De Aragón eu coñecía Zaragoza e, dentro desta provincia, o coñecido e fermoso "Monasterio de Piedra".
Do día 1 ao 4 deste mes de Maio tiven a ocasión de coñecer algo doutra provincia, Huesca, da man de Xaime Cancio nunha viaxe longa en km ao ir en autobús, pero fixemos un percorrido fermoso e interesante, sobre todo a nive paisaxístico.
Ao ser unha viaxe en grupo quero dicir, ou mellor ecribir, que as opinións, comentarios...que eu verta neste blog son única e exclusivamente no meu nome. Pode haber xente que lea esto e estea ou non conforme co que escribo; eu son a única responsable do que aquí poña.
HUESCA
Xoves, día 1
Huesca é unha cidade que, dentro desta viaxe, para min pasou case desapercibida e non me gustou tampouco demasiado, pode ser que teña un interesante casco histórico pero xa os teño visto moito máis fermosos. Fixemos a visita á cidade cunha guía.
PRAZA DA CATEDRAL.- Alberga a catedral, o edificio do Concello e o edificio do Obispado.
A catedral de Huesca é gótica, construida sobre unha antiga mesquita musulmana. Está no lugar máis alto da cidade, no que se creou a primitiva Huesca.
 |
Catedral de Huesca |
A portada principal con 4 arquivoltas ten imaxes de mártires, virxes, anxos e profetas. O gran aleiro de madeira que a protexe e se pode ver na foto anterior, é un elemento arquitectónico moi frecuente en Aragón.
 |
Catedral de Huesca |
Frente á catedral atópase o edificio do Concello do S. XVI. |
Edificio do Concello |
Imaxe da pequena Praza da Catedral.
 |
Praza da Catedral |
Tamén na Praza da Catedral atopamos o edificio do Obispado que alberga un importante museo.
 |
Edificio do Obispado |
PRAZA DA UNVERSIDADE.- Nesta praza temos a Facultade de Ciencias da Saúde e o Deporte, o antigo Seminario pegado á Igrexa de Santa Cruz, un Colexio Maior e un Museo.
Na foto vese de frente o antigo Seminario e a igrexa de Santa Cruz e á esquerda, o Museo.
 |
Praza da Universidade (foto de Freepik) |
O grupo chegando á Praza da Universidade.
 |
Praza da Universidade |
PRAZA LUIS LÓPEZ ALLUÉ.- Dentro do recinto histórico, estivemos tamén nesta praza tamén chamada Praza do Mercado porque ata 1976 celebrábase aquí o mercado da cidade. Aquí están o Museo pedagóxico de Aragón, a Oficina de Turismo e o Ultramarinos máis antigo de España: A Confianza.
 |
Praza Luis López Allué |
Nesta mesma praza podemos ver a tenda de ultramarinos máis antiga de España aínda en activo: "La Confianza" que naceu en 1871 da man dun comerciante francés: Hilario Vallier. Este lugar é recoñecido en prestixiosas publicacións comerciais e turísticas e no 2013 foi declarado como Patrimonio Histórico Comercial da Humanidade.
 |
Ultramarinos La Confianza na Praza Luis López Ulloé |
PRAZA DE NAVARRA.- Esta praza acapara parte do protagonismo social de Huesca e está delimitada por edificios importantes: o Círculo Oscense ou Casino, a Igrexa de Santa Teresa, a Delegación de Facenda e outros edificios de entidades bancarias, oficinas e comercios. No centro, a Fonte das Musas.
A praza é escenario de acontecementos festivos polas Festas de S. Lourenzo (patrón da cidade) polo Nadal...etc
Na foto seguinte, o edificio de Facenda construido en 1927.
 |
Edificio de Facenda |
A Fonte das Musas é de finais do S. XIX.
 |
Fonte das Musas |
O Círculo Oscense ou Casino Foi construido a principios do S. XX en estilo modernista.
