Este blog crease para ir mostrando rutas de sendeirismo de dificultade baixa e /ou media-baixa e tamñen teñen cabida outras viaxes realizadas.
Rutas por Galicia e Asturias que non sobrepasen os 15/20 km. de lonxitude para que as podan realizar persoas que non necesiten estar en ningunha especial forma física.
A Ruta de A Paicega atópase nun dos máis pequenos concellos de Asturias: Pesoz , que é a única parroquia e a capital do concello. Sofre unha gran perda de poboación tendo menos de 150 habitantes.
Esta ruta lineal de 4 km. (só ida) ten como punto máis interesante o poboado abandonado de A Paicega. A posta en marcha do encoro de Grandas de Salime (concello limítrofe con Pesoz) trouxo consigo a creación de 4 poboados para aloxar aos traballadores do encoro e ás súas familias. Un deles foi este de A Paicega, construido entre 1948 e 1953 e que albergou a unhas 200 persoas, moitas delas andaluzas. Había outros dous poboados máis que albergaban en total a máis de 3000 traballadores.
A Paicega foi unha poboación puxante naqueles anos de mediados do S. XX que contaba ata con polícia propia.
O remate das obras do encoro rematou tamén co total abandono de A Paicega quedando só en pé a igrexa e pouco máis, o resto das edificacións están totalmente arruinadas.
A ruta arranca dende a capital do concello, dende Pesoz. Namorounos esta pequenísima vila metida entre montañas coa súa tranquilidade, as rúas super limpas, unhas casas de pedra, grandes e coidadas.
Pesoz
O primeiro que vemos ao chegar é este pazo, chamado "Pazo de Manuel Monteserín García" como reza na súa fachada; pero coñecido como Pazo de Ron debido aos seus primeiros propietarios. O pazo data do S. XVII e no S. XIX comprouno Manuel Monteserín, un indiano enriquecido. Actualmente, as propietarias do pazo son dúas netas dese Manuel que viven aí.
Empezamos a ruta que está moi ben sinalizada subindo esta costiña:
Deseguida nos introducimos nun frondoso bosque que nesta época está sen follas. Imos subindo continuamente pero é unha subida curta e levadeira.
O bosque de carballos, castiñeiros e bidueiras, dá paso máis arriba a un de piñeiros.
Saímos á unha estrada local que nos vai levar á aldea de Sanzo.
Estamos no alto e a paisaxe ábrese para deixarnos ver as montañas.
Imos chegando xa a Sanzo, unha aldea eminentemente agrícola e gandeira como poidemos comprobar.
Aquí, xunto á capela de S. Xoán paramos a facer o noso descanso habitual.
Capela de S. Xoán en Sanzo
Cruzamos a aldea para seguir camiño:
A aldea de Sanzo está situada a unha altitude de 600 m. e conta cunha poboación de aprox. 40 persoas.
No seguinte vídeo da TPA podemos coñecer mellor a aldea de Sanzo e aprender cousas moi interesantes de A Paicega.
Ata A Paicega só nos queda 1 km. dende Sanzo. O traxecto é moi cómodo por un ancho camiño de terra e en chao.
Unha vista de Sanzo dende o outro lado.
A Paicega impresiona e non deixa indiferente. A imaxinación voa ata mediados do pasado século para evocar esas edificacións que agora vemos en ruínas, cheas de vida.
Hai que dicir que este non era o único poboado que existía para albergar aos traballadores se non que había outros cercanos. Ladeira abaixo por exemplo estaba o de Vistaalegre e o de Eritaña que se ven mellor dende abaixo, dende a presa.
Barracóns en A Paicega
Había 12 barracóns cada un con tres vivendas.
Hai instalado un miradoiro dende o que se aprecia o rio Navia e á dereita tamén se pode apreciar outro poboado abandonado onde vivían os traballadores máis cualificados, ao pé da presa.
A igrexa de A Paicega foi consagrada á Virxe da Luz no 1948 e é a edificación que mellor se conserva do poboado. A súa fisonomía lembra a dunha igrexa escandinava pola cor oscura dos materiais e polo empinadísimo tellado.
No ano 2021, o concello comprou esta igrexa á empresa Saltos del Navia. Actualmente está en proceso de ser restaurada para servir como local social para diversas asociacións.
Igrexa de A Paicega
Tamén están a construir unha Área Recreativa.
Despois de "patear" A Paicega, observar as vistas magníficas que hai e sacar as correspondentes fotos, demos a volta. Hai que desandar o andado xa que esta ruta é lineal.
De volta en Pesoz, tomamos unhas cervezas no "Mesón As Cortes". un lugar entrañable, acolledor e onde nos trataron de marabilla.
Mesón As Cortes
Paseamos por esta tranquila, pequena e fermosa vila
Pesoz leva varios anos presentando a súa candidatura para ser "Pueblo ejemplar de Asturias". De momento non o consigueu, pero vaticinamos que axiña ten que ser xa que vemos un concello que está mellorando e conservando o seu patrimonio en tódolos seus aspectos.
Pesoz
Edificio que alberga a Csasa Consistorial.
Praza de Pesoz entre o edificio do concello e a igrexa parroquial de Santiago
Na fotografía seguinte vemos o antigo edificio do concello:
Oxalá Pesoz consiga axiña o galardón de "Pueblo ejemplar de Asturias" , nós pensamos que ben o merece xa que nos pareceu ben fermoso, coidado e loitando por mellorar.
Como nos sobraba tempo pola tarde, decidimos achegarnos ata Grandas de Salime, o concello veciño que está a tan só 7km.
Primeiro paramos na vila.
Parque que vimos na entrada á vila
O monumento máis emblemático desta vila é sen dúbida a igrexa parroquial, antiga Colexiata de S. Salvador, que xurdiu en relación ao Camiño Primitivo de Santiago. Xa se menciona este templo no S. XII pero foi remodelado e ampliado nos S. XVII, XVIII e XIX polo que nel conflúen varios estilos.
Igrexa de S. Salvador
A igrexa está rodeada por un pórtico levantado no S. XIX que daba cobixo aos peregrinos.
Despois achegámonos ata o Encoro de Salime que está a uns 5 km. da vila. Na ladeira vense as que foron vivendas dos traballadores máis cualificados.
O encoro de Salime foi inaugurado en 1955 e é o 3º encoro construido no río Navia detrás dos de Arbón e o de Doiras.
A súa presa ten 128 m. de altura e o aproveitamente deste encoro é sobre todo hidroeléctrico aínda que tamén se organizan ás veces actividades lúdicas e recreativas.
O cemento para o formigón que se necesitaba para as obras do encoro fabrícabase alí mesmo e na ladeira pódense ver os restos de tolvas e silos para tal fin.
O concello de Xove, na Mariña luguesa,parece que está apostando polo sendeirismo. Esta ruta xa existía e de feito eu realiceina cos meus alumnos varias veces hai uns anos. ( A última vez, hai uns 5 anos) e hoxe leveime unha grata sorpresa xa que a sinalizaron moito mellor, engadiron máis valados de madeira, acondicionaron tramos que estaban en mal estado...se a esto sumamos a Senda Costeira que tamén acondicionaron hai pouco, temos un concello ao que hai que dar parabéns por poñer en valor en ensinar os seus recursos naturais.
O concello de Xove é un dos 16 municipios que forman parte da Mariña de Lugo. Está formado por 8 parroquias e conta cunha poboación que non chega aos 4000 habitantes. Bañan o concello os ríos Guilán e Rigueira. Á beira deste último, camiñarei hoxe.
A ruta da Senda Costeira, pódese tamén ver neste mesmo blog, AQUÍ
Vou entón coa ruta de hoxe que é a dos Muíños. Unha ruta na que, como o nome indica, imos ver bastantes muiños á beira do río Rigueira e tamén moitas pontes. Remataremos nun lugar emblemático como é a igrexa de S. Miguel da Rigueira. Unha ruta moi fácil e fermosa.
A Ruta dos Muíños transcorre pola parroquia de S. Miguel de A Rigueira. Empeza no lugar de Rego Sangüento.
Como se ve na foto, hai pouco que puxeron carteles informativos. Tamén colocaron novos valados de madeira e bancos e papeleiras.
Aquí empeza a ruta.
Ao fondo, a aldea de Rego Sangüento. Tamén vemos a vía de altas prestacións que vai a Viveiro.
O río Rigueira, duns 13 km. de lonxitude é o máis longo do concello. Nace en Penas Agudas e desemboca na praia de Lago.
Mirando á esquerda temos prados e aldeas da parroquia de A Rigueira.
Chegamos a unha estrada local que hai que cruzar, para pillar o sendeiro outra vez ao pé do río. Vemos unha pequena pero ben acondicionada área recreativa.
Cruzamos a Ponte do Bañal:
E xa estamos diante do Muíño de Abad que está restaurado e ten un fermoso entorno:
Muíño de Abad
A presa do muíño:
Vin animais do máis diverso nesta ruta.
Parrulos e galiñas
Unha cabra
No seguinte cruce, torceremos á dereita para introducirnos na "Ruta das Fadas", dentro da mesma ruta dos muíños.
Aínda que ao pé do río a maioría son árbores autóctonas, tamén aparece algún eucalipto.
Bancos e papeleiras aparecen ao longo do percorrido.
Observo como arreglaron os tramos da ruta que o precisaban:
Unha imaxe bucólica na ruta de hoxe.
Outro muíño : o do Concheiro que está en ruínas:
Muíño do Concheiro
Hai máis pontes ca muíños.
Chegamos á mesma estrada que cruzáramos antes. Estamos na aldea de Tarolo
Tarolo
Imos pola estrada uns poucos metros ata coller a pista da dereita. Ao comenzar a pista, temos un cartel que nos avisa de que entramos na "Aldea Máxica" , un lugar onde viven as fadas e os trasnos que son os que se ocupan de gardar o río, as plantas e os animais que viven aquí. Di o cartel que atoparemos 5 casiñas ao longo da ruta onde viven estes seres. Eu fun mirando e fixándome pero...non vin ningunha casiña. Lin por aí que un temporal as destrozara e de momento non as repuxeron.
Volvo ir pegada ao río Rigueira:
Atopamos outro muíño restaurado: é o de Penacurva
Muíño de Penacurva
Un pouco máis adiante, cruzamos unha estrada local e deseguida torcemos á dereita para coller outra vez o sendeiro pegado ao río:
Os eucaliptos ameazan con invadilo todo:
Aquí hai dúas pontes, unha máis recente de madeira e a antiga, unha pedra ben grande:
A maioría dos muíños que vemos están en estado ruinoso coma este de Vilarquide
Ou este muíño de Meixide:
Abandonamos o río Rigueira e pola estrada local chegamos deseguida á igrexa de S. Miguel, coñecida sobre todo por honrar a outro santo: a S. Antón Ventureiro. Tódolos anos no mes de xuño ten lugar unha romaría neste lugar que reunía no pasado a xentes de toda a Mariña e aíndaque hoxe en día se segue celebrando non ten o esplendor que tivo noutros tempos.
A igrexa de S. Miguel é do S. XVII
Para estar nunha pequena parroquia é unha igrexa de aspecto colosal:
Ao pé da igrexa temos a Área Recreativa de A Rigueira onde se atopa o último muíño da ruta: o da Ponte do Carro.
Muíño de Ponte do Carro
Outra vista do muíño. Os muíños de auga aparecen en Galicia na Idade Media e foron un lugar de gran importancia social. A xente acudía coas colleitas de trigo, centeo, millo..e mentras agardaban pola moenda dedícabanse a conversar, a festexar...estas festas coñecíanse co nome de muiñada
"Unha noite no muíño,
unha noite non é nada,
unha semaniña enteira
esa sí que é muiñada..."
A área recreativa foi creada no 2009 e aquí remata a Ruta dos Muíños.
Outro aspecto da área recreativa que conta co muíño de A Ponte do Carro, con bancos , mesas, asadores e un pequeno parque infantil.
A igrexa vista dende a Área Recreativa.
Chamou a atención esta inmensa mansión. Foi a antiga rectoral, hoxe case en ruinas.
A Casa Rectoral é inmensa así como os campos e terras que ten ao redor. Nótase ben o poderío económico que tiña a igrexa naquel tempo. Á romería do S. Antón Ventureiro acudía moitísima xente de toda A Mariña o que axudaba ao cura a enriquecerse.