Valdecarzana, atopamos o de Camposagrado que é actualmente a sede do Tribunal de Xustiza de Asturias. O edifico é do S. XVII e está declarado Ben de Interese Cultural.
Pazo de Camposagrado

Capela da Balesquida do S. XIII está en frente da catedral. Foi cedida en testamento pola noble ovetense dona Velasquita Giráldez á confraría de xastres por eso vemos unhas tesoiras na ventá. Está dedicada á Virxe da Esperanza.
                                                        Capela da Balesquida

O Pazo da Rúa ou Casa do Marqués de Santa Cruz tamén se atopa nesta Praza. É un dos edificios civís máis antigos da cidade. Datado do S. XV, foi un dos poucos edificios que se salvaron dun gran incendio que houbo na cidade no Nadal de 1521. É un exemplo da arquitectura da I. Media. No S. XV incorporouse a ventá da cruz que é un dos seus elementos máis característicos. No 2008 levouse a cabo unha reforma integral do edificio. Actualmente funciona como lugar de eventos e hostelería.

                                                               Pazo da Rúa

O Museo de Belas Artes ten tamén unha fachada cara á Catedral grazas á ampliación realizada en 2015 e ocupa ademais outros edificios importantes como o Pazo de Velarde e outros. É un Museo moi importante e conta con obras de pintores moi famosos como Picasso, Miró, Dalí, El Greco, Goya, Sorolla...(Foto de "Descubrir el arte")
                                                Fachada do museo que dá a catedral

En pleno casco histórico atopamos a Corrada del Obispo, unha praza na que vimos:
  
CASA DO DEÁN PAYARINOS.- Mandada construir a principios do S. XX polo deán da catedral. É de estilo modernista e do edificio orixinal só queda a fachada, xa que por dentro está totalmente reconstruido. Actualmente é o Conservatorio Profesional de Música de Oviedo e o Conservatorio Superior de Música "Eduardo Martínez"
                                                      Casa do Deán Payarinos

PAZO EPISCOPAL.- Este que vemos data do ano 1940 xa que o anterior do S. XVI foi queimado durante Guerra Civil. Deste anterior consérvase a portada adornada con 4 escudos diferentes.
                                           Diante do Pazo Episcopal escoitando á guía

PORTA DA LIMOSNA.- Esta porta dá acceso ao claustro da catedral. É do S. XVIII de estilo barroco e recibe este nome porque por aí saía o bispo e resto do clero a dar limosna aos necesitados.
                                                             Porta da Limosna

MUSEO ARQUEOLÓXICO.- Ocupa o claustro do antigo Mosteiro de S. Vicente. É un Museo de ámbito rexional e unha larga tradición. Conserva a colección material do legado arqueolóxico de Asturias.

                                              Á esquerda, o Museo arqueolóxico

PRAZA DA CONSTITUCIÓN.- Aquí destacan dous edificios: o do concello e a Igrexa de S. Isidoro. A construcción da praza iniciouse no S. XVII
A Casa Consistorial sufreu grandes destrozos durante a Guerra Civil. Despois reedificouse e en 1940 engadiuse a Torre do Reloxo
Casa Consistorial
Na imaxe seguinte vemos o aspecto da Praza co concello e a Igrexa de S. Isidoro que é de estilo clasicista con elementos barrocos. É do S, XVI e está construida sobre unha románica anterior da que se conserva un arco de entrada que está colocado no Parque de S. Francisco.
Igrexa de S. Isidoro

PRAZA DO FONTÁN.- O seu nome débese a unha fonte que vertía auga nesa zona que antes era unha lagoa. Antigamente foi un Corral de Comedias e actualmente é un dos lugares onde se celebra o mercadillo do Fontán e tamén unha zona de hostelería. Xunto a esta praza tamén está o mercado cuberto de O Fontán do S. XIX.

                                                             Praza do Fontán
A praza do Fontán era unha lagoa que servía de zona de recreo para os nobres ovetenses. Ao mesmo tempo viñan os campesinos vender os seus produtos e tamén os artesáns, os ferreiros...polo que se creou axiña unha zona insalubre así que se decidiu desecala no S. XVI. Neste mesmo século, unha rica viuda de Oviedo decideu crear nestes terreos un colexio Xesuíta. No S. XIX este colexio foi derribado quedando só a Igrexa de S. Isidoro. Máis decide construirse un Corral de Comedias. No 1996 debido ao deterioro que presentaba esta praza, foi totalmente derribada nunha decisión que causou gran polémica. Só quedou en pé a Casa Ramón, actualmente unha sidrería que fora restaurada polo propietario.
Praza do Fontán

Adosada á Igrexa de S. Isidoro temos a Praza Cuberta do Fontán. O edificio data de finais do S. XIX. En 1994 foi rehabilitado e nel hai numerosos postos de produtos frescos así como o rastro os domingos.
                                                              Praza cuberta do Fontán

PRAZA DO PARAUGAS.-  O nome venlle da construcción que deseñou o enxeñeiro Sánches del Río no ano 1929 para protexer ás leiteiras que vendían leite nesta praza.

