Vou ao concello de Castropol a facer esta ruta por 2ª vez. É un percorrido curto, fácil e moi fermoso onde pasaremos por catro parroquias do concello: Figueras, Barres, Piñera e o propio Castropol.
Características da ruta:
Lonxitude: 6,8 km.
Dificultade: fácil
Ruta lineal ben sinalizada.
O track en WIKILOC:
Descripción:
Partimos da parroquia de Figueras pertencente ao concello de Castropol.
Aparcamos nun aparcadoiro público ao pé do edificio coñecido como Torre del Reloj e que alberga a Casa da Cultura e a Biblioteca Pública.
|
Torre del Reloj |
Tamén vemos este pazo do que non atopei ningunha información.
D. Florencio López Villamil, emigrante en Uruguai, no seu testamento en 1904 lega á súa vila natal o capital para constituir a Fundación Benéfica-Docente que leva o seu nome. No 1927 foron inauguradas estas escolas laicas que foron as primeiras da Mariña e do Occidente asturiano.
Aquí impartíronse clases gratuitas laicas ata 1936 ano no que estalou a guerra civil.
Segundo o seu fundador, o ensino impartido debía ser «alleo a toda influencia relixiosa e política», «de ensinanzas útiles de Artes e Oficios», «gratis a ensinanza e o material» e con liberdade de cátedra para o maestro. Unha proposta adiantada ao seu tempo .
|
Escolas Villamil |
Baixamos por este camiño para achegarnos deseguida á ría: |
Camiño que nos leva á beira da ría |
A marea está baixa, non hai auga, e podo ver a ría dun xeito distinto á outra vez que había marea chea:
|
A ría e ao fondo, Castropol |
Vemos a Praia de Arnela, pequena, recollida e sen auga en marea baixa:
|
Praia de Arnela |
Seguimos camiñando por preciosos sendeiros naturais: |
Sendeiro |
Chegamos ao Muíño as Acías, un muíño de mareas que obtiña a enerxía para moer o gran da diferenza de nivel da auga, efecto das mareas. Durante a pleamar, acumulaban a agua nunha presa e liberábana en baixamar impulsando a rotación da roda hidráulica e facendo xirar as pedras de moer. Estas construccións eran moi caras pero moi rendibles xa que a pesar de depender das mareas e moer so 2 veces ao día, contaban cun número elevado de moas e tiñan a vantaxe de poder traballar todo o ano. Levantados sempre a expensas da nobreza ou da igrexa, estos muíños de mareas xogaron un papel fundamental na economía rural da zona.
|
Muíño de mareas |
Moi cerca do muíño anterior atopamos outra praia: a das Acías ou Carbayois ou Cobos que pertence á parroquia de Barres. Resgardada dos ventos, mide 130m.
|
Tres nomes pode ter esta praia: das Acías, Carbayois ou Los Cobos |
Encántanme este lugares a onde non se pode chegar co coche!
Fermoso arco o que forman aquí os piñeiros:
Ao rematar o camiño anterior chegamos a un cuce con catro bifurcacións: unha, a que traemos, outra á esquerda que ignoramos, á dereita pola que segue a ruta e outra, de frente. Nos tracks e informacións varias que lin desta ruta ninguén fala da Torres de Donlebún. Para velas, só hai que desviarse uns metros da ruta oficial. Cando chegamos ao cruce que digo, en lugar de coller xa á dereita seguimos de frente e xa nos atopamos coas torres. Nos se ven case ata chegar a elas porque as tapan as árbores.
|
Torres de Donlebún |
Árbores ao pé das torres: |
Paisaxe na Torres de Donlebún |
É unha fortaleza no concello de Barres que foi propiedade da familia Pardo de Donlebún ata a primeira década do S. XXI. Foi contruida en varias fases entre os S. XVI y XVIII. Presenta forma de U cun patio central e remata en almeas. Destaca a súa gran porta de arco de medio punto e voluminosas dovelas. Aquí naceu o célebre marino D Sancho Pardo de Donlebún, almirante que construeu buques para a Real Armada en La Linera.
O pazo está en proceso de restauración dende hai anos xa que despois de estar case en ruinas foi mercado pola empresa asturiana Paisajes de Asturias co obxectivo de tranformalo nun hotel de luxo.
|
Castelo de Donlebún |
Sobre a porta vemos o escudo de armas da linaxe que habitou este castelo. |
Porta principal |
Rematada a nosa visita ás Torres de Donlebún continuamos a ruta baixando á Enseada da Lieira.
|
A Lieira |
A enseada da Lieira é como un pequeno escondrixo, un lugar moi relaxante, tranquilo no que custa imaxinar o axetreo que debeu de haber en tempos pasados cando funcionaban aquí uns estaleiros coñecidos pola calidade dos seus barcos construidos naquela época con madeira de castiñeiros e carballos. O auxe máis importante deste estaleiros tivo lugar nos S. XVI E XVII cando o rei Filipe II realizou importantes encargos ás máis de 20 carpintarías de Ribeira construíndo goletas, corbetas e bergantíns.
