mércores, 11 de maio de 2022

A SEIMEIRA (A PONTENOVA) RUTA CIRCULAR

 Hai uns anos realizamos esta mesma ruta pero de xeito lineal. Agora fixémola circular, sendo imprescindible un track para realizala xa que non esta sinalizada deste xeito.

A Pontenova é un concello que aposta forte polo sendeirismo xa que actualmente ten sinalizadas nada mens que 7 rutas, unha delas (a das Reigadas), homologada.

A Pontenova é un concello lucense que pertence á Mariña Oriental e non chega aos 3000 habitantes.

Nós para realizar esta ruta partimos dende a aldea de Vilarxubín, pertencente á parroquia de S. Pedro de Bogo. Tamén se pode empezar en Sanxés, lugar da mesma parroquia. Dende Sanxés partíramos cando fixéramos esta ruta lineal. 

Tódolos detalles daquel outro percorrido están AQUÍ

Imos coa ruta circular de hoxe:

Características: 

Lonxitude: 9,6 km

Dificultade: moderada

Ruta circular sen sinalizar. É necesario seguir un track. Eu deixo o meu de WIKILOC

Descripción:

Partimos dende a  pequena aldea de Vilarxubín, que é un dos lugares de A Pontenova digno de ser coñecido e do que escribirei máis e poñerei máis fotos ao final xa que imos facer circular esta ruta e rematar aquí, onde comenzamos.

Vilarxubín

Realmente, o sinal mándanos empezar por onde indica a frecha. Nós, seguindo un track, empezamos polo lado contrario a ese. 

Oficialmente, a ruta de A Seimeira sigue o sinal.
 

Este trasno  que vemos nunha das entradas a  Vilarxubín puxérono os veciños e inventaron unha lenda:  «fotografarse xunto ao trasno daralle sorte a aquel que o faga e permitiralle convertirse noutro ser mitolóxico, cuando a súa vida se apague, polo que vivirá feliz para sempre nas fragas da TDT». As siglas TDT significan neste caso "Triángulo dos Trasnos" (Bogo, Vilarxubín e S Paio que forman un triángulo máxico envolto na Fraga das Reigadas)

O trasno de Vilarxubín
 

Ascendemos moi suavemente, eso sí, baixo unha calor case insoportable. Menos mal que hai moita sombra durante todo o percorrido.


Imos por un camiño de carro e na foto de abaixo podemos ver a diferenza entre o bosque autóctono á esquerda e o monocultivo de eucaliptos á dereita.
Diferenza de bosque
 

Vemos a aldea de Vilarxubín, que no pasado debeu contar con bastantes habitantes.

Vilarxubín

A aldea que vemos ao lonxe é Sanxés. Por ela temos que pasar.

Sanxés, ao lonxe
  

A Pontenova ten a sorte de contar aínda cunha gran masa de fragas autóctonas.

 

De momento o percorrido é moi doado, sen desniveis e con bo firme, por un ancho e fermoso camiño:

Fermoso e cómodo camiño
 

Agora o percorrido cambia: empezamos a baixar por un carreiro:


E chegamos á parte media da fervenza (non á 1ª como vin nalgúns tracks, xa que despois veremos outra pero realmente é esta mesma nun punto máis abaixo)
A seimeira
 

Outra foto da mesma seimeira tomada n mesmo lugar pero coa cámara en vertical:

Seimeira
O entorno é verdadeiramente máxico:
Entorno da seimeira.

