xoves, 30 de xuño de 2022

SORTELHA (PORTUGAL)

 Sortelha é unha pequena aldea que pertence ao concello de Sabugal onde acabamos de estar e ao Distrito de Guarda.

É unha pequena aldea medieval fortificada incluida dende 1991 no programa "Aldeias históricas de Portugal"

Todas as aldeas que imos vendo teñen un castelo na súa pare máis alta e esta non ía ser menos. Camiño dese castelo vemos primeiro a Torre do reloxo que non é medieval nin moito menos. Foi construida en 1973 pola vila de Sortelha e serve como excelente miradoiro pero cunha curiosidade: non ten burato orientado para aldea histórica xa que os seus habitantes non quixeron contribuir a pagar a obra. Está situada fóra das murallas, un pouco antes do castelo.

Torre do Reloxo

Camiño ao castelo vimos rochas con formas peculiares:

A foto seguinte é tomada xa dentro do recinto amurallado da aldea. Pola porta que vemos, entramos. Chámase "Porta da Vila". O monumento que vemos na parte dereita, ao pé da porta é un viacrucis.

Porta da Vila de entrada á aldea histórica.

O castelo foi mandado levantar por Sancho II no S.XIII. Ao longo dos séculos pola súa posición estratéxica cerca da fronteira sufriu as loitas con Castela e a invasión francesa. É como un centinela vixindo a paisaxe máis aló das murallas.
Na parte esquerda da foto vemos dúas rocha que semellan bicarse por eso se lles chama "O bico eterno"
Castelo e casa nº 1

A casa que vemos en 1º termo é a chamada Casa nº 1 que recibe este nome por unha inscripción que aparece nunha das súas portas e podía ser perfectamente a máis antiga xa que data do mesmo século que o castelo, do S. XIII.

Sortelha é moi pequena. A que vemos é a rúa principal. Pasear por aquí dá unha sensación de calma e paz incribles. Só estaba o noso grupo, o único que rompía a tranquilidade no día de hoxe. 

Vemos as casas de pedra perfectamente rehabilitadas e as rúas empedradas.

Vemos unha casa árabe cunha ventana en estilo Manuelino

Casa árabe

Detalle da ventana en estilo manuelino:

No Largo do Pelourinho vemos a Antiga Casa da Cámara e Cadena do S. XVI ou o que é o mesmo, o concello no piso superior e o cárcere no inferior. Tamén vemos o pelourinho ou picota, ao igual que nas aldeas que levamos vistas.

Un 1º plano do que era o edifico do concello e da cárcere. En tódolos monumentos, edificios singulares...hai paneis informativos, o que é moi digno de agradecer. A mín gústame saber onde me atopo e que estou vendo.

Aquí temos a subida ao castelo: Ao pé das escaleiras vemos outro viacrucis.

Paseando polas murallas para ter unhas vistas inmellorables da contorna.

O castelo domina toda a paisaxe circundante e as murallas envolven dentro as casiñas de pedra.

 

Os habitantes de Sortelha na actualidade viven fóra da aldea histórica porque esta quedou totalmente abandonada e deshabitada. Foi a iniciativa "Aldeias Históricas de Portugal" a que a rescatou das cinzas, restaurándoa de xeito que non perdeu nada do seu aspecto medieval.

Extramuros viven os habitantes de Sortelha
 

A igrexa matriz de Sortelha está dedicada a Nosa Señora das Neves e ao logo dos séculos foi sofrindo numerosas tranformacións.

Igrexa de Nosa Señora das Neves
 

Unha das portas de entrada na muralla, a Porta Nova da Vila.

Porta Nova da Vila

Realmente semella unha aldea fantasma xa que lle falta a vida. Actualmente só lla dan os turistas que chegan aquí coma nós.

Unha rúa de Sortelha

Sortelha, cuxo nome din que vén do xogo practicado polos cabaleiros medievais consistente en introducir a súa lanza nun anel de gran valor namorou ao escritor portugués José Saramago que na súas obras "Viaje a Portugal" e "El Viaje del Elefante", dedica unhas lineas a esta localidade. Por este motivo e como homenaxe se lle dedicou ao escritor este elefante en granito que vemos.



Marchamos de Sortelha coa sensación de haber estado metidos de cheo na Idade Media.

