domingo, 26 de marzo de 2023

SENDA FIGUEIRAS-CASTROPOL (VISITANDO CASTROPOL) ASTURIAS


Vou ao concello de Castropol a facer esta ruta por 2ª vez. É un percorrido curto, fácil e moi fermoso onde pasaremos por catro parroquias do concello: Figueras, Barres, Piñera e o propio Castropol.

Características da ruta:

Lonxitude: 6,8 km.

Dificultade: fácil

Ruta lineal ben sinalizada.

O track en WIKILOC:

Descripción:

Partimos da parroquia de Figueras pertencente ao concello de Castropol.

Aparcamos nun aparcadoiro público ao pé do edificio coñecido como Torre del Reloj e que alberga a Casa da Cultura e a Biblioteca Pública.

Torre del Reloj

Tamén vemos este pazo do que non atopei ningunha información.

D. Florencio López Villamil, emigrante en Uruguai, no seu testamento en 1904 lega á súa vila natal o capital para constituir a Fundación Benéfica-Docente que leva o seu nome. No 1927 foron inauguradas estas escolas laicas que foron as primeiras da Mariña e do Occidente asturiano.
Aquí impartíronse clases gratuitas laicas ata 1936 ano no que estalou a guerra civil.
Segundo o seu fundador, o ensino impartido debía ser «alleo a toda influencia relixiosa e política», «de ensinanzas útiles de Artes e Oficios», «gratis a ensinanza e o material» e con liberdade de cátedra para o maestro. Unha proposta adiantada ao seu tempo .
Escolas Villamil

Baixamos por este camiño para achegarnos deseguida á ría:
Camiño que nos leva á beira da ría
 
A marea está baixa, non hai auga, e podo ver a ría dun xeito distinto á outra vez que había marea chea:
A ría e ao fondo, Castropol
 
Vemos a Praia de Arnela, pequena, recollida e sen auga en marea baixa:
Praia de Arnela

Seguimos camiñando por preciosos sendeiros naturais:
Sendeiro

 Chegamos ao Muíño as Acías, un muíño de mareas que obtiña a enerxía para moer o gran da diferenza de nivel da auga, efecto das mareas. Durante a pleamar, acumulaban a agua nunha presa e liberábana en baixamar impulsando a rotación da roda hidráulica e facendo xirar as pedras de moer. Estas construccións eran moi caras pero moi rendibles xa que a pesar de depender das mareas e moer so 2 veces ao día, contaban cun número elevado de moas e tiñan a vantaxe de poder traballar todo o ano. Levantados sempre a expensas da nobreza ou da igrexa, estos muíños de mareas xogaron un papel fundamental na economía rural da zona.
Muíño de mareas

Moi cerca do muíño anterior atopamos outra praia: a das Acías ou Carbayois ou Cobos que pertence á parroquia de Barres. Resgardada dos ventos, mide 130m.
Tres nomes pode ter esta praia: das Acías, Carbayois ou Los Cobos

Encántanme este lugares a onde non se pode chegar co coche!

Fermoso arco o que forman aquí os piñeiros:
 
Ao rematar o camiño anterior chegamos a un cuce con catro bifurcacións: unha, a que traemos, outra á esquerda que ignoramos, á dereita pola que segue a ruta e outra, de frente. Nos tracks e informacións varias que lin desta ruta ninguén fala da Torres de Donlebún. Para velas, só hai que desviarse uns metros da ruta oficial. Cando chegamos ao cruce que digo, en lugar de coller xa á dereita seguimos de frente e xa nos atopamos coas torres. Nos se ven case ata chegar a elas porque as tapan as árbores.
Torres de Donlebún

Árbores ao pé das torres:
Paisaxe na Torres de Donlebún

É unha fortaleza no concello de Barres que foi propiedade da familia Pardo de Donlebún ata a primeira década do S. XXI. Foi contruida en varias fases entre os S. XVI y XVIII. Presenta forma de U cun patio central e remata en almeas. Destaca a súa gran porta de arco de medio punto e voluminosas dovelas. Aquí naceu o célebre marino D Sancho Pardo de Donlebún, almirante que construeu buques para a Real Armada en La Linera.
O pazo está en proceso de restauración dende hai anos xa que despois de estar case en ruinas foi mercado pola empresa asturiana Paisajes de Asturias co obxectivo de tranformalo nun hotel de luxo.
Castelo de Donlebún

Sobre a porta vemos o escudo de armas da linaxe que habitou este castelo.
Porta principal

