venres, 25 de novembro de 2022

IGREXA DOS REMEDIOS- MOSTEIRO DOS PICOS- CASTRO DE ZOÑÁN (MONDOÑEDO)

Souben desta ruta porque vin na aplicación de Wikiloc o track da Delegación de Deportes do Concello de Mondoñedo e pareceume interesante porque pasa por dous lugares que quería coñecer: o Mosteiro dos Picos e o Castro de Zoñán.

Características da ruta

Lonxitude: 9,7 km.

Dificultade: baixa

Ruta circular sen sinalizar. Necesario seguir un track. Eu deixo o meu en WIKILOC

A miña valoración desta ruta: 🔅🔅🔅🔅

Descripción da ruta

Partimos da Alameda dos Remedios que foi dende antaño unha zona de esparcemento da sociedade mindoniense.

Nesta ruta estaremos sempre dentro da parroquia de Os Remedios que é ben grande.

Actualmente celébrase neste lugar a afamada Festa das S. Lucas, as das Quendas e as dos Remedios.

Alameda de Mondoñedo

Esta alameda ten a súa orixe no S. XVI cando se celebrou a I Festa da Árbore en Europa e Luis de Luaces, entón rexidor de Mondoñedo, propuxo que tódolos veciños plantasen 3 árbores cada un na Alameda. É polo tanto, unha das alamedas máis antigas de España.

Dende entón o lugar está cheo de árbores que foron evolucionando e cambiando co tempo.

Alameda de Mondoñedo

O quiosco "Buenos Aires", situado nun lateral da alameda, foi ao pricipio un fermoso  escenario para a banda municipal. O 1º foi contruído en madeira a finais do S. XIX. No 1904 foi construido outro quiosco magnífico en mampostería e sillería e colocaronse uns balcóns e columnas moi artísticas. Foi dedicado aos mindonienses residentes na Arxentina. No ano 1980 sufreu unha importante remodelación.
Quiosco Buenos Aires

Na Alameda atopamos tamén o Hospital de S. Lázaro e S. Paulo. É unha construcción do S. XVIII. 

Hospital de S. Lázaro e S. Paulo

A fachada é barroca e sobre a portada locen os escudos do Pai Sarmiento (promotor da obra) e do concello de Mondoñedo.

Actualmente este edificio é un Centro Asistencial para persoas discapacitadas.

Hospital de S. Lázaro e S. Paulo

Dende a Alameda tamén vemos o Instituto  S. Rosendo que ocupa un fermoso edificio.
Instituto S. Rosendo

A igrexa dos Remedios que dá nome á Alameda é un centro importante de devoción mariana xa dende o S. XVI, época da que data a 1ª igrexa orixinal.
No S. VXIII lévase a cabo unha reconstrucción total do santuario ordenada polo bispo Sarmiento que non chegou a vela finalizada xa que finou antes.
Igrexa da Virxe dos Remedios

Aspecto da Alameda co hospital de S. Pablo ao fondo.

Alameda.
Arrancamos a nosa camiñata cunha fabulosa vista do val de Cesuras e vendo aló enriba o mosteiro dos Picos polo que despois pasaremos.
Vistas
Baixamos cara a Pelourín, lugar da parroquia dos Remedios.
Pelourín
Cruzamos a ponte sobre a estrada antiga que vai a Lugo.

Voltando a vista atrás, barrio de Pelourín, ao lonxe a ponte da autovía e Mondoñedo.

Subimos pola LU-P 3104 cara ao mosteiro de Os Picos.
 
Nunha curva con visibilidade, observamos prados con gandaría e outros barrios de Mondoñedo.

Un pouco máis arriba deixamos a estrada e pillamos este camiño á dereita. OLLO! Non está sinalizado e o impulso será seguir pola estrada e chegaríamos igual ao mosteiro pero é moito máis interesante ir por ese lado. Agora explico porqué.
  
O 1º que atopamos aos poucos metros de empezar este camiño son as ruínas da que foi unha antiga capela que estaba dedicada a S. Blas.
Ruínas da capela de S. Blas

Subimos por un camiño á esquerda que nos deixa abraiados polo fermoso que é e polo monumental Vía Crucis en pedra do que só quedan 9 estacións das 14 que debería haber.