Ao pouco atopamos a indicación dun Miradoiro. Trátase do de "Pena de Neira". Desviámonos 30m. para ter unhas panorámicas perfectas das fragas das Reigadas e Carballido cheas de árbores autóctonas.
Panorámica dende o miradoiro

Seguimos baixando e atopamos esta rústica ponte:

E vemos restos do que foi un muíño:
 
E outro muíño máis, este mellor conservado:
 
Nós continuamos baixando porque vimos un carreiro...pero MOITO OLLO!! Esta baixada que fixemos só chega á unha parte máis baixa da seimeira e non ten continuidade. É unha baixada con certo perigo, nós fixémolo con moito coidado e sen problema pero NON é apta para todo o mundo.
A baixada é perigosa pero moi fermosa vendo a cascada
 
Na foto seguinte pódese parar a descansar e contemplar a fermosura da auga caendo xa que hai un pequeno remanso precioso. 
Seimeira


Damos a volta e o ascenso (serán uns 50m) tamén é complicado xa que case temos que trepar pero deseguida estamos arriba e seguimos o percorrido polo sendeiro que ascende agora xa convertido nun carreiro normal.
Chegamos a outra indicación dun Miradoiro, neste caso trátase do "Pena do Castelo" e aínda que son moi poucos metros vemos que hai que baixar e subir e como vimos "rebentados" da anterior baixada e subida á seimeira e vai moita calor, decidimos pasar de largo. As vistas son practicamente as mesmas que as do miradoiro anterior pero este ten a particularidade de que alí debe de estar enterrado un home porque hai unha placa (vímola na nosa anterior visita) que di: "Aquí descansa Paco, amante desta paraxe pola súa natureza, fermosura e paz. Sempre estarás con nós". Tamén hai  un ramo de flores de plástico.

Vista do miradoiro dende o carreiro
 
De súpeto, o carreiro transformase nun camiño ancho con amplas vistas.
 
Estamos chegando a Sanxés e xa temos os primeiros e fermosos prados:

 Dessembocamos nunha estrada local e pillamos á dereita onde vemos deseguida un sinal que nos leva cara á aldea que cruzaremos:

Cruzamos a aldea de Sanxés que pertence ao igual ca de Vilarxubín á parroquia de Bogo. Esta parroquia aínda non ten en total nin 100 habitantes. O despoboamento da zonas rurais galegas, sobre todo de interior, é máis visible cada día.
Sanxés

Cruzando este lugar vimos esta pequena capela que está dedicada a Santa Bárbara e  deixamos voar a imaxinación pensando en tempos pasados que seguro houbo festas e celebracións en torno a esta capela tan rústica e que semella moi antiga.
Capela de Santa Bárbara
 
Nesta zona xa cerca de Asturias, abundan os hórreos estilo asturiano. A aldea está case abandonada pero hai algunhas casas restauradas.
Sanxés
 Xa hai ben anos que son coñecidas as esculturas de madeira desta aldea realizadas por Manuel Marqués, un home  que en canto se xubilou dedicouse a buscar troncos que tiveran diversas formas e a pulilos para moldear figuras. Aínda que a maioría son de madeira, tamén ten figuras en pedra.

Algunha figura en pedra:
Figuras en pedra


Estas son algunhas das figuras en madeira:






Despois de pararnos a contemplar estas obras de arte descansando un pouco do calor do día, seguimos a ruta, xirando á esquerda e atopamos unha capela, esta si, moi restaurada. Lemos na porta "Sto. Anxel. 3-3-2000" Supoñemos que é o santo ao que se dedica a capela e a data da restauración.
Capela do Santo Anxel
Rodeamos un prado

 E imos agora por un ancho camiño de carro.
 
Que desenmboca na estrada que leva a Vilarxubín pola que antes pasamos no coche. Non hai sinal ningunha pero o track dinos que hai que pillar á esquerda.

 A estrada é ben fermosa sempre rodeada de árbores autóctonos e non cruzamos nin un só vehículo.


Ata aquí vimos tamén pequenas cascadas que caían na estrada:
Pequena cascada

 Ao lonxe, Sanxés por onde hai pouco que pasamos:
Sanxés ao lonxe
 
Agora imos en continua subida pero non hai moito desnivel e o calor vai a menos. Ademais é unha subida curta (1,5 km)

 Entramos en Vilaxurbín pola parte contraria á que saimos e chámanos a atención este rústico banco e cunha forma nunca vista.
Banco rústico

 Estas son as fabulosas vistas que contempla quen se sente no banco anterior: fragas infinitas e aldeas perdidas no medio delas.
 