Rematada a nosa visita ás Torres de Donlebún continuamos a ruta baixando á Enseada da Lieira.
A Lieira
 A enseada da Lieira é como un pequeno escondrixo, un lugar moi relaxante, tranquilo no que custa imaxinar o axetreo que debeu de haber en tempos pasados cando funcionaban aquí uns estaleiros coñecidos pola calidade dos seus barcos construidos naquela época con madeira de castiñeiros e carballos. O auxe máis importante deste estaleiros tivo lugar nos S. XVI E XVII cando o rei Filipe II realizou importantes encargos ás máis de 20 carpintarías de Ribeira construíndo goletas, corbetas e bergantíns.
Ata mediados do S. XX continou a actividade destas carpintarías que foi desaparecendo pouco a pouco.
Enseada da Lieira

Despois da Enseada de Lieira, imos por unha  estrada local sen apenas tráfico aínda non durante 1km. coincidindo tamén cun tramo do Camiño de Santiago.
Estrada

Parece mentira que nunha ruta tan curta pasemos por tantas parroquias do concello de Castropol. Estamos agora na de Piñera e dentro desta, no lugar de Berbesa. Cruzamos a ponte sobre o río Berbesa.

Berbesa

Algo máis arriba, no lugar de El Esquilo, rematamos o tramo de estrada. Dende aquí temos unhas excelentes vistas:

Vistas dende El Esquilo

Voltamos á beira da ría baixando estas escaleiras feitas con elementos naturais, como a mín me gustan:


 Volvemos camiñar á beira do río por este fermoso carreiro natural:


Seguimos dentro da parroquia de Piñera e nela atopamos esta fermosura de praia: Salías. O máis chamativo desta praia é o illote que se atopa no medio coroado por eses eucaliptos que lle dan un toque diferente.
Praia de Salías
Dende toda esta zona non deixamos de ver fermosas vistas, agora de Ribadeo, Figueiras e a Ponte dos Santos.
Vistas de Ribadeo, Figueiras e a Ponte dos Santos


Xa chegando ao fin da ruta, vemos Ribadeo de frente, á dereita Figueiras cos estaleiros Gondán en 1º termo e á esquerda Castropol.

A ruta finaliza xusto onde ahi dous restaurantes de renome en Castropol: Casa Vicente e Peña Mar. Nós hoxe comemos neste último cun menú do día a 15€ ben saboroso nun comedor no que predominan as abundantes lámpadas acesas.
Restaurante Peña Mar onde xantamos.

A ruta remata aquí pero despois de comer quixemos coñecer algo da vila de Castropol.
Empezamos percorrendo o paseo pegado á ría ata chegar ao muelle.
Paseo á beira da ría

Nesta ría cultívase unha variedade de ostras de maneira extensiva e sostible. A empresa "Acuicultura del Eo" (Acueo) é a responsable desta actividade. Unha ostra criada e alimentada unicamente a base de fitoplancton que lle aporta o entorno protexido da ría como Reserva da Biosfera.

Rematado o paseo polo muelle, subimos por unha rúa ao centro da vila. No muro desta rúa hai unhas placas con poemas de autores relacionados con Castropol.

Dá gusto pasear por estas rúas empedradas así, cando non hai ninguén:
Unha rúa de Castropol

Na foto seguinte vemos a Casa do Concello e enfrente a igrexa de Santiago coa súa característica Torre que destaca por riba de tódalas construccións da vila e da que é un símbolo.
A Casa do Concello foi construida no S. XIX sobre as ruinas dun antigo castelo
A Igexa Parroquial de Santiago é de estilo barroco popular. Foi construida no S. XVIII sobre os restos dun antigo hospital de peregrinos. 
Concello e igrexa de Santiago

Casa Consistorial

Na Plaza del Cruzadero atopamos este fermoso recuncho onde está o munumento ao "Pueblo Ejemplar" otorgado a Castropol no 1997. Nesta praza atopamos tamén Villa Rosita e á esquerda o Pazo dos Montenegro, do S.XV e de propiedade privada.
Plaza del Cruzadero
Un detalle do monumento:
Monumento de "Pueblo Ejemplar" dentro do Premios Príncipe de Asturias.

Na mesma praza temos a Villa Rosita con forma de L en torno a un xardín. A torre é do S. XVI, o resto do esdificio eo gurugú son do S. XVIII
Villa Rosita
Casonas con aristocráticas galerías, pazos...unha importante arquitectura civil podemos ver nesta vila.
 
O pazo seguinte é o das Catro Torres, do S. XVIII e de estilo clásico.

Este fermoso edificio foi antes un Casino. A obra foi financiada por Vicente Loriente, un indiano que fixo en Cuba unha garn fortuna.
Casa da Cultura e Biblioteca Pública
 
O edificio foi construido a principios do S. XX e no ano 1922 converteuse en Biblioteca sendo a 1ª Biblioteca Pública de Asturias. No ano 1993 trala rehabilitación do Casino-Teatro, é tamén a Casa da Cultura da localidade.
Casa da Cultura e Biblioteca Pública

O edificio anterior está ubicado no Parque de Vicente Loriente no que tamén atopamos este monumento dedicado a Fernando Villaamil, un destacado enxeñeiro naval e militar que foi un gran benefactor da vila de Castropol. Tamén foi escritor e contou as súas aventuras como comandante do buque Nautilus no libro: “Viaje de circunnavegación de la corbeta Nautilus” 
 
Dentro do mesmo parque temos tamén a capela de Santa Mª do Campo, o edificio máis antigo de Castropol(S. XV) que se salvou dun terrible incendio no 1587 que arrasou a vila.
Capela de Santa Mª do Campo

Dende o Parque Vicente Loriente tamén podemos ver a torre da Igrexa de Santiago. A mellor maneira de fotografala é dende lonxe.
Torre da Igrexa de Santiago

E esta foi a nosa visita a Castropol. Vimos algunha cousa pero aínda nos quedan outras varias que deixamos para outro día.

Páxinas web consultadas:
https://www.guiarepsol.com/es/comer/en-el-mercado/ostras-de-asturias-castropol/
https://www.miniontour.es/que-ver-en-castropol/

luns, 20 de marzo de 2023

PONTE DE ILLANO (ASTURIAS)


Ponte colgante de Illano
         

Illano é un pequeno concello asturiano eminentemente rural e que sofre un tremendo despoboamento. Está incluido este concello no Parque Histórico do Navia.

Entre os anos 1929 e 1933 constrúese o encoro de Doiras e esto provoca un gran incremento demográfico pero non se cumplen as expectativas de traballo continuo e a partires dos anos 70 hai un éxodo continuo que empobreceu o concello.

A poboación de Illano está marcada pola orografía do terreo, xa que o seu carácter accidentado e a profundidade dos vales fai que o hábitat se localice a media ladeira e na marxe esquerda do río, que é onde se localiza a súa capital.

 A súa poboación está moi envellecida.

Para chegar ata o punto de inicio desta ruta, hai que sufrir unha estrada estreita e cheísima de curvas imposibles!!

Características da ruta:

Lonxitude: 13,3 km.

Dificultade: moderada polo desnivel importante dalgún tramo.

Ruta circular ben sinalizada.

O meu track desta ruta en WIKILOC

A miña valoración desta ruta: 🔆🔆🔆🔆

Descripción da ruta:

Esta ruta ten o inicio e o fin na área recreativa de Folgueiróu, a uns 2 km. da capital do concello, Illano.

É esta unha área que sorprende xa que é moi grande e ten servizos como: restaurante, piscina, campo de fútbol, bolera, un pequeno parque infantil, un Centro de Interpretación da Natureza, a Oficina de Turismo...e unha zona inmensa con bacos, mesas e barbacoas á sombra de moitas árbores.

Na foto seguinte vemos unha fonte e o restaurante:

Fonte e restaurante
Estamos a unha altitude case 500m. e dende o miradoiro que hai tamén nesta área recreativa podemos contemplar a parte sur do concello.
Miradoiro

Unha área recreativa con multitude árbores:

Área recreativa de Folgueiróu

O deseño da piscina é obra do arquitecto J. Ramón Puerto, unha construcción en pedra que recorda a un castro e pola que recibeu numerosos premios. Foi inaugurada no 2002

 
Un detalle da piscina:
Piscinas

A área conta tamén cun parque infantil. Un día de verán aquí para os máis pequenos debe ser fabuloso: poden correr libremente, teñen piscina, parque...o que pasa é que non creo eu que haxa moitos nenos nin nenas neste concello, moi envellecido.
Parque infantil dentro dárea recreativa.

O Parque Histórico do Navia no occidente asturiano inclúe os concellos de Boal, Coaña , El Franco, Grandas de Salime, Illano, Navia , Pesoz, Tapia de Casariego e Villayón. O río Navia e os seus afluentes debuxan a orografía deste gran Parque Temático ao aire libre abase de castros, aldeas, montañas, ríos, vales, miradoiros, encoros e vilas mariñeiras.
Illano pertence ao Parque Histçorico do Navia
 
Despois de cruzar a área recreativa, collemos unha ancha pista costa abaixo entre piñeiros.

Descendemos cun importante desnivel e ao pouco podemos ver xa o río Navia.
Río Navia
 
Tamén vemos unha cascada pequena.
Cascada
 
Vemos unha indicación dun desvío para Illano pero collerémolo despois, agora imos cara á Ponte de Illano.
Bifurcación

O encoro de Doiras separou dúas partes do concello unidas agora por esta ponte colgante. Aquí desfrútase do silenzo con maiúscula. Non hai vehículos, a ponte só é peonil e a estrada está lonxe o mesmo que as aldeas. Para chegar a esta ponte, o único camiño é a pista por onde acabamos de vir ou ben dende Illano, atravesando un monte por un estreito carreiro.

Ponte colgante

A ponte estivo en reparación no 2018 e as táboas de madeira que ten están en perfecto estado. A vexetación en torno á ponte, o silenzo reinante, o illado do lugar fan atopar paz e sosego.
O encoro de Doiras inaugurado no 1934 sobre o cauce do río Navia, pertence a Boal pero a súa superficie tamén se extende aos concellos de Pesoz e Illano.
Ponte colgante

Crucei a ponte para achegarme ata a aldea de Lantero por un solitario camiño, ancho e dende o que vemos sempre o río aló embaixo.

Subida a Lantero

O camiño vai en constante e pronunciada subida. Nas beiras hai moitos érbedos.

Subida á Lantero

Nun punto da subida a Lantero vemos ao lonxe Illano, capital do concello.

Ao lonxe, Illano

Segundo chegamos á aldea de Lantero o 1º que vemos é o antigo lavadoiro, restaurado e en perfectas condicións de uso.

Lantero non ten nin 20 habitantes nun concello como xa dixen que sufreu e sofre unha grande merma de poboación. Pertence á parroquia de Bullaso.

Lantero
 A aldea ocupa unha ladeira, como ocorre coas localidades de todo o concello, debido á orografía con montañas que caen directamente ao río Navia.
Lantero

Dende Lantero hai que dar a vola polo mesmo sitio da ida. Cruzamos de novo a ponte, agora para o outro lado, claro, e retomamos o percorrido ata atopar a bifurcación que víramos antes para ir a Illano.

Ponte de Illano

Unha solitaria lanchiña atracada no encoro:

Lanchiña no encoro, ao pé da ponte de Illano
 A subida a  Illano é continua e ten bastante desnivel.
 
As vistas que temos subindo a Illano.  A aldea que se ve é Lantero, á que antes subín. Este concello está marcado pola accidentada orografía e polo río Navia que o parte en dous.

Na I. Media, este concello pertencía a Castropol. A mediados do S. XV, obtivo a súa emancipación. Illano é un concello plenamente rural.
Illano aló enriba

Illano atópase a unha altitude de 355m. e esto fai que teña unhas vistas espectaculares:

Casas abandonadas no centro da vila:
Illano
 
Un concello rural que perde poboación sen cesar.
Illano

A parte máis nova da vila está ao pé da AS-12. Camiñamos uns poucos metros por esta estrada ata coller (está indicado) un ramal á esquerda.
Parte nova de Illano, na estrada que a cruza.

Nesa parte nova hai un pequeno parque dende onde temos unhas fabulosas vistas da vila e das montañas próximas.
Parque en Illano

Pasamos polo lugar de Grandelia.
Grandelia

Na parte alta deste lugar pillamos un desvío á dereita (está sinalizado) que nos saca da estrada e nos leva por un carreiro antigo.
Carreiro
Atravesamos o rego dos muíños.
Rego dos Muíños

E seguimos por un pequeno e angosto carreiro.

Rematamos a congostra e como estamos nun alto, as vistas son estpendas.
Vistas dende aldeas próximas a Illano

Cruzamos un lugar chamado A Baboreira e non vemos unha alma como tampouco vimos en Illano aínda que aí si que escoitamos xente falar. Aquí semella non vivir ninguén.

Saimos a unha estrada local atravesando o barrio de Casas del Río e vendo case tódalas casas pechadas e/ou abandonadas.
Casas del Río
 
Esta estrada local desemboca na As-12 e dende este cruce xa vemos uns metros máis adiante a área recreativa de Folgueiróu onde empecei esta ruta.


Páxinas web consultadas:

https://es.wikipedia.org/wiki/Illano

https://www.turismoasturias.es/descubre/donde-ir/comarcas/parque-historico-del-navia