sábado, 9 de agosto de 2025

FORCÓN DOS RÍOS (PR-AS 119) SANTALLA DE OSCOS

 Fixemos esta ruta hai 10 anos nun frío día de inverno. O que recordo da camiñata é precisamente a tremenda xeada que había, recordaba tamén que había ríos e pontes, unha aldea abandonada e pouco máis. Lembro que era fermosa e tiña ganas de repetila e de grabala. Hoxe foi o día.

Estamos nos Oscos. Esta comarca asturiana está formada por 7 concellos: Santa Eulalia, S. Martín e Villanueva de Oscos, Castropol, S. Tirso de Abres, Taramundi e A Veiga.. É unha comarca con impresionantes rutas de sendeirismo,  con pequenas aldeas deshabitadas ou con moi poucos habitantes, algunhas delas restauradas respectando a arquitectura popular da zona; con bosques inmensos dominados por ábores autóctonas. En fin, un lugar que hai que visitar e ao que sempre apetece volver.

En Santalla de Oscos levo feitas tódalas rutas do concello (5)agás unha de recente creación que espero poder facer axiña. 

Características desta ruta:

Lonxitude: 12,3 km.

Dificultade: fácil. Ten algún "repecho" importante pero sen maior dificultade que a que presente cada persoa para subir ou baixar.

Ruta circular ben sinalizada e acondicionada a día de hoxe. Deixo o trakc que grabei en WIKILOC

Descripción:

Esta ruta parte da Casa da Cultura de Santalla en dirección Millarado. Dende a Casa da Cultura temos unha vista boa da vila.


Empezamos unha lixeira subida e xa nos sumerximos nun bosque autóctono.

O percorrido vai por unha estreita estrada.

 
Atravesamos unha carballeira.

Un fermoso lugar con vivendas restauradas con bo gusto.  As xentes que viven aí dedícanse á gandaría xa que vimos persoas con gando e realizando labores agrícolas.

A Área Recreativa de Millarado é moi grande e ten algo de todo: mesas e bancos no medio dunha inmensa carballeira, parte dese mobiliario está en mal estado; noutra parte ten aseos  un campo de fútbol e mesas, barbacoas, unha fonte e bancos. 

Ao fondo vemos a aldea de Millarado que conta con pouco máis de 20 habitantes. Resalta a cor dos prados neste seco verán.

Chegando á aldea de As Poceiras.

Deixamos o asfalto e imos entrar nunha zona de sombra ben fermosa.

Árbores autóctonas e peches ancestrais son agora compañeiros de ruta.

Cruzamos a ponte sobre o río Barcia. Este río baña os concellos de Vilanova de Oscos onde nace na parroquia de Xestoso e Santalla. Desemboca no río Agüeira.

O río Barcia cruzarémolo  aínda máis veces nesta ruta.

 Agora empezamos unha curta subida ata a aldea de Vega del Carro.

A unha altitude de 660m. atopamos esta pequena aldea que conta con 5 vivendas, case todas restauradas. A casona da foto penso que foi un albergue rural que a día de hoxe está pechado.

Na foto seguinte, Vega del Carro e, ao lonxe, Millarado e As Poceiras.

Uns metros máis arriba da anterior aldea atopamos unha capela dedicada á Virxe do Carme.

A partires da capela empezamos unha constante baixada ata o río Barcia outra vez. Imos por antigos camiños ben fermosos.

O percorrido desta ruta está todo el perfectamente acondicionado. Oxalá os doutras rutas estivesen así de coidados!!

De cando en vez temos vistas aos inmensos e autóctonos bosques dos Oscos, que son unha marabilla!!

Baixamos cara o río Barcia e oímolo "barullando" aló embaixo.

Fermoso carreiro con muros de pedra seca.

Os últimos metros antes de acadar o río son unha baixada moi empinada e hai que levar coidado de non esvarar. Eu caín de cu!!

Outra ponte para cruzar o río Barcia nun lugar con moito encanto onde se pode aproveitar para facer unha paradiña e desfrutar do entorno do río.

Entorno do río, que nesta época de verán leva pouca auga.

Estamos no lugar que dá nome á ruta: no Forcón dos Ríos. Aquí únense o Barcia e o Vilanova.

Na foto pode aprezarse como o río Villanueva (frente á nosa mirada e entre saltos chega a toparse co Barcia que vai perpendicular ao anterior)

Deixamos o Forcón dos Ríos por un camiño fermoso.

Imos por asfalto durante 1,5 km. e temos de frente estas vistas espectaculares sobre Pena Redonda que xa pertence ao concello veciño de Vilanova.

As Casías é un lugar abandonado que xa estaba deste xeito hai 10 anos cando fixeramos esta mesma ruta. Destaca a casa-torre que vemos.

Volvemos atoparnos co río Barcia na aldea de A Valía. Cruzámolo para adentrarnos nesta aldea.

A Valía ten gran valor etnográfico. É o berce da familia Lombardía que foron reloxeiros e inventores

Esta aldea está totalmente abandonada como xa estaba hai 10 anos. Algunha casa está restaurada e mostra sinais de ser habitada de xeito ocasional.

Quedan restos dun antigo muíño e dun mazo.
 
A Valía está pegada o río Barcia. Na foto seguinte, unha foto das escaleiras que dan acceso directo ao río.

Aínda se conserva unha capela cun fermoso e interesante arco de medio punto. Por dentro está en ruinas e só conserva un altar de pedra.
 
Abandonamos A Valía por un camiño tradicional.

Este camiño pechado con laxas de lousa indícanos que estamos cerca dunha poboación porque vemos prados e tellados a lonxe.

Estamos efectivamente en S. Xulián, a unha altitude de 520m. Chaman a atención as súas casas restauradas pero nas que semella que ninguén vive.

Casas moi grandes e ben restauradas en S. Xulián.

Fermosos camiños e carreiros con peches ancestrais...

Unha ruta que non deixa indiferente...

Valados de pedra seca cheos de musgo como acostuma a haber en sitios húmidos e sombríos.


E chegamos a Caraduxe. A 480 m. de altitude na marxe esquerda do río Barcia atopamos esta aldea dividida en dous lugares: Caraduxe e Mazo de Caraduxe.
Os seus habitantes eran coñecidos co apodo de "ruxe". No ano 2020 contaba con 7 habitantes.

En Caraduxe hai unha empresa familiar (Duxemiel) que ademais de vender mel ofrece actividades de "apiturismo" para nenos e adulto ofrecendo a posibilidade de adentrarse no mundo das colmeas.

A partires de Caraduxe, o tramo ata chegar de novo ao punto de inicio vai todo por estrada (3 km.) 

Atopamos unhas obras que chaman a nosa atención: pertencen ao percorrido dunha ruta de recente creación chamada "Ruta con Arte" , un proxecto pioneiro e inédito que ao longo dun percorrido de case 11 km. amosa obras de artistas locais e de fóra, atopándose ademais con lugares de gran valor etnográfico e natural.
A 1ª obra que vemos chámase "Los Sentires" que conteñen poemas e relatos gañadores dos premios do concurso de Relatos Costumbristas organizado pola Asociación Amigos de Raimundo Ibañez Marqués de Sargadelos.


Pasamos por Ferreirela de Arriba . Uns metros máis abaixo está Ferreirela de Baixo onde se situa a casa natal do Marqués de Sargadelos.

A 2ª obra que vemos é a titulada " Renacemento Arbóreo" coa que se pretende homenaxear a algunhas das grandes mestras da pintura

A seguinte obra é "Encuentro en el Bosque" con un corzo en vime (mimbre) elaborado por Olga Busom.


Dentro do grupo chamado "Faunia" (siluetas de animais quese atopan ao longo da ruta) atopamos esta curuxa, obra da artista xaponesa Keiko Shimizu que reside en Santalla dende 2010.


Xa vemos ao lonxe Santalla.



Dentro da colección "Sentires", atopamos un poema xa a piques de chegar a Santalla.

O municipio de Santalla de Oscos atópase enmarcado dentro da comarca dos Oscos,  designada Reserva da Biosfera pola Unesco xunto a outros catro municipios asturianos e sete galegos formando a Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón. 

Unha imaxe da igrexa e o edificio do concello:

Unha vila que sabe coidar o seu patrimonio mantendo as rúas fermosas e limpas.


Páxinas web empregadas:

http://www.caleyandoasturias.com/2022/10/la-valia-valia-sta-eulalia-de-oscos.html

http://www.caleyandoasturias.com/2022/10/caraduje-caraduxe-sta-eulalia-de-oscos.html








mércores, 30 de xullo de 2025

CASTRO DE COAÑA (VILACONDIDE-COAÑA)

Coaña é un pequeno concello con pouco máis de 3000 habitantes. O relevo deste concello está marcado por dúas zonas ben diferentes: a zona costeira con grandes cantís e a zona interior cun relevo de serras e montañas de moderada altura.

Esta é a 5ª ruta que fago neste concello, as tres primeiras foron rutas costeiras, a 4ª foi de interior e esta tamén.

Outras rutas no concello de Coaña:

PRAIA DA FIGUEIRA E CASTRO DE MOHÍAS DENDE ORTIGUEIRA

RUTA MARIÑEIRA (PR-AS 296) EN ORTIGUEIRA

PRAIA DE TORBAS CON MAREA BAIXA (LLOZA)

TRELLES E ENCORO DE ARBÓN

Tiña moitas ganas de visitar o Castro de Coaña, ben coñecido por ser un dos primeiros descubertos e pola gran superficie que ten escavada. Planifiquei pois unha ruta que, con inicio e fin no castro, me permitise tamén coñecer outros lugares deste concello.

Características da ruta:

Lonxitude: 8,4 km.

Dificultade: baixa.

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción:

Dende o ano 1993, o Castro dispón dun Centro de Recepción de Visitantes con información relativa ao xacemento, á cultura castrexa e a minaría do ouro na Antigüidade.

O Castro de Coaña, tamén chamado "O Castelón" está na parroquia de Vilacondide.

Centro de Recepción de Visitantes

O camiño de entrada ao Castro é moi chulo con bidueiras.

Entrada ao castro

Dende o castro vemos Sarrióu, lugar polo que despois pasaremos e que pertence á parroquia de Coaña.

Sarrióu

 Entramos á acrópolis e á esquerda temos a muralla que é da Idade de Ferro.

Á dereita, o que parece que foron unhas termas.

O chamado "Barrio Norte" está formado por unhas 80 vivendas que presentan a forma circular característica.

Abundan os morteiros labrados sobre pedras grandes cunha ou varias cazoletas.

A enorme estructura circular que se ve na foto seguinte é coñecida como "O Torreón" aínda que na actualidade está descartada a función militar e interprétase como un espazo de reunión comunitaria a modo de praza ou tribuna.
 
As rúas con escaleiras. As escavacións deste castro remóntanse a 1877 pero foi entre 1939 e 1944 cando baixo a dirección de Antonio García e Juan Uría cando se descubriron a maioría das construccións hoxe visibles.

O castro foi ocupado dende os séculos I e II a.C. Despois da conquista romana, nos súlos I e II d.C, o poboado coñeceu un periodo de gran vitalidade no que se configurou definitivamente o trazado urbano que vemos na actualidade.
Na seguinte foto, cerca da Aula Didáctica, atópase esta pila que ben puido ser unha piscina.

Marchamos do castro, iniciando a camiñata por estrada.

Estamos na parroquia de Vilacondide, na zona principal da parroquia, a unha altitude de 97m.

O edificio grande en tonos pastel que vemos parece un Centro Social ou algo similar...


 Vilacondide é unha parroquia de casas grandes e novas.

A igrexa parroquial está dedicada a S. Cosme e S. Damián.
Igrexa parroquial de Vilacondide

Deixamos o asfalto para baixar por un camiño.

A Fonte de S. Cosme...

O camiño está bordeado de árbores autóctonas.

Á dereita, aínda que non o vemos, baixa o río Navia. Nótase onde medran as árbores.







Entre as árbores, o río Navia

río Navia nace en no concello de Pedrafita do Cebreiro e desemboca no mar Cantábrico en Navia (Asturias)    
O importante desnivel que salva ata a súa desembocadura foi aproveitado para a construción de varias centrais hidroeléctricas, como nos encoros de Salime, Doiras e Arbón.

                                                                              Río Navia

Na aldea de Porto, da parroquia de Vilacondide, cunha excelentes vistas sobre o río Navia.

A Capela do Carme, ben coidada.

En Porto hai un pequeno embarcadoiro.

A aldea de Porto.
Porto (Vilacondide)

Despois dunha pequena parada no embarcadoiro, seguimos por un antigo camiño.

Atravesamos o Rego Sarriou que nesta época leva pouca auga. Esta ruta xa a intentamos facer así na primavera despois duns días que chovera bastante e non poideramos cruzar este rego que ía totalmente derbordado e con corrente.
Daquela, tivéramos que dar a volta e ir por estrada ata o inicio.
Rego Sarriou

O camiño, que vai case ao pé do rego, é fermoso e está moi ben coidado.

Aparecen os prados que sinalan a proximidade dalgún lugar habitado. Efectivamente, estamos en Sarriou.

Ao pé do rego, un muíño.

O camiño polo que víñamos enlaza agora con esta estrada local e vemos outro muíño case pegado ao anterior.

Hai unha subida para abandonar Sarriou que é curta pero empinada. Ao fondo, vemos o castro e dende alí vimos antes á perfección esta aldea.
Sarriuou

Vistas dende Sarriou a distintas aldeas asturianas e á Serra da Bobia. O río Navia fluindo tranquilamente polo val.

Deseguida chegamos ao centro de Coaña 

O concello de Coaña beneficíase da súa proximidade a Navia con funcións de ser área residencial e de expansión. O nº de habitantes foi decaendo dende o S. XIX.

Chegando á igrexa, vemos un típico hórreo asturiano.


A igrexa de Santa Mª de Coaña está declarada BIC (Ben de Interese Cultural) pola súa relevancia artistica e cultural.
Foi contruída no S. XIII aínda que sufreu reformas importantes ao longo dos séculos. Nas súas orixes era románica pero as modificacións que se lle fororn facendo engadiron elementos  noutros estilos.
Igrexa de Santa Mª de Coaña

Outro hórreo, que distinguimos das típicas paneiras pola planta cadrada, o tellado a 4 augas e que descansa sobre 4 esteos ou pilares.
Hórreo asturiano
A gandaría é actualmente a principal actividade económica deste concello aínda que o maior nº de empregos está no sector Servizos.

Agora vemos o castro dende outra perspectiva. Falta moito aínda por escavar porque toda esa colina que vemos debe de ser tamén parte do poboado.
 
 Pasamos ao pé dun anclaxe do antigo teleférico entre o embarcadoiro do Espín e a Paicega e que estivo en funcionamento só 3 anos, de 1950 a 1953. Nos seus cerca de 36 km.atravesaba os concellos de Coaña, Boal, Illano e Pesoz salvando desniveis de ata 740m acarreando diversos materiais de construcción.
Anclaxe do antigo teleférico

Atravesamos o lugar de Busnovo, da parroquia de Vilacondide. Hai só tres ou catro casas nas que en 2024 vivían 7 habitantes.
Busnovo
O Rego Sarriou atravesa Busnovo. Cruzamos a ponte sobre el.
Busnovo

Xa chegando ao aparcadoiro do castro onde temos o coche, e volvendo a vista atrás, non podo resistirme a esta foto que semella o escenario dunha película.

Páxinas web consultadas:
https://es.wikipedia.org/wiki/Coa%C3%B1a
https://patrimonio-religioso.asturias.me/