Despois do anterior, atopamos outro banquiño. Non todo a ser bancos que miren ao mar. No interior tamén hai moita beleza que ver:
 
E máis onde sentarse!! Estas xa nos gustan menos.
 
Vilarxubín é unha aldea como as de hai 60 ou 70 anos e mantense igual. Todo aquí é pedra e madeira. Creo que vimos unha ou dúas casas en cemento.

A aldea esta case abandonada. Só vimos a unha muller nova , non sei cantos habitantes máis quedarán pero seguro que moi poucos. Alí só había silenzo...
 
Abandono e máis abandono...

Nesta aldea hai cabazos galegos e tamén os hai tipo asturiano.
 
Penso que vimos dúas casas restauradas. Ao fondo, unha de cemento. 

Non podía faltar a fonte:

Nin a capela:

Cabozos asturianos e galegos conviven xuntos.

Unha aldea que nos encantou, co sabor tradicional de sempre, non pensada (de momento) para o turismo. Unha aldea cunha riqueza etnográfica excepcional que oxalá non se perda!

Deixo un vídeo moi curtiño onde se aprecia moito mellor a fermosura e singularidade de Vilarxubín:


xoves, 5 de maio de 2022

RUTA DA LAGOA DE PALLARES OU LAGOA DOS PATOS. (BARREIROS)


O concello de Barreiros sinalizou esta ruta  Lagoa de Pallares ou Lagoa dos Patos e aínda que eu xa coñecía o tramo ata lagoa, xa que coincide co Camiño Natural do Cantábrico, quixen facer a parte que me faltaba e que ten elementos etnográficos que son dignos de admirar. 

Características: 

Lonxitude: 6 km.

Dificultade: fácil. Nalgunha páxina do concello lin que a califican como moderada e non entendo as razóns xa que esta ruta ten un firme de chan moi bon, non presenta apenas desniveis e non pasa por lugares que entrañen ningún perigo.

Ruta circular moi ben sinalizada.

Deixo o meu TRACK

Descripción:

A ruta sae e volve ao Campo de Fútbol de Cascabeiro. Estamos no lugar de Áspera que pertence á parroquia de S. Cosme de Barreiros No inicio temos un panel grande co mapa e as características da ruta.

Xiramos á esquerda onde vemos un cruceiro.

Cruceiro entre Áspera e Viladaíde

Empezamos a camiñar por asfalto por unha estrada local e deseguida enlazamos co percorrido do Camiño Natural do Cantábrico que chega a nós nun cruce pola dereita.
Xa imos no tramo coincidente co C. Natural do Cantábrico

Baixando por esta estrada veremos deseguida un pequeno camiño á dereita que nos leva á mesma beira da Ría. Hoxe a marea estaba baixa e a auga quedaba moi lonxe. Vale moito a pena achegarse aquí. Supón apartarse da ruta uns 20m. e sentarse nun rústico banco de madeira que hai aí é todo un relax. Estamos no lugar de Xestelo.
Vistas da vila e da Ría de Foz dende Xestelo

Voltamos á estrada pola que non pasa ninguén. A cor verde rodéanos.


Despois dunha curta subida, volvemos ver Foz e a Ría:
                                                             Vistas de Foz e a súa ría


Chegamos a este cruce onde vemos os sinais das rutas coincidentes:

Estamos en A Barcela e dende aquí as vistas son inmellorables sobre Foz coa súa ría.

Abandonamos o asfalto para adentrarnos nun monte no que aínda que a maioría de árbores son eucaliptos tamén vimos algún carballo:


Deseguida cruzamos este monte e chegamos á Lagoa de Pallares tamén coñecida como Lagoa dos Patos (Eu xa a visitei ben veces e patos, a verdade, nunca vin) pero a visita merece igual a pena pois a lagoa é moi fermosa:
Lagoa de Pallares
Deixamos á esquerda esta ponte do tren por debaixo da que viremos despois.
 
