Hoxe fómonos ao concello de Guitiriz, na provincia de Lugo e, dentro deste, na Comarca da Terra Cha. É unha vila termal, da auga e tamén da pedra que conta con máis de 5000 habitantes e 18 parroquias. Guitiriz posee un gran Patrimonio Histórico Cultural.
O nome de Guitiriz procede do rei suevo Witerico que fundou a vila no S. VI.
Realizamos a "Ruta da Pedra de Díaz Castro". Xosé Mª Díaz Castro (1914-1990) é natural da aldea de Vilariño dos Cregos que pertence á parroquia Os Vilares en Guitiriz. Foi un tradutor e escritor en lingua galega sendo autor dunha única obra: o poemario Nimbos. No ano 2014 adicouselle o Día das Letras Galegas.
Esta ruta na honra do escritor, empeza precisamente no lugar onde está a súa casa natal. É unha ruta moi fermosa e moi interesante a nivel cultural e pode realizarse de distintas maneiras, xa que ten dúas desviacións se se quere e aínda que oficialmente aparece como lineal, nós fixémola circular. Polo tanto os km. poden variar bastante segundo como a realicemos.
Non hai que esquecer que estamos nunha zona de canteiros polo tanto veremos moitas vivendas de pedra, pedras tamén como peche antigo de fincas, un petroglifo...pasamos por aldeas tipicamente agrícolas e gandeiras, por tradicionais camiños de carros sombreados con carballos, castiñeiros, amieiros...Sorprendeunos gratamente a aldea de Buriz onde oficialmente remata a ruta, aínda que é unha lástima que en lugar de rematar onde o fai, ao pé da antiga escola, non a chegasen uns metros máis ata onde están a igrexa, o cemiterio gótico, unha serie de cruceiros, o muíño de Buriz nun fermoso entorno e un bar de aldea que se agradece un montón despois da andaina. Todo esto está xunto e vale a pena achegarse.
A ruta empeza AQUÍ (Para buscar en google maps o lugar de inicio hai que escribir "Casa natal Díaz Castro" xa que como Vilariño non aparece)
Características:
Lonxitude: 13,8 km.
Dificultade: moi fácil
Ruta circular ben sinalizada (é unha ruta homologada como PR-G 185) agás o tramo que fixemos pola nosa conta.
A ruta en WIKILOC
Descripción:
Saimos pois de Vilariño dos Cregos, xunto á casa natal de Díaz Castro temos o inicio de ruta. Esta casa, ao morrer o escritor sen descendencia, herdouna un irmán que a donou á Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz.
Esta Asociación estaba tratando de arranxala e leva anos intentando conseguir medios económicos para tal fin pero de momento segue en espera. O caso é que a casa está medio derruida xa.
A casa tiña pegada unha placa dando conta do nacemento do poeta nese lugar. Hoxe non existe.
|
Casa natal de Díaz Castro |
Frente á casa natal sí se rehabilitou o que parece que foi algún alpendre como Aula de Interpretación pero pensamos que actualmente está sen uso. Seica a Deputación donou 37000 € para unha obra que actualmente ao meu modo de ver carece de sentido.
|
Casa natal e aula de interpretación |
O lugar de Vilariño dos Cregos que no pasado contaba con tres familias pudientes, hoxe está practicamente abandonado. Só vimos dúas persoas e dúas vivendas que parece que foron restauradas. |
Vilariño dos Cregos |
Unha escultura no Centro de Interpretación . Na inscripción di: "Este fillo, como anxo airado, rompe a paz." Non o di, pero supoñemos que será un verso sacado do poemario Nimbos de Díaz Castro.
|
Centro de Interpretación |
Aquí vemos, moi preto do anterior, outra escultura en granito do escultor Ramón Vilar na honra do poeta.
Neste fermoso lugar inspirador de paz, arranca a ruta de sendeirismo.
|
Lugar de inicio da ruta |
Todas as construccións de Vilariño son de pedra e todas están moi xuntas:
|
Vilariño dos cregos. |
Nótase que foi terra de canteiros. Ata nos cabozos deixaban a súa marca:
|
Hórreo de pedra con figura tallada |
Non marchamos do lugar sen visitar antes a capela de Vilariño dos Cregos. O nome vén de que chegou a haber ata 9 cregos ao mesmo tempo, procedentes daquelas tres familias que habitaban o lugar. Dous deses cregos fundaron no S. XVIII esta pequena capela na que o propio X. Mª Díaz Castro axudaba de neno como monaguillo.
|
Capela de Vilariño dos Cregos |
Voltamos uns metros sobre os nosos pasos e empezamos a camiñar polo trazado xa oficial da ruta: un fermoso camiño rodeado de muros de pedra seca.
Aquí vemos o rego e a fonte de Porto Lea
|
Rego e fonte de Porto Lea |
E chegamos deseguida á Casa Nova de Vilariño, outro lugar da parroquia de Os Vilares apenas sen habitantes (no ano 2007 tiña 6 e nós, xa no 2022, só vimos a unha persoa que vivía alí)
Aquí atopamos outra estatua na honra dos canteiros da zona en especial na memoria de Francisco Prieto Miragaya que fixo a casa da seguinte foto, hoxe rehabilitada polo seu fillo que vive en Asturias. Hoxe estaba alí e tivemos o pracer de conversar con el e que nos contara esta historia ademais doutras do lugar.
