luns, 14 de febreiro de 2022

RUTA DA PEDRA DE DÍAZ CASTRO (PR-G 185) GUITIRIZ


Hoxe fómonos ao concello de Guitiriz, na provincia de Lugo e, dentro deste, na Comarca da Terra Cha. É unha vila termal, da auga e tamén da pedra que conta con máis de 5000 habitantes e 18 parroquias. Guitiriz posee un gran Patrimonio Histórico Cultural.

O nome de Guitiriz procede do rei suevo Witerico que fundou a vila no S. VI.

Realizamos a "Ruta da Pedra de Díaz Castro". Xosé Mª Díaz Castro (1914-1990) é natural da aldea de Vilariño dos Cregos que pertence á parroquia Os Vilares en Guitiriz. Foi un tradutor e escritor en lingua galega sendo autor dunha única obra: o poemario Nimbos. No ano 2014 adicouselle o Día das Letras Galegas.

Esta ruta na honra do escritor, empeza precisamente no lugar onde está a súa casa natal. É unha ruta moi fermosa e moi interesante a nivel cultural e pode realizarse de distintas maneiras, xa que ten dúas desviacións se se quere e aínda que oficialmente aparece como lineal, nós fixémola circular. Polo tanto os km. poden variar bastante segundo como a realicemos.

Non hai que esquecer que estamos nunha zona de canteiros polo tanto veremos moitas vivendas de pedra, pedras tamén como peche antigo de fincas, un petroglifo...pasamos por aldeas tipicamente agrícolas e gandeiras, por tradicionais camiños de carros sombreados con carballos, castiñeiros, amieiros...Sorprendeunos gratamente a aldea de Buriz onde oficialmente remata a ruta, aínda que é unha lástima que en lugar de rematar onde o fai, ao pé da antiga escola, non a chegasen uns metros máis ata onde están a igrexa, o cemiterio gótico, unha serie de cruceiros, o muíño de Buriz nun fermoso entorno e un bar de aldea que se agradece un montón despois da andaina. Todo esto está xunto e vale a pena achegarse.

A ruta empeza AQUÍ (Para buscar en google maps o lugar de inicio hai que escribir "Casa natal Díaz Castro" xa que como Vilariño non aparece)

Características:

Lonxitude: 13,8 km.

Dificultade: moi fácil

Ruta circular ben sinalizada (é unha ruta homologada como PR-G 185) agás o tramo que fixemos pola nosa conta.

A ruta en WIKILOC

Descripción:

Saimos pois de Vilariño dos Cregos, xunto á casa natal de Díaz Castro temos o inicio de ruta. Esta casa, ao morrer o escritor sen descendencia, herdouna un irmán que a donou á Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz.

Esta Asociación estaba tratando de arranxala e leva anos intentando conseguir medios económicos para tal fin pero de momento segue en espera. O caso é que a casa está medio derruida xa.

A casa tiña pegada unha placa dando conta do nacemento do poeta nese lugar. Hoxe non existe.

Casa natal de Díaz Castro
Frente á casa natal sí se rehabilitou o que parece que foi algún alpendre como Aula de Interpretación pero pensamos que actualmente está sen uso. Seica a Deputación donou 37000 € para unha obra que actualmente ao meu modo de ver carece de sentido.

Casa natal e aula de interpretación
 O lugar de Vilariño dos Cregos que no pasado contaba con tres familias pudientes, hoxe está practicamente abandonado. Só vimos dúas persoas e dúas vivendas que parece que foron restauradas.
Vilariño dos Cregos

Unha escultura no Centro de Interpretación . Na inscripción di: "Este fillo, como anxo airado, rompe a paz." Non o di, pero supoñemos que será un verso sacado do poemario Nimbos de Díaz Castro.

Centro de Interpretación

Aquí vemos, moi preto do anterior, outra escultura en granito do escultor Ramón Vilar na honra do poeta.

 

Neste fermoso lugar inspirador de paz, arranca a ruta de sendeirismo.

Lugar de inicio da ruta
 
Todas as construccións de Vilariño son de pedra e todas están moi xuntas:
Vilariño dos cregos.

Nótase que foi terra de canteiros. Ata nos cabozos deixaban a súa marca:
Hórreo de pedra con figura tallada
 
Non marchamos do lugar sen visitar antes a capela de Vilariño dos Cregos. O nome vén de que chegou a haber ata 9 cregos  ao mesmo tempo, procedentes daquelas tres familias que habitaban o lugar. Dous deses cregos fundaron no S. XVIII esta pequena capela na que o propio X. Mª Díaz Castro axudaba de neno como monaguillo.
Capela de Vilariño dos Cregos

 Voltamos uns metros sobre os nosos pasos e empezamos a camiñar polo trazado xa oficial da ruta: un fermoso camiño rodeado de muros de pedra seca.
 