Ata mediados do S. XX continou a actividade destas carpintarías que foi desaparecendo pouco a pouco.
|
Enseada da Lieira |
Despois da Enseada de Lieira, imos por unha estrada local sen apenas tráfico aínda non durante 1km. coincidindo tamén cun tramo do Camiño de Santiago.
|
Estrada |
Parece mentira que nunha ruta tan curta pasemos por tantas parroquias do concello de Castropol. Estamos agora na de Piñera e dentro desta, no lugar de Berbesa. Cruzamos a ponte sobre o río Berbesa.
|
Berbesa |
Algo máis arriba, no lugar de El Esquilo, rematamos o tramo de estrada. Dende aquí temos unhas excelentes vistas:
|
Vistas dende El Esquilo |
Voltamos á beira da ría baixando estas escaleiras feitas con elementos naturais, como a mín me gustan:
Volvemos camiñar á beira do río por este fermoso carreiro natural:
Seguimos dentro da parroquia de Piñera e nela atopamos esta fermosura de praia: Salías. O máis chamativo desta praia é o illote que se atopa no medio coroado por eses eucaliptos que lle dan un toque diferente.
|
Praia de Salías |
Dende toda esta zona non deixamos de ver fermosas vistas, agora de Ribadeo, Figueiras e a Ponte dos Santos.
|
Vistas de Ribadeo, Figueiras e a Ponte dos Santos |
Xa chegando ao fin da ruta, vemos Ribadeo de frente, á dereita Figueiras cos estaleiros Gondán en 1º termo e á esquerda Castropol.
A ruta finaliza xusto onde ahi dous restaurantes de renome en Castropol: Casa Vicente e Peña Mar. Nós hoxe comemos neste último cun menú do día a 15€ ben saboroso nun comedor no que predominan as abundantes lámpadas acesas.
|
Restaurante Peña Mar onde xantamos. |
A ruta remata aquí pero despois de comer quixemos coñecer algo da vila de Castropol.
Empezamos percorrendo o paseo pegado á ría ata chegar ao muelle.
|
Paseo á beira da ría |
Nesta ría cultívase unha variedade de ostras de maneira extensiva e sostible. A empresa "Acuicultura del Eo" (Acueo) é a responsable desta actividade. Unha ostra criada e alimentada unicamente a base de fitoplancton que lle aporta o entorno protexido da ría como Reserva da Biosfera.
Rematado o paseo polo muelle, subimos por unha rúa ao centro da vila. No muro desta rúa hai unhas placas con poemas de autores relacionados con Castropol.
Dá gusto pasear por estas rúas empedradas así, cando non hai ninguén:
|
Unha rúa de Castropol |
Na foto seguinte vemos a Casa do Concello e enfrente a igrexa de Santiago coa súa característica Torre que destaca por riba de tódalas construccións da vila e da que é un símbolo.
A Casa do Concello foi construida no S. XIX sobre as ruinas dun antigo castelo
A Igexa Parroquial de Santiago é de estilo barroco popular. Foi construida no S. XVIII sobre os restos dun antigo hospital de peregrinos.
|
Concello e igrexa de Santiago |
|
Casa Consistorial |
Na Plaza del Cruzadero atopamos este fermoso recuncho onde está o munumento ao "Pueblo Ejemplar" otorgado a Castropol no 1997. Nesta praza atopamos tamén Villa Rosita e á esquerda o Pazo dos Montenegro, do S.XV e de propiedade privada.
|
Plaza del Cruzadero |
Un detalle do monumento:
|
Monumento de "Pueblo Ejemplar" dentro do Premios Príncipe de Asturias. |
Na mesma praza temos a Villa Rosita con forma de L en torno a un xardín. A torre é do S. XVI, o resto do esdificio eo gurugú son do S. XVIII
|
Villa Rosita |
Casonas con aristocráticas galerías, pazos...unha importante arquitectura civil podemos ver nesta vila.
O pazo seguinte é o das Catro Torres, do S. XVIII e de estilo clásico.
Este fermoso edificio foi antes un Casino. A obra foi financiada por Vicente Loriente, un indiano que fixo en Cuba unha garn fortuna.
|
Casa da Cultura e Biblioteca Pública |
O edificio foi construido a principios do S. XX e no ano 1922 converteuse en Biblioteca sendo a 1ª Biblioteca Pública de Asturias. No ano 1993 trala rehabilitación do Casino-Teatro, é tamén a Casa da Cultura da localidade.
|
Casa da Cultura e Biblioteca Pública |
O edificio anterior está ubicado no Parque de Vicente Loriente no que tamén atopamos este monumento dedicado a Fernando Villaamil, un destacado enxeñeiro naval e militar que foi un gran benefactor da vila de Castropol. Tamén foi escritor e contou as súas aventuras como comandante do buque Nautilus no libro: “Viaje de circunnavegación de la corbeta Nautilus”
Dentro do mesmo parque temos tamén a capela de Santa Mª do Campo, o edificio máis antigo de Castropol(S. XV) que se salvou dun terrible incendio no 1587 que arrasou a vila.
|
Capela de Santa Mª do Campo |
Dende o Parque Vicente Loriente tamén podemos ver a torre da Igrexa de Santiago. A mellor maneira de fotografala é dende lonxe.
|
Torre da Igrexa de Santiago |
E esta foi a nosa visita a Castropol. Vimos algunha cousa pero aínda nos quedan outras varias que deixamos para outro día.
Páxinas web consultadas:
https://www.guiarepsol.com/es/comer/en-el-mercado/ostras-de-asturias-castropol/
https://www.miniontour.es/que-ver-en-castropol/
Ningún comentario:
Publicar un comentario