                                                                 Praza do Paraugas

Isto foi o que vimos coa guía pola mañá. Fomos xantar ao hotel que tíñamos reservado tamén para pernotar, o "Santo Domingo Plaza" 
                                                        Hotel Santo Domingo Plaza

Pola tarde, Xaime deu a opción de ir ver os Museos de Belas Artes e o Arqueolóxico ou de ir cadaquén por libre. 
Os museos eran sen dúbida unha boa opción pero nós queríamos volver a percorrer o casco histórico porque pola mañá soubonos a pouco e ademais queríamos coñecer tamén algo da zona do Ensanche, como a rúa Uría, o Parque S. Francisco, a Losa...polo que decidimos ir pola nosa conta.
 Esto foi o que vimos:

UNIVERSIDADE DE OVIEDO.- Foi ideada no S. XVI por un arcebispo. Durante a Guerra Civil foi destruída e incendiada incluindo a importante biblioteca e pinacoteca coas que contaba. Despois foi reconstruída e crearonse novos edificios e campus e mantívose con actividade docente ata o 1980. 
Fachada a antiga universidade.

Actualmente este edificio acolle servizos centrais da Universidade como o Rectorado ou a Secretaría Xeral
Claustro da Antiga Universidade

PAZO DOS CONDES DE TORENO.-  De estilo barroco, como a maioría dos pazos que vimos, do S. XVII, chama a atención a súa fachada a base de sillares e a portada con columnas e blasóns. Actualmente é a sede do Instituto de Estudos Asturianos.
                                                    Pazo dos Condes de Toreno.

PRAZA DA ESCANDALERA.- Ubicada entre o Centro Histórico e as rúas comerciais como a rúa Uría, esta praza está rodeada de importantes e impoñentes edificios:
Sede da Xunta Xeral do Principado de Asturias.- este magnífico edificio, aínda que non está na mesma praza, está moi preto e chama a atención a todos os que accedemos á mesma pola rúa que sexa.


Caixa de Aforros de Asturias.- De gran altura e impñente presenza, ocupa a maior parte do lado este da praza.
 
Este é o aspecto xeral da praza:

Casa Conde.- Ocupa todo o lado norte e é de estilo ecléctico con inspiración francesa.
 
Teatro Campoamor.- Non está propiamente na Praza pero está moi cerca e dende ela vese perfectamente. Fundado a finais do S. XIX é coñecido por acoller entre outros moitos eventos a entrega dos Premios Princesa de Asturias.
O teatro Campoamor naceu en Oviedo como resposta a un marco para representar óperas e funcións teatrais debido á incipiente burguesía económica que empezaba a aflorar na capital. Ata aquel entón, as funcións representábanse no teatro do Fontán, a carón da praza do mesmo nome e que hoxe é a Biblioteca de Asturias Ramón Pérez de Ayala.
A  este teatro acudiron a maioría dos integrantes da viaxe para ver a representación da zarzuela "El rey que rabió".


PARQUE S. FRANCISCO.- É un lugar emblemático de Oviedo e queríamos dar un paseo por el. No pasado, este parque eran as hortas do Covento de S. Francisco que estaba no memo lugar que hoxe ocupa a Xunta Xeral do Principado. No S. XVI o espazo que ocupaban as hortas para a ser de titularidade pública. No parque de 90.000 metros cadrados poden verse multitude de árbores centenarios, espazos para recreo dos nenos, varias fontes e esculturas, un estanque...etc
Podemos ver neste parque o arco que pertenceu á antiga igrexa de S. Isidoro.
Arco da Igrexa primitiva de S. Isidoro

No interior do parque hai varios paseos e avenidas.

O Estanque dos Patos sempre está rodeado de familias con nenos e nenas.