Aquí vemos o rego e a fonte de Porto Lea
Rego e fonte de Porto Lea

 E chegamos deseguida á Casa Nova de Vilariño, outro lugar da parroquia de Os Vilares apenas sen habitantes (no ano 2007 tiña 6 e nós, xa no 2022, só vimos a unha persoa que vivía alí)
Aquí atopamos outra estatua na honra dos canteiros da zona en especial na memoria de Francisco Prieto Miragaya que fixo a casa da seguinte foto, hoxe rehabilitada polo seu fillo que vive en Asturias. Hoxe estaba alí e tivemos o pracer de conversar con el e que nos contara esta historia ademais doutras do lugar.
Un canteiro é aquela persoa que extrae a pedra, a labra e constrúe con ela.
Estatua na honra dos canteiros, en especial do da foto, Francisco Prieto

A casa do canteiro Francisco Prieto, actulmente rehabilitada moi ben polo seu fillo:


Fermosos camiños con valados de pedra:


No é extraño que se chame "Ruta da Pedra" xa que esta abunda por doquier. A abundancia de granito na nosa terra fai que existan canteiros por toda Galicia.


Pedra nas vivendas, nas cuadras, nos pendellos e lousa nos tellados. Elementos naturais galegos que en moitos lugares se perderon por desgraza.
 
Ata os lavadoiros, os pozos...se facían en pedra:

 Camiñamos por estrada uns 500m 

 E despois por camiños rurais coas árbores agora en febreiro sen follas e imaxinando a súa fermosura na primavera. Ao pouco temos unha desviación se queremos ata Porto Muíño. Nós, como imos facer a ruta circular decidimos deixalo para volver por aí. Uns 500m. máis adiante atopamos outra derivación para ir ver o cruceiro de Riotorto pero como supón entre a ida e a volta case de 4km. decidimos continuar sen desviarnos.
 Atopamos despois a uns poucos metros do trazado oficial o petroglifo "O Agro das Calzadas" que está nun prado e custounos moito ver o relevo na rocha. Na foto, nin se apreza.
Petroglifo " O Agro das Calzadas"

Continuamos entre prados por fermosos camiños case sempre con valados de pedra.
 
E así chegamos a Mezoiras, un lugar da parroquia de Buriz. Aquí sairon ao noso encontro tres cans que nos asustaron de verdade e que ninguén se apuraba a chamar, dicíndonos que non facían nada. Xa....os seus donos saberían que non facían nada pero nós, non.
Mezoiras

Atopámonos coa estrada xeral LU-170 en S. Pedro de Buriz.

Aquí, onde estivo a vella escola remata oficialmente a ruta.

Hai outro monumento en honra de Díaz Castro.

Neste lugar hai tamén unha pequena praza que supoñemos sería o patio da escola. Vemos ao fondo, a aldea de S. Pedro de Buriz.

Ao ser aquí o remate oficial da ruta, a maioría da xente que a realiza dá a volta dende aquí pero nós léramos que era moi interesante coñecer a igrexa, o cemiterio e os arredores desta zona e dirímonos cara á igrexa de Buriz que está só uns metros máis abaixo.

O 1º que vemos son uns cruceiros ao lado da igrexa, na parte exterior do atrio que forman o chamado "Calvario da Graña"

Da igrexa, situada no lugar da Graña, destaca a súa fachada do S. XVIII na que vemos unha imaxe de S. Pedro. Sobre o centro desta fachada levántase a espadana de 2 corpos, no 1º corpo están as campás e no 2º corpo, no medio do mesmo, está a imaxe de Santa Bárbara


 O que nos impresionou moito foi descubrir o cemiterio de estilo gótico ao igual que outros da Terra Cha.
Cemiterio de S. Pedro de Buriz

 
A igrexa por un lateral:
 
Elementos que hai no atrio desta igrexa:

  
Xusto detrás da igrexa, cruzando a estrada, hai un recuncho ben fermoso onde se agocha o Muíño de Buriz.
 
Dende aquí damos a volta pero antes paramos na pequena taberna de aldea (A casa de pedra que se ve ao lonxe) onde se pode tomar dende un café a unha cerveza, un refresco....ou mercar algo para comer xa que, como acostuman nas aldeas, teñen productos alimenticios tamén.

 Pasmos por diante da esola, agora pola parte de adiante, e deixamos a ruta oficial para dirixirnos a xantar ao Merendero, un restaurante que nos recomendaron  e que está situado  no cruce das estradas  LU P 2031 e LU- 170.

