xoves, 4 de abril de 2024

RUTA DOS 10000 PASOS (PUERTO DE VEGA)

Despois de facer a ruta dos 10000 pasos en Navia, hoxe tocou facer outra ruta co mesmo nome pero en Puerto de Vega,  tamén no concello de Navia.

Puerto de Vega, merecedor de varios galardóns, entre eles o Premio Pueblo Ejemplar de Asturias no ano 1995, é umha vila pequena pero en constante crecemento cun porto que no pasado foi moi importante como porto comercial debido ao gremio de mercantes e a caza de balea. No S. XIX tivo ata 10 conserveiras tradicionais das que xa non queda ningunha.

Ao longo desta ruta, coñeceremos ademais do porto que é o que habitualmente coñece todo o mundo que visita esta vila, a parte máis antiga, a capela da Virxe da Atalaya, percorreremos un tramo pequeno da Senda Costeira Naviega, coñeceremos a parte nova e a igrexa de Santa Marina nun percorrido curto e diferente.

Características da ruta:

Lonxitude: 7 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar.

O meu track en WIKILOC:

Aparcamos no porto, nun dos poucos aparcadoiros que vimos e onde todo o mundo que visita esta vila quere aparcar. Nós tivemos un sitio de casualidade, era Venres Santo e cando rematamos a ruta había moita xente buscando un oco para aparcar.

Ao pé de onde aparcamos vimos este monumento.

Está relacionado co mar é o único que podemos adiviñar.

Empezamos subindo como se fósemos á capela da Atalaya pero en cambio, torcemos á esquerda para introducirnos no casco antigo. Vemos a Casa de Benigno Blanco ou dos Lanza-trelles. A familia Blanco foron emigrantes portoriqueños e Benigno Blanco foi tamén alcalde da Habana. Hai tamén un parque (que non vimos) que leva este nome.

Casa de Benigno Blanco
capela de  Nosa Señora do Socorro e Santo Anxel custodia as armas dos Loredo, coa inscripción "Estas armas y blasón de casa de Loredo son”
Capela de Nosa Señora do Socorro e Santo Angel

Deixando a ruta oficial uns metros imos rúa abaixo para chegar ao Mirador de la Riva.

Para homenaxear a súa longa traxectoria mariñeira, recrearon a antiga mesa de mareantes no Miradoiro da Riva (1992). Alí atopamos un arpón de 1854, un mural que representa a extinta caza de baleas no Cantábrico, dúas enormes queixadas de exemplares dunhas 30 toneladas, e o contrato baleeiro máis antigo do que se ten constancia(de 1608)

Queixadas de balea.

Este miradoiro ten tamén boas vistas ao porto.

O mural que representa a caza das baleas:

Outra vista sobre o porto e arredores.

O arpón mirando ao mar.

Continuamos o paseo polo casco antigo e vemos rúas estreitas e moi limpas e coidadas.

 
Case todo o mundo que chega a Puerto de Vega quédase no porto e nós pensamos que esta vila ben merece este percorrido que estamos facendo.
Fermosos rincóns aparecen en cada recuncho.


A Praza da Leña, ubicada no medio da rúa Jovellanos, é da época medieval tardía. Pénsase que o nome se debe á acumulación de leña que había no lugar para abastecer ás casas señoriais das inmediacións.
Praza da Leña

Aparece ante nós esta arcada e os muros que parecen moi antigos. Trátase da Nova Aduana ou Casa Penzol. Vemos nun letreiro que é actualmente unha propiedade privada.


 O fermoso chan da Nova Aduana ou Casa Penzol.

Saimos do casco antigo e vemos fabulosas casas indianas. 

As casas indianas son outra das características de Puerto de Vega. Foron construidas a finais do S. XIX e principios do XX por orde dos emigrantes que fixeran fortuna en América. Nesta zona son chamadas "Casas de americanos"


Alonxámonos do centro da vila para ir cara á capela da Atalaya.

 Imos pola rúa Párroco Penzol onde podemos aprezar o gran crecemento que está a experimentar esta vila con edificos e chalets novos aínda que paradoxicamente e, como ocorre en moitas outra vilas costeiras, a poboación estable decreceu ao longo dos anos. Esto significa que moitas  das novas vivendas son vacacionais.

