mércores, 13 de novembro de 2024

PARROQUIA DE XUANCES (XOVE)

 Esta ruta vai toda por asfalto. É o que teñen as rutas na Mariña lucense. As máis fermosas son as que van pola beira do mar.

Algúns concellos como Mondoñedo, Trabada, A Pontenova, O Valadouro ou Alfoz si que conservan aínda camiños e carreiros e bosques autóctonos e teñen rutas homologadas.

Os concellos máis próximos ao mar apenas conservan camiños nin carreiros xa que aquí a gandaría e agricultura están practicamente desaparecidas e os camiños naturais fóronse pechando de maleza ou, noutros casos, incluso se apoderaron deles os veciños acotando o paso e facendo privado o que antes era público. Noutros concellos, a concentración parcelaria non deixou valados, nin camiños, nin carreiros; case todas son pistas asfaltadas.
Así que para facer esta ruta, hai que ir sempre por estradas locais agás un tramo dende Reboredo ata o Cruceiro que se pode facer por pista de terra. Nós fomos por estrada.
Tanto que sexa por un lado ou por outro, irás sempre acompañado de eucaliptos e de cando en vez por algún castiñeiro, loureiro...
Para min, o destacable desta ruta son as distintas aldeas polas que imos pasando e as vistas que hai nalgún momento( poucos) ao mar.

Características:
Lonxitude: 7,8 km.
Dificultade: baixa. Non ten ningunha dificultade técnica, ao ser toda por estrada só hai que ter precaución cos vehículos (non pasan moitos pero si cruzamos algún) e a subida ao Cruceiro ten bastante desnivel e continuo pero lévase ben.
Ruta circular non sinalizada. Necesario seguir un track se non coñeces a zona. O meu en WIKILOC
Descripción:
Iniciamos e finalizamos esta ruta na Igrexa de S. Pedro de Xuances onde hai moito e bo sitio para aparcar.
Igrexa de S. Pedro de Xuances

É unha igrexa grande do S. XVII e XVIII. A parroquia de Xuances é unha das  9 que ten o concello de Xove e nela está a famosa praia praia de Esteiro, a enseada de Muiñelos e a cascada de Guilán. Ningún destes recursos paisaxísticos imos ver nesta ruta xa que os coñezo todos de rutas anteriores. Non, mentira!! Son outras as cascadas que coñezo neste concello, a de Guilán téñoa pendiente.
Igrexa de S. Pedro de Xuances

Empezamos a camiñar  e nuns 400m. chegamos a Illade lugar da parroquia no que chama a nosa atención as enormes casas de pedra.
Illade

Como as casas son enormes, os hórreos tamén o son.
Illade

 Case pegado a Illade está Cabo de Vila onde parece non vivir ninguén ou moi pouca xente. As casas semellan abandonadas e a única vivenda nova que vemos está pechada.
Cabo de Vila

Ao abandonar Cabo de Vila atopamos os sinais do Camiño Natural do Cantábrico e aínda que eu fixen tódalas etapas, esta zona non me soaba de nada. A explicación é que neste concello de Xove, en lugar de seguir este Camiño Natural como foi trazado nun inicio, eu seguín a "Senda Costeira de Xove" que vai moito máis pegada ao mar.

Xa vemos o Cantábrico. O camiño que se ve por debaixo da estrada, é o que vai á praia de Portonovo que xa coñecemos de cando fixemos a Senda Costeira de Xove dentro do C. N. do Cantábrico.

Dende outro punto vemos á dereita a praia de Esteiro. Agora estamos xa no concello de Viveiro.
Praia de Esteiro (Xove)
Despois de transitar por unha estrada local entre eucaliptos, seguimos no concello de Viveiro e pasamos por Aldea (parroquia de S. Xiao de Faro) Seguen a sorprendernos nesta zona as grandes casonas de pedra que os habitantes souberon conservar.
Aldea (concello de Viveiro)

Deixamos  S. Xiao do Faro (Viveiro) atrás para entrar de novo no concello de Xove.

No medio de tanto eucalipto, aparecen de cando en vez os castiñeiros.

Pasamos a continuación por Reboredo, xa da parroquia de Xuances de novo. Dende aquí vemos a praia de Area, que pertence ao concello de Viveiro.

Toca subir ao alto do cruceiro, fíxose longa a subida, non polo desnivel que non é moito, senón pola monotonía da paisaxe: asfalto e eucaliptos.
Desembocamos en Campo Susao, moi cerca do Alto do Cruceiro.
Campo Susao

Pasamos por un lugar cun nome curioso: Pereiraboa.

Tamén pasamos por Loureiros.


E por Bargo.


O lugar de Fontao chama a atención polas enormes casonas e hórreos. Todos de cantería e a maioría ben restaurados.
Fontao

O tamaño dos hórreos sempre dá unha idea de como era a casa de "pudiente" no pasado. Os máis grandes, moitas veces están situados tamén cerca das igrexas, como é neste caso, xa que  moitos eran de xente fidalga que era intermediaria para pagar ao clero os diezmos e rendas correspondentes.
Fontao

Os hórreos galegos e asturianos están baixo protección estatal dende 1973 intentando atallar as consecuencias do abandono progresivo da vida rural e a perda de uso dos hórreos, encomendando á administración local o seu inventariado e coidado impedindo o traslado e destrucción dos mesmos.
No 1985 a Lei do Patrimonio Histórico di:
 «Son bienes inmuebles de carácter etnográfico (...) aquellas edificaciones e instalaciones cuyo modelo constitutivo sea expresión de conocimientos adquiridos, arraigados y transmitidos consuetudinariamente y cuya factura se acomode, en su conjunto o parcialmente, a una clase, tipo o forma arquitectónicos utilizados tradicionalmente por las comunidades o grupos humanos».
No artigo 36 de dita Lei di:  «Los bienes integrantes del patrimonio histórico español deberán ser conservados, mantenidos y custodiados por sus propietarios o, en su caso, por los titulares de derechos reales o por los posesores de tales bienes».
Despois de aprobarse o Estatuto de Autonomía de Galicia, a administración galega decide regular a xestión do Patrimonio Histórico e Artístico do país. Unha lei de 1995 prevé a creación dun inventario xeral  de elementos de interes arqueolóxico, relixioso, arquitectónico e etnográfico que aínda non empezou.
Moitos hórreos están recuperados e restaurados debidamente, outros están a piques de desaparecer polo abandono e outros restaurados sen moito acerto, como alguns que vimos nesta ruta que pecharon con ladrillo.
Hórreo abandonado

Esta zona da parroquia de Xuances, semella bastante fértil e abrigada. Os verdes prados onde vimos pacendo bastantes vacas demostran que aínda queda xente nesta parroquia que vive ou ten unha axuda económica na gandaría.

Chegamos case de noite e nun día por veces moi oscuro ao inicio da ruta.

Páxina web consultada:
https://es.wikipedia.org/wiki/H%C3%B3rreo_gallego#cite_note-24

Ningún comentario:

Publicar un comentario