As construccións en pedra contan cunhas figuras relixiosas en cerámica obra do escultor de Mondoñedo, Juan Puchades.

O Vía Crucis foi inaugurado a finais do S. XIX. O camiño está construido con pedras a xeito de cuña e ten un paseo lateral de forma escalonada.

 É este un fermosos camiño rodeado cun muro.
 
Outro aspecto dunha das estacións do Vía Crucis. Sería unha lástima deixar perder este entorno con tanta historia, este patrimonio que forma parte de tódolos mindonienses e da Mariña en xeral.

Neste lugar, entre a 6ª e a 7ª estación, seccionouse o camiño para que pasase a estrada local pola que víñamos antes. (LU-P 3104) e que vai ao mosteiro.

Ata a estrada local que cruza este camiño subimos ben, o traxecto ata aquí está ben para camiñar pero a partires destasescaleiras e da estrada pensamos que non poderiamos seguir e teriamos que chegar ao mosteiro polo asfalto atravesando a aldea pero aínda que algunha dificultade fomos pasando. As silvas, felgos e a maleza están apoderándose do lugar. Unha pena!
Coa marcha dos Pais Pasionistas a mediados dos anos 60 do pasado século, a capela de S. Blas ou Santo Cristo que vimos antes entrou en total ruína, o Vía Crucis está descoidado faltándolle algunhas pezas de cerámica e o camiño como vemos está a piques de desaparecer debaixo da vexetación. As terras e campos de árbores que hai ao redor están tamén abandonados e o mosteiro como despois veremos, segue o mesmo camiño.

O Mosteiro de S. Martiño de Vilalourente ou Mosteiro dos Picos como é popularmente coñecido polos hábitos que vestían os seus primeiros habitantes, xa existía no S. XIV e os franciscanos foron os seus primeiros moradores. Máis tarde sirveu como hospital de peregrinos do Camiño Norte de Santiago.
A comenzos do S. XVIII remodelouse o templo dándolle máis altura ao campanario e derribando a anterior igrexa.
Foi habitado polos Pasionistas entre 1884 e  1964 quedando deshabitado dende aquela e exposto á ruína e ao abandono.
Mosteiro dos Picos

Dende o mosteiro hai boas vistas. A parte de arboreda que se ve pertence a unha inmensa zona de campos e prados propiedade do mosteiro.
Campos do mosteiro
Outra vista do mosteiro que mira en soidade cando acordou tempos mellores. Hoxe a igrexa aparece cunha importante fenda que a atravesa en vertical.
Está situado este mosteiro na parroquia de Formigueiro. No ano 1382 o rei Xoán I de Castela otorgoulle un privilexio a este monumento no que fai constar a súa garn devoción por este lugar no que "se acollen moitos peregrinos e romeiros dos que van ao Apóstolo Santiago..."
Mosteiro de Os Picos
Na foto de abaixo vese ben a fenda da igrexa e se nos fixamos na porta principal vemos derriba dela como falta unha figura, era a de S. Francisco, que  segundo o inventario Artístico de Lugo se atopa nunha casa próxima.

Tamén houbo animais no mosteiro como testemuñan as granxas que vemos.
 
Vistas magníficas dende o mosteiro.

Continuamos agora pola estrada LU-P-3104 durante 2km. aprox.
 
E chegamos ao cruce que nos sinala o Castro de Zoñán a onde queremos ir. Torcemos pois á esquerda e iremos por pista  forestal uns 200m.


Imos por este camiño onde, no medio dos eucaliptos, quedan restos de castiñeiros outonales.
Camiño ao castro

O Castro de Zoñán é un punto emblemático na arqueoloxía galega xa que é o 1º que foi escavado na nosa comunidade con metodoloxía científica no ano 1867. O pioneiro nesa intervención foi o mindoniense José Villaamil y Castro, historiador, anticuario e arquiveiro.Eses traballos caeron no esquecemento ata o ano 2002 en que o concello de Mondoñedo retomka os traballos de escavación e pon en valor unha parte importante deste xacemento coñecida como " A Croa".