Webs consultadas:

https://viajeconpablo.com/sortelha-portugal/

https://www.vortexmag.net/es/los-12-mejores-sitios-que-ver-en-sortelha/

https://miscastillos.blog/2018/03/21/castelo-e-cerca-urbana-de-sortelha/




Para ver outras aldeas nas que xa estivemos, pulsa nos nomes:

MONSANTO

PENHA GARCÍA

SABUGAL













mércores, 29 de xuño de 2022

SABUGAL (DISTRITO DE GUARDA-PORTUGAL)

 Despois de ir comer ao hotel e descansar un pouco, ás 16:00h. partimos para Sabugal. Se pola mañá visitamos dúas aldeas agora imos a unha cidade pequena de arredor de 3000 habitantes. Se en Monsanto e Penha García estivemos no distrito de Castelo Branco, agora imos cambiar de distrito.

Sabugal é un concello que pertence ao distrito de Guarda e fai fronteira coa provincia de Salamanca. No S. XII pertenceu ao reino de León e o rei Alfonso IX de León fundou esta cidade aló polo século XIII.  Un século despois volveu a pertencer a Portugal polo Tratado de Alcañices pero aínda así sigueu habendo roces con Castela ata a Guerra de Independecia contra os franceses. 

O 1º que vemos ao baixar do bus é o río Coa. Nos últimos anos levouse a cabo unha recuperación das ribeiras deste río e o resultado non pode ser máis fermoso, con multitude de árbores diversas e paseos habilitados que invitan ao seu percorrido.

Sorprendeunos a cantidade que vimos de tileiros en flor:

O castelo das 5 esquinas que entrevemos domina a cidade e é o seu principal símbolo e máis coñecido:



A vexetación nesta zona próxima ao río é moi frondosa, exuberante:

Deseguida chegamos ao Museo de Sabugal no que poidemos entrar e ver unha colección de fotografías antigas e restos arqueolóxicos. O edificio da foto NON é o Museo, este queda xusto enfrente.

Vimos no Museo restos arqueolóxicos en forma pezas en pedra moi antigas.

 
E vimos tamén unha colección de fotos antigas.


O castelo inicial de Sabugal foi mandado construir por Alfonso IX de León e o rei Dinis reforzouno coa Torre da Homenaxe. Vemos un castelo magnificamente conservado grazas á remodelación realizada en 2005

 A mediados do S. XIX o castelo foi abandonado  e o seu patio de armas foi utilizado como cemiterio dende o ano 1846 ata o 1927. Así mesmo foron quitadas moitas pedras do castelo polos habitantes do lugar para construir a súas casas. Ao igual que vimos no castelo de Monsanto, neste tamén houbo unha igrexa, a de Nosa Señora do Castelo que no ano 1911 foi destruida. No 2005, o castelo foi restaurado.
 
Este castelo é coñecido como "O Castelo das 5 esquinas" debido á forma inusual da súa torre.


Neste castelo tivo lugar o chamado "Milagre das 13 rosas": Isabel de Portugal, esposa do rei Dinís era moi xenerosa e daba de comer aos pobres, esto non gustaba ao seu marido e un día que a sorprendeu realizando este acto de caridade, o pan que levaba converteuse en rosas. O rei non atopou explicación a esto e permiteulle continuar coa súa labor benéfica.
Este milagre aparece na I. Media en distintos lugares de Europa en diferentes personaxes: Santa Isabel de Hungría, Santa Casilda de Toledo...

Vistas de Sabugal dende o castelo


Na seguinte foto vemos a única porta da muralla que segue en pé. Está reforzada por un campanario (Torre Sineira) Unha torre sineira tiña como función albergar campanas destinadas a marcar a vida civil dunha localidade distinguíndose dun campanario en que este estba ligado á vida relixiosa.


A fachada que vemos a continuación pertenceu a unha casa señorial, a Casa dos Brito. É do S. XVII e o único que se conserva.

Este curioso mural con cantantes famosos de tódolos tempos estaba exposto nun bar no que paramos a descansar e tomar algo.


Páxina web consultada:
https://viveportugalweb.com/destinos/sabugal/#Torre_sineira_e_Porta_da_Vila


Pola mañá deste mesmo día visitamos Monsanto. Para ver, pulsar AQUÍ
Tamén visitamos Penha García. Para ver, pulsar AQUÍ


martes, 28 de xuño de 2022

PENHA GARCÍA (PORTUGAL)

Despois de visitar Monsanto fomos ata Penha García que está moi cerca. Pertence ao igual que Monsanto ao distrito de Castelo Branco e tamén ao mesmo municipio de Idaha-a- Nova e aínda que non forma parte das 12 aldeas históricas de Portugal, ben podía facelo xa que é outra aldea preciosa e cun montón de lugares que ensinar!!
Penha García atópase na  ladeira dunha montaña de rochas graníticas rodeada polo río Ponsul. A orixe desta aldea remóntase ao Neolítico cando surxíu un poblado pola boa situación defensiva deste lugar.
O 1º que vemos ao baixar do bus é un tanque que participou na "Revolución dos claveles".(O 25 de abril de 1974 esta revolución provocou a caída da II República portuguesa que non convocaba eleccións democráticas dende o 1925. O fin desa dictadura restaurou a democracia en Portugal).
Tanque que participou na Revoluçao dos Cravos (Revulución dos Caraveis)

Empezamos a subir cara ao castelo (nestas aldeas sempre hai que subir xa que os castelos situanse na parte máis alta co fin de servir de defensa e ver dende aí posibles atacantes.)
Vemos na foto unha fonte coa imaxe da Inmaculada Concepción , patrona de Penha García.
Fonte coa imaxe da Virxe da Concepción

Detrás da fonte , o edificio de cor rosa é un Forno Comunitario que existe dende a I. Media e aí viñan tódolos veciños a cocer o seu pan. Estivo pechado durante moitos anos pero hai sobre 10 anos que se voltou a abrir por parte dunha veciña. Eso sí, só abre as fins de semana por eso hoxe venres pola mañá estaba pechado.
Forno Comunitario e Fonte

As rúas son empedradas ao igual que moitas casas. Todo está limpo, impoluto!!

Unha rúa de Penha García
 
Ao igual que na aldea anterior, vemos nunha plaza o Pelourinho (Picota en galego e castelán) que servía para expoñer publicamente ás persoas que cometían algún delito.
Pelourinho
 Unha rúa calquera:


A igrexa da Concepción é a igrexa matriz, é dicir, a máis importante, a parroquial. Vémola subindo ao castelo. Data de mediados do S. XX




Igrexa da Concepción

Dende a igrexa vemos a presa do río Ponsul e algún muíño dos que veremos máis tarde cando pasemos por aí.



Unhas escaleiras de pedra van conducirnos ao castelo:

Segundo imos subindo e volvendo a vista atrás, vemos en todo o seu esplendor a igrexa da Concepción.


O Castelo de Penha García pénsase que foi edificado polos Templarios sobre unha edificación romana precedida por un castro. A partires do s XIX foise degradando e actualmente só quedan restos das súas murallas.
Castelo de Penha García

As vistas dende o castelo non poden ser máis fermosas:

Agora imos baixar do castelo pero polo lado contrario ao que subimos, xa que imos iniciar a Ruta dos Moinhos de Rodizio e dos Fósseis, unha ruta curta de apenas 3 km. que faremos case circular xa que a remataremos outra vez no medio da aldea. Jaime deu a opción de facela quen quixera e a maioría fixemos o percorrido.
Eu gravei esta ruta e podemos ver o track en WIKILOC

Baixando polo desfiladeiro por un camiño empedrado.
 
Vemos ao fondo os muíños e só os veremos por fóra xa que o señor que os ensina atopámolo subindo.

 Imos achegándonos ao río Ponsul e vemos os muíños, restaurados e que aínda funcionan.

Cruzaremos o río Ponsul pola ponte de madeira que vemos:

Non é que víramos moitos restos fósiles, polo menos eu. Hai máis de 500 millóns de anos que Penha García era un  océano no que vivían trilobites (especie de artrópodos que se extinguiron) e máis tarde dinosaurios.
Nestra rocha podemos ver restos fósiles de trilobites ao reptar polo fondo mariño cando este lugar era un océano.

Entramos agora nunha zona máis verde ao estar ao pé do río. 

A Fonte do Pego é unha pequena e fermosa piscina natural formada por unha pequena cascada. Imaxino que debe ser unha gozada chegar aquí en días calorosos, facendo este percorrido e atopar este lugar onde poder refrescarse.
Piscina natural A Fonte do Pego

Continuamos por este fermoso entorno agora verde. Vemos en 1º termo unha mesa e bancos de pedra ben rústicos:

Agora enfilamos unha pequena subida para chegar de novo a Penha García.

As rúas estaban desertas e imperaba o silenzo só roto polas aprox. 100 persoas que visitamos este marabilloso lugar.

Así foi a nosa 1ª mañá en terras portuguesas. Visitamos Monsanto e Penha García. Marchamos comer que a tarde tamén promete!!

A visita a MONSANTO podes vela AQUÍ

Páxinas web consultadas:

https://www.recuerdosdemimochila.com/que-ver-en-penha-garcia/
https://www.turismoenportugal.org/
https://www.misviajesysensaciones.com/2017/10/penha-garcia-ruta-fosiles-y-molinos-de-agua.html