mércores, 13 de novembro de 2024

PARROQUIA DE XUANCES (XOVE)

 Esta ruta vai toda por asfalto. É o que teñen as rutas na Mariña lucense. As máis fermosas son as que van pola beira do mar.

Algúns concellos como Mondoñedo, Trabada, A Pontenova, O Valadouro ou Alfoz si que conservan aínda camiños e carreiros e bosques autóctonos e teñen rutas homologadas.

Os concellos máis próximos ao mar apenas conservan camiños nin carreiros xa que aquí a gandaría e agricultura están practicamente desaparecidas e os camiños naturais fóronse pechando de maleza ou, noutros casos, incluso se apoderaron deles os veciños acotando o paso e facendo privado o que antes era público. Noutros concellos, a concentración parcelaria non deixou valados, nin camiños, nin carreiros; case todas son pistas asfaltadas.
Así que para facer esta ruta, hai que ir sempre por estradas locais agás un tramo dende Reboredo ata o Cruceiro que se pode facer por pista de terra. Nós fomos por estrada.
Tanto que sexa por un lado ou por outro, irás sempre acompañado de eucaliptos e de cando en vez por algún castiñeiro, loureiro...
Para min, o destacable desta ruta son as distintas aldeas polas que imos pasando e as vistas que hai nalgún momento( poucos) ao mar.

Características:
Lonxitude: 7,8 km.
Dificultade: baixa. Non ten ningunha dificultade técnica, ao ser toda por estrada só hai que ter precaución cos vehículos (non pasan moitos pero si cruzamos algún) e a subida ao Cruceiro ten bastante desnivel e continuo pero lévase ben.
Ruta circular non sinalizada. Necesario seguir un track se non coñeces a zona. O meu en WIKILOC
Descripción:
Iniciamos e finalizamos esta ruta na Igrexa de S. Pedro de Xuances onde hai moito e bo sitio para aparcar.
Igrexa de S. Pedro de Xuances

É unha igrexa grande do S. XVII e XVIII. A parroquia de Xuances é unha das  9 que ten o concello de Xove e nela está a famosa praia praia de Esteiro, a enseada de Muiñelos e a cascada de Guilán. Ningún destes recursos paisaxísticos imos ver nesta ruta xa que os coñezo todos de rutas anteriores. Non, mentira!! Son outras as cascadas que coñezo neste concello, a de Guilán téñoa pendiente.
Igrexa de S. Pedro de Xuances

Empezamos a camiñar  e nuns 400m. chegamos a Illade lugar da parroquia no que chama a nosa atención as enormes casas de pedra.
Illade

Como as casas son enormes, os hórreos tamén o son.
Illade

 Case pegado a Illade está Cabo de Vila onde parece non vivir ninguén ou moi pouca xente. As casas semellan abandonadas e a única vivenda nova que vemos está pechada.
Cabo de Vila

Ao abandonar Cabo de Vila atopamos os sinais do Camiño Natural do Cantábrico e aínda que eu fixen tódalas etapas, esta zona non me soaba de nada. A explicación é que neste concello de Xove, en lugar de seguir este Camiño Natural como foi trazado nun inicio, eu seguín a "Senda Costeira de Xove" que vai moito máis pegada ao mar.

Xa vemos o Cantábrico. O camiño que se ve por debaixo da estrada, é o que vai á praia de Portonovo que xa coñecemos de cando fixemos a Senda Costeira de Xove dentro do C. N. do Cantábrico.

Dende outro punto vemos á dereita a praia de Esteiro. Agora estamos xa no concello de Viveiro.
Praia de Esteiro (Xove)
Despois de transitar por unha estrada local entre eucaliptos, seguimos no concello de Viveiro e pasamos por Aldea (parroquia de S. Xiao de Faro) Seguen a sorprendernos nesta zona as grandes casonas de pedra que os habitantes souberon conservar.
Aldea (concello de Viveiro)

Deixamos  S. Xiao do Faro (Viveiro) atrás para entrar de novo no concello de Xove.

No medio de tanto eucalipto, aparecen de cando en vez os castiñeiros.

Pasamos a continuación por Reboredo, xa da parroquia de Xuances de novo. Dende aquí vemos a praia de Area, que pertence ao concello de Viveiro.

Toca subir ao alto do cruceiro, fíxose longa a subida, non polo desnivel que non é moito, senón pola monotonía da paisaxe: asfalto e eucaliptos.
Desembocamos en Campo Susao, moi cerca do Alto do Cruceiro.
Campo Susao

Pasamos por un lugar cun nome curioso: Pereiraboa.

Tamén pasamos por Loureiros.


E por Bargo.


O lugar de Fontao chama a atención polas enormes casonas e hórreos. Todos de cantería e a maioría ben restaurados.
Fontao

O tamaño dos hórreos sempre dá unha idea de como era a casa de "pudiente" no pasado. Os máis grandes, moitas veces están situados tamén cerca das igrexas, como é neste caso, xa que  moitos eran de xente fidalga que era intermediaria para pagar ao clero os diezmos e rendas correspondentes.
Fontao

Os hórreos galegos e asturianos están baixo protección estatal dende 1973 intentando atallar as consecuencias do abandono progresivo da vida rural e a perda de uso dos hórreos, encomendando á administración local o seu inventariado e coidado impedindo o traslado e destrucción dos mesmos.
No 1985 a Lei do Patrimonio Histórico di:
 «Son bienes inmuebles de carácter etnográfico (...) aquellas edificaciones e instalaciones cuyo modelo constitutivo sea expresión de conocimientos adquiridos, arraigados y transmitidos consuetudinariamente y cuya factura se acomode, en su conjunto o parcialmente, a una clase, tipo o forma arquitectónicos utilizados tradicionalmente por las comunidades o grupos humanos».
No artigo 36 de dita Lei di:  «Los bienes integrantes del patrimonio histórico español deberán ser conservados, mantenidos y custodiados por sus propietarios o, en su caso, por los titulares de derechos reales o por los posesores de tales bienes».
Despois de aprobarse o Estatuto de Autonomía de Galicia, a administración galega decide regular a xestión do Patrimonio Histórico e Artístico do país. Unha lei de 1995 prevé a creación dun inventario xeral  de elementos de interes arqueolóxico, relixioso, arquitectónico e etnográfico que aínda non empezou.
Moitos hórreos están recuperados e restaurados debidamente, outros están a piques de desaparecer polo abandono e outros restaurados sen moito acerto, como alguns que vimos nesta ruta que pecharon con ladrillo.
Hórreo abandonado

Esta zona da parroquia de Xuances, semella bastante fértil e abrigada. Os verdes prados onde vimos pacendo bastantes vacas demostran que aínda queda xente nesta parroquia que vive ou ten unha axuda económica na gandaría.

Chegamos case de noite e nun día por veces moi oscuro ao inicio da ruta.

Páxina web consultada:
https://es.wikipedia.org/wiki/H%C3%B3rreo_gallego#cite_note-24

mércores, 6 de novembro de 2024

PARROQUIA DE ARGOMOSO (MONDOÑEDO)

No concello de Mondoñedo fixen xa un montón de rutas porque este municipio ten valores patrimoniais e paisaxísticos moi importantes.

Estas son as rutas feitas nete concello:

1.- RUTA DA AUGA (tramo curto)

2.- RUTA DA AUGA (Tramo longo)

3.- CAMIÑO NATURAL DE S. ROSENDO (MONDOÑEDO-A CAZOLGA)

4.- RUTA LEIRAS PULPEIRO

5.- MOSTEIRO DOS PICOS-CATRO DE ZOÑÁN

6.- ALDEAS DE LOURENZÁ E MONDOÑEDO

7.- SANTA Mª MAIOR (MONDOÑEDO)

8.- S. VICENTE DE TRIGÁS/A VALIÑA/BICOS (MONDOÑEDO/ABADÍN)

Hoxe a ruta transcorreo integramente no concello de Mondoñedo, concretamente na parroquia de S. Pedro de Argomoso. Unha ruta que vai integramente por camiños, que pasa por vellas aldeas tradicionais nas que vive moi pouca xente, subimos ata a altura da A-8 cunhas vistas marabillosas...unha ruta para desfrutar !!

Características: 

Lonxitude: 6 km

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O Meu track en WIKILOC

Descripción:

Deixamos o coche ao pé da igrexa de S. Pedro de Argomoso. Hai un lugar amplo, nun prado, onde deben celebrar a festa do S. Pedro (Eu lin que este ano houbo festa)

Dende onde deixamos o coche, estas son as vista ao lugar por onde baixaremos á volta.

Alonxámonos da igrexa e pillamos deseguida un camiño dende o que vemos a igrexa e o cemiterio cunha enorme casa ao seu carón. É moi probable que fose no pasado a Casa Rectoral.

Pasamos moi cerca de O Barral , outro barrio de Argomoso no que vimos esa casa nova da foto, o resto son todo casas moi vellas ou xa en ruinas.

O Barral

Non chegamos a atravesar O Barral, moi poucos metros antes pillamos un camiño á esquerda.

O Barral

É un gustazo para os que amamos o sendeirismo que se conserven estes camiños e en tan bo estado!!


Bidueiras que anuncian o outono!

Pasamos pola parte de arriba de Pardiñas, outra aldea de Argomoso en total decadencia.

Pardiñas

Escourido está cerca da anterior aldea. Deseguida chegamos aí.
Escourido



Escourido

Seguimos por anchos e coidados camiños.


Imos en ascenso case continuado pero con pouco desnivel. Non nos supón case esforzo.


Agora descendemos lixeiramente entre unha paisaxe bucólica. Que gran potencial ten o concello de Mondoñedo para rutas de sendeirismo!!

De novo volvemos subir (son ascensos moi suaves) As vistas, marabillosas!!

Hai xente que ten gando sen estabular por estes prados altos.

Xa vemos ao lonxe a A8 entre montañas.

Estamos xa no pico do monte de Argomoso. Vimos moitas vacas pacendo placidaemnte nos prados. Atopamos uns homes que ían controlar o gando que tiñan por alí.

Esta tarde de novembro ten unha fermosa luz.

Estamos moi cerca da A-8 que vimos dende determinados puntos. Agora toca baixar.


Por un fermosos camiño e esta marabillosa luz imos chegando ao lugar de A Cuba, xa moi cerca da igrexa da que partimos.

Agora atravesamos o lugar de A Cuba e aínda que vemos algunha que outra vivenda nova (penso que 3) a maioría da aldea languidece no abandono...










luns, 4 de novembro de 2024

PASEO FLUVIAL DO RÍO LADRA E LAGOAS DE RÍOCALDO. (BEGONTE)

 Esta é a 1ª ruta que fago no concello de Begonte. Este concello pertence á Terra Cha, polo tanto, a ruta será moi fácil sen apenas desnivel.

Begonte aínda non chega aos 3000 habitantes e nace como concelllo no 1842. No 1924, Rábade, que pertencía a Begonte, independizouse creando un novo concello.

Begonte está moi ben comunicado xa que o atravesa a A6, a A8, a NV, a N634 e pola LU-541 que une Rábade con Vilalba. Por este concello pasa o Camiño de Santiago e a súa situación, moi cerca da capital provincial (Lugo está a 19 km) e as boas comunicacións fan que sexa un concello vivo e dinámico.

É Begonte un concello que rezuma auga: está atravesado polo Ladra e o Parga e ten varias lagoas. Abundan as masas de árbores autóctonas conformando todo esto unhas paisaxes naturais de gran valor e fermosura.

Características da ruta:

Lonxitude: 8km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción da ruta:

Aparquei en Begonte onde está o Centro de Atención Primaria, o xulgado e outros edificios.





Saimos á N-VI  e deseguida torcemos á dereita, onde está o sinal de "Club Fluvial"

Chama a miña atención este Peto de Ánimas, un pequeno santuario ubicado en camiños, encrucilladas ou igrexas na nosa Comunidade e que son un culto aos mortos. Na cultura galega a devoción ás Ánimas do Purgatorio foron e seguen sendo nalgúns casos, unha das maiores devocións.
Debaixo do chamado "nicho" (onde está a imaxe) hai unha pequena  hucha (peto en galego) onde antigamente se botaban moedas para rezar pola alma do defunto/a. Actualmente esa tradición está perdida.
Peto de Ánimas

Fermoso mural de Diego As (autor do mural de Lugo Xulio César que foi nomeado en 2021 o mellor do mundo) que retrata a un avó e ao seu neto visitando o famoso Belén de Begonte.
Mural de Diego As

Cruzamos un paso a nivel con barreiras.

 E xa estamos no Club Fluvial, un lugar moi grande e precioso ás beiras do río Ladra que conta cunha praia fluvial, moitas mesas, moitas árbores, pistas deportivas, bar....No verán seica hai moita xente, hoxe era todo para min sola!! Vaia remanso precioso de paz!!

Este foi o meu comedor de hoxe!

No Club Fluvial hai tamén unha pequena praia fluvial moi fermosa.


Un caneiro é unha especie de dique ou presa construida no curso dun río para poder pescar. Na foto un caneiro no Ladra.

Enormes bidueiras que empezan a anunciar o outono.

Unha flor de azafrán de outono. Florece nesta estación e tamén se lle chama azafrán silvestre ou de prado. Unha característica única desta planta é que lle aparece a flor antes das follas.

O outono pedindo paso...

Rematamos o percorrido polo Club Fluvial e agora o percorrido pasa a ser un carreiro á mesma beira do río.

Un paseo moi tranquilo no que non atopei a ninguén con pontes de cando en vez que salvan regos que va desembocar ao Ladra.


Aquí vemos outro río, o Parga, que desemboca aquí no Ladra.

O bosque de ribeira con carballos, abidueiras, abelairas, algún castiñeiro... O río Ladra nace da unión dos río Magdalena e Trimaz e desemboca no Miño.

Chega un momento no que atopo esta ponte rota e impide o paso por ela. Ao mellor se podía pasar igual cruzando o rego que salva que parecía levar pouca auga (na foto parece que non levara nada) pero debaixo das follas víase chan moi húmido e movedizo. Tiven medo a afundirme e din a volta porque uns metros antes hai un camiño perfectamente habilitado para pasar.


Sepárome pois definitivamente xa do río Ladra para pillar este camiño que me vai levar á N-VI.

Neste percorrido ata chegar á estrada vexo tanto á dereita como á esquerda, unha zona de lagoas, o camiño tamén ten zonas con bastante auga. Estamos nu humidal dun valor ambiental extraordianrio. Son os chamados Ollos de Begonte, dúas lagoas separadas entre si 150m. incluidos como LIC (Lugar de Interese Comunitario) Parga-Ladra-Támoga na reserva da Biosfera Terras do Miño. Están rodeados de exuberante vexetación o que dificulta a súa visibilidade.

O camiño lévame a esta ponte do tren que aparece bastante inundada. Se non se pasa por aí hai a posibilidade de facelo cruzando a vía.


Chegamos á N-VI que temos que cruzar. OLLO! En épocas de moita chuvia supoño que o paso  que hai despois de cruzar a estrada estará inundado e non se poderá pasar. Hai outros puntos de acceso ás Lagoas, non ten que ser obrigatoriamente este o lugar para poder acceder. A min resultoume moi doado porque xa desemboquei aquí e podíase pasar ben.

"Las Lagunas de  Riocaldo –junto a la de Pozo do Ollo- están situadas entre las parroquias de Begonte y Pacios, y cuentan con un microclima específico y una abundante y notable flora y fauna acuática entre las que se encuentran diversas especies de interés internacional, comunitario y nacional que lo convierten en un lugar que hizo merecedor de la declaración de Lugar de Interés Comunitario (LIC) al espacio “Parga-Ladra-Támoga” en la propuesta para la Red Natura 2000."
La Laguna de Riocaldo es un paraje natural que disfrutan diferentes aves acuáticas entras las que se encuentran  Garzas Reales, cormoranes, diferentes tipos de patos, aves migratorias, como alavancos, las gallinolas negras, las cercetas reales, las píllaras doradas grandes, los patos cuchara, el asubión, el ánsar ceniciento, o pato  ceniciento, y el rabilargo etc.
(https://www.concellodebegonte.es/es/turismo/ruta-caneiros-e-lagoas-de-riocaldo)
Lagoa de Riocaldo

Para pasar por aquí estaba algo complicado pero foi un tramo moi pequeno e din pasado.

Agora pillei un camiño á esquerda. (tamén se podía ir por outro á dereita e acurtariamos algo a ruta) Tódolos camiños desta zona estban coidados e son moi anchos.

De cando en vez, no medio de tanta vexetación, albiscaba algo das lagoas.

Nun punto determinado aparece esta valla e pensei que tería que retroceder pero ao achegarme vin que estaba aberta e se podía pasar.

Desemboquei nunha pista ancha de area que bordea outra lagoa.

Esta outra lagoa que é moi grande apenas a puiden ver xa que a espesa vexetación o impedía.

Estamos chegando á A8 e torcemos a dereita.


Vou en paralelo á autovía e podería seguir esa pista case ata o final da ruta pero canseime de escoitar pasar tanto coche e nun cruce que vin, torcín á dereita.

É unha estrada local moi fermosa que vai entre unha gran carballeira.

Sigo vendo lagoas.

Desemboco na N-VI e os primeiros metros hai que ir con coidado xa que non hai arcén. Despois, si.

Paso por diante do Polígono Industrial e  deseguida chego ao inicio desta ruta.


Páxinas web consultadas:

https://es.wikipedia.org/wiki/Peto_de_%C3%A1nimas

https://www.concellodebegonte.es/es/actualidade/el-belen-electronico-de-begonte

https://gl.wikipedia.org/wiki/Caneiro_(pesca)

https://www.viverosshangai.es/azafran-silvestre-rocus-de-outono-o-safron-de-pradera