Castro de Zoñán
Unha sorpresa nos atopamos xa que non imaxinamos que fose tan grande este castro e non sabiamos que se puxera en valor, case é pecado telo tan cerca e non coñecelo.
Castro de Zoñán

É un xacemento da Idade de Ferro cunha ocupación romana que chega ata o S. IV d.C.
Castro de Zoñán
 Chama a atención o muro que bordea todo o castro e que foi contruido despois do abandono deste.  O castro sitúase nun sitio elevado que sen árbores ten unha moi boa visibilidade.
Castro de Zoñán
 
Nas escavacións atopáronse restos de cerámica de producción local e cerámica romana (muíños de man, fíbulas, contas de colares, un cunco de madeira...etc)
O nivel de conservación deste castro é extraordinario e a visita compleméntase con paneis explicativos.
Castro de Zoñán

Voltamos ata o 1º cruce que atopamos (O 2º cando viñemos) e torcemos á esquerda para ir por un camiño forestal que s
e converte deseguida nun camiño de carro.


Desembocamos nunha estrada  que leva a unhas casas do barrio de Zoñán.

Ao chegar ao asfalto de novo pillamos á esquerda ata unhas casas que vimos porque pensamos que por aí atallariamos e a noite botábase encima, pero falando cuns veciños dixéronnos que non, que por alí non había saída, que os carreiros estaban en moi mal estado. Entón demos a volta para seguir o track polo que nos estábamos guiando e que efectivamente nos levaba pola estrada.
Casas de Zoñán dende as que demos a volta.

Agora enlazamos coa estrada LU-P-3106

Economia de subsistencia que vemos nesta zona: colmeas, animais de granxa (Na foto só vemos uns parrulos pero tamén había moitas galiñas), verdura...

En baixada continua imos por estrada:

Pasamos por S. Cristobo que pertence á parroquia de Os Remedios.

Aquí sairon uns cans (sairon varios ao longo desta ruta) pero só estaban defendendo o seu territorio. Achegáronse pero en plan de inspección nada máis.

Neste barrio teñen unha capela (ao igual que en case todos) dedicada, como non podía ser doutro xeito, a S. Cristobo.
Capela de S. Cristobo

Baixando por S. Cristobo vemos o barrio de Cesuras, por onde pasaremos despois.
Barrio de Cesuras ao lonxe

Non cruzamos a estrada que vai a Lugo, senón que damos un rodeo por onde o track nos manda.

 Atravesamos a aldea de Cesuras, tamén pertencente á parroquia dos Remedios.

Cesuras
Algo máis adiante pasamos por Rego dos Cas, tamén da parroquia dos Remedios.
Rego dos Cas
E xa practicamente de noite, chegamos de novo á igrexa dos Remedios de onde partíramos.
Igrexa dos Remedios

Vemos o 1º alumeado de Nadal deste ano na Alameda dos Remedios.

Páxinas web consultadas:

http://blogoteca.com/

https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/

https://es.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Portada

luns, 21 de novembro de 2022

O CAMIÑO DOS FAROS. TRAMO: PRAIA DE MOREIRA (MUXÍA) - LIRES (CEE)

Este supón para nós o tramo nº 12 deste Camiño dos Faros que nos deixa de impresionarnos e de namorarnos en todos e cada un dos traxectos percorridos.

Cada vez quédanos máis lonxe chegar a el (2,5 horas sen parar nada) dende A Mariña de Lugo, pero a longa viaxe queda compensada sempre polas espectaculares paisaxes que quedan na nosa memoria e nosa retina para sempre e tamén quedará neste blog a descripción de cada tramo con moitas fotos, en 1º lugar para mín, cando queira volver a vivir este Camiño; cando as forzas ou as circunstancias non me deixen facelo doutro xeito e tamén para aquelas persoas que descubran este blog e a través do mesmo queiran facer este Camiño ou queiran tamén recordalo.

Hoxe empezamos outra vez no concello de Muxía e rematamos no de Cee.

Características do tramo

Lonxitude: 16,75 km.

Dificultade: media

Ruta lineal ben sinalizada aínda que fixándose moito nalgúns puntos xa que os sinais verdes empezan a borrarse.

O meu track en WIKILOC

A miña valoración desta ruta: 🔅🔅🔅🔅🔅

Descripción do tramo

Empezamos na Praia de Moreira onde o último día rematáramos. Eso si, agora vémola de día xa que a última vez acabamos de noite e estaba moi escuro....

Agora de día tamén vemos perfectamente o sendeiro polo que baixamos. Notamos que era moi empinado e houbo que baixar a modo pero hoxe dámonos ben conta da verticalidade que ten!

Praia de Moreira.
A Praia de Moreira é solitaria, brava, e a estrada que chega a ela non ten continuación. Apenas ten area. A maioría son grandes pedras.

Empezamos subindo por un camiño.

Subimos deixando a praia de Moreira

En canto coroamos a pequena subida, descubrimos o Cabo Touriñan.

Cabo Touriñán ao lonxe

Empezamos unha pista ancha doada de camiñar. Imos en chao.

 Un burriño que saeu saudarnos...
 Seguimos por unha longa pista.


 Pero como choveu bastante nos últimos días atopamos camiños encharcados e pasamos como mellor poidemos.
 

Desembocamos nunha estrada pola que imos sobre 500m.

 

Ata que torcemos á dereita:


Seguimos no concello de Muxía e empezamos a adentrarnos na península que forma o Cabo Touriñán.


Neste lugar inhóspito onde o clima acostuma a ser extremo (Tivemos moita sorte, xa que a pesares de estar case a finais de novembro, nin sopraba vento, nin ía frío...había  nese momento un fermoso sol) Poidemos desfrutar ben tempo desta paisaxe única.

 A sensación de liberdade, a soidade...séntese neste lugar máis ca en ningún outro...

 Despois de parar uns 20 minutos a desfrutar miranndo o mar como rompía con forza nas rochas e a repoñer forzas comendo algo, reanudamos a marcha.

 Imos por un estreito carreiro entre toxos (recomendo pantalón largo, aínda que sexa verán, porque os toxos pican ben!)

Nun determinado punto desta carreiro, e como hai varios, engañámonos e collemos polo que non era pero só foron uns dous metros, xa que deseguida aparecen estes sinais que nos din que por aí non é. Grazas aos trasnos que os pintaron no seu día. Actualmente empezan a diluirse e hai algúns que xa custa velos. A ver se algunha vez se homologa esta ruta e a volven pintar que os que a descubriron xa traballaron abondo e non lles toca a eles seguir conservando este Camiño.


E xa vemos o Faro Touriñán. 
Faros de Touriñán
 
En Cabo Touriñán hai dous faros: o da dereita é o máis antigo e a súa construcción non estaba prevista pero debido aos numerosos naufraxios nesta zona inaugurouse en 1898. Este faro non puido evitar que varios barcos encallaran ou naufragaran nesta zona.
No 1981 inaugurouse o novo faro, unha torre cilíndrica de máis alcance.
Faros de Touriñán
 
Dúas veces cada ano, a principios da primavera e a finais do verán, o último raio de sol da Europa Continental ponse sobre Cabo Touriñán. É o punto máis occidental da España peninsular, máis aínda ca mesma Fisterra

Deixamos atrás os faros e seguimos percorrendo esta península. Vemos a Laxe dos Buxeirados, rochas que se adentran no mar e son un perigo para a navegación.

Vemos a Illa do Castelo ou Illa Herbosa
A Illa do Castelo, segundo din os carteis explicativos do Faro Touriñán : “es una enigmática isla donde se encontraron restos arqueológicos”. 
Illa do Castelo ou Herbosa

Lugar inhóspito, solitario onde só medran os toxos.

Rematamos de dar a volta ao Cabo no Coído de Touriñán. Teño que dicir que a palabra coído, agora xa familiar para mín, na zona onde vivo non se usa. Para dicir que unha praia ten moita pedra dicimos que é un "pedregal" . Loxicamente "Coído" tamén é moi axeitada xa que ven de coio (esta palabra en cambio si que a usamos moito), outra palabra galega para designar as pedras. Eu xa incorporei "coído" ao meu vocabulario.

Coído de Touriñán
 
No ano 2020 limpouse este lugar do lixo que vai traendo o mar (descoñezo se foi limpado o ano 2021 e 2022 xa que a información que atopo só fai referencia a ese último ano) pero vimos botellas, restos de redes, caixas...
                                                                      Coído de Touriñán

Continuamos por esta pista que vai dar á estrada pola que accedemos antes a Cabo Touriñán.

Enlazamos coa estrada pola que fomos antes e atopamos un amable pescador co que conversamos un anaco. Para mín, conversar cos lugareños é a mellor maneira de aprender cousas do lugar.
 
Deseguida torcemos á dereita por un ancho camiño.
 
Despois convértese nun sendeiro máis estreito que nos volve achegar ao mar:


Vemos prados cos típicos peches de pedra que particularmente me encantan!

Volvemos sair á estrada para atopar este miradoiro que seguro que acordou mellores tempos porque os actuais son penosos: nin é miradoiro porque os piñeiros impiden ver nada e está completamete abandonado. Aquí gastáronse cartos de todos e, como pasa moitas veces, non se pensou nun futuro: que medrarían árbores que impedirían a función para o que foi creado o miradoiro e deixouse de coidar. As silvas, toxos, maleza....apoderáronse do banco en madeira e do muro en granito que hai.
 
De cerca vese ben o abandono deste miradoiro:
 
O trazado da ruta segue uns metros máis polo asfalto ata chegar a un ramal á dereita que hai que pillar.
Dámonos conta de que a xente desta zona debe dedicarse á gandaría a xulgar polos prados que vemos.
 
Xa vemos a aldea de Talón que pertence á parroquia de Nemiña dentro do concello de Muxía. Tamén se ve a praia de Nemiña.
Baixando cara a Talón e Nemiña

Cruzamos a pequena aldea de Talón, exemplo de economía de subsistencia con cabozos, algunha granxa e vacas de carne que vimos nalgún prado.
Hórreo en Talón

Prados e hortas e Nemiña cada vez máis cerca...pero aínda teremos que camiñar bastante...

A Praia de Nemiña pertence aínda ao concello de Muxía. É unha praia aberta e con forte ondaxe, o que a fai moi axeitada para os amantes do surf.
Podemos percorrela ata o final estando a marea baixa pero despois non queda máis remedio que subir e adentrarse algo cara ao interior para bordear a ría que forma o río Castro ao desembocar aquí. Só é posible cruzala cando está moi, moi baixa a marea algúns días no verán.
Praia de Nemiña

Nós camiñamos un pouco pola praia pero deseguida collemos pola pasarela de madeira que se ve na foto tal e como nos indicaban os sinais dos trasnos.

E despois por un camiño paralelo á praia.

O río Castro desemboca na praia de Nemiña formando a Ría de Lires que é a máis pequena de Galicia.
Desembocadura do río Castro

O río Castro nace no concello de Vimianzo e tras atravesar o val desta localidade e despois de 31 km., desemboca no Atlántico formando a Ría de Lires e facendo de fronteira natural entre os concellos de Muxía e Cee.
Ría de Lires.
A verdade é que esta volta cundeunos un pouco cando empezamos a subir por esta estrada, será aprox só 1km. pero fixósenos longo.
 
As frechiñas, as nosas guías, indican coller ese camiño á dereita.
 
Os primeros pasos son entre eucaliptos pero deseguida dan paso a carballos que nos gustan máis.
 
Estes días pasados choveu bastante e os regos baixan potentes!

Hai que mirar onde poñer os pés...

Coincidimos cun tramo do Camiño de Santiago que vai ata Fisterra e chegamos á aldea de Vaosilveiro que pertence á parroquia de Frixe, no concello de Muxía, onde vemos só unha casa.

A partires deste punto o camiño é moi fermoso, con muros e chan de pedra.

 
E chegamos ao Río Castro que cruzamos por unha ponte construida nos últimos anos debido ao auxe do Camiño de Santiago. Entramos no concello de Cee.
Río Castro
O río Castro supuxo unha sorpresa para nós pola cantidade de auga que levaba e polo ancho que é aquí, cerca da súa desembocadura.
Río Castro

E ao pouco chegamos a Lires (oficialmente Santo Estevo de Lires) unha parroquia do concello de Cee.
Aquí finalizamos o tramo de hoxe, tomando uns cafés e bebidas no restaurante-bar As Eiras, grande, moi limpo e novo.
 
Lires agárdanos o próximo día para realizar o seguinte tramo que empezaremos xusto no lugar da foto seguinte.

Páxinas web consultadas:

https://es.wikipedia.org/wiki/Lires

https://www.caminodosfaros.com/etapa-8-nemina-cabo-finisterre/

https://www.caminodosfaros.com/etapa-7-muxia-nemina/

https://www.elespanol.com/quincemil/

https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2018/04/faro-tourinan-muxia.html