domingo, 14 de xullo de 2024

RUTA DO MAZO DE MON. (PR-AS 114) S. MARTÍN DE OSCOS

 Funme aos Oscos, concretamente a S. Martín de Oscos, para relizar outra ruta nesta zona de paisaxes espectaculares. As desta ruta tamén o son pero defraudoume un montón non poder chegar a ver o Mazo de Mon que lle dá nome, xa que o carreiro de acceso está totalmente inacesible debido á maleza.

Non é de recibo que unha ruta homolagada non teña un aviso desto e haxa que facer unha baixada coa conseguinte subida despois, cun desnivel considerable. Ademais hai tamén tramos sobre todo subindo a Ventosa que están mal acondicionados facéndolles falta un bo desbroce.

Características:

Lonxitude:13 km.

Dificultade : moderada pola subida e baixada ao Mazo de Mon con forte desnivel

Ruta circular ben sinalizada, aínda que necesita algún repaso nalgúns puntos sobre todo despois de pasar Ventosa.

O meu track en WIKILOC

Descripción:

A ruta ten o inicio na aldea de Revoqueira que pertence á parroquia de S. Martín de Oscos. Na foto, a súa capela de S. Antonio que é o 1º que vemos ao chegar. Diante dela aparquei. Non hai moito máis sitio para facelo.

Capela de S. Antonio en Revoqueira
 A aldea atópase a unha altitude de 778m. polo que as vistas son magníficas!
 
Revoqueira aínda non ten 20 habitantes. Eu non vin a ningún.
Revoqueira

O camiño empeza en baixada con estas vistas:


Seguimos baixando admirando a fermosa paisaxe:

Atravesamos un bidueiral:


Zonas preciosas con peches cubertos de musgo:

Deixamos este bosque máxico precioso para desembocar na estrada local que nos levará á aldea de Mon co seu palacio.

Percorremos uns 200m. por esta estrada con boas vistas ata chegar á aldea de Mon, que está máis escondida.

O Palacio de Mon é o edificio civil máis singular e de maior calidade arquitectónica do concello. En torno a unha modesta torre medieval do S. XV foron levantándose diversas costruccións a medida que o patrimonio familiar o permitía, ata que no S. XVIII acada o seu máximo esplendor debido a Fernando Manuel Mon y Valledor que remata a fachada principal incluindo os escudos dos Velarde, a prestixiosa Casa da súa esposa.
Dende finais do S. XVIII este palacio queda sen uso habitual e na 2ª metade do S. XIX a familia vai desfacéndose das propiedades; a aldea pasa a outras mans e vai adquirindo un caracter agropecuario. O edificio inicia entón unha evidente decadencia.
Palacio de Mon
Neste S. XXI, o concello de S. Martín de Oscos, ao ver a degradación do conxunto, leva a cabo algunhas obras de mantemento e insta á delaración do Palacio como BIC (Ben de Interese Cultural)
Palacio de Mon

Como non podía ser doutro xeito, tamén existe unha lenda:
Leyenda del palacio de Mon

“Existía en los tiempos en que el tiempo no se medía, un monstruo multiforme de beso mortal, era dueño de la distancia y destruía por imposición de su distancia atroz. Campeaba en la noche y en el día, más sus crueldades se medían por estadios de oscuridad. El terror no cejaba en Los Oscos.

Un rey bueno que vivía en lo alto y que gobernaba con lo largo de su vista, con lo profundo de su mirar, con lo elevado, con lo elevado de sus miras y que velaba por su pueblo, ofrecía la mano de su hija, muy bella, a quien destruyera al monstruo elemental. Un joven, muy bello, finalmente surge de entre el pueblo, y apoderándose del mirar del monstruo, le da muerte, ganando la mano de la tierna princesa. Llegado el momento de recibir la joya, el joven héroe rechaza la mano de la amada alegando no tener casa. El rey promete de inmediato la construcción de un plalacio en donde vivirá la feliz pareja. El actual palacio de Mon, embrumado y abrumado de leyenda.

El pueblo de los Oscos, preguntado sobre el palacio responderá: el palacio fue construido para la primera persona del rey.”    (https://www.sanmartindeoscos.es/palacio-de-mon)

Fachada principal do palacio cos escudos da casa.

Fachada principal
A aldea de Mon pertence á parroquia de Oscos. Conta cunhas poucas vivendas e pareceume que está totalmente deshabitada.

Un pouco máis adiante da aldea de Mon, hai un desvío á esquerda para achegarse ata a Capela de Santa Mariña (son uns poucos metros) Na entrada da mesma hai unhas vacas que buscan a sombra.

                                                              Capela de Santa Mariña
Cando unha das vacas decide marchar, vexo deitado un touro e sinto algo de medo pero eu non me meto con el e el non se mete conmigo.

                                                            Capela de Santa Mariña
Hai boas vistas sobre o val dende esta capela.


Sigo o meu camiño, observando á miña esquerda a capela onde acabo de estar.