Xa no Campo da Atalaia vemos unha estatua de Jovellanos, escritor, xurista e político asturiano que nacera a mediados do S. XVIII en Xixón e morreu nesta localidade a principios do S. XIX.

Edificada sobre unha ermida medieval, foi construida no S. XVII polo gremio de mariñeiros. Foi reformada en 1963. A imaxe da Virxe que hai na capela, non é a orixinal (esto explicounolo o señor Manuel que se encarga aos seus 93 anos de abrir a capela cada día). A orixinal gárdaa na súa casa o Maiordomo do Gremio( mariñeiro de maior idade) durante todo o ano e sae en procesión cada 8 de setembro día no se entrega ao novo maiordomo que se elixe cada ano. Conta a lenda que uns pescadores da localidade estaban pescando e se desatou unha galerna. Imploraron axuda divina, o mar calmouse e apareceu flotando a imaxe da Virxe.

No interior da capela vemos a imaxe da Virxe e detrás do altar a proa dun barco e as áncoras.

O Miradoiro da Atalaia é un balcón sobre o Cantábrico, o lugar dende onde no pasado se avistaban as baleas e se comunicaba mediante fogueiras o avistamento para que as lanchas saisen a pescalas.

Unha capela moi ben coidada ao igual ca os arredores da mesma.

O percorrido faise agora coincidente coa Senda Costa Naviega que nós xa percorremos noutra ocasión.

Un fermoso percorrido que une Barayo con Navia.

Podemos ver os restos da antiga cetárea artesanal empregada como viveiro de langosta.
Antiga cetárea


Restos da antiga cetárea:
Antiga cetárea

O percorrido por esta zona non ten desperdicio:

Chegamos ata a praia de La Llosera, unha pequena cala formada maioritariamente por coios.
Praia La Llosera

Dende aquí non seguimos esta senda costeira. Demos a volta por un carreiro cara ao interior de Puerto de Vega.

Volvemos pasar polo punto que antes xa pasamos:

Imos pola periferia onde  hai chalets de nova construcción
 
Pasamos ao pé do colexio Pedro Penzol

Edificios de nova construcción. Seguimos na periferia.

Pasamos polo parque Benigno Blanco, pola zona onde hai un parque infantil e un parque saudable para adultos.

O regato Romallande ten nas súas beiras un lavadoiro restaurado.

Pasamos baixo o arco da antiga Aduana. No 2023 rematou a rehabilitación deste edificio do S. XVIII convertíndose en Casa da Infancia e Xuventude.
A aduana de Puerto de Vega aportou "la mayor contribución de Asturias a la Real Hacienda" no S.XVIII.  Tamén foi importante  a súa actividade polo comercio de mercadorías, como liño ou licores, con destino a populosos enclaves como Riga ou Ámsterdam
Á dereita, a antiga aduana.

Pasamos ao pé da capela do Carme. Dispón dun excelente  retablo barroco, dorado e policromado, baixo a advocación de Nª Sra. do Carme, que Luis Suárez Saro, o seu  restaurador, ubica na segunda metade do S. XVIII.  

Tras unha curta subida chegamos á igrexa de Santa Marina, chamada a "catedral do barroco  rural do occidente asturiano" Foi construida na primeira metade do S. XVIII
Igrexa de Santa Marina
Ao pé da igrexa hai un monumento na honra de Álvaro Navia Osorio, marqués de Santa Cruz de Marcenado que naceu en Puerto de Vega en 1684 e morreu en Orán no 1732. Militar, diplomático, escritor e científico foi unha das figuras máis sobresaíntes do S. XVIII

Ao redor da igrexa hai un Viacrucis.

Continuando o noso percorrido, encamiñándonos de novo cara ao mar:


Oservamos a erosión que o paso dos anos vai producindo na costa.

Xa podemos ver de novo Puerto de Vega.
 
Atopamos este monumento da cola dunha balea. Realizada en aceiro por un artista local, é unha homenaxe á xente mariñeira de Puerto de Vega.