Antiga escola de S Pedro de Buriz

Restaurante "Merendero"
 Imos pola estrada LU- 170 durante 1,5 km. aprox. para o restaurante. Pasamos por un lugar co nome de "Ventisca" e non nos estraña o nome xa que nos damos conta que estamos nun lugar alto e moi cha que cando o vento pega, debe dar ben forte.

O restaurante Merendero é moi recomendable: reformado non hai moito tempo, moi novo e limpo cunha atención inmellorable e unha comida abundante e ben preparada. Dentro do menú tiñan para escoller entre 7 ou 8 pratos de primeiro e outros tantos de 2º. Para repetir!!
Preguntando e con axuda do google Maps, buscamos a maneira de voltar de xeito circular e pasando por Porto Muíño onde lemos na páx. do cocello de Guitiriz que veremos un muíño e un lavadoiro onde se detiña Díaz Castro a falar coas mulleres que lavaban, de camiño que ía á escola.
Fomos por unha estrada local sen coches:

 Pasamos polo lugar de Nandulfe e seguimos vendo construccións en pedra:
 
É esta unha zona eminentemente gandeira con prados e gandería vacuna sobre todo.

Pasamos tamén polo lugar de Bustelo e deseguida chegamos a Porto Muíño onde enlazamos xa coa ruta oficial. Dicir que poidemos atallar en Nandulfe para chegar a Vilariño bastante antes xa que iriamos máis rectos porque non atopamos nin muíño nin lavadoiro. Debían de estar tapados con silvas e maleza xa que por máis que miramos, non atopamos nada. A partires de aquí, durante uns metros deunos que atopar o camiño a seguir para enlazar coa ruta porque estaba o camiño que había que seguir bastante abandonado.
En canto volvemos atopar a ruta, voltamos ao inicio durante 1,5km. aprox polo mesmo sitio da ida.
Bustelo.




venres, 11 de febreiro de 2022

RUTA DA AGRA (SM 16)+ FERVENZAS DA REXIDOIRA (SM 17) (OZA-CESURAS)

 Hoxe fómonos ao concello de Oza-Cesuras na provincia de A Coruña. No pasado eran dous concellos distintos pero no 2013 fusionáronse nun só que fai que agora sexa un concello máis grande e con numerosas parroquias.

Fixemos dúas rutas moi curtiñas e visitamos o parque do Sanatorio ademais de xantar na localidade e tomar café en dúas cafeterías tamén do concello.

RUTA DA AGRA SM 16

Esta curtísima ruta é circular e percorre as dúas beiras do río Mendo, saíndo da Área Recreativa de Reboredo para voltar aquí en menos de 2 km.

A pesares de ser unha ruta tan curta vale a pena realízala e pódese combinar con outras do mesmo concello como a das Fervenzas da Rexidoira (SM 17) e /ou coa SM 14 (Ruta do río Mendo)
Ademais o entorno do que parte e ao que volve esta rutiña é espectacularmente fermoso: á Área Recreativa de Reboredo é unha zona de ocio acondicionada hai una anos dentro do Proxecto Mandeo para revalorizar o entorno da conca deste río. As mesas, bancos e barbacoas de pedra, os xogos en madeira como pasos tibetanos, un trono real unha tirolina...etc fan que sexa un lugar ideal para pasar un día en familia.
O Mendo é o principal afluente do Mandeo e ámbolos dous únense no casco urbano de Betanzos.
Ao longo desta ruta veremos os restos de dous muíños abandonados e outro en proceso de restauración, así como a vexetación propia de ribeira.

Características

Lonxitude: 1,8 km.

Dificultade:ningunha

Ruta circular ben sinalizada.

A ruta en WIKILOC:

Descripción:

Partimos pois da Área Recreativa de Santiago de Reboredo que nos encantou coas mesas e os bancos en pedra:

Área recreativa de Reboredo


E os xogos em madeira como as pontes tibetanas , a tirolina...
Área recreativa de Reboredo

Podemos empezar a ruta por calquera das marxes do río. Nós fixémolo por onde está este sinal:


Deseguida chegamos ao 1º muíño: o de Suso.
Muíño de Suso

E nesta ponte é onde temos que dar a volta polo outro lado do río:


Esta vivenda en proceso de restauración tamén foi un muíño, o de Prata:

Salto de auga preto do muíño de Suso:

Atopamos algúns  troncos caídos pero que sorteamos sen dificultade:

E de novo estamos na área recreativa:

FERVENZAS DA REXIDOIRA ( SM 17)


Esta pequena ruta atópase na parroquia de Filgueira de Barranca e pertence tamén ao igual ca anterior, ao Proxecto Mandeo dentro da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
É unha ruta á que moita xente califica como dificil. Eu véxolle dificultade en días de chuvia porque sería doado esvarar. Con tempo seco non debería ter ningún problema indo con xeito e agarrándose a unhas cordas que hai.
A ruta como digo, é moi curtiña pero fermosísima, xa que en moi pouco espazo veremos nada menos que 4 preciosas fervenzas.
É unha ruta semicircular que podemos comenzar pola parte máis pegada ao río e voltar por un lugar máis alonxado do mesmo ou viceversa.