Un canteiro é aquela persoa que extrae a pedra, a labra e constrúe con ela.
|
Estatua na honra dos canteiros, en especial do da foto, Francisco Prieto |
A casa do canteiro Francisco Prieto, actulmente rehabilitada moi ben polo seu fillo:
Fermosos camiños con valados de pedra:
No é extraño que se chame "Ruta da Pedra" xa que esta abunda por doquier. A abundancia de granito na nosa terra fai que existan canteiros por toda Galicia.
Pedra nas vivendas, nas cuadras, nos pendellos e lousa nos tellados. Elementos naturais galegos que en moitos lugares se perderon por desgraza.
Ata os lavadoiros, os pozos...se facían en pedra:
Camiñamos por estrada uns 500m
E despois por camiños rurais coas árbores agora en febreiro sen follas e imaxinando a súa fermosura na primavera. Ao pouco temos unha desviación se queremos ata Porto Muíño. Nós, como imos facer a ruta circular decidimos deixalo para volver por aí. Uns 500m. máis adiante atopamos outra derivación para ir ver o cruceiro de Riotorto pero como supón entre a ida e a volta case de 4km. decidimos continuar sen desviarnos.
Atopamos despois a uns poucos metros do trazado oficial o petroglifo "O Agro das Calzadas" que está nun prado e custounos moito ver o relevo na rocha. Na foto, nin se apreza.
|
Petroglifo " O Agro das Calzadas" |
Continuamos entre prados por fermosos camiños case sempre con valados de pedra.
E así chegamos a Mezoiras, un lugar da parroquia de Buriz. Aquí sairon ao noso encontro tres cans que nos asustaron de verdade e que ninguén se apuraba a chamar, dicíndonos que non facían nada. Xa....os seus donos saberían que non facían nada pero nós, non.
|
Mezoiras |
Atopámonos coa estrada xeral LU-170 en S. Pedro de Buriz.
Aquí, onde estivo a vella escola remata oficialmente a ruta.
Hai outro monumento en honra de Díaz Castro.
Neste lugar hai tamén unha pequena praza que supoñemos sería o patio da escola. Vemos ao fondo, a aldea de S. Pedro de Buriz.
Ao ser aquí o remate oficial da ruta, a maioría da xente que a realiza dá a volta dende aquí pero nós léramos que era moi interesante coñecer a igrexa, o cemiterio e os arredores desta zona e dirímonos cara á igrexa de Buriz que está só uns metros máis abaixo. O 1º que vemos son uns cruceiros ao lado da igrexa, na parte exterior do atrio que forman o chamado "Calvario da Graña"
Da igrexa, situada no lugar da Graña, destaca a súa fachada do S. XVIII na que vemos unha imaxe de S. Pedro. Sobre o centro desta fachada levántase a espadana de 2 corpos, no 1º corpo están as campás e no 2º corpo, no medio do mesmo, está a imaxe de Santa Bárbara
O que nos impresionou moito foi descubrir o cemiterio de estilo gótico ao igual que outros da Terra Cha.
|
Cemiterio de S. Pedro de Buriz |
Elementos que hai no atrio desta igrexa:
Xusto detrás da igrexa, cruzando a estrada, hai un recuncho ben fermoso onde se agocha o Muíño de Buriz. Dende aquí damos a volta pero antes paramos na pequena taberna de aldea (A casa de pedra que se ve ao lonxe) onde se pode tomar dende un café a unha cerveza, un refresco....ou mercar algo para comer xa que, como acostuman nas aldeas, teñen productos alimenticios tamén.
Pasmos por diante da esola, agora pola parte de adiante, e deixamos a ruta oficial para dirixirnos a xantar ao Merendero, un restaurante que nos recomendaron e que está situado no cruce das estradas LU P 2031 e LU- 170.
|
Antiga escola de S Pedro de Buriz |
|
Restaurante "Merendero" |
Imos pola estrada LU- 170 durante 1,5 km. aprox. para o restaurante. Pasamos por un lugar co nome de "Ventisca" e non nos estraña o nome xa que nos damos conta que estamos nun lugar alto e moi cha que cando o vento pega, debe dar ben forte.
O restaurante Merendero é moi recomendable: reformado non hai moito tempo, moi novo e limpo cunha atención inmellorable e unha comida abundante e ben preparada. Dentro do menú tiñan para escoller entre 7 ou 8 pratos de primeiro e outros tantos de 2º. Para repetir!!
Preguntando e con axuda do google Maps, buscamos a maneira de voltar de xeito circular e pasando por Porto Muíño onde lemos na páx. do cocello de Guitiriz que veremos un muíño e un lavadoiro onde se detiña Díaz Castro a falar coas mulleres que lavaban, de camiño que ía á escola.Fomos por unha estrada local sen coches:
Pasamos polo lugar de Nandulfe e seguimos vendo construccións en pedra:
É esta unha zona eminentemente gandeira con prados e gandería vacuna sobre todo.
Pasamos tamén polo lugar de Bustelo e deseguida chegamos a Porto Muíño onde enlazamos xa coa ruta oficial. Dicir que poidemos atallar en Nandulfe para chegar a Vilariño bastante antes xa que iriamos máis rectos porque non atopamos nin muíño nin lavadoiro. Debían de estar tapados con silvas e maleza xa que por máis que miramos, non atopamos nada. A partires de aquí, durante uns metros deunos que atopar o camiño a seguir para enlazar coa ruta porque estaba o camiño que había que seguir bastante abandonado.
En canto volvemos atopar a ruta, voltamos ao inicio durante 1,5km. aprox polo mesmo sitio da ida.
|
Bustelo. |
Ningún comentario:
Publicar un comentario