Bordeamos unha parte da Lagoa que nace a partires dunha antiga canteira naturalizada e reconvertida nun espazo natural.

Seguimos camiño e nun claro, vemos outra vez a ría e ao lonxe a costa de Foz e a de Barreiros.

O noso percorrido continua entre eucaliptos. Á nosa dereita, podemos intuir a ría entre as árbores.
 
Vemos este inmenso caserío rodeado de cipreses.
 
E agora chegamos ao asfalto de novo, neste tramo, todo son acacias.
 
Neste cruce separámonos do Camiño Natural do Cantábrico xa que nós colleremos á esquerda:

E deseguida aparecemos outra vez na Lagoa de Pallares. Na foto seguinte vemos á esquerda o camiño polo que chegamos e agora imos polo asfaltado da dereita:

 Chegamos ao lugar de Vilar:

Paceunos un sitio precioso, con moitas árbores e fermosos xardíns moi coidados.

Fermoso xardín

Ata vimos a Pinocho
Ata os hórreos lucían así de chulos. Nesta ruta aprendín a diferenciar os de estilo Mondoñedo e os de estilo Ribadeo.
Muíño estilo Mondoñedo pero con bodega debaixo
 
 Tanto o de arriba como o de abaixo son de estilo Mondoñedo. Os hórreos deste estilo teñen mestura de madeira e pedra e están elevados sobre altas cepas e a cuberta é ás 4 augas de pizarra.
Hórreo estilo Mondoñedo

Case pegado ao anterior, vemos outro hórreo pero agora, de estilo Ribadeo. Están todos construidos en pedra e recebados. Non se levantan sobre cepas, senón sobre celeiros que poden ser dun ou dous pisos. Este estilo de hórreo leva aberturas laterais en vertical. A cuberta é tamén a 4 augas de pizarra con turulecos de pedra para suxeitar a pizarra.
Hórreo estilo Ribadeo
 
Noutra casa vimos esta fermosura de xardín!

Canto me gustou este barrio! Aquí vemos outro hórreo estilo Mondoñedo frente a unha casa indiana.

"Casa Arturo" é unha casa indiana que atopamos neste barrio de Vilar.
Casa indiana

Detalle do gurugú ou miradoiro desta casa indiana:

Pasamos tamén pola igrexa de S. Cosme de Vilar. Esta era a antiga igrexa desta parroquia de S. Cosme de Barreiros. Como está situada no lugar de Vilar por eso se chama así. Foi construida nos S. XVII e XVIII. Na actualidade, a igrexa parroquial está situada no núcleo urbano do concello.
Antiga igrexa parroquial de S. Cosme

Uns metros antes da igrexa, a ruta lévanos ao antigo lavadoiro de Áspera e Vilar:
 
Este lavadoiro foi construido en 1911 e aproveita a auga do Rego de Esteiro:
 
A igrexa de S. Cosme de Vilar segue a funcionar como co-parroquial e ten enfrente o cemiterio.
Igrexa de S. Cosme de Vilar

Estamos xa en Áspera e chama a nosa atención esta enorme casona: é outra casa de indianos coñecida precisamente como "Casa Grande".

Esta casa indiana foi promovida por Ignacio López e data de 1907.

Vimos por esta zona de Barreiros árbores moi diversas. Ata vimos unha oliveira.

Xa chegando ao final do percorrido, vemos este pombal no Cascabeiro. Os pombais eran un privilexio de pazos e grandes casas labregas. Os buratos era por onde as pombas entraban e saían e dentro tiñan os niños. Non teño foto pero ao pé da igrexa de S. Cosme vimos outro pombal.
 
E aquí, onde empezamos remata a ruta. Marchamos moi satisfeitos do que vimos e do aprendido xa que non hai ruta de sendeirismo na que non se aprenda algo.