Estamos volvendo a camiñar pola Senda Costa Naviega.

Estamos no Paseo do Baluarte que ten vistas privilexiadas sobre Puerto de Vega e o seu porto.

Neste paseo atopamos dous canóns do S. XVIII.

O porto pesqueiro e o mar son os eixes principais desta vila.



O edificio da Confraría "Nosa Señora da Atalaia" é moi grande. Na parte de abaixo está o almacén dos pescadores e na parte de arriba hai un restaurante.


Pintada do mesmo xeito que a Confraría temos a Lonxa que é a principal distribuidora de percebe de Asturias e unha das máis importantes de España. A Lonxa ofrece visitas guiadas onde ensinan distintos tipos de peixes, artes de pesca e funcionamento da subasta na rula.

Vemos tamén a desembocadura do río Chocolate:

Estamos a punto de rematar esta ruta pero antes fixámonos nunha placa colocada na parede dunha casa que di:

EN ESTE ENTORNO SE UBICÓ LA CASA DONDE VIVIÓ EL PRIMER AMOR  Y MUSA DEL PORTA RAMÓN DE CAMPOAMOR A LA QUE RECUERDA EN ESTOS VERSOS:

Del mar, junto a la orilla
está Vega, lugar que aunque pequeño
para ser villa,
es casi Londres para ser aldea,
y allí vive en el punto más risueño
tejiendo y destejiendo, Dorotea,
la tela de Penélope de un sueño.



Xantamos no porto en Restaurante La Marina onde comemos estupendamente e ben atendidos. Entre outras cousas, un sapicón de centolo que estaba....mmmmmm!!

Páxinas web consultadas:
https://www.turismoasturias.es/
https://www.lne.es/
http://www.destinonavia.com/navia/espanol/inicio_17_1_ap.html

martes, 2 de abril de 2024

BENARÉS/VARANASI (INDIA)

 Dende Jaipur voamos a Benarés. 

Benarés é a cidade máis sagrada da India, onde se vive o hinduísmo con máis pasión e fervor. 

Está situada no estado de Uttar Pradesh ás beiras do río Ganges.

O 1º que fixemos despois de rexistrarnos no hotel, foi tomar contacto coa cidade. Subimos en tuk-tuk (4 persoas en cada un) e fomos ao encontro do río Ganges e das multitudes.

Multitude na rúa principal que baixa ao Ganges

Benarés foi un importante centro cultural do norte da India durante varios miles de anos e está estreitamente relacionada co Ganges. É un importante centro de peregrinación porque os hindúes pensan que morrer nesta cidade traeralles a salvación; segundo o hinduímo toda persoa que morra en Benarés ou a menos de 70 km. quedará liberado do ciclo das reencarnacións, por eso moitos enfermos e maiores queren pasar os seus últimos día nesta cidade santa e ao longo do río hai numerosas residencias para acollelos. 

As beiras do río tamén son centro de varios crematorios ao aire libre. Fixemos un paseo ao atardecer en barco para presenciar unha cerimonia aarti e contemplar as incineracións.

Incineracións ao pé do río

Segundo a tradición, todo hinduista debe visitar unha vez na vida esta cidade e purificarse nas augas do Ganges, un dos ríos máis contaminados do mundo.


No hinduismo hai 7 ríos sagrados, o Ganges é o máis importante. Subimos a un barco para contemplar os ghats (escaleiras que baixan ao río) Hai 88 ao longo do río ao seu paso por Benarés.  Moitos deles son privados e dous están habilitados como crematorios.
Subindo ao barco que nos levou polo río.