Características:
Lonxitude: 1,76 km.
Dificultade: moderada
Ruta semicircular ben sinalizada.
O track da ruta en WIKILOC

Descripción:
  O inicio da ruta está AQUÍ
Imos por esta ancha pista uns poucos metros.
 
E imos xa escoitando o balbordo da auga. Pillamos á esquerda segundo nos manda o sinal:
 
E atopamos a 1ª fervenza. Ancha, maxestuosa, deslizándose por vaios lugares da rocha:
1ª fervenza

Hai cordas para agarrarse que dan seguridade:
 
E xa chegamos á 2ª fervenza. Esta é estreita e cae dende moita altura. Dá medoooo!!!!
2ª fervenza
 
Continuamos baixando máis para pegarnos ao río e atopamos agora un obstáculo: unha árbore arrancada de raíz. As ramas parecían impedir o paso pero sorteámolas sen maior problema.
 
A 3ª fervenza ten nome: Pozo da Ola e non remata coma as anteriores despeñándose río abaixo senón que fai unha pequena piscina ao caer.
3ª fervenza: Pozo da Ola
 Andivemos uns metros máis para chegar á última e 4º fervenza que tamén ten nome: O Batán. Esta parécese un pouco á 1ª xa que a auga tamén se diversifica caendo por distintos lugares.
 
Andivemos aínda uns metros máis despoius desta última fervenza porque parecía que seguía o sendeiro pero démonos conta que era o que usan os pescadores e cada vez pechábase máis polo que semos a volta.
 
O entorno é marabilloso con plantas típicas das ribeiras dos ríos e mofo, moito mofo pola gran humidade do lugar.
 
Para voltar fixémolo pola parte de arriba, máis alonxados do río e deseguida volvemos ao punto de partida.

PARQUE DO SANATORIO
Na finca chamada "O Paraxón"  na parroquia de Bragade hai un edificio en ruinas rodeado de multitude de árbores sobre todo  enormes eucaliptos.
Este edificio foi construido entre 1922 e 1924 como sanatorio para tuberculosos. No S. XIX e principios dos XX a tuberculose era unha enfermidade bacteriana que afectaba sobre todo aos pulmóns
O sanatorio entre ás árbores

Cortáronse moitos eucaliptos e foron sustituidos por árbores autóctonas.
 
O sanatorio emplazouse neste lugar pola súa proximidade á cidade de A Coruña e ao seu porto, pola boa comunicación por tren, pola altitude e a exposición ao sur, resgardado de ventos e pola facilidades dadas polos propietarios para mercar a finca.
O sanatorio
O concello tivo que pechar a entrada, xa que as paredes ían enchéndose de pintadas e porquería ademais do perigo que podía supor andar polo interior. Como se pode entrar aínda por varios lugares, colocaron un cartel de aviso a imprudentes:

 O edificio é de estilo modernista, ideado polo arquitecto Rafael González Villar e no 1924 colocouse a 1ª pedra. No proxecto ía constar de tres corpos pero só se chegou a construir un dos bloques laterais. 
 
No ano 1931 paralizouse a obra e de xeito definitivo, no 1936 por escaseza de fondos e falta de axudas. Nunca chegou a usarse como sanatorio e na actualidade atópase no máis completo abandono aínda que lin na prensa estes días que se pretende rehabilitar para uso turístico.
 
No ano 1973 pasou a formar parte do concello. Houbo varios proxectos para darlle uso pero ningún chegou a término. A ver agora coa inversión que vai facer a Xunta de Galicia...

 O parque que rodea o sanatorio conta cunha fonte feita en pedra:
 
E conta con varios camiños coma este rodeado de loureiros:
 
Outro aspecto do parque que conta con varias especies arbóreas, aínda que a máis abundante é o eucalipto.



Información recollida en:
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/2021/10/01/sanatorio-oza-cesuras-rehabilitara-uso-turistico/0003_202110H1C6998.htm#comments


https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2016/01/parque-do-sanatorio-oza-cesuras.html

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/sanatorio-de-cesuras-galicia-maxica/