venres, 5 de novembro de 2021

RUTA DO CONDADO. (FOZ)

 O nome desta ruta inventeino eu xa que non está creada, aínda que enlaza con outra que sí o está como é da Río Ouro.

A ruta do Río Ouro podedes vela pinchando no enlace:

Rutas de sendeirismo: RUTA DO RÍO OURO (FAZOURO-FOZ)

Chameina así xa que tiña moitas ganas de ver de cerca o Pazo dos Condes de Fontao e descubrín un percorrido para velo indo por detrás do mesmo por un camiño público precioso.
Encantoume esta ruta que inventei!!!
Partindo do barrio máis elevado de Fazouro como é o de Lousada cunhas vistas espectaculares, indo polo barrio do Cachón e polo de S. Andrés a través da estrada que vai a Ferreira, cheguei ao Condado de Fontao e descubrín un pazo moi coidado cuns marabillosos xardíns.
Para volver, crucei unha ponte sobre o río Ouro e vin un tramo pola xa coñecida ruta do Río Ouro. Crucei a Ponte Vella, pasei por onde a igrexa e voltei a Lousada de onde partín, facendo así a ruta circular.
A ruta é fácil. Só ten unha subida que "tira" dende a igrexa ata a estrada xeral pero serán 100m.e logo seguimos en ascenso pero moi suave ata cerca do final.
Unha ruta moi fermosa e que axuda a coñecer mellor o concello de Foz.

CARACTERÍSTICAS.-
Lonxitude: 9,6 km.
Dificultade: fácil
Ruta circular sen sinalizar. A xente que a queira facer e non coñeza a zona terá que seguir o track que deixo ao final.

DESCRIPCIÓN.-
Empecei a ruta no barrio de Lousada, ao pé da capela da Concepción. AQUÍ
Eu lembro ata non hai moitos anos que esta capela se abría tódalas semanas para oficiar a misa e acudían a ela as xentes deste barrio. Actualmente, como hai tan poucos párrocos capela ábrese unha vez ao ano: o día 8 de decembro cando se celebra a misa na honra da Inmaculada.
Capela da Concepción

As vistas dende a capela son espectaculares. Vemos o barrio de Bargado, da parroquia de Fazouro, Foz e parte oriental da Mariña luguesa.
Vistas dende a capela

Agora imos baixando pero non moito porque algo máis adiante vemos os barrios de  A Casanova e A Rúa.
Os barrios de A Casanova e a Rúa.

Agora os que vemos ao frente son os barrios de O Morgallón e O Cachón.
Barrios de O Cachón e O Morgallón

E paso por diante da antiga rectoral. O último cura que a habitou chamábase Laureano e morreu afogado na praia de Arealonga nos anos 60. Dende esa a casa estivo deshabitada e hoxe é unha completa ruína.

Casa rectoral
Pasei pola Fonte de Lázaro:
Fonte de Lázaro
E a continuación pola da Rigueira:
Fonte da Rigueira

 No Lugar chamado "O Sendeiro", atopei este curioso banco:

A tarde amenazaba chuvia pero tamén se deixaba ver o sol:

Santo André é un barrio moi pequeno da parroquia de Fazouro, só ten dúas vivendas actualmente. No pasado houbo algunha máis, hoxe desaparecidas.


Agora temos que ir pola estrada LU-151 tamén chamada estrada de S. Acisclo. Por ela circulan case máis bicicletas ca coches. Non cansa ir por aí, xa que é un paseo relaxado con moitas árbores e deseguida chegaremos ás beiras do Río Ouro.
Estrada LU-151

Camiñaremos uns 100m. ás beiras do río ata que deseguida pillamos nun cruce á dereita por un camiño de carro que nos levará ao Condado de Fontao.

Logo pillaremos á esquerda para pasar 1º por diante desta casa abandonada que nos chama a atención polo grande que é e pola boa situación na que está: moi preto da estrada, con inmensos prados ao redor e vistas abertas.

O camiño onde está esta casa é moi fermoso e a mín faime recordar a miña nenez, un camiño de carro como os de antes á sombra dos carballos.
Fermoso camiño que vai ao Pazo

As vistas dende aquí son estas: o barrio de Trasmonte (barrio da parroquia de Santa Cilla) ao lonxe, as terras do condado de frente e a masa arbórea ao pé da estrada pola que viñemos, pegada ao río Ouro.
Vistas dende o Condado
A casa anterior vista dende o outro lado:
Casa abandonada preto do condado
 Uns metros máis adiante atopamos outra casa abandonada que semella que empezaron a restaurar. 

