luns, 5 de maio de 2025

LAGOS DE TEIXEIRO (LUGO) PR-G 275

 Santa Mª de Teixeiro é unha parroquia que pertence ao concello de Lugo. Hai moito tempo que oín falar dos seus lagos pero nunca os visitara. Agora hai unha ruta homologada que os percorre. O entorno destes lagos é empregado por moitos lucenses como lugar de ocio e hai moita xente que os percorre en bici (nós atopamos bastantes ciclistas) Pareceunos unha ruta ben fermosa, con gran frondosidade das árbores ao pé da área recreativa e do lago onde iniciamos e finalizamos o percorrido. Tamén preciosa e grande é a carballeira de S. Fitorio que atravesamos, fomos vendo outros lagos, moitos piñeirais e finalizamos por camiños de montes voltando ao inicio rodeando os primeiros lagos pola outra beira. Unha ruta preciosaaa!!

Características: 

Lonxitude: 11km.

Dificultade: fácil

Ruta circular perfectamente sinalizada, agás nun cruce que cortaron piñeiros e entre eles un no que estaba o sinal. O meu track en WIKILOC

Descripción:

Partimos e finalizamos esta ruta na Área Recreativa dos Lagos de Teixeiro, aqui está o panel de inicio de ruta.

Estes lagos  foron creados polo ICONA nos anos oitenta do pasado século. Son 4 lagos que iremos vendo no percorrido.

A finais dos oitenta, os Lagos de Teixeiro eran un punto de referencia para moitos lucenses como lugar de ocio e esparcemento, despois foron caendo no abandono e estes últimos anos este precioso entorno era unha ruina total. Agora, a fianais de 2024, iniciouse unha recuperación consistente en limpar, desbrozar, poñer pontes de madeira, acondicionar un miradoiro e homologar así esta ruta de sendeirismo.


Frondosas árbores medran en torno ao 1º e 2º lago.

O 2º lago está pegado ao 1º.


Unha fonte de pedra na que se pode ler "ano 1982" na área recreativa.

Deixamos atrás os lagos e a área recreativa.



Adentrámonos agora nun piñeiral.



Ás veces, entre os piñeiros, atopamos algún carballo.

A ruta ten paneis explicativos coma este que nos indica a 60m. o Miradoiro do Monte Castelo, na parroquia de S. Pedro de Labio
Por esta zona buscan os investigadores os restos do Castelo de Labio que foi famoso pola loita, a principios do S. XI, contra o rei Bermundo III na que participou Ulf O Galego, un xefe vikingo que estivo en Galicia 19 anos atacando e saqueando a nosa terra ademais de axudar a algún nobre. Despois da súa expulsión de Galicia, as incursións vikingas fóronse reducindo ata convertirse en historia.

Dende logo, este era un bo sitio para un castelo que os historiadores sinalan que houbo. As vistas sobre a cidade de Lugo son impresionantes.

Dende o Miradoiro de O Castelo tamén vemos concellos como Rábade, Outeiro de Rei...

Continuamos a camiñata entre piñeiros e manchas de autóctonas polos montes de Outeiro.


De súpeto, ábrese a paisaxe, á esquerda o monte de Outeiro de Fompedriña.

Entramos na Carballeira de S. Fitorio, inmensa e frondosa,


O camiño que atravesa a carballeira está en perfectas condicións  ao igual que en todo o percorrido. Os carballos non son moi vellos.

Atopo algo que vexo por vez 1ª: un marteloscopio ("os marteloscopios son parcelas forestais rectangulares de 100x100 m ou 1 hectárea nos que se numeran, cartografan e rexistran tódalas árbores")


Vemos agora o 3º lago.

Pensamos que teriamos que ir polo camiño que vemos á dereita en ascenso, pero non, o noso percorrido xira á esquerda despois do 4º lago que axiña veremos.

Se cruzamos esta ponte sobre o Rego de S. Fitorio iremos á unha pequena área recreativa que hai á beira do rego. Nós seguimos de frente sen rodear o lago. Só o vimos dende esta ponte.

A 4ª ponte.

Outra pequeniña ponte. Se fosemos pola área recrativa viriamos sair aquí, pola dereita .

Atravesamos un monte de toxos (pasamos perfectamente polas beiras do camiño)

 E saimos a unha pista na que non víamos o sinal de se había que ir á dereita ou esquerda porque cortaron piñeiros e o que tiña o sinal estaba alí caída. Cando se corta unha árbore que indicaba unha dirección nunha ruta, como é este caso, hai que poñela noutro lado!! Nós non tivemos problema porque eu sigo sempre un track e hai que pilla  á dereita.

A árbore co sinal:

Atravesamos agora outro monte. Os nosos toxos, tan típicos agora na primavera, fan os montes ben fermosos coa súa flor!

Unha rocha que semella a cara dun canciño, visto de perfil ou dun oso!!😯😯😯

Baixamos un camiño de monte e axiña chegaremos ao inicio.
 
As árbores empezan a diversificarse, estamos xa nos primeiros lagos, pero polo lado contraio a onde empezamos a ruta.


Unha singular fonte de pedra sen auga. O letreiro avisa que non é potable, pero está seca.


Vistas do 1º lago.




PÁXINAS WEB CONSULTADAS:

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/lugo/2023/12/25/xunta-acondicionara-ruta-senderismo-lagos-teixeiro/00031703502553836949443.htm

https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/montes/ruta-lagos-teixeiro/index-es.html

luns, 28 de abril de 2025

CERCA DO FIOUCO (MONDOÑEDO)

 O concello de Mondoñedo non deixa de sorprerderme coa cantidade de rutas que se poden facer sen pisar apenas asfalto, por camiños e pistas ben acondicionados, coñecendo aldeas tradicionais e desfrutando de vistas inmellorables no medio de arboreda autóctona que aínda conserva este municipio.

Hoxe fixen unha ruta moi solitaria, que non pasa por aldea ningunha (se queremos podemos achegarnos á de Curros que está moi cerca de onde empeza e remata esta ruta). Unha ruta por bos camiños e pistas, vendo o gando no monte e contemplando vistas extraordinarias.

Características da ruta:

Lonxitude: 11,8 km.

Dificultade: baixa, aínda que con algo de desnivel.

Ruta circular sen sinalizar. O meu percorrido en WIKILOC:

Descripción: 

Empecei a ruta na estrada LU-124 que une os concellos de Mondoñedo e A Pontenova, xusto ao pé da aldea de Curros que pertence á parroquia de Santa Mª Maior.

Lugar de inicio e fin da ruta

 En 100m. pillamos un camiño á dereita.

Empezamos a subir moi moderadamente e temos estas vistas á aldea próxima de Curros e máis lonxe a outras de Mondoñedo e Lourenzá.


As nosas montañas son de suaves e redondeados cumes.

Imos por camiños ben acondicionados e fermosos.

O bosque autóctono aínda ten no concello de Mondoñedo bastante presenza.

Atravesamos o Rego de Coto Redondo.

Unha tarde perfecta de camiñata!!

Volvemos atravesar o Rego de Coto Redondo un pouco máis adiante.

Curros, Santa Mª Maior e a súa canteira, montes e prados, montañas lonxanas...

Estou a piques de cruzar a A-8 por un túnel.

A  A-8 vertebra o concello en dúas partes. Veño de unha e agora atópome na outra.

Atraveso algún "paso canadiense" e vexo un curro. En ningún caso atopo pechada ningunha pista.

O percorrido vai agora cerca da autovía

Estas vistas fan esquencer o ruído constante dos coches.



Na foto seguinte vemos a pista pola que vin e pola que vou ir agora, paralela á anterior. A néboa típica do Fiouco (estou moi cerca del) empeza a facer acto de presenza.

Vistas inesquecibles!

A vaca mirando desafiante pero en canto me fun achegando eu xa sabía o que ela ía facer: escapar.

Unha lagoa natural.


Hoxe estivo un día precioso, pero a ruta fíxena pola tarde e cara ao anoitecer a néboa fixo acto de presenza. Non tiven ningún medo nin me sentín en perigo en ningún momento. A pista víase perfectamente e sabía que ía ser só uns poucos metros porque agora xa empezaba a baixar. A néboa pode ser moi perigosa cando coñeces pouco a zona e camiñas por lugares onde os camiños ou sendeiros non están ben definidos. Non era o meu caso.

Nuns segundos pasei da néboa a ver xa esta paisaxe.

Crucei de novo a A-8 esta vez por esta ponte para voltar ao punto de inicio.

Axiña desemboco na Lu-124 e xa estou moi cerquiña do coche.