Hoxe fómonos ao concello de Oza-Cesuras na provincia de A Coruña. No pasado eran dous concellos distintos pero no 2013 fusionáronse nun só que fai que agora sexa un concello máis grande e con numerosas parroquias.
Fixemos dúas rutas moi curtiñas e visitamos o parque do Sanatorio ademais de xantar na localidade e tomar café en dúas cafeterías tamén do concello.
RUTA DA AGRA SM 16
Esta curtísima ruta é circular e percorre as dúas beiras do río Mendo, saíndo da Área Recreativa de Reboredo para voltar aquí en menos de 2 km.
A pesares de ser unha ruta tan curta vale a pena realízala e pódese combinar con outras do mesmo concello como a das Fervenzas da Rexidoira (SM 17) e /ou coa SM 14 (Ruta do río Mendo)
Ademais o entorno do que parte e ao que volve esta rutiña é espectacularmente fermoso: á Área Recreativa de Reboredo é unha zona de ocio acondicionada hai una anos dentro do Proxecto Mandeo para revalorizar o entorno da conca deste río. As mesas, bancos e barbacoas de pedra, os xogos en madeira como pasos tibetanos, un trono real unha tirolina...etc fan que sexa un lugar ideal para pasar un día en familia.
O Mendo é o principal afluente do Mandeo e ámbolos dous únense no casco urbano de Betanzos.
Ao longo desta ruta veremos os restos de dous muíños abandonados e outro en proceso de restauración, así como a vexetación propia de ribeira.
Características
Lonxitude: 1,8 km.
Dificultade:ningunha
Ruta circular ben sinalizada.
A ruta en WIKILOC:
Descripción:
Partimos pois da Área Recreativa de Santiago de Reboredo que nos encantou coas mesas e os bancos en pedra:
|
Área recreativa de Reboredo |
E os xogos em madeira como as pontes tibetanas , a tirolina...
|
Área recreativa de Reboredo |
Podemos empezar a ruta por calquera das marxes do río. Nós fixémolo por onde está este sinal:
Deseguida chegamos ao 1º muíño: o de Suso.
|
Muíño de Suso |
E nesta ponte é onde temos que dar a volta polo outro lado do río:
Esta vivenda en proceso de restauración tamén foi un muíño, o de Prata:
Salto de auga preto do muíño de Suso:
Atopamos algúns troncos caídos pero que sorteamos sen dificultade:
E de novo estamos na área recreativa:
FERVENZAS DA REXIDOIRA ( SM 17)
Esta pequena ruta atópase na parroquia de Filgueira de Barranca e pertence tamén ao igual ca anterior, ao Proxecto Mandeo dentro da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
É unha ruta á que moita xente califica como dificil. Eu véxolle dificultade en días de chuvia porque sería doado esvarar. Con tempo seco non debería ter ningún problema indo con xeito e agarrándose a unhas cordas que hai.
A ruta como digo, é moi curtiña pero fermosísima, xa que en moi pouco espazo veremos nada menos que 4 preciosas fervenzas.
É unha ruta semicircular que podemos comenzar pola parte máis pegada ao río e voltar por un lugar máis alonxado do mesmo ou viceversa.
Características:
Lonxitude: 1,76 km.
Dificultade: moderada
Ruta semicircular ben sinalizada.
Descripción:
O inicio da ruta está
AQUÍ Imos por esta ancha pista uns poucos metros.
E imos xa escoitando o balbordo da auga. Pillamos á esquerda segundo nos manda o sinal:
E atopamos a 1ª fervenza. Ancha, maxestuosa, deslizándose por vaios lugares da rocha:
|
1ª fervenza |
Hai cordas para agarrarse que dan seguridade:
E xa chegamos á 2ª fervenza. Esta é estreita e cae dende moita altura. Dá medoooo!!!!
|
2ª fervenza |
Continuamos baixando máis para pegarnos ao río e atopamos agora un obstáculo: unha árbore arrancada de raíz. As ramas parecían impedir o paso pero sorteámolas sen maior problema.
A 3ª fervenza ten nome: Pozo da Ola e non remata coma as anteriores despeñándose río abaixo senón que fai unha pequena piscina ao caer.
|
3ª fervenza: Pozo da Ola |
Andivemos uns metros máis para chegar á última e 4º fervenza que tamén ten nome: O Batán. Esta parécese un pouco á 1ª xa que a auga tamén se diversifica caendo por distintos lugares.
Andivemos aínda uns metros máis despoius desta última fervenza porque parecía que seguía o sendeiro pero démonos conta que era o que usan os pescadores e cada vez pechábase máis polo que semos a volta.
O entorno é marabilloso con plantas típicas das ribeiras dos ríos e mofo, moito mofo pola gran humidade do lugar.
Para voltar fixémolo pola parte de arriba, máis alonxados do río e deseguida volvemos ao punto de partida.
PARQUE DO SANATORIO
Na finca chamada "O Paraxón" na parroquia de Bragade hai un edificio en ruinas rodeado de multitude de árbores sobre todo enormes eucaliptos.
Este edificio foi construido entre 1922 e 1924 como sanatorio para tuberculosos. No S. XIX e principios dos XX a tuberculose era unha enfermidade bacteriana que afectaba sobre todo aos pulmóns
|
O sanatorio entre ás árbores |
Cortáronse moitos eucaliptos e foron sustituidos por árbores autóctonas. O sanatorio emplazouse neste lugar pola súa proximidade á cidade de A Coruña e ao seu porto, pola boa comunicación por tren, pola altitude e a exposición ao sur, resgardado de ventos e pola facilidades dadas polos propietarios para mercar a finca. |
O sanatorio |
O concello tivo que pechar a entrada, xa que as paredes ían enchéndose de pintadas e porquería ademais do perigo que podía supor andar polo interior. Como se pode entrar aínda por varios lugares, colocaron un cartel de aviso a imprudentes:
O edificio é de estilo modernista, ideado polo arquitecto Rafael González Villar e no 1924 colocouse a 1ª pedra. No proxecto ía constar de tres corpos pero só se chegou a construir un dos bloques laterais. No ano 1931 paralizouse a obra e de xeito definitivo, no 1936 por escaseza de fondos e falta de axudas. Nunca chegou a usarse como sanatorio e na actualidade atópase no máis completo abandono aínda que lin na prensa estes días que se pretende rehabilitar para uso turístico. No ano 1973 pasou a formar parte do concello. Houbo varios proxectos para darlle uso pero ningún chegou a término. A ver agora coa inversión que vai facer a Xunta de Galicia...
O parque que rodea o sanatorio conta cunha fonte feita en pedra: E conta con varios camiños coma este rodeado de loureiros: Outro aspecto do parque que conta con varias especies arbóreas, aínda que a máis abundante é o eucalipto.
Información recollida en:
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/2021/10/01/sanatorio-oza-cesuras-rehabilitara-uso-turistico/0003_202110H1C6998.htm#comments
https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2016/01/parque-do-sanatorio-oza-cesuras.html
https://www.galiciamaxica.eu/galicia/sanatorio-de-cesuras-galicia-maxica/
Ningún comentario:
Publicar un comentario