martes, 4 de febreiro de 2025

MONTECUBEIRO - PENA- MONTECUBEIRO (CASTROVERDE)

No concello de Castroverde xa fixen outras dúas rutas. A 1ª xa hai ben anos: RUTA DE SOUTOMERILLE que quero volver repetir xa grabando o track e volvendo a desfrutala. A 2ª foi hai poucos anos: ROTEIRO POLO VAL DO RÍO TÓRDEA. As dúas me permitiron coñecer bens naturais e etnográficos deste concello que me sorprenderon. A ruta de hoxe é oficialmente lineal, de case 20 km. que me pareceron moitos para facer dunha soa vez e por eso dividín en dúas este ruta, a 1ª parte, a de hoxe, fíxena circular deixando nun punto que xa comentarei o trazado oficial, para regresar ao punto de inicio.

Características desta ruta:

Lonxitude: 12 km.

Dificultade: fácil, agás un tramo antes de chegar á Pena no que o camiño estaba sen rozar e baixaba moitísima auga nestas datas de chuvia. Noutras épocas seguro que non hai problema coa auga pero siq ue necesita un roce.

Ruta circular, perfectamente sinalizado o tramo oficial. Para facela circular é necesario seguir un track. Deixo o meu en WIKILOC

Descripción.-

A ruta parte dende a igrexa de S. Cibrao de Montecubeiro, unha parroquia de Castroverde. Ao pé da igrexa hai onde aparcar e tamén ao pé está o campo da festa onde se pode deixar o coche.

A igrexa é románica dos S. XII/XIII e foi reconstruida no S. XVIII. Da época románica ten a ábsida.

Durante estes últimos anos, esta igrexa sufreu unha profunda rehabilitación. Foi aberta ao culto de novo o ano pasado, 2024.

Igrexa de S. Cibrao de Montecubeiro

Durante as últimas obras, recuperouse este pórtico e realzáronse as pinturas entre outros traballos. Aquí houbo unha comunidade de Frades Dominicos que estaba irmandados cos de Lourenzá.

Pórtico da igrexa

Ao redor da igrexa hai dependencias do que foron as vivendas dos monxes, totalmente en ruinas.

No adro da igrexa colocaron no 2003 un monolito como lembranza aos asasinados nesta parroquia durante a Guerra Civil. Pesa 10 toneladas e ten o nome de 15 vítimas da represión franquista.

 Diante da igrexa hai tamén un cruceiro do S. XVIII e varias edificacións en ruina.

Nada menos que 37 parroquias ten o concello de Castroverde, o que dá idea da extensión deste municipio. Partimos polo tanto desta parroquia e pasaremos por varios lugares da mesma nesta ruta. Tamén pasaremos pola de Pena.

Iniciamos a camiñata por estrada, contemplando os prados e gando desta parroquia. O día está gris e chove de cando en vez.


Na foto vemos a capela de Santa Petronila no lugar de Montecubeiro chamado Barreiro. Foi restaurada no ano 2000.
Capela de Santa Petronila.

Seguimos aínda por asfalto, por unha solitaria estrada.



O 2º cruceiro posto en valor nesta ruta é o de Cogula ou Cubula, lugar que pertence tamén á parroquia de Montecubeiro.
Cruceiro de Cugula

Ao pé do cruceiro anterior , deixamos o asfalto para meternos por un camiño.


Despois do moito que choveu este outono/inverno, hai tramos no camiño que levan auga.


Neste tramo, chegando á Pena, complícase o percorrido. Son uns poucos metros de camiño anegado polo que baixa un rego.


Non só hai auga, as silvas tamén dificultan o paso. Unha boa roza lle fai falta a este tramo.


En Pena está o Hórreo de Piñeiro, de estilo asturiano, foi propiedade da familia Novo (últimos inquilinos do Pazo de Carballedo) e forma parte dun antigo conxunto etnográfico antes da desaparición de numerososo hórreos na parroquia ao longo do S. XX.

                                                                     Hórreo de Piñeiro

Pena está dividida en dúas partes, unha parte máis no alto, onde está o hórreo e accedemos á parte máis baixa a través deste fermoso camiño. (Tamén se pode baixar por estrada e hoxe mellor fora porque volvemos a enzoufarnos na auga e na lama).


En Pena chamounos moito a atención o ben amañadas que están practicamente tódalas casas.


Outra vista de Pena.


En Pena hai casas de recente construcción e outras antigas de pedra que destacan polo seu tamaño enorme. Na foto vemos o antigo lavadoiro ben coidado ao pé dunha fermosa fonte.


Que gusto dá ver un concello que pon en valor os seus elementos etnográficos! Neste caso a Fonte de Amoreira.
Fonte de Amoreira

Ao abeiro das penas que dan nome á parroquia está a igrexa. É sinxela e de estilo neoclásico. É difícil poder fotografala enteira.
Igrexa de Pena

Ao pé da igrexa está o antigo cemiterio, moi pequeno, e digno dunha visita.

Abandonamos as casas de Pena (o nome venlle dun promontorio rochoso que foi un antigo fortín) por un fermoso camiño de bo andar.

Dous tercios, aproximadamente, da poboación activa de Castroverde está inmersa no sector primario, fundamentalmente dedicados á producción láctea e cárnica, sendo tamén moi estimable e progresiva a súa repoboación forestal. 

Deseguida chegamos a Carballedo, dentro da mesma parroquia de Pena. Aquí hai un pazo enorme construido no S. XVII. Ten unha portada nobre e dous enormes escudos. É chamado Pazo de Carballedo ou Pazo de pena.
Pazo de Carballedo, que está á venda

O pazo conta ademais cun forno ao pé que destaca pola descomunal cheminea. 

Tamén conta cun lavadoiro e unha enorme finca. O pazo é de titularidade privada e leva á venda dende 2018. Arrancou cun prezo de venda de 750000€ e agora está en 450000€. O concello di que non pode compralo ao serlle imposible asumir ese gasto e despois hai que restauralo...

Outra vista do Pazo.

Pazo de Carballedo

Despois de Carballedo, pillamos cara ao Monte Monciro onde hai eólicos. A pista parece aberta de non hai moito.

Non chegamos aos eólicos porque se nos facía tarde, así que deixamos a pista anterior que nos levaría a eles e pillamos outro camiño á man dereita, deixando tamén polo tanto a ruta oficial.

Tivemos tamén que sortear este pequeno tramo con auga. Choveu tanto esta temporada que hai auga en todas partes.

Estamos atravesando un bidueiral.

A bidueira é unha árbore moi nosa e da súa madeira facíanse antigamente as zocas.

O camiño que traemos desemboca nun punto ao que chegariamos se désemos a volta por Monciro. Aí voltamos a pillar o track de antes. Andamos uns metros por estrada ata pillar o camiño que vemos á dereita.

A medida que subimos, vemos á esquerda a aldea de Sarceda que pertence tamén á parroquai de Montecubeiro.

Estamos agora inmersos nun bosque autóctono de folla caduca.

Pasamos pola aldea de Pumarín, tamén da parroquia de Montecubeiro. Aquí vive moi pouca xente, hai casas totalmente abandonadas.

Nunha casa de Pumarín vimos un coche e unha chimenea que botaba fume, así que alguén vive aquí.
Castroverde  rebasa por moi pouco os 2000 habitantes. Esta bisbarra vén de padecer unha dolorosa purga demográfica, que a atenazou ó longo de todo o século XX.
Pumarín

Estamos xa chegando ao punto de inicio que está nunha zona ben alta, a case 700m. de altitude.

Ao pé da igrexa está o "Campo da Festa"

Xa estamos de novo no punto de inicio.

Así rematamos esta interesante ruta. Para xantar non atopei nada en Castroverde porque ao non ser día de Feira, o restaurante principal que hai estaba pechado. Tivemos que desprazarnos (10 minutos) ata Mosteiro, capital do concello de Pol, para poder comer. Despois de intentar facelo no restaurante Canadá (Chamei un montón de veces e sempre comunicaba) tivemos que comer no restaurante Agustín. Comemos bastante ben (o caldo de repolo estaba moi bo) Eso si, o comedor é grande e ía algo de frío.

Páxinas web empregadas:
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/castroverde/2024/02/08/montecubeiro-reabre-sabado-iglesia-tras-profunda-reforma/00031707410568985364503.htm

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2003/08/23/piedra-10-toneladas-recuerda-fusilados-montecubeiro/0003_1932360.htm
































domingo, 26 de xaneiro de 2025

FERVENZA DO XESTOSA (OUROL)

 Eu xa coñecía esta fermosa fervenza pero indo en coche; nunca fixera unha ruta por esa zona. Busquei e rebusquei a maneira de facer un itinerario que me permitise ir á cascada pero facendo unha ruta circular e planifiquei no WIKILOC unha ruta curta pero moi prestosa!

Características da ruta:

Lonxitude: 5km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. Deixo o meu track en WIKILOC

Descripción:

Para facer esta ruta circular, empezamos e finalizamos na antiga aldea do Viso. Na estrada que remata aí, hai xa case chegando á restaurada aldea, lugar para deixar o coche á beira da estrada.

Beira da estrada que vai ao Viso, onde aparcamos.

Voltamos por onde acabamos de subir co coche ata chegar á estrada LU-540 e torcemos á esquerda.

Xa vemos o letreiro que nos indica a fervenza.

A baixada á fervenza é polo medio dun piñeiral. Estamos case na parroquia de Muras.

Piñeiral de baixada á cascada

O río Xestosa, tamén coñecido como Xanceda, baña as serras da Coriscada e da Gañidoira e desemboca no Landro na parroquia de Xerdiz (Ourol)

Fervenza do Xestosa
 
O Xestosa  forma esta fermosa fervenza que nada ten que envexar a outras máis afamadas de Galicia. Hoxe, que estamos en inverno, trae moita auga.



Voltamos por onde baixamos á fervenza e, antes de chegar á estrada, pillamos este camiño á dereita:
 
Deseguida nos atopamos este tramo (é o peor ) pero son só uns metros. Está sen rozar e hai que ir apartando nas silvas.

Despois xa mellora pero OLLO!! Non é para xente que non estea acostumada a camiñar por sitios así. Sempre digo: para ir de sendeirismo hai que levar pantalón largo e bo calzado.

Este camiño polo que imos, vai paralelo e ás veces pegado a unha estrada local.

Despois deste percorrido de aprox. 1 km. desembocamos nunha estrada local. Pillamos á esquerda.

Baixamos por ao pé da Estación Potibilazadora de Auga por unhas escaleiras.

E deseguida saimos a outra estrada local.
 
Vemos a aldea de As Ucheiras que parece abandonada. O concello de Ourol é un dos que máis aldeas abandonadas ten na provincia de Lugo.
As Ucheiras
Poderiamos xa cruzar aquí a N-540, pero é perigoso xa que pasa por ela moito tráfico. Así que seguindo, a uns poucos metros, hai unha ponte para pasar por debaixo dela e foi o que fixemos. 

Deixamos a LU-117 pola que fomos uns metros, para pillar un camiño en subida.

Camiño á esquerda polo que fomos.

A medida que imos ascendendo (sempre moi suavemente, xa que a ruta ten pouco desnivel) as vistas son extraodinarias:

Na foto seguinte vemos o Centro Social "Xan Branco", antiga escola que foi rehabilitada.

Estamos en zona na que pasta o gando e polo tanto atopamos peches que, despois de abrir para poder pasar, hai que deixar sempre pechados de novo.


Seguimos ascendendo moi suavemente por estes paraxes que dan unha total sensación de paz.

O camiño é de moi bo andar para compensarnos do anterior.

Vemos unha especie de granxa ou cobertizo para os animais, aínda que de momento non vimos ningún. Deseguida e antes de chegar a ese lugar, torceremos á esquerda.

A foto seguinte amosa o punto máis alto da ruta. A partires de aí xa sempre baixaremos, tamén de xeito moi suave.

Á nosa esquerda vemos o camiño polo que antes pasamos:


Longos e verdes prados.

O único gando que vimos son as vacas aló no alto, porque oímos as chocas.

 Xa estamos a piques de chegar e vemos ao lonxe a ecoaldea do Viso. Alí temos o coche.


Outro peche máis que hai que abrir e pechar.



O Viso é o primeiro complexo  vegano de turismo rural de Galicia. Comprou esta aldea unha muller francesa que rehabilitou nada menos que 7 vivendas. O Viso levaba abandonado dende había máis de 30 anos.
En 2017 , Pascale Hugette atopou este lugar xa sometido pola maleza e restaurou por completo. Unha vivenda é a dela e despois hai 11 apartamentos, 5 habitacións e varias áreas comúns.
A Aldea foi restaurada seguindo a arquitectura tradicional galega e usando materiais naturais como pedra, madeira e lousa. Hai un restaurante especializado en comida vegana.
Aldeavegana de O Viso

Páxinas web empregadas:
https://amarinalucense.gal/es/cascada-do-xestosa
https://venagalicia.gal/noticia/2022/02/06/vida-viso-ecovillage-primera-aldea-vegana-turismo-rural-galicia/0003_202202X6C3992.htm