venres, 23 de xullo de 2021

SOMAO (ASTURIAS)

 Hoxe tamén pateamos, pero non por unha ruta de sendeirismo propiamente dita, hoxe pateamos rúas que é a mellor maneira de coñecer calquera lugar e tamén descubrimos dúas rutas de sendeirismo que deixamos para percorrer outro día xa que hoxe non deu tempo a máis.

Pravia non queda moi lonxe da Mariña lucense (1h, 15min.) e para mín era unha vila descoñecida que ten moitos atractivos que ofrecer: as súas casas de indianos (especialmente na parroquia de Somao) os monumentos históricos civís e relixiosos entre estes últimos destaca unha xoia do prerrománico (a igrexa de S. Juan en Santianes), a Casa das Aves tamén en Santianes...

Empezo por Somado (Somao din en Asturias) que xa nos queda de camiño, moi preto da A-8

Toda unha sorpresa foi coñecer este lugar que foi no 2020 "Pueblo Ejemplar de Asturias", un lugar exótico cheo de cor e non só polas casas de indianos se non tamén porque tódalas casas desta vila rural están moi ben arregladas e pintadas con xardíns ao seu arredor cheos de plantas e flores. Nesta vila atopamos unha perfecta combinación entre a arquitectura indiana e a tradicional de Asturias destacando a inmensa cantidade de hórreos que existen.

Foi todo un regalo para os sentidos esta visita a Somao!

Neste lugar moi pequeno, apenas ten 300 habitantes, naceu a 1ª persoa que emigrou a Cuba facendo fortuna e foi José Menéndez Viña. Voltou axiña á súa terra natal e ampliou a casa patrocial: "el Noceo". E así empezou a historia indiana de Somao: este home foi levando a Cuba a familiares e amigos e na aldea foron medrando as casas indianas formando un patrimonio que hoxe se conserva intacto.

Hoxe, a casa de José Menéndez está habitada polos sucesores do seu fundador.

El Noceo

Moi cerca desta casa está outra chamada "La Cochera" formada por dous edificios que tamén foron propiedade de José Menéndez Viña e hoxe están dedicados a alonxamento rural:


La Cochera

"La casa amarilla o casa de la torre" é outra casa indiana moi especial xa que destaca entre todas pola altura da súa torre, vese dende calquera punto. Foi encargada por Fermín Martínez, outro veciño de Somao que emigrou moi novo a Cuba. Foi deseñada por Manuel del Busto, considerado o meloor arquitecto de casas indianas.

A casa está moi ben conservada e segue pertencendo á familia.

Casa de la torre ou casa amarilla

Imos agora con outra casa singular sobre todo polo panteón que ten. Chamada "La Casona" empezouse a construir no 1900 e chama a atención polas galerías e a escaleira da fachada principal. Foi propiedade de Gabino Álvarez e a súa muller, Encarnación Valdés, foi a 1ª persoa en ser enterrada no panteón modernista e moi chamativo construido en 1909.

A casa máis pequena na mesma cor que vemos ao fondo na foto, é La Casina mandada construir por Encarnación Valdés para o seu confesor e profesor dos seus fillos.

La Casona e, ao fondo, La Casina

Panteón de La Casona

Un fillo de Gabino Álvarez mandou construir esta mansión. A súa muller chamábase Radisgundis e a casa é  coñecida co nome de Villa Radis. Desta casa chama a atención o alicatado exterior de cor amarelo pálido.


Esta que vemos é a Casa de Tomás de Pachín, relacionado familiarmente cos donos de La Casona e El Marciel que veremos despois.


Agora vemos a Casa de las Columnas ou Casa das de Celesta que eran Encarna e Filomena Pire. A casa construeuse co diñeiro que mandaron os seus irmáns dende Cuba. Nesa época , a casa era parada de arrieiros.


El Marciel ou Chalet de Solís data de1910 e foi mandado construir por Jesús Solís que emigrou a Cuba e fixo fortuna co comercio. Cando voltou, resideu en Madrid e esta era a casa de veraneo. Dise que foi engañado polo seu administrador e rematou arruinado. Alicatada con azulexo rosa está moi preto da Casa da torre.

La Casa de la Capilla ten a súa apariencia actual grazas a Alejandro González Pire que emigrou a Cuba, fixo fortuna e remodelou a casa que xa existía.

A seguinte casa é La Marroquina situada na zona alta de Somao. adquirida e remodelada polo indianao Hermenegildo Menéndez cando voltou de Cuba. No pasado albergou un negocio de gaseosas. Hoxe pertence á ex ministra socialista Ángeles Amador.


Esta casa está na entrada de Somao, é a de "Doña Basilisa" tamén coñecida como a "Casa do Coronel" na que destaca a galería lateral acristalada.

Estas son as principais casas de indianos. Aínda nos quedaron por ver outras dúas ou tres pero levamos unha idea ben formada do que hai e aínda nos falta algo importante: o parque co  antigo cine, hoxe Centro Social con cafetería e as Escolas que hoxe aínda funcionan como tal e a igrexa de Santa Eulalia. Estes monumentos tamén foron financiados polos indianos que sempre tiveron unha grande vinculación co seu lugar de orixe. Procuraron mellorar as condicións de vida dos seus paisanos e así, en Somao, financiaron a traída de augas, lavadoiros, as Escolas, o antigo cine e ata a igrexa. Este conxunto de edificios está articulado en torno a un parque que se asemella no peche que ten a un parque de cidade.
Os indianos procuraban levar ao seu lugar de orixe o progreso que coñeceron en América e así obtiñan recoñecemento público e prestixio social.
Ao percorrer Somao, semella que esteas percorrendo un xardín infinito porque as casas indianas teñen un enorme espazo axardinado ao seu redor con plantas e árbores exóticos en moitos casos sendo, sen dúbidas, unha das vilas que maior nº de xardíns privados ten de Asturias.
No 2020, Somao foi "Pueblo ejemplar de Asturias": "Porque sus habitantes han sabido mantener la riqueza de su legado patriomonial y rural..."



Igrexa de Santa Eulalia

Escolas 

Igrexa de Santa Eulalia

Entrada ao parque

Antigo cine, hoxe Centro Social

O conxunto de igrexa, antigