domingo, 1 de maio de 2022

RUTA A CORUXEIRA E OUTRAS COUSAS QUE VER (PANTÓN)

 Voltamos a Pantón!! Xa realizara eu neste concello a ruta Cibrisqueiros-S. Cosmede e tamén a da Fervenza de Augacaída. Hoxe tocou a Ruta de A Coruxeira, moi curtiña pero con moito encanto. Debido a esta curta lonxitude da ruta tamén aproveitamos para visitar a igrexa de S. Fiz de Cangas, a igrexa de Augas Santas e o mosteiro cistercense de Santa Mª ou das Madres Bernardas.

O concello de Pantón está situado ao sur da provincia de Lugo, na Ribeira Sacra lucense. Está bañado o concello por tres ríos: o Miño, o Sil e o Cabe. A capital do concello é  Ferreira.

Imos primeiro coa ruta.

Características:

Lonxitude: 4,7 km. (porque demos unha voltiña pola aldea de Pacios, senón serían menos)

Dificultade: fácil

Ruta circular sinalizada agora mesmo de xeito deficiente xa que atopamos algún poste indicador caído, outros faltaban e tamén atopamos na baixada á fonte de augas férreas unha árbore atravesada.

A ruta en WIKILOC: 

Descripción:

Dicir en 1º lugar que é unha lástima que non sinalizaran a ruta dende a igrexa de S. Fiz de Cangas, xa que o comenzo oficial está moi preto e dende logo considero que é imprescindible unha visita a esta igrexa e o seu entorno. No meu track veredes que nós comezamos a ruta onde está o panel inicial. Despois en coche fomos a S. Fiz.

Estamos na parroquia de S. Fiz de Cangas e dentro dela no lugar de A Arribada. Antes de chegar ao núcleo de poboación empeza a ruta. AQUÍ

Baixamos por un carreiro estreito á beira dun prado.

 

E deseguida chegamos á Fonte de Augas Férreas. Estas augas no pasado eran moi aproveitadas pola xente que tiña problemas de saúde pola falta de ferro. A fonte está nun entorno moi fermoso:

Entorno da fonte

Vemos a cor característica deste tipo de auga:

Fonte de Augas Férreas


Seguimos o noso camiño nun fermoso entorno entre muros de pedra seca e carballeiras:

 

 Neste tramo imos sempre á sombra e boa falta fai que temos un día de sol ben caloroso!!

Camiñando á sombra

Agora cruzamos un prado onde o sendeiro empeza a estar desdebuxado pola alta herba:

   

E chegamos a unha bifurcación onde dá igual o camiño elexido xa que se imos por un lado, volveremos polo outro para atoparnos outra vez aquí:

 

Nós escollemos ir primeiro á esquerda, pola ponte:

 

Seguimos á sombra que agradecemos neste día de calor.

Camiño sombreado

E, de súpeto, a paisaxe ábrese ante nós e desembocamos nunha zona de vides. Pantón é terra de viño. O seu emplazamento xeográfico otorga aos seus viños unhas características únicas e nos últimos anos o concello incrementou a producción vinícola e ao redor de 400 viticultores están rexistrados na denominación de orixe. Hai 8 adegas  que fan evidente unha importante actividade neste sector que é un gran dinamizador da economía local.

Vides

Tódolos anos ten lugar en maio a Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón que recentemente obtivo o recoñecemento oficial de Festa de Interese Turístico.

 Estamos xa noutra parroquia, na de Deade. A aldea que vemos ao fondo é Pacios que non pertence a esta parroquia senón a de Espasantes. 
Pacios ao fondo

 Atravesamos o lugar de A Cal, pertencente á parroquia de Deade.
A Cal

Camiñamos agora por asfalto pero só uns metros para atravesar A Cal e chegar a Pacios onde colleremos de novo un sendeiro de terra para facer circular esta ruta.
Chegando a Pacios
 Aínda que o trazado da ruta non se adentra en Pacios, nós quixemos dar unha voltiña e fomos coñecer a igrexa de Santo Estevo de Espasantes, construida no S. XIII e reconstruida no S.XVII
Igrexa de Santo Estevo

Vistas dende a igrexa: vides e A Cal por onde acabamos de pasar.
 
En Pacios, hai que coller ao pé dunhas casas un carreiro á dereita.
 