E chego a un cruce onde hai dúas opcións: seguir á dereita (cara a Ventosa) ou pillar á esquerda cara ao Mazo de Mon. Estiven tentada de non baixar ao mazo porque sabía que me agardaba unha dura subida despois, xa que o traxecto ata aí é  de ida e volta polo mesmo sitio pero ir facer a "Ruta do Mazo de Mon" e non chegar ata o mazo...parecíame que me deixaría algo importante que ver e entón aló fun!!

Ao inicio xa me asustei ao ver o desnivel pero non era nada co me agardaba!! Eso si, as vistas marabillosas!


Ao pouco introdúzome nun bosque. Polo menos hai sombra!!


Despois dunha baixada que me pareceu interminable, hai que xirar á esquerda por onde está o peche que se ve na foto. Pode pasarse polo medio dos paus ou por debaixo.


Camiño uns metros e o carreiro vaise pechando cada vez máis... Témome o peor... e efectivamente ao ir avanzando cada vez é peor; o carreiro péchase completamento de felgos, silvas e árbores caídas.

                                                                 Sendeiro pechado

Teño que dar a volta sen conseguir o obxectivo de chegar ao mazo para o que falta xa moi pouca distancia.
Sinto moita rabia. Xa podían desbrozar unha ruta homologada!! E sobre todo o que me senta aínda peor e pensar na tremenda subida que me me agarda!!
Non se pode continuar
O ascenso ao mediodía con calor foi duro, ben duro. O desnivel que hai que salvar é importante. Canto me pesara baixar e por riba para nada!! De cando en vez sacaba fotos ben chulas, eso si!


Rematando xa a subida pola sombra do bosque, os últimos metros son ao sol..


Chego ao cruce de antes e pillo cara a Ventosa. O percorrido vai en ascenso continuo pero é máis suave que o anterior.



Este tramo ten sitios que precisan un bo desbroce.


Ábrese a paisaxe ao chegar á aldea de Ventosa, na parroquia de Oscos. Neste lugar non viven actualmente nin 5 veciños.


O nome de Ventosa debe ser porque esta aldea se atopa a 701m. de altitude e o vento debe soprar ben.
Ventosa
Este edificio semella que foi unha antiga escola, actualmente actúa como albergue. Hai uns anos o  Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas do Principado constitueu nesta localidade o Instituto de Fomento Agrario co obxectivo de abrir as portas do mundo rural a estudantes e titulados.
No 2022 este edificio acolleu tamén a refuxiados ucraínos.

                                                                    Albergue
A capela que parece de xoguete en Ventosa.

Esta parroquia de Oscos é eminentemente rural e gandeira.

A partires de Ventosa, o percorrido vai todo por estrada ata o final.É unha estrada local sen apenas tráfico ningún. Só crucei un coche.


Estamos nunha zona cha onde predominan os prados.

Vin tractores en dúas leiras traballando coa herba.


Chegando xa a Revoqueira de novo.


Páxinas web consultadas:

https://www.vivirasturias.com/entidades-poblacion/c/0/i/54878050/revoqueira

https://lososcosrural.wordpress.com/2013/11/30/ventosa-san-martin-de-oscos-exitosa-inmersion-rural/












venres, 12 de xullo de 2024

RUTA DO LOIO PR-G 14 (PARADELA)


Paradela é un concello da provincia de Lugo, Comarca de Sarria,  con menos de 2000 habitantes e polo que pasa o Camiño de Santiago Francés. Conta ademais con dúas rutas de sendeirismo excepcionais como son a do Camiño Vello de Aldosende e a que corresponde a esta entrada que vou escribir.

A Ruta do Loio que xa realizamos hai uns cantos anos está actualmente inoperativa debido a unhas pontes que caeron. Nós arriscamons a facela a pesares disto e tivemos que atravesar o río a pé nunha ocasión. 

O alcalde de Paradela pideu á Xunta que repare as tres pontes que están en mal estado debido ás riadas de 2023. De momento seguen sen arranxo...

Características da ruta:

Lonxitude: 9 km.

Dificultade: fácil

Ruta lineal homologada que agora mesmo está anunciada como inoperativa debido á caída dunhas pontes. Nós poidemos facela igual porque cruzamos o río a pé nunha ocasión. Tamén necesita a revisión dalgúns sinais nalgún punto.

O meu track en WIKILOC

Descripción:

Inicio de ruta
A vez anterior que fixemos esta ruta, empezamos o percorrido algo máis adiante ao pé da piscina municipal e perdémonos un tramo ben fermoso! Estamos en Pacios, lugar da parroquia de Paradela
Comenzando o percorrido.

Case mesmo no comenzo vemos o Muíño do Cabo que foi restaurado.
Muíño do Cabo e ponte sobre o Rego da Serra

No tronco desta árbore que está xusto na ponte sobre o Rego da Serra vemos o aviso de que a ruta NON está operativa. Nós decidimos arriscar...

Imos achegándonos a unha cascada que aquí vemos dende a parte de arriba da mesma.

Baixamos unhas escaleiras entre castiñeiros que forman unha paisaxe bucólica.