Multitude de barcos surcan as augas do Ganges ao anoitecer para contemplar o mesmo ca nós.
Barcos ao atardecer no Ganges

O que máis vimos en Benarés foi as beiras do río Ganges coas cerimonias aarti, o paseo en barco, os crematorios, as rúas onde non cabía un alfiler...pero tamén visitamos:

TEMPLO WAT THAI
Fixemos unha parada curta neste lugar onde o máis chamativo é un buda xigante, de 25m de altura.
Ao entrar o 1º que vemos é a imaxe (moi repettida na India) dunha muller pedindo.
Máis que pobreza, en moitas zonas da India hai miseria

O budismo é outra relixión importante na India, especialmente no norte e ademais naceu neste país. Os budistas non creen na existencia dun deus senón no desenrolo da mente para intentar entender mellor o universo.
Estatua de Buda

O lugar é fermoso rodeado de xardíns e cun estanque central con nenúfares.
O Buda xigante

Outra estautua de Buda e ao fondo, o templo budista.

SARNATH
 Sarnath  é unha cidade india , unha das 4 cidades santas do budismo. É o lugar onde por vez 1ª Buda predicou.
Esta cidade chegou a ter 12000 monxes vivindo aí e no S. VII había 30 mosteiros e 3000 monxes.
Despois, a cidade foi devastada polos turcos musulmáns e caeu no esquecemento e abandono ata que foi redescuberta por Alexander Cunningham no S. XIX.
Actualmente, Sarnath é un centro de peregrinación budista. Tamén se di que aquí naceu o undécimo santo da relixión jainista polo que os seguidores desa relixión tamén o consideran un lugar sagrado.
O día estaba oscuro e había tormenta. Ameazaba con chover e así o fixo ao final da visita, que tivemos que acortar un pouco debido a eso.

Sarnath
Destaca a estupa Dhamekh que indica o lugar do primeiro sermón de Buda. Fundouse por Ashoka no ano 249 a. C. e logo foi reconstruida no S.V. Está construida en ladrillo, e ten unha forma cilíndrica. A súa altura é de algo máis de cuarenta e tres metros. 
As estupas poden ser monumentos funerarios e poden tamén ser conmemorativas dalgún acontecemento importante como é neste caso.
Estupa
Os restos doutros templos e edificios son abundantes:

Quedaron cousas por ver aquí en Sarnath e a verdade é que tempo déronnos para percorrer o lugar, pero empezou a chover e tivemos que marchar.

AS RÚAS DE BENARÉS
Camiñar polas rúas desta cidade é sen dúbida unha experiencia única! Todos e todas camiñamos ou estivemos algunha vez ou moitas no medio de aglomeracións de xente en cidades, en concertos, en grandes festas...pero o que se vive nas rúas de Benarés non se vive en case ningún outro lugar: pitidos enxordecedores dos conductores que parecen ter entre eles un código secreto para conducir sen tropezarse, vehículos de todo tipo: motos, coches grandes, bicicletas, tuk-tuks...vacas, cans e xente; moitísima xente no medio de todo o anterior; xente que nos chama a atención pola súa maneira de vestir, de peitearse, algúns van descalzos, hai xente mendigando, outra moita vendendo todo tipo de obxectos, xente tocando algún instrumento...Todo e todos mesturados nun conxunto do máis variopinto.
No noso percorrido vimos unha igrexa cristiana. Hai poucas porque esta relixión  tan só representa o 2,3% da poboación.
Unha igrexa cristiana.

Vimos xente preparando follas de betel ou buyo para masticar. Nas follas desta planta envolven diversos elementos como noz de areca, cal de conchas, ás veces tabaco...todo aderezado (segundo os gustos) con anís, cardamono, endulzantes...Mascan esto que ten un efecto estimulante e psicotrópico. É unha sustancia adictiva e canceríxena.

Preparando as follas de betel ou buyo

Hai música e baile polas rúas...

As vacas, animais sagrados neste país, camiñan polo medio da aglomeración á que deben estar acostumadas.

Metémonos por rúas estreitas onde tamén vimos cans soltos. Na India hai uns sesenta e dous millóns de cans que non son de ninguén e deambulan polas rúas. Só un 15% destes animais está vacunado contra a rabia e é o país do mundo onde máis xente morre infectada por esta enfermidade.
Os cans son da rúa

Non a pobreza, senón xa a miseria, son palpables nestas rúas: a enmaraña de cables, os míseros toldos das tendas, a inmundicia que hai ....
Unha rúa de Benarés

Véxase o estreito da rúa, máis ben semella un calexón, e eso que non abriron aínda as tendas. En canto o fagan o espazo será aínda máis reducido...Que agobio!!!
Unha rúa de Benarés

Estas son as rúas de Benarés e de moitas outras cidades da India. Como serán en aldeas remotas?