Entramos a visitalo e é moi fermoso o interior cunha decoración modernista propia da época. Durante a II República foi a Casa da Cultura e na Guerra Civil foi un hospital militar. No 1951 pasou a pertencer ao concello.
Actualmente, neste lugar conviven o ocio, a creatividade e a vida social. Hai unha cafetería, un restaurante, sala de xogos...
Así foi como o vimos, xa que están restaurando a fachada.
 |
Círculo Oscense ou Casino |
E así como é na realidade: (Foto Wikimedia Commons)
 |
Círculo Oscense ou Casino |
No interior cabe mencionar o mobiliario e a decoración ao gusto da época (principios do S.XX). Son abundantes as pinturas realizadas en tonos suaves como pinturas decorativas, de tonos suaves que decoran espacios como a escaleira principal.
Facendo esquina con esta Praza de Navarra temos os Porches de Galicia
 |
Porches de Galicia |
Gustoume moito o edificio de Correos tamén de principios do S. XX e un claro exemplo da arquitectura rexionalista da época.
 |
Edificio de Correos |
Pasamos tamén por diante da basílica de S. Lourenzo, pola igrexa de S. Vicente el Real, difíciles de fotografar enteiras ao atoparse no medio da cidade rodeadas doutros edificios.A seguinte foto da basílica de S. Lourenzo é de Wikimedia Commons.
 |
Basílica de S. Lourenzo |
Non visitamos o Parque Miguel Servet que é un símbolo de Huesca e onde se poden ver dúas paxarelas obra do artista desta cidade Ramón Acín que deixou como legado. É unha escultura de ferro e cemento. Este monumento é BIC (ben de Interese Cultural)Pasamos por diante da casa onde viveu este artista que fusilaron durante a Guerra Civil.
Páxinas web consultadas:https://www.turismodearagon.com/ficha/catedral-de-santa-maria-huesca/
https://es.wikipedia.org/wiki/C%C3%ADrculo_Oscense
Venres, 2 de maio
TORRECIUDAD
Ao día seguinte, venres 2 de maio, visitamos Torreciudad, un santuario dedicado á Virxe inaugurado en 1975. Este novo santuario, a reforma da ermida vella e os edificios anexos son obra de José Mª Escrivá de Balaguer, fundador do Opus Dei.
Chegamos a tan boa hora e ademais era venres, que foi fácil sacar unha foto sen que houbese ninguén diante.
 |
Santuario de Torreciudad |
O retablo do Altar Maior, en alabastro, representa distintas escenas da Virxe Mª. Á esquerda vemos unha figura de Escrivá de Balaguer canonizado en 2002.
 |
Retablo en alabastro |
Impresiona a riqueza e a beleza do santuario.
No exterior, un altar para cando se concentra moita xente na enorme explanada.
Este santuario promocionou dende a década dos oitenta a "Ruta Mariana" que enlaza Zaragoza, Torreciudad e Lourdes. No ano 1979, ETA cometeu neste lugar o seu 1º atentado en Aragón cunha bomba de 10 k de goma-2 que causou importantes danos na edificación.
 |
Explanada do santuario |
Baixando dende a explanada do santuario á vella capela atopamos 14 escenas sobre S. José realizadas en azulexos.
Vistas da capela e dunha antiga torre árabe sobre as augas encoradas do río Cinca pola presa de El Grado.
A antiga capela foi restaurada en 1969 e albergou a imaxe da Virxe de Torreciudad ata que foi trasladada ao novo santuario. A devoción a esta Virxe ven de moi antigo e chegaba xente dos arredores de peregrianción, aínda que os accesos eran moi malos daquela. Ata aquí chegou en 1904 J. Mª Escrivá cando era pequeno levado pola súa nai xa que estaba afectado por unha enfermidade.
 |
Antiga capela de Torreciudad |
Moi próxima á capela antiga hai unha torre árabe de vixiancia e de aí procede o nome de Torreciudad
 |
Restos da torre árabe de vixiancia |
Outra vista do novo santuario dende o camiño que vai á antiga capela. |
Santuario de Torreciudad |
CURIOSIDADE: en Ourense, no 2019, na igrexa de Cristo Rei instalouse unha réplica da Virxe de Torreciudad.