Que nos volve a sumerxir en sendeiros tradicionais con árbores autóctonas. Volvemos a atoparnos na bifurcación polo outro lado e logo imos palo camiño da ida ata o final.


E ata aquí esta curtiña pero fermosa ruta. Agora xa no coche, achegámonos ata a igrexa de S. Fiz de Cangas.
O primeiro que vemos ao chegar é o Calvario do Campo do Santo Cristo do S. XIV que no seu interior alberga unha réplica dun calvario gótico coas figuras de Cristo crucificado, a Dolorosa e S. Xoán realizado en madeira policromada. O conxunto orixinal atópase no Museo do Convento das Clarisas en Monforte.
Calvario do Campo do Santo Cristo
 
Popularmente este lugar é coñecido como humilladoiro, pequeno lugar de devoción situado nas entradas ou nas aforas das aldeas ou cidades con imaxes ou cruces.
Humilladoiro

Neste lugar , ao lado do Calvario, hai un campo grande onde se celebran as festas, chamado Campo do Santo Cristo.
Seguimos o sinal que nos vai levar á igrexa:

A igrexa de S. Fiz de Cangas foi construida entre os Séculos XII e XIII como templo dun convento de monxas benedictinas pero, dende moitos séculos antes, en época visigoda, xa había aquí un mosteiro. Do conxunto mosteiral que houbo, consérvanse  restos das antigas dependencias, hoxe propiedade privada e moi modificadas, destinadas a vivendas e á actividades agrícolas ata non hai moito tempo; consérvase a igrexa e unha pequena capela adosada a ela.
Igrexa de S. Fiz

No S. XVII practicáronse algunhas reformas como o derribo da ábsida lateral esquerda e no seu lugar engadeuse a capela de Torrenovais para albergar o sepulcro de D. Rodrigo López de Quiroga
No lugar onde había unha ábsida, engadeuse unha capela

Na fachada principal, destaca un arco apuntado e o tímpano debaixo. A decoración deste consta dunha cruz grega con grafismos  que simbolizan o sol e a lúa, uns rectángulos concéntricos e unha estrela inscrita nun cadrado.

A vida monástica mantívose en S. Fiz ata a reforma de finais do S XV en que as relixiosas desta orde Benedictina se viron obrigadas a trasladarse ao Mosteiro de S. Paio de Antealtares en Santiago.
Restos do mosteiro.

Moi preto da igrexa vemos este pombar restaurado que supoñemos pertencería ao conxunto mosteiral no pasado.
Pombar restaurado
 
Outra imaxe das dependencias pegadas á igrexa:
 
Tamén vemos esta fonte e lavadoiro frente á igrexa:
Fonte e lavadoiro

Imaxe do conxunto de S. Fiz visto dende o lado oposto á igrexa. Todas estas dependencias están pegadas a ela.


E agora imos comer a Ferreira, a capital de Pantón. Fixémolo no restaurante O Mosteiro. Comemos un menú do día normal de todo. Nada que destacar da comida pero sí do lugar. Como o día se prestaba, comemos fóra no que é o centro da vila, nunha fermosa praza onde están o edificio do Concello, da Biblioteca pública e un Centro Sociocultural.
A construcción orixinal do edificio que vemos debaixo data do S. XVII aínda que se fixeron reformas posteriores, ten forma de L, muros de sillería de granito con tellado de tella. No 1928 engadeuse a Torre do Reloxo. Diante hai unha fermosa praza.
O edificio alberga a Casa Consistorial, a Biblioteca e o Xulgado.

No edificio onde está o Centro Sociocultural, no baixo, hai un bar e na terraza cuberta temos a estes dous coñecidos escritores galegos da provincia de Lugo, ligados a Pantón dalgunha maneira xa que ámbolos dous mencionaron este concello nalgunha das súas obras literarias. Manuel Mª ten unha rúa dedicada que sae xusto da Praza do Concello.
 
Outra imaxe do centro da vila:
 
O Centro Sociocultural xa é máis moderno:
Centro Sociocultural
 
Despois de comer, fomos visitar o Mosteiro Cistercense de Santa Mª  que tamén se chama Mosteiro de S. Salvador (porque está consagrado a este santo) ou Mosteiro das Bernardas (porque nel viven monxas bernardas en clausura) que dende logo non pasa desapercibido pola súa beleza e grandiosidade. Este é o único mosteiro feminino cistercense da Ribeira Sacra que ten actualmente vida relixiosa.
Está situado moi cerquiña do centro da vila, na estrada que vén de Monforte , á man dereita. Na foto seguinte xa vemos ao lonxe o centro da vila onde está o concello e á dereita en 1º termo está o mosteiro con sitio para aparcar.

O mosteiro etá rodeado por unha muralla e a entrada recorda á entrada dun castelo:

 A portada ten unha torre a cada lado. Na da esquerda, arriba de todo vemos unha figuriña: é a imaxe de S. Salvador a quen está consagrado o mosteiro na torre da dereita vemos o escudo da Orde do Cister pois estamos nun mosteiro cistercense. No centro da porta vemos unha cruz e un escudo que pode ser o do mosteiro.
Entrada ao mosteiro
 
Este mosteiro foi levantado ao longo de cinco séculos, a igrexa románica é do S. XII, o claustro do S. XV e o resto de dependencias, do S. XVIII pero xa se fundou no S. X  aínda que nese momento era dúplice (tiña dependencias para monxe e para monxas totalmente separadas) e era Benedictino. No S. XII este tipo de mosteiros dúplice desapareceu e este anexionouse ao Cister dependendo do Mosteiro de Santa Mª de Meira.
Dende 1975, o Mosteiro de Santa Mª de Pantón é Monumento Nacional.
Mosteiro de Santa Mª de Pantón


A fachada é de estilo barroco, moi sinxela segundo marcaban as normas do Cister.

Fachada do mosteiro

A fachada  principal da igrexa non se pode ver porque dá a zona na que viven as monxas e non é visitable. É do S. XII e é un dos exemplos do románico máis interesantes da Ribeira Sacra.
A entrada á igrexa

Os chapiteis desta igrexa teñen decoración vexetal, animal e con historias.


A ámbolos dous lados do altar, hai dous sepulcros góticos do S. XV. Un é de D. Diego de Lemos (lider da Revolta Irmandiña) e o outro é o do seu fillo

 
Mirando ao teito vemos un artesonado mudexar do S. XVI que é ben fermoso.
Artesonado mudexar

Unha cousa que sempre chama a atención nas igrexas románicas son os canciños (non todas os conservan) nesta vense moi ben. Tamén se conservan moi ben as ventaniñas das ábsidas.

 Dicir tamén que o mosteiro conta cunha hospedería que hai pouco que reabreu. Nós non vimos o claustro porque íamos con presa pero é moi fermoso e tampouco probamos os doces que elaboran as monxas de xeito artesanal que din que están exquisitos. Temos que volver!!

Decidimos ir facer unha visita rápida á igrexa e balneario de Augas Santas e de camiño chamounos a atención un inmenso conxunto de edificacións que están sendo restauradas ao pé dunha igrexa. Paramos e había cerca un home que moi amablemente nos informou. Non hai nada mellor que falar cos lugareños para enterarse ben das cousas!
Resulta que a igrexa que vemos é a de S. Martiño de Siós e é o único que se conserva dun antigo convento dominico do S. XVI. Este convento que estaba totalmente en ruínas mercouno no 2017 un empresario natural da parroquia de Doade en Pantón propietario dunha cadea de hoteis en Canarias e a rehabilitación vai feita con fins turíssticos; tamén se plantaron dentro deste proxecto unhas 200 hectáreas de viñedo. A xoia deste lugar é unha adega que se atopa anexa á igrexa pola parte de atrás, dise que é a maior da R. Sacra e tamén está  sendo restaurada.
Igrexa de S. Martiño e edificios en restauración.
 
Tamén vimos o Balneario que foi construido no S. XIX sobor dunha charcas que se usaban dende moi antigo como augas medicinais. Foi un dos balnearios máis importantes da provincia de Lugo ata principios do S.XX. Despos foi abandoado e un incendio converteuno en ruinas. No 2006 construeuse o edificio que hoxe vemos.
Balneario de Pantón
 
Cerca do balneario atopamos o Santuario de Augas Santas. É un lugar de culto na zona e no mes d esetembro hai importante romaría.
Santuario de Augas Santas

Santuario de Augas Santas.


martes, 26 de abril de 2022

RUTA CIRCULAR EN SALINAS (CASTRILLÓN- ASTURIAS)

Hoxe funme a Salinas, parroquia do concello de Castrillón en Asturias. A capital deste concello é Piedras Blancas pero Salinas é un referente turístico de 1ª orde en todo o Principado. 

Esta vila limita co Mar Cantábico e está moi cerca de Avilés.

Eu quixen facer unha ruta circular (hoxe tocou ruta urbana case toda) para ver o Museo das Áncoras situado nun extremo da súa inmensa praia, percorrer a senda do río Raíces e ver algunha casa indiana que ten.

A ruta que eu inventei en WIKILOC

Aparquei ao pé da praia de Salinas sen dificultade xa que, aínda que había moita xente debido a que foi domingo e estaba unha mañá marabillosa, hai un aparcamento moi grande nunha rúa paralela á praia.

O primeiro que fixen foi dirixirme cara ao Museo das áncoras. Empezo a camiñar polo fermoso paseo á beira da praia de Salinas. Ao lonxe vexo o meu destino.

Según empecei a camiñar xa me din conta da importancia do surf nesta localidade, na auga había surfistas, outros ían coas súas táboas e este monumento tamén me confirmou que  esta praia é unha das máis importantes do Cantábrico para a practica deste deporte e de feito no verán hai varios festivais de surf.

Monumento ao surfista
O día está marabilloso con sol e unha temperatura moi agradable polo que atopo a moita xente paseando, facendo deporte, paseando cans e incluso tomando o sol na praia.
Paseo marítimo
Ao chegar ao final da praia, leveime unha sorpresa xa que ao ser da Mariña lucense chamoume a atención atopar esta áncora que non sabía que estaba aí.

Trátase da áncora do veleiro "Paca Gómez" que navegou como buque de carga entre os anos 1905 e 1962 e tiña a base en S. Cibrao. Foi unha embarcación moi significativa nesta vila.

Áncora do veleiro "Paca Gómez"

Chamoume a atención os moitos paneis que vin que poñían "Ruta Eleonore". Lendo vin que estaba relacionados co tren pero non souben máis. Agora, investigando entereime de que Eleonore é o nome dunha antiga locomotora que unía a localidade de Arnao con S. Juan de Nieva transportando carbón. Foi rehabilitada en 2010 e está exposta en Arnau.

O desenrolo e crecemento de Salinas está vinculado á implantación e a actividade  da Real Compañía Asturiana de Minas.

Os paneis informan e serven de guía para realizar a ruta que facía a locomotora. Así que teño esta anotada xa na lista de "Rutas pendentes".

Panel da ruta Eleonore e túnel que conduce a Arnao e por onde antes pasaba a locomotora.

O Museo das Áncoras foi ideado pola Confraría de la Buena Mesa del Mar e é un homenaxe ao mar, ás súas xentes e especialmente a Philippe Cousteau.
Á entrada do Museo vemos a "Ola de Jaime" que ten na base unha táboa de surf. É unha escultura dedicada a un neno de Aviles: Jaime Alonso Abruña que morreu ao 8 anos vítima de leucemia. Tamén homenaxea a tódolos praticante do deporte do surf en Salinas.

A ola de Jaime
O Museo das Áncoras fíxose en homenaxe á memoria de Philippe Cousteau que morreu con só 38 anos e era fillo do popular Jacques Cousteau. O Museo chama moito a atención por estar ao aire libre nun lugar privilexiado e moi fermoso como é a penísula de A Peñona


O Museo tamén incclue seis esculturas chamadas Velas e cada unha ten unha áncora. Foros deseñadas e pintadas por Lucio Marcos Pernia. Estas velas non son as orixinais que eran de vidrio, pero foron destruidas por actos vandálicos

Unha áncora significativa é unha do Mar Egeo donada polo concello de A Coruña. O petroleiro Mar Egeo que naufragou e incendiouse frente á Torre de Hércules en 1992. O vertido de petróleo afectou á flora e fauna mariñas en máis de 300 km. de costa.
Áncora do Mar Egeo

Nunha rocha chamada "La Peña Lisa" hai un busto de bronce Philippe Cousteau de 3m de altura e unha tonelada de peso, obra de Vicente M. Santarrua. Philippe Cousteau tivo unha vida dedicada ao mar e morreu nel traxicamente nun accidente du hidroavión en Portugal.

Busto de Philippe Cousteau

Unha ponte colgante chamada "La Gaviota", achéganos a un miradoiro impresionante
Ponte "La Gaviota"
Unha imaxe máis xeral do Museo:

Un dos monumentos que máis chama a atención é este: o soldado balear  o libro de Xosé. Os antigos guerreiros baleares eran expertos no manexo de tiracoios que usaban para defenderse dos piratas. É unha gran escultura de bronce de 2m . de alto, obra maestra de Llorenc Roselló (1868-1901) que recibiu na Exposición Universal de París do ano 1900 a medalla de prata por esta obra. O goberno balear donouna ao Museo.

O libro de José era un libro que servía para sentarse e foi movido varias veces pola acción do mar. Agora penso que está retirado. Eu non o vin.

Hai outras áncoras de renome como son as de "Nuestra Señora de Atocha", a 1ª do iate Fortuna, a da Fragata "Asturias"...e outras.

 

Outra imaxen máis de cerca do busto de Philippe Cousteau.


Dende o miradoiro temos unhas impresionantes vistas da praia , a vila de Salinas e o Cantábrico.
 
Vistas da praia de Salinas dende o miradoiro

Dende aquí, dou a volta  por todo o paseo marítimo e atopo o restaurante "Real Balneario" na mesma praia que esta asentado sobre un antigo chalet que formaba parte das instalacións dun balneario de augas mariñas inugurado por Alfonso XIII en 1916. Nos anos 50 inicia a súa andadura como restaurante e foi distinguido cunha estrela Michelín, dous soles de Repsol e Premio Nacional de Gastronomía entre outros.
Restaurante Real Balneario, na mesma praia

Na seguinte foto vemos o Real Club Naútico que nun principio foi de madeira e no ano 1923 se lle otorgou o título de "Real". Ademais do edificio social conta con 3 piscinas, pistas de pádel, tenis, polideportivo, xinnasio e sauna.
Real Club Naútico

A praia de Salinas é unha das máis turísticas de Asturias; está unida coa de S. Juan de Nieva e xuntas miden 3 km. de lonxitude. É unha praia urbana moi ben equipada e cun longo paseo marítimo (aprox. 1km e medio) que vai dende o Mudeo das Áncoras que acabo de visitar ata onde empezan as Dunas do Espartal, das que logo escribirei.
Paseo marítimo
De súpeto  paseo remata e a senda torce á dereita para iniciar unha pasarela de madeira e salvar así as dunas que vemos. Son as Dunas do Espartal na praia do mesmo nome que foi declarada Monumento Natural no 2006. Este sistema dunar que é o máis extenso de Asturias, foi moi castigado polas actividades industriais e portuarias cercanas. Ten unha gran variedade de plantas.
Praia e dunas do Espartal
A pasarela vai paralela á praia pola parte de atrás da mesma protexendo as dunas.
Pasarela de madeira
 Vexo as dunas pola outra parte.
Dunas do Espartal

Nun cruce, deixo a pasarela de madeira e chego a unha estrada que cruzo para atallar por este carreiro:
 
Estou no Pinar de Salinas a uns 100m. da praia.
Pinar de Salinas
Deseguida enlazo coa senda fluvial do río Raíces. Esta senda enlaza Piedras Blancas con S. Juan de Nieva nun percorrido duns 6 km.
Senda fluvial do Río Raíces

Ao longo deste fermoso paseo hai árbores autóctonos de gran variedade: vin loureiros, bidueiras, alvedros, algún carballo...


O percorrido é moi fácil, non presenta desnivel ningún.

Deseguida chego ás casas de Salinas:


Vou sen un plan fixo de itinerario a seguir. Só sei que teño que ir cara á praia de novo xa que alí teño o coche pero antes quero ruar pola vila. E de súpeto chego a esta fermosa igrexa: trátase da igrexa de Nosa Señora do Carme construida no 1940. Salinas tivo a súa 1ª igrexa no 1886 que era en realidade unha capela e dependía da parroquia de S. Martín de Laspra. En 1928 creouse a parroquia independente de Salinas e construeuse esta nova igrexa que vemos na actualidade.

                                                     Igrexa de Nosa Señora do Carme.

Outra vista da igrexa:
Igrexa de Nosa Señora do Carme

Salinas ten edificios así:

 E ten casas así:

Hai bastantes casas indianas. Neste portalón hai unha placa que di: "Quinta Mª del Carmen" O termo "quinta" era moi empregado en Arxentina e Uruguay para referirse a casas de campo que se usaban para vacacións. 
 
Chanman a  atención as casas de Salinas que responden, a inmensa maioría, a propiedades de xente con alto poder adquisitivo. Algúns exemplos: