Santa Mª de Teixeiro é unha parroquia que pertence ao concello de Lugo. Hai moito tempo que oín falar dos seus lagos pero nunca os visitara. Agora hai unha ruta homologada que os percorre. O entorno destes lagos é empregado por moitos lucenses como lugar de ocio e hai moita xente que os percorre en bici (nós atopamos bastantes ciclistas) Pareceunos unha ruta ben fermosa, con gran frondosidade das árbores ao pé da área recreativa e do lago onde iniciamos e finalizamos o percorrido. Tamén preciosa e grande é a carballeira de S. Fitorio que atravesamos, fomos vendo outros lagos, moitos piñeirais e finalizamos por camiños de montes voltando ao inicio rodeando os primeiros lagos pola outra beira. Unha ruta preciosaaa!!
Características:
Lonxitude: 11km.
Dificultade: fácil
Ruta circular perfectamente sinalizada, agás nun cruce que cortaron piñeiros e entre eles un no que estaba o sinal. O meu track en WIKILOC
Descripción:
Partimos e finalizamos esta ruta na Área Recreativa dos Lagos de Teixeiro, aqui está o panel de inicio de ruta.
Estes lagos foron creados polo ICONA nos anos oitenta do pasado século. Son 4 lagos que iremos vendo no percorrido.
A finais dos oitenta, os Lagos de Teixeiro eran un punto de referencia para moitos lucenses como lugar de ocio e esparcemento, despois foron caendo no abandono e estes últimos anos este precioso entorno era unha ruina total. Agora, a fianais de 2024, iniciouse unha recuperación consistente en limpar, desbrozar, poñer pontes de madeira, acondicionar un miradoiro e homologar así esta ruta de sendeirismo.
Frondosas árbores medran en torno ao 1º e 2º lago.
O 2º lago está pegado ao 1º.
Unha fonte de pedra na que se pode ler "ano 1982" na área recreativa.

Deixamos atrás os lagos e a área recreativa.

Adentrámonos agora nun piñeiral.

Ás veces, entre os piñeiros, atopamos algún carballo.
A ruta ten paneis explicativos coma este que nos indica a 60m. o Miradoiro do Monte Castelo, na parroquia de S. Pedro de Labio
Por esta zona buscan os investigadores os restos do Castelo de Labio que foi famoso pola loita, a principios do S. XI, contra o rei Bermundo III na que participou Ulf O Galego, un xefe vikingo que estivo en Galicia 19 anos atacando e saqueando a nosa terra ademais de axudar a algún nobre. Despois da súa expulsión de Galicia, as incursións vikingas fóronse reducindo ata convertirse en historia.
Dende logo, este era un bo sitio para un castelo que os historiadores sinalan que houbo. As vistas sobre a cidade de Lugo son impresionantes.
Dende o Miradoiro de O Castelo tamén vemos concellos como Rábade, Outeiro de Rei...
Continuamos a camiñata entre piñeiros e manchas de autóctonas polos montes de Outeiro.
De súpeto, ábrese a paisaxe, á esquerda o monte de Outeiro de Fompedriña.
Entramos na Carballeira de S. Fitorio, inmensa e frondosa,
O camiño que atravesa a carballeira está en perfectas condicións ao igual que en todo o percorrido. Os carballos non son moi vellos.
Atopo algo que vexo por vez 1ª: un marteloscopio ("os marteloscopios son parcelas forestais rectangulares de 100x100 m ou 1 hectárea nos que se numeran, cartografan e rexistran tódalas árbores")
Vemos agora o 3º lago.
Pensamos que teriamos que ir polo camiño que vemos á dereita en ascenso, pero non, o noso percorrido xira á esquerda despois do 4º lago que axiña veremos.
Se cruzamos esta ponte sobre o Rego de S. Fitorio iremos á unha pequena área recreativa que hai á beira do rego. Nós seguimos de frente sen rodear o lago. Só o vimos dende esta ponte.
A 4ª ponte.
Outra pequeniña ponte. Se fosemos pola área recrativa viriamos sair aquí, pola dereita .
Atravesamos un monte de toxos (pasamos perfectamente polas beiras do camiño)
E saimos a unha pista na que non víamos o sinal de se había que ir á dereita ou esquerda porque cortaron piñeiros e o que tiña o sinal estaba alí caída. Cando se corta unha árbore que indicaba unha dirección nunha ruta, como é este caso, hai que poñela noutro lado!! Nós non tivemos problema porque eu sigo sempre un track e hai que pilla á dereita.
A árbore co sinal:
Atravesamos agora outro monte. Os nosos toxos, tan típicos agora na primavera, fan os montes ben fermosos coa súa flor!
Unha rocha que semella a cara dun canciño, visto de perfil ou dun oso!!😯😯😯
Baixamos un camiño de monte e axiña chegaremos ao inicio.
As árbores empezan a diversificarse, estamos xa nos primeiros lagos, pero polo lado contraio a onde empezamos a ruta.

Unha singular fonte de pedra sen auga. O letreiro avisa que non é potable, pero está seca.

Vistas do 1º lago.


PÁXINAS WEB CONSULTADAS:https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/lugo/2023/12/25/xunta-acondicionara-ruta-senderismo-lagos-teixeiro/00031703502553836949443.htm
https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/montes/ruta-lagos-teixeiro/index-es.html
Ningún comentario:
Publicar un comentario