A fervenza da Ruxidoira salva uns 8 m. de altura e levaba bastante auga.
Fervenza da Ruxidoira




Cruzamos outra ponte sobre o Rego da Serra e deseguida aparece outra cascada pequeniña:


Despedímonos do Rego da Serra que continua o seu camiñar ata atoparse co Loio.


Estamos inmersos nunha paisaxe que parece de conto:

Vemos un sinal que nos indica o desvío a unha fonte e aló imos:

O camiño ata a fonte é fermosísimo pero non lle viría mal un desbroce:

A fonte non ten cano é natural a máis non poder!

Chegamos a un punto no que hai un desvío á dereita para visitar o Muíño de Pías. O camiño ten tramos case pechados de felgos e silvas pero fomos pasando. O entorno é fermoso pero o muíño está case en total ruína. 
Chegamos tamén ao río Loio!! 
Río Loio

O Muíño de Pías xa non ten tellado. Descubrimos un río Loio cantarín entre rochas. Vémolo por vez 1ª neste percorrido.
Muíño de Pías

Aquí temos nada menos que dúas ponte para cruzar o Loio. A da dereita, moi endeble, está moi torta e de ningunha maneira se pode usar sen caer ao río. A outra está tamén deteriorada, ten un pilar desfeito, pero poidemos subir a ela e cruzar con seguridade.

Enormes carballos chaman a nosa atención!!

Os carballos son árbores autóctonas que teñen unha grande importancia ecolóxica: numerosos insectos viven nas súas follas, gromos e landras. Estas últimas tamén son fonte de alimento para mamíferos pequenos e aves.
Carballo milenario

Peches de montes en pedra que son milenarios.

Os antigos camiños dos que xa quedan poucos...

Atravesamos carballeiras e soutos.

 E chegamos ao muíño da Retorta outra vez sobre o Loio. A verdade é que a ruta leva o nome do río pero pouco percorrido vai ao pé ou cerca do mesmo.

Cruzamos de novo o río. Desta vez a ponte está perfectamente.

O Muíño da Retorta, restaurado, é dos máis grandes da zona con 4 pedras de moer.

Unha ruta fermosaaaa!!


Entendemos perfectamente o letreiro que vimos ao principio onde dicía que esta ruta estaba inoperativa, ao atoparnos con outra ponte totalmente esnaquizada, trátase da Ponte de Portocaneiro
Ponte de Porto caneiro

Tivemos que descalzarnos e remangarnos para poder cruzar o Loio. Menos mal que levaba pouca auga e nesta zona non hai correntes.

Cruzando o Loio
Despois de cruzar o río, vimos un letreiro que nos mandaba ata o Muíño de Sucastro a poucos metros pero como tíñamos reserva para comer ás tres e gastamos bastante tempo en buscar o lugar axeitado para cruzar o río, descalzarnos, volver calzarnos...decidimos non achegarnos.
Vemos na foto a capela de S. Berto que a xulgar polo deterioro que presenta, ten que levar moitos anos abandonada.
Capela de S. Berto
Peches de fincas con pedra seca. Este tipo de muros son Patrimonio da Humanidade.

Á esquerda, vemos o lugar chamado Igón que pertence á parroquia de S. Mamede de Castro.

Chegamos a un cruce onde está indicado o desvío ao Mosteiro de Loio e ao igual que xa nos pasou na 1ª vez que fixemos esta ruta, o camiño estaba totalmente pechado de maleza.
Ao fondo vemos Loio, lugar que pertence á parroquia de Cortes.

Estado no que se atopaba o acceso ao mosteiro.

En Loio temos 2 opcións: unha é pillar á dereita e ir por estrada e a outra é pillar á esquerda, como nós fixemos, e vas polo bosque.
A Capela de Loio ten importancia histórica no Camiño de Santiago xa que foi fundada dentro da Orde dos Cabaleiros de Santiago para protexer aos peregrinos e ao sepulcro do apóstolo.
Loio e a  súa capela.

Estamos en zona de viño e esto nótase nas vides que vemos en terrazas.

Como facendo sendeirismo se aprende moito, vimos rochas que tiñan mica. A mica é dos minerais máis abundantes na natureza e distínguese ben porque brila moito.


Mica

Estamos no Corgo dos Frades. Un "corgo" é un camiño estreito entre altos muros. Por aqui deberon camiñar no pasado os frades que ían ao mosteiro do Loio ou á capela...

 O Corgo dos Frades:

Voltamos xa no final da ruta ás beiras do río Loio.
 
Vemos outro muíño en ruinas:

O río Loio é un afluente do Miño que discorre pola provincia de Lugo e desemboca algo máis abaixo de Portomarín nunha zona hoxe ocupada polo encoro de Belesar.

Xa vemos a Ponte que cruza o Loio e tamén o restaurante "Río Loyo" no que xantamos e comemos estupendamente e con moi bo servizo a pesares da moitísima xente que había.

Páxinas web consultadas:

https://es.wikipedia.org/wiki/Paradela_(parroquia)

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/fervenza-da-ruxidoira-en-paradela/

https://www.elprogreso.es/articulo/sarria/paradela-pide-xunta-restauracion-puentes-rio-loio/202311141130491708082.html