xoves, 25 de setembro de 2025

DENDE A FONTE DO SOUTO (FAZOURO) ATA OS FONDÁS (VILARONTE) EN FOZ

 Hoxe fixemos unha ruta lineal no concello de Foz que me pareceu ben fermosa a pesares de camiñar por moito asfalto, pero é que nesta zona quedan poucos camiños. Os únicos que hai son que van polo monte por medio sempre de eucaliptos; o resto é asfalto ou paseos marítimos todos eles pouco naturais tamén.

Características desta ruta:

Lonxitude: 8,8 km.

Dificultade: fácil

Ruta lineal sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción:

Apacamos o coche ao pé da Fonte do Souto, alimentada polo rego do mesmo nome. A fonte ten tamén un lavadoiro, actualmente case comido pola maleza.

Fonte do Souto

Subimos pola estrada que leva ao barrio do Souto durante uns 300m.

Subida ao Souto

O barrio do Souto, supoñemos que leva tal nome debido a que en tempos pasados seguramente houbo na zona un souto. Actualmente, son os eucaliptos os que "adornan" o lugar. É un barrio moi pequeno no que na actualidade hai 2 vivendas ocupadas.

Barrio do Souto

Dende O Souto desfrutamos de excepcionais vistas de parte da parroquia de Fazouro, do río Ouro e do Cantábrico.
Vistas dende O Souto

Dende outra zona deste mesmo barrio do Souto, tamén vemos outros como O Cachón, O Redondal, a igrexa...

                                                             Vistas dende O Souto

Despois de atravesar parte do barrio da Rúa, imos por un camiño que vai por detrás do Polígono Industrial de Foz, que está na parroquia de Fazouro.

                                                          Polígono Industrial de Foz

Imos baixando polo barrio do Alto da  Granda.
Vistas dende o Alto da Granda

No Alto da Granda vive pouca xente. A maioría de vivendas que hai están deshabitadas ou en ruinas.


                                                           Alto da Granda

Imos por asfalto dende que saimos, pero non pasa ningún vehículo.


A nova depuradora de Foz que está en fase de construcción. Xa estamos noutra parroquia de Foz: S. Martiño.
Nova depuradora

Agora imos subindo cara ao Bispo Santo con estas vistas  do Cantábrico, de Forxán, Marzán e Foz.

                                                         Vistas dende o alto de Forxán

Forxán é un barrio de S. Martiño que experimentou un gran crecemento nestes últimos anos. Son moitas as vivendas de nova construcción que hai.
Forxán.

E chegamos ao Bispo Santo (nesta zona todos dicimos, O Santo) Aquí, además da famosa capela hai tamén unha área recreativa entre frondosas árbores con mesas, bancos, barbacoas, unha fonte...


Actualmente dende este lugar, coñecido como Alto da Grela, non se pode ver o mar porque o tapan os eucaliptos.


En tempos pasados, cando a lenda de S. Gonzalo, si que se debía de ver o mar xa que este bispo con sede en S. Martiño, fundeu coas súas oracións os barcos normandos que asolaban as nosas costas.

                                                                 Capela do Bispo Santo

Baixamos (agora o percorrido será sempre en baixada) polo barrio de Mourente (parroquia de S. Martiño) Dende este barrio temos unha boas vistas.

Vistas dende Mourente

Vistas dende Mourente.
Baixando de Mourente

Pasamos pola Fonte de Porto. Está ubicada no barrio do mesmo nome. É unha fonte de tixolos con tres canos, que está en bo estado de conservación tras ser restaurada e é utilizada polos veciños. 
Fonte de Porto

Pasamos por diante da capela de S. Brais .
Capela de S. Brais

A capela foi levantada grazas ao diñeiro aportado por Fernando Saavedra, un home  que traballaba como oidor no Consello de Contas do Rei e con fortes raizames en San Martiño de Mondoñedo, de onde eran seus pais.
Esta capela foi construida entre os anos 1569 e 1601.
O santo é o avogado das enfermidades da gorxa e a principios de febreiro celébrase unha festa moi concurrida.
Capela de S. Brais.

Cruzamos a estrada que vai á vila de Foz. Estamos en Vilaxoane, lugar que pertence á parroquia de Foz.
Vilaxoane

Baixamos por un fermoso paseo empedrado.


A fonte da Cabaneira ou de Vilaxoane, situada neste barrio, é un lugar ben fermoso onde non hai só unha fonte.
Fonte da Cabaneira

Un recuncho ao pé da fonte.

Unhas figuras alusivas ao Camiño de Santiago, aínda que o Camiño non pasa por este lugar, que eu saiba.

Bancos, bicicletas botas usadas como tarros para plantas...

Ata un recuncho para pillar e deixar libros!! Unha moi boa idea!!

Saimos ao Paseo de Malates que vai bordeando a Ría de Foz. Na foto, unha ponte para cruzar o Río Centiño que está a piques de desembocar na ría.

Pasamos diante dunha casa que conserva o cabozo e o pozo, antigas construccións típicas das aldeas galegas.

Vistas ao campo de fútbol municipal e á desembocadura do Centiño.

A vexetación de ribeira que debería haber por aquí foi desaparecendo pola invasión dos eucaliptos.

Camiñamos á beira da ría de Foz.

Vemos a costa de Barreiros en frente.

Unha ponte ben grande salva o Rego de Vilaronte.

 Avanzamos agora polo único tramo de camiño tradicional que hai nesta ruta.

Chegamos á fonte do Alto de Mañente, á Fonte do Souto ao pé da que hai este banco e a mesa totalmente cubertos pola maleza. Ás veces non se entende o despilfarro de diñeiro en cousas que despois non se coidan.
Estamos na parroquia de Vilaronte.

Na seguinte foto, vemos tamén o estado de abandono no que se atopa esta fonte e o seu entorno.
Fonte do Souto e vistas.

Vistas á Ría, ao mar  e a Foz dende o Alto de Mañente.

Estamos no Alto de Mañente e xiramos á esquerda.

Unha estrada pola que temos que voltar xa que remata na praia. Non ten saída.

Vistas da ponte do ferrocarril que atravesa a Ría.

Chegando xa á praia dos Fondás.

Ao pé desta praia hai aseos, bancos e mesas e ata un pequeno parque infantil.

Con marea chea como hoxe ocorría, apenas queda area nos Fondás. É esta unha praia illada e tranquila. De frente, Foz e Barreiros.
Praia dos Fondás


Páxina web consultada:
https://concellodefoz.gal/a-festa-de-san-brais-vilaxoane/

sábado, 20 de setembro de 2025

RUTA DO RÍO OURO POR TRASMONTE (FOZ)

 A ruta do río Ouro é ben coñecida na Mariña luguesa. Atópase na parroquia de Fazouro, no concello de Foz. É unha ruta lineal á beira do río Ouro, remontando o seu curso, ata chegar á presa de Posada construida para, no seu tempo, levar auga ata unha pequena Central Eléctrica. Son sobre 10 km.ida e volta.

A min, como non me gusta ter que ir e voltar polo mesmo lugar, se podo evitalo sempre busco a maneira de facer as rutas circulares. Hoxe traio unha maneira diferente de facer esta ruta.

Outras rutas do río Ouro que fixen son estas:

RUTA DO RÍO OURO    (Só nesta ocasión atopamos acondicionada a outra marxe do río para ir por un lado e voltar polo outro)

RUTA RÍO OURO E CONDADO DE FONTAO

RUTA RÍO OURO (DENDE A IGREXA )

PAZO DE FONTAO + RÍO OURO

Características desta ruta:

Lonxitude: 9,4 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track ou percorrido en WIKILOC

Descripción:

Partimos nesta ruta dende o aparcadoiro que hai na área recreativa ao pé da Pontevella.

O barrio da Pontevella é un dos máis antigos de Fazouro. Hoxe en día tódalas vivendas están restauradas e o río Ouro (que na foto non se ve) atravesa este barrio.

A foto está tomada dende a área recreativa. O camiño que se ve pertence á ruta oficial do Río Ouro e é polo que voltaremos.

Vemos outros barrios de Fazouro: a Fonte da Aldea, a Rúa, S. Salvador...e deseguida pillamos á dereita, pola Casanova.

Dende o barrio da Casanova temos boas vistas da Pontevella, O Morgallón, O Cachón, a Casareta...


O río achegándose á súa desembocadura no Cantábrico.

A corta dos eucaliptos deixa imaxes que antes non se podían ver.


Agora sumerxímonos nun monte de eucaliptos por un camiño en perfecto estado.

A verdade é que este camiño faise monótono polo monocultivo que predomina na Mariña.

Estamos a piques de chegar a Trasmonte. O nome é ben axitado xa que esta aldea está efectivamente detrás do monte.

En Trasmonte hai unha fonte pública de 1957. Este mesmo letreiro é común en varias fontes do concello de Foz.

Trasmonte forma parte da parroquia de Santa Cilla.

Non chegamos cruzar a aldea de Trasmonte, uns metros antes de atopar as primeiras casas, pillamos un camiño que baixa á dereita.


Aínda que por este camiño vemos algunha árbore autóctona, tamén os eucaliptos ameazan con invadir o espazo.
Hai un monte por aquí tamén con moitas acacias negras que son invasoras tanto ou máis ca o eucalipto.

Este camiño polo que baixamos enlaza coa ruta do Ouro.

Camiñamos ata a presa por un fermoso carreiro pegado á canle que vai ata a central eléctrica.

A causa da seca que sufrimos este verán, pouca auga baixa polo dique da presa.

Un encoropresa, represa, vaira[ ou encalco é unha barreira fabricada con pedraformigón ou outros materiais, que se constrúe nun río coa finalidade de depositar parte da auga para un posterior aproveitamento en abastecemento ou regadío, para elevar o seu nivel co obxectivo de derivala a canalizacions de rego, ou para a produción de enerxía mecánica ao transformar a enerxía potencial do almacenamento en enerxía cinética, e esta novamente en mecánica ao accionar a forza da auga un elemento móbil. A enerxía mecánica pode aproveitarse directamente, como nos antigos muíños, ou de forma indirecta para producir enerxía eléctrica, como se fai nas centrais hidroeléctricas. (https://gl.wikipedia.org/wiki/Encoro)

Dende a presa hai que dar a volta polo mesmo carreiro da ida que é ben fermoso!

De volta, levamos o Ouro á esquerda e a canle para a Central Electrica, á dereita.

Atravesamos un bosque de acacia negra.

Non sabemos quen fixo esta rústica ponte. Menos mal que non temos que cruzala!!


No carreiro que nos leva ata a presa, atopamos moitas plantas como as da foto seguinte, teñen froitos en forma de racimos de cor morado que manchan moito. Hai que ter coidado xa que esta planta é moi tóxica! Ten moitos nomes, un deles é "Herba Carmín"

Estado case ruinoso no que se atopa a que foi a Central Hidroeléctrica de Posada. Ata aquí chega a canle que nos acompañaba.

A partires da Central eléctrica xa só nos acompañará o río Ouro.



O río vai quedarnos sempre á esquerda e ás veces non o veremos pola vexetación ou porque nos alonxaremos algo del.


Estas son as casas en ruinas do Muíño. Aquí viveu xente que agora vive ou viveu (algunha xa morreu) noutros barrios de Fazouro.


A Fonte de Fernandete:


Un carballo (non hai moitos) bebe no río.


Chegando á Pontevella vemos aló enriba o barrio da Rigueira.