As cabras tamén poden considerarse como sagradas na India.

A nosa viaxe á India coincideu co Holi ou Festival de Cores, unha festa na que celebran a chegada da primavera. Segundo a tradición tamén representa o trunfo do ben sobre o mal. A fascinación por este evento remóntase ao S. XVII e é tamén unha celebración do trunfo da alegría. O festival celébrase en todo o país, unha explosión de cores elévase sobre unha multitude que baila coa cara pintada de cores. 
Fan piras moi grandes (vimos varias) e cantan e bailan toda a noite arredor do lume.
Unha nena pintada para celebrar o Holi


CERIMONIA AARTI
O víspera víramos a ceremonia aarti dende un barco e estaba bastante lonxe pero ao seguinte, tíñamos reservado un lugar privilexiado para vela dende moito máis cerca.
A cerimonia aarti é un ritual espiritual que se celebra en Varanasi tódolos días do ano ás beiras do río Ganges. Esta cerimonia celébrase en tódolos templos hinduistas do país pero ao aire libre e ao pé deste río que é sagrado para eles, cobra un sentido diferente. É todo un espectáculo de son, luces, cancións...que crean un ambiente máxico e emotivo.
Preparando a cerimonia Aarti

O espectáculo atrae a multitude de hinduistas e de turistas que contemplan a cerimonia dende terra ou dende os barcos. 
O ritual é presidido por 7  brahmanes da cidade. Estos sacerdotes invocan a maxia a través dos catro elementos que caracterizan o universo: as flores como representación da terra, a auga do propio río Ganges, o lume das lámpadas de aceite e o aroma a sándalo que exhuma o aire.
Cerimonia Aarti
O penúltimo día da nosa estancia na India madrugamos para volver pasear en barco e ver o amencer no Ganges. A min foi unha actividade que me aportou pouco, sería porque ademais ía bastante frío e non se veu o sol xa que estaba nublado. Eso si, cando baixamos no barco, de regreso aos tuk-tuk que nos levarían de novo ao hotel fomos por unha rúa diferente vendo templos diferentes.
Oghat , onde a noite anterior había miles de persoas, aparecía case vacío:

Ghat

O río estaba surcado por varias embarcacións pero o sol non aparecía por ningún lado:
Embarcacións no Ganges

Indo no barco vimos palacios e outros ghats á beira do río:


Volvemos ver o gath Manikarnika, un lugar de cremación e dos máis significativos da cidade.
Un ghat para cremacións

A vaca alimentándose sabe deus de que...e a xente recollendo tampouco quero saber qué...
As beiras do Ganges...

Ata chegar ata os autorisckshaws que nos ían levar ao hotel pasamos por rúas diferentes ás vistas xa. Poidemos contemplar templos distintos e rúas míseras que xa comentei máis arriba.


E aquí rematou a nosa viaxe á India. O mesmo día en que están feitas as anteriores imaxes voamos cara a Dheli e ao día seguinte moi, moi cedo partimos rumbo ao aeroporto de Porto vía Estambul. Despois de Porto, aída quedaban unhas horiñas en bus ata chegar á casa.
Como remate dicir que esta viaxe ademais de enriquecernos cunha cultura moi diferente á nosa e de visitar monumentos máis emblemáticos do país, a min deixoume claro esto:

MOITO NOS SOBRA A NÓS E MOITO LLES FALTA A OUTRA XENTE

Páxinas web consultadas:
https://seedubaitours.com/que-ver-en-india/sarnath-varanasi/
https://es.wikipedia.org/wiki/Buyo_(betel)
https://www.swissinfo.ch/spa/el-perro-y-el-hombre-la-pelea-por-las-calles-de-la-india/48170806
https://viajes.nationalgeographic.com.es/a/holi-festival-colores-india_12451
https://www.lasociedadgeografica.com/blog/viajes-india/ganga-aarti-ritual-varanasi/