RÚA URÍA.- Esta rúa foi creada a finais do S. XIX para unir o centro histórico da cidade coa estación do Norte e para esto houbo que arrancar un carballo centenario que había cerca da Praza da Escandalera, esto causou unha gran polémica e desde entón aos habitantes de Oviedo tamén se lles coñece co nome de carbayones. Tamén houbo que derribar gran cantidade de casonas e pequenos pazos xa no S. XX debido a un ensanche que lle fixeron a esta rúa.
A rúa Uría é a rúa de compras por excelencia de Oviedo, aquí hai numerosas frmas de roupa internacionales a maioría.
                                                         Edificios na Rúa Uría
As Casas del Cuitu é un edificio formado por 4 casas con fachadas neobarrocas que foi dos primeiros construidos nesta rúa nese estilo , despois seguiron outros nos anos 30. O primeiro propietario foi un indiano (Apodado el Cuitu) que ao arruinarse o vendeu ao Banco Herrero ao que pertenceu durante 85 anos. Actualmente pertencen ao Grupo de empresas Masaveu e está á espera dunha rehabilitación total.
                                                             Casas del Cuitu

                                                                       Rúa Uría

ESTACIÓN E A LOSA.-   Ao final da rúa Uría atopamos a Estación de Oviedo tamén chamada Estación do Norte. Foi inaugurada no S. XIX e é a actual estación de RENFE, FEVE e Cercanías. Ten ao lado a Estación de Autobuses.
Esta estación foi testemuña de feroces combates durante a Guerra Civil, rematada esta foi reconstruida no 1946 e a fachada mantén o deseño de entón.
                                                    Estación de tren ou do Norte
Aínda que o edificio principal para viaxeiros non sufreu grandes cambios, a zona de plataformas e a das vías foi tapada cunha gran lousa sobre 220 pilares cunha lonxitude de 700m. Este espazo é chamado La Losa.
Praza dos Ferroviarios

La Losa é un enorme paseo peonil adornado con fontes e esculturas.
Paseo peonil de La Losa
Paseo de La Losa

De volta ao hotel, por diante do Parque de S. Francisco, vemos outra vez edificios emblemáticos: A Casa do Termómetro que foi construida en 1944 nun estilo vanguardista funcionalista; a esquina do edificio ten unha cristaleira que lembra a un termómetro de aí o nome. Vemos tamén a sede da Xunta Xeral do Principado e, máis ao lonxe, o edificio do Banco Herrero


Outros edificios modernistas que vimos:

De volta ao hotel, fomos por outra rúa e atopamos unha fermosísima igrexa que nos chamou a atención: a  Basílica menor de S. Juan el Real de estilo ecléctico moi ornamentado. Foi edificado no pasado S. XX para sustituir a outra igrexa románica que estaba cerca da catedral. Nesta igrexa foi onde casaron Franco e a súa muller Carmen Polo que era de Oviedo.
Polo seu impoñente aspecto é chamada popularmente a "Catedral do Ensanche"


ESTATUAS E MONUMENTOS
Unha cousa que nos chamou moito a atención foi a gran cantidade de estatuas e monumentos que vimos polos rincóns máis emblemáticos da cidade.
Hai máis de 100. Non as vimos todas pero si estas:

A LEITEIRA.- En bronce é obra de Manuel García Linares de 1996. É un homenaxe a todalas mulleres que ata os anos 70 do pasado S. XX traballaban como leiteiras levando o leite nos seus burros para distribuilo por todo o casco urbano.
A leiteira co seu burro e utensilios para a venda do leite.
 
O VENDEDOR DE PEIXE.- Obra de J Antonio García Prieto do ano 1996, representa a un vendedor de peixe. Con esta escultura trátase de lembrar aos vendedores de peixe que se situaban en lonxas e prazas de mercados.
O vendedor de peixe

AS VENDEDORAS DO FONTÁN.- Tamén en bronce é obra de Amado González tamén de 1996 É un homenaxe á mulleres que dende Faro subían a Oviedo a vender os produtos de cerámica realizados na propia alfarería familiar. A estatua está situada na Praza do Fontán onde se ofrecían produtos agrícolas, gandeiros e artesáns.
Vendedoras do Fontán

LA BELLA LOLA.- Obra de Carmen Fraile do 2009 é unha donación da cidade de Torrevieja(Alicante) co motivo do irmamento desta cidade con Oviedo. É unha réplica de outra que está instalada no Paseo Marítimo de Torrevieja e quere manifestar o sentimento da muller ao despedir a súa parella no porto. O nome da escultura é o mesmo que o do título dunha coñecida habanera.
La bella Lola

A MATERNIDADE.- Obra do famoso Fernando Botero do ano 1989 pero instalada en 1996. A figura mide case dous metros e medio e pesa 800 kg. Nela vense as formas redondeadas e obesas dunha muller e o seu neno, características do escultor colombiano.
A Maternidade.

MONUMENTO A JOSÉ TARTIERE.Inaugurado en 1933 é obra de Victor Hevia. É unha homenaxe a J Tartiere que impulsou a industria en Asturias. Está situada no Parque de S. Francisco.

 A TOREIRA.-  Tamén no mesmo parque, obra de Mauro Álvarez do 2002. Moi realista e a tamaño natural é unha homenaxe a Josefa Carril, popular fotógrafa que traballlaba xunto ao seu marido fotagrafando neste parque á burguesía da época no memo lugar onde se colocou o monumento. O nome de "torera" ven polo tipo de calzado que usaba sempre esta muller (Unhas manoletinas)
                                                                 A toreira

BUSTO DE MANOLO AVELLO.- Obra de Vicente Menéndez data de 2003. É un homenaxe ao que foi cronista oficial de Oviedo durante 23 anos. Tamén no Parque S. Francisco.
Busto de Manolo Avello

CULIS MONUMENTALIBUS.- Obra do coñecido Eduardo Úrculo. Ten 4 metros de altura e está datada no 2001. Representa un cu monumental polas dúas partes. O título tomouno Úrculo dun artigo de Camilo J. Cela no que este escritor fai mención da "paixón" de Úrculo por pintar cus.


A PENSADORA.- Obra de José Luis Fernández é a sucesora doutra moito máis pequena en madeira.
A pensadora

MONUMENTO Á SOLIDARIDADE OU Á CONCORDIA.- Obra de Esperanza D´Ors de 1997. Está colocado frente ao Teatro Campoamor.
                                   Esta obra tamén é chamada "Cabeza de Manifestación"

EL REGRESO DE WILLIANS B. ARRENSBERG.- Outra obra de EduardoÚrculo de 1993 popularmente coñecida como "O Viaxeiro".
                                                                                        O Viaxeiro

ASTURCONES.- Obra de Manuel Valdés de 2005. É unha obra encargada por Caixastur para conmemorar o seu 125 aniversario.Trátase de 3 asturcóns a tamaño natural.

A MATERNIDADE de Botero, vista por detrás.
                                                                          A Maternidade
             
ESPERANZA CAMIÑANDO  .- Obra de Julio López do ano 1988 frente ao Teatro Campoamor. Simboliza a tradición universitaria da cidade de Oviedo cunha estudiante lendo un libro que suxeta  xunto a unha libreta e a unha carpeta.                                 
                                                                    Esperanza camiñando

El DIESTRO.- Obra de Miguel Berrocal de 1972 pero instalada en 1998. Trátase do torso dun toreiro e forma parte dunha serie deste autor moi aficionado á tauromaquia
                                                                               El Diestro

 TINO CASAL.- Inaugurada no 2019 é obra de Anselmo Iglesias e homenaxea a este cantante asturiano
                                                                                  Tino Casal

 PAZ .- Ubicada na Avda. da Fundación Príncipe de Asturias (La Losa) , é obra de Luis Sanguino  de 1999. A escultura mostra a unha muller lanzando ao aire cinco pombas simbolizando a paz    
                                               
                                                                                   Paz

 LIBERDADE.- Obra de Luis Sanguino de 1999 moi preto da anterior. A súa instalación débese á iniciativa da Fundación Príncipe de Asturias.Representa a un home espido que rompe as súa cadeas ao saltar, rachando coa escravitude.
                                                                    Liberdade


A REXENTA.- Obra de Mauro Álvarez de 1997 Representa a Ana Ozores como homenaxe a esta protagonista da obra de Leopoldo Alas "Clarín" e á obra en xeral deste escritor.
                                                                  A Rexenta                          


Detalle da escultura de cerca, vemos que non lle falta detalle.
                                                              A Rexenta
    
MAFALDA .- Instalada no Parque de S. Francisco dende  2014 este personaxe creado por Quino que foi Premio Príncipe de Asturias. A escultura é obra de Pablo Irrgang .                                                        
                                                                        Mafalda
    
MATERNIDADE .- Leva o mesmo título que a anterior de Botero. Está situada no Parque de S. Francisco  e é obra de   Félix Alonso.                                           
                                                                Maternidade

E estas foros as esculturas e monumentos que vimos pero hai moitas máis, máis de 100 polo que non vimos nin a metade. A verdade é que a mín personalmente encantáronme por elas mesmas, pola expresividade e realismo que mostran e polo que se pode aprender de historia a través delas. Por algo din que esta cidade é un Museo ao aire libre.

Páxinas web consultadas: 

https://es.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Portada

https://asturias.com/el-casco-historico-de-oviedo/

https://buendiatours.com/es/guias/oviedo/casco-antiguo

https://mas.lne.es/turismo-en-oviedo/que-hacer/lugares-de-interes/casco-historico-de-oviedo.html








Ningún comentario:

Publicar un comentario