Páxina web consultada:
https://es.wikipedia.org/wiki/Santuario_de_Torreciudad
BARBASTRO
Despois de Torreciudad, o noso destino foi Barbastro, a 3ª cidade máis poboada despois de Huesca e Monzón. É ademais a capital da comarca do Somontano.
O 1º que visitamos ao chegar foi a Catedral de Santa Mª da Asunción, do s. XVI en estilo gótico. Esa mañá choveu un pouco...
 |
Catedral de Barbastro |
O retablo Maior é tamén de alabastro ao igual que o de Torreciudad. Este material é abundante en Aragón.
 |
Retablo do Altar maior da catedral de Barbastro |
Son ben fermosas estas dúas portadas barrocas de dúas capelas dentro da catedral.
 |
Portada barroca dunha capela dentro da catedral |
 |
Portada barroca dunha capela dentro da catedral |
Outra imaxe do interor da catedral.
 |
Catedral de Barbastro |
Cruzando o río aparece maxestuosa a Igrexa de S. Francisco que xorde no S. XIII coa chegada dos franciscanos a Barbastro. Só queda esta fermosa igrexa dun mosteiro que houbo con celdas, claustro, refectorio...todo se perdeu agás a igrexa que foi moi reformada no S. XVI.
 |
Igrexa de S. Francisco (Barbastro) |
Ao pé da
igrexa de S. Francisco atopamos a Fonte do mesmo nome en estilo renacentista con profusa decoración.
 |
Fonte de S. Francisco |
Atopamos este artiluxio que víamos que era unha prensa pero non sabiamos para que servira; soubemoslo lendo os paneis que había: Chámase
Prensa de Libra e servía para prensar as olivas e obter aceite.
 |
Prensa de Libra |
Ao pé da prensa vimos outras dúas fontes que foran enterradas cando se canalizou o
río Vero na cidade. Foron desenterradas Son as
fontes do Azud e a de Vivero. A do
Azud foi reconstruida case totalmente despois de desenterrala nos anos 80 (É a da esquerda)
 |
Fontes de Azud e de Vivero |
Imaxe das coloridas casas e canalización do
río Vero en
Barbastro.PRAZA DO MERCADO.- Nesta praza foi o xantar deste día e aquí vimos este monumento que honra ás hortelanas e hortelanos de
Barbastro xa que aquí se celebra tódolos sábados pola mañá un mercado de froitas e verduras. A escultura é obra do artista local
José Noguero.
 |
Monumento ás hortelanas e horteláns de Barbastro |
A Praza do Mercado é o lugar máis popular de Barbastro e naceu e medrou grazas ao comercio.
 |
Praza do Mercado en Barbastro |
Outra imaxe da Praza do Mercado cos seus soportais que serviron e serven de abrigo aos vendedores e vendedoras dos mercados semanais.
 |
Praza do Mercado en Barbastro |
Na parte dereita da seguinte foto estaba a casa de S. José Mª Escrivá de Balanguer e nese solar foi construido este edificio en arquitectura tradicional aragonesa que alberga o Centro Cultural Entrearcos.
ALQUÉZAR
Dentro da mesma comarca do Somontano, Alquézar está considerado como un dos "Pueblos máis Bonitos de España" e non é para menos, a min parecume un lugar precioso! A vila medieval e os seus atractivos naturais son de destacar.
Alquézar debe o seu nome ao castelo ( al- qasr en árabe) construido no S. IX para defender Barbastro do cristianos.
Vistas da vila dende moi cerca do Miradoiro "Sonrisa al Viento":
 |
Alquézar |
O Arco Gótico é o principal punto de entrada á vila que se conserva, dos 4 que existiron. Ten o escudo da vila.
 |
Arco Gótico |
Esta vila conserva moita arquitectura medieval como son estes calexóns que enlazan unhas rúas con outras.
Outro fermoso calexón:
O entramado de rúas de Alquézar é de orixe musulmá e hoxe en día consévase o seu aspecto medieval.
Este calexón chámase "Pasador de Casa Lailla" pero ten o chan tan pulido que na vila é coñecido como "La eslizadera"
 |
"La Eslizadera" |

A PRAZA MAIOR.- É o corazón da vila, un espazo porticado onde antaño se colocaban os comerciantes e artesáns a vender os seus productos.
 |
Praza Maior ou de Rafael Ayerbe |
PASARELAS DO RÍO VERO.-
Tiña eu ilusión por facer este percorrido ao igual que outras persoas, pero non foi posible polo tipo de calzado que levábamos a maioría: deportivas normais de andar pola rúa e non nos permitiron facela porque dicían que non tíñamos protexidos os nocellos e tampouco era un calzado de bastante agarre. Despois vimos dende arriba o tramo "máis perigoso" e non era para tanto, unhas escaleiras que parecían ter pedras soltas; despois o percorrido ía por pasarelas sen perigo ningún. Eu vin varios vídeos de xente realizando esta ruta con calzado como o que levábamos a maioría de nós e incluso con deportivas de tela.
Como son sendeirista dende hai moito, teño feito rutas moito máis complicadas, de moito máis desnivel e con peor chan...pero enfín, ao mellor outra xente non acostumada podía ter problemas e as normas están para cumplilas...
Na foto seguinte, a baixada ao río Vero polo Barranco de la Fuente, a parte máis técnica da ruta.
 |
Baixada polo Barranco de la Fuente ao río Vero |
O patrimonio natural de Alquézar é innegable.
De cruceiros sabemos moito os galegos e por aquí parece que tamén, xa que o que se ve na foto é a Cruz de Buil, un antigo cruceiro que foi totalmente reconstruido. Está situada esta cruz na entrada á Colexiata.
 |
Cruz de Buil |
A COLEXIATA SANTA Mª LA MAYOR (O CASTELO).- Ten as súas orixes nunha fortaleza árabe do S. IX. No S. XI é conquistada por Sancho Ramírez e pasa a ser unha fortaleza cristiana para despois convertirse en Colexiata no S. XVI
 |
Colexiata de Santa Mª la Mayor |
Esta foi unha torre vixía illada, ao sur da Colexiata.
O claustro da colexiata:
 |
Claustro |
Restos da muralla musulmá.
 |
Muralla ao redor da Colexiata |
Outro cruceiro e a Torre do Esconxurador (O esconxurador era unha persoa que facía exconxuros contra as tormentas invocando a Santa Bárbara) Nesta zona tíñase terror ás tormentas)
O campanario e parte de arriba do claustro en ladrillo, moi típico nesta zona.
Ao estar situada nun alto, as vistas dende a Colexiata son excelentes.
IGREXA DE S. MIGUEL.- É do S. XVII en estilo barroco cun sobrio exterior. A práctica totalidade de retablos e obxectos litúrxicos do interior foron destruidos durante a Guerra Civil.
 |
Igrexa de S. Miguel
Despois desta visita a Alquézar paramos na Bodega Pirineos para degustar viño de denominación de orixe Somontano, nunha visita guiada. |
Páxinas web consultadas:
https://www.aragonmudejar.com/barbastro/sfrancisco/sfrancisco1.htm
https://www.sipca.es/censo/1-INM-HUE-007-048-021/Fuente/de/San/Francisco.html
https://www.barcelo.com/guia-turismo/es/espana/huesca/que-ver/alquezar/
https://alquezarbuenaventura.com/visita-alquezar-en-1-dia/
https://turismosomontano.es/es/
Sábado, 3 de maio
AÍNSA
O sábado día 3 visitamos Aínsa, a vila onde estaba o noso hotel. Só tíñamos que atravesar unha ponte para chegar á parte antiga desta vila considerada tamén como un dos "Pueblos más bonitos de España"
Agora cambiamos de comarca, Aínsa pertence á comarca de Sobrarbe da que é a capital.
Situada estratéxicamente na confluencia dos ríos Cinca e Ara, sobre un alto a 589 metros de altitude, dende onde se domina todo o entorno.
Cruzamos o río Ara, ao pé do noso hotel.
 |
Río Ara |
Despois de subir unhas cantas escaleiras, chegamos á Praza S. Salvador. Aquí, hai dúas rúas paraellas que van dar á Praza Maior e ao castelo. Nós subimos pola Rúa Maior (á esquerda) e despois baixamos pola de Santa Cruz (Á dereita)
 |
Praza de S. Salvador. |
Parte nova de Aínsa e o río Ara.
A Praza Maior é moi grande e data dos S. XII e XIII. Son característicos os seus porches.
 |
Praza Maior de Aínsa |
O castelo é o resultado de dúas fases constructivas ben diferenciadas. A primeira data de mediados do S. XI e a outra do S. XVII en que o castelo foi reformado e ampliado. |
Castelo de Aínsa |
Nótanse moito as distintas fases constructivas. A min este castelo non me gustou demasiado. Na foto, a Torre-Homenaxe que é a parte máis antiga do castelo e actualmente alberga un museo.
 |
Castelo de Aínsa |
Os que quixemos fomos dende o castelo ata a Cruz Cuberta facendo unha pequena e fácil camiñata. Foi construida en 1655 e ten unha lenda: no S. VIII os cristiáns loitaban contra os musulmáns polo control destas terras. Os cristiáns eran menos e tiñan a moral moi baixa. De Súoeto apareceu unha cruz de lume que animou moito aos cristiáns e lles deu a forza para ganar a batalla e recuperar así a vila de Aínsa.
 |
A Cruz Cuberta |
En Aínsa tamén hai "callizos" ou calexóns. |
Un Calexón (callizo) en Aínsa |
A Igrexa de Santa Mª de Aínsa é románica de finais do S. XI e metade do XII
 |
Igrexa de Santa Mª de Aínsa. |
Fomos ata o Miradoiro de Aínsa dende onde podemos ver o río Cinca un pouco antes de xuntarse co río Ara algo máis adiante.

Chamou a nosa atención a figura dunha nuller e dous galos nese balcón. Descoñezo o significado e non atopei nada sobre o asunto.

Unha rúa de Aínsa.
 |
Unha rúa de Aínsa |
Por esta ponte sobre o río Cinca vemos aló no alto o casco histórico da vila que vimos de visitar.  |
Aínsa e o río Cinca |
CASCADA SORROSAL
Unha ruta moi fácil dende a pequena vila de Broto. Parte do territorio deste municipio xa pertence ao Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido.
O río Sorrosal forma esta preciosa fervenza antes de desembocar deseguida no río Ara, na mesma vila de Broto.
ORDESA E MONTE PERDIDO
Está situado este Parque no Pirineo Central de Huesca, comarca do Sobrarbe e catalogado como Patrimonio Mundial da Humanidade. É o 2º Parque Nacional máis antigo de España despois dos Picos de Europa, que foi o 1º. A foto que vemos é en Torla, porta de accceso ao Parque Nacional e onde tivemos que pillar un bus-lanzadera para chegar ata el.
 |
Igrexa de Torla cos Pirineos ao fondo |
Chegamos á Pradeira de Ordesa e dende alí fixemos parte da ruta que vai á famosa fervenza de "Cola de Caballo". En total son 16 km (ida e volta) e non tíñamos tempo para tantos km. así que tivemos dúas horas para que cadaquén chegase ata onde poidese durante unha hora e logo demos a volta.
Para chegar ata a fervenza pódese facer tamén a través da ruta "Senda de los Cazadores" que é circular e moito máis espectacular pero tamén moito máis esixente. Esto comentoumo unha integrante do grupo (María Mejía) que hai anos fixo esa ruta. |
Pradeira de Ordesa |
A ruta trancorre por un frondoso bosque de piñeiros, faias e abetos.
 |
Ruta da Cola de Caballo |
A nosa dereita levamos sempre o río Arazas que baixa formando moitos rápidos e ten unha cor azul preciosa!
 |
Río Arazas |
O percorrido vai sempre á sombra por esta zona.
 |
Frondosidade no percorrido |
A Cascada de Arripas é a 1ª que se atopa.
O seguinte vídeo é da cascada da Cascada de La Cueva. Á Cola de Caballo non chegou ninguén.
Chegamos ao último día da nosa viaxe pero aínda hoxe veremos lugares moi interesantes antes de empreder á volta á casa. De camiño no bus, á esquerda víamos as paisaxes da Serra e Canóns de Guara, eran impactantes.
CANFRANC
A estación de Canfranc inaugurada en 1928 foi unha da obras de inxeñería civil máis potentes da época que afectou non só á estación senón a todo o entorno.
 |
Estación de Canfranc |
O río Aragón atravesa o lugar de xeito canalizado. A Estación de Canfranc atópase a 1194m de altitude.
 |
Río Aragón canalizado |
A orixe da estación foi a intención de unir España e Francia a través do Pirineo Aragonés.Por Canfranc transitaron os trens que transportaban o wolframio extraído en minas galegas que Alemaña empregaba para reforzar o aceiro dos seus tanques. A cambio, toneladas de ouro que viñan de Suiza entraban en España
En 1970 pechouse o tráfico internacional tras o derrube da ponte de L'Estanguet froito do descarrilamento dun tren de mercadorías francés. Isto xerou unha drástica redución do tráfico ferroviario e marcou o inicio da súa decadencia.
 |
Antigos vagóns |
Nas últimas décadas houbo desexos de reapertura da liña internacional e do túnel ferroviario do Somport para conectar ámbolos dous lados dos Pirineos
Houbo que colocar diques de contención e plantar máis de 9 millóns de árbores para frear aludes.
A estación mide de longo 241m. As considerables dimensións da estación e do complexo ferroviario xustifícanse por albergar no mesmo espazo tódalas necesidades dun paso internacional da época : taquillas, oficinas de ambas operadoras do servizo, o posto de cambio de moneda, aduanas de ambos países, comisarías de policía e carabineiros, correos, telégrafo público, enfermaría, oficinas de Facenda, cantina, restaurante, un hotel internacional, aloxamentos para os ferroviarios de ámbolos dous países, garaxes ...
No 2023, a estación xa rehabilitada, abreu como un hotel de 5 estrelas respectando a fachada orixinal e no interior, a decoración interior tamén está inspirada nos anos 20.
Só está permitido visitar o hall de entrada.JACA
Estamos nunha comarca nova: a Jacetania da que Jaca é capital.
Empezamos visitando a Cidadela de Jaca ou Castelo de S. Pedro que é a única fortificación deste tipo que se conserva completa en Europa
De camiño ao centro da cidade, este edificio chamoume a atención: é a Casa La Rubia ou edificio Pilgrim, un edificio modernista emblema de Jaca.
Ao pé da Torre vemos a estatua de Ramiro I realizada en bronce. Este foi o 1º rei de Aragón no S. XI e estableceu en Jaca a capital.
 |
Ramiro I |
No patio do concello de Jaca temos as 3 campás que estiveron na Torre do Reloxo
"Coa vara que midas serás medido..."
"A vara de medir non é a mesma para todo o mundo..."
 |
Vara de medir Jaquesa |
Páxinas web empregadas:
https://gl.wikipedia.org/wiki/Estaci%C3%B3n_Internacional_de_Canfranc
https://www.jaca.es/
Ningún comentario:
Publicar un comentario