Todo o anterior está moi próximo entre sí e ao Condado que xa vemos máis de preto. Xa non estamos na parroquia de Fazouro, agora estamos na de Santa Cilla, ámbalas dúas do concello de Foz.
Pazo dos Condes de Fontao

O Condado de Fontao é un título nobiliario concedido pola raíña Isabel II no ano 1840 . O seu 1º titular foi José Mª Moscoso de Altamira Quiroga e dende este houbo outras sete persoas máis que ostentaron o título, o actual é José Manuel Romero Moreno, VIII conde de Fontao.
Parte de atrás do pazo

As fotos que se ven do pazo son sempre as tomadas dende o outro lado, dende a entrada principal ao pazo. Esta é a parte de atrás pola que non pasan os coches por eso nunca vin fotos dos xardíns que son preciosos.
Xardíns do pazo




Ao redor do pazo hai dúas casas abandonadas. Unha é esta. A tranquilidade e o silenzo son totais. Non hai ninguén por ningún sitio.


O entorno é máxico: verdor, árbores, plantas...


Un fermoso lugar o que hoxe descubrín.


A capela de S. Andrés pertence ao pazo aínda que está  está separada del. Tódolos anos o 30 de novembro se celebra aquí unha misa e unha pequena festa en honra de S. Andrés á que acostuma a acudir o conde.
Capela de S. Andrés no pazo

Outro fermoso recuncho no pazo:

Esta é a fotografía que se ve habitualmente do pazo.


Este camiño lévame de novo á estrada que abandonei antes e no cruce pillo á esquerda. Despois duns poucos metros,  métome polo primeiro camiño que vexo que vai ao río (está case pegado á estrada) .
Río Ouro. Ao fondo a ponte que cruzarei.

Cruzo a ponte para ir polo outro lado do río, aínda que observei que non hai moito que abriron paso pola beira que case sempre está pechada de maleza. Terei que voltar outro día para ver se son transitables as dúas beiras do río podendo facer circular a "Ruta do Río Ouro".
O edificio que se ve na seguinte imaxe foi unha antiga Central Eléctrica.

Antiga Central Eléctrica

Esta ruta ás beiras do Río Ouro deixa imaxes ben fermosas.


Aínda que tamén nos deixa esta moito máis fea onde os eucaliptos chegan case á beira do río.

Eucaliptos ameazando con invadir todo.
Temos tamén espazos para o descanso:

É un percorrido fermoso e moi relaxante.

Á Fonte de Fernandete acude xente a buscar auga.
Fonte de Fernandete
Outra imaxe que nos deixa o Río Ouro:

E chegamos ao barrio de A Ponte Vella en Fazouro dende o que vemos a igrexa parroquial:
Ao fondo, a igrexa parroquial.
Cruzamos a Ponte Vella, que tamén dá nome ao barrio, aínda que agora mais ben parece a Ponte Nova:
A Ponte Vella

Nunha finca privada observamos ben xuntos estes fermosos laranxo e acivro. Ao fondo, os barrios de A Casanova e Villarmea:

A igrexa parroquial de Santiago de Fazouro foi construida a mediados do S. XVIII a pàrtires doutra da que só s econserva a porta principal. Conta dunha soa nave, sacristía e unha soa capela.
Igrexa de Fazouro

O track da ruta en WIKILOC

Web consultada:
Libro: "Fazouro, Foz, Lugo" de Juan Carlos Fernández Pulpeiro


mércores, 3 de novembro de 2021

S. MARTIÑO DE MONDOÑEDO(FOZ) RUTA CIRCULAR II

 

Barrio de Río (S. Martiño)

Ruta sen homologar nin sinalizar que quen desexe facer sen coñecer a zona terá que seguir o track que deixo ao final.

Vai practicamente toda por asfalto (En S. Martiño ao igual que noutras parroquias que teñen Concentración Parcelaria, apenas quedan camiños nin sendeiros e os poucos que hai están pechados de maleza porque non teñen xa uso agrícola)

A pesares disto é unha ruta que me gustou moito( non sei se son bastante obxectiva porque S. Martiño é a miña parroquia natal) pero penso que gusta a calquera ir á beira dun río, neste caso do Centiño, ver muíños á súa beira, pasar polo lugar de Vintín onde aproveitaron a humidade e a auga do río para crear un magnífico bosque con gran cantidade e variedade de árbores, subir a un barrio cunhas vistas incríbles como é o de Mourente, pasar pola famosa capela do Bispo Santo e chegar á Basílica de S. Martiño xa case rematando o percorrido.
Outra ruta circular que fixen en S. Martiño foi esta: Rutas de sendeirismo: S. MARTIÑO DE MONDOÑEDO (FOZ) RUTA CIRCULAR I

CARACTERÍSTICAS:
Lonxitude: 7km.
Dificultade: fácil. Ten dúas subidas, unha a Mourente duns 500m. e outra ao Bispo Santo moi suave e duns 150m.
Ruta circular sen sinalizar.

DESCRIPICIÓN.-
A ruta parte de AQUÍ
 Saio dende a Casa de Santos actualmente deshabitada e busco o río Centiño que está moi cerca e diríxome alí:
Casa de Santos, agora deshabitada

Río Centiño
Quedan poucas explotacións leiteiras hoxe  na parroquia cando nun pasado recente todo o mundo vivía da agricultura e gandaría. Actualmente a xente nova que hai, vai traballar fóra da aldea e os máis vellos agora teñen en moitos casos vacas de carne, sen estabular.

No lugar chamado Vintín só existe unha casa e os seus propietarios apoveitaron que están ao pé do río para plantar multitude de árbores diversas que forman un fermoso entorno.

Vintín


 Vintín:camiño de acceso á vivenda
Despois de andar uns poucos metros á beira do río, agora saimos á estrada:

 E chegamos ao barrio de Río. O nome parce virlle moi ben xa que o Centiño pasa moi preto das casas. Collemos á dereita para internarnos no propio barrio e buscalo río.
Río

En Río temos unha paisaxe aberta aos prados e ao lonxe vemos a montaña de Cornería.

Infinita gama de verdes:
Paisaxe en Río

Chama a atención esta finca tan fermosa con tantas árbores e plantas, todo perfectamente coidado:
Abundan sobre todo as camelias.

Chego a unha zona ao lado do río onde hai un muíño a medio restaurar e onde parece que houbo ou quixo haber unha área recreativa pero que está abandonada.
 
O entorno onde está o muíño é ben fermoso.
Muíño en Río

Aquí abandonamos xa o río que non voltaremos a ver xa que nos dirixiremos cara arriba, ao barrio de Mourente.
Río Centiño
Abandonamos tamén o fermoso barrio de Río:

 Subimos unha pequena costa para chegar a Mourente:


As vistas dende o barrio de Mourente son espectaculares, mírese a onde se mire:
Vista dende Mourente

Vista dende Mourente

Vese Foz, a ría, parte de S.Cosme de Barreiros, S. Miguel e as montañas ...
 
A mín personalmente encántame este barrio para vivir: poucas casas, tranquilidade, excelentes vistas...
Mourente


En vez de seguir a estrada ata o stop e coller para O Santo, fun por este atallo:

E saín á estrada máis arriba, xa moi cerca da capela.


Esta é área recreativa que hai en torno á capela do Bispo Santo. O outono está facéndose notar:

Aquí temos a capela do Bispo Santo. Este bispo refírese a S. Gonzalo, que estivo en S. Martiño entre os séculos XI e XII e conta a lenda que os normandos invadían daquela as nosas costas. As xentes da aldea pediron axuda ao bispo para librarse deles e Gonzalo cunha cruz ao lombo emprendeu camiño dende a basílica do Caritel ata o Monte da Grela dende onde se vía o mar.
A cruz era pesada e o bispo, poñíase de xeonllos para descansar. Cada vez que o facía afundiase u barco normando e así foi derrotando a flota, de xeito que cando chegou ao Monte da Grela, só quedaba un barco que deixou que s efora para dar testemuña do que alí pasara.
No S. XVI, ergueuse esta capela no lugar onde din que ocorreu o miragre, para honrar ao Bispo Gonzalo e a este feito.
Capela do Bispo santo

O Bispo Santo realmente non está canonizado pola igrexa senón polo pobo.
Capela do Bispo Santo

Continuo camiño cara á basílica de S. Martiño:

Dende o Santo ata a basílica hai unha distancia de  apenas 2km. que son os máis monotonos da ruta, xa que é por unha estrada rodeada de eucaliptos.
Moi pouco antes de chegar ao Caritel, vemos  lugar de O Pinal. Antigamente, neste prado, xusto onde está a árbore solitaria e o pozo había unha casa "A casa do Pinal". Xa hai anos que morreron tódolos seus habitantes. Ao pouco, a casa foi derribada.
O Pinal
A poucos metros de O Pinal, xa vemos o cemiterio parroquial e o barrio de Vilela:

E uns pasos máis adiante xa vemos O Caritel coa súa xoia: a Basílica.

Da Basílica de S Martiño xa escribín nesta entrada: Rutas de sendeirismo: S. MARTIÑO DE MONDOÑEDO (FOZ) RUTA CIRCULAR I
E se alguén ten interese en saben máis, recomendo esta páxina: Iglesia de San Martín de Mondoñedo (arteguias.com)

Vista da basílica dende os xardíns.

E xa cheguei case ao punto de inicio. Na foto vemos o Lugar de As Granxas e a estrada que sube ao barrio de Vilancedoi.

A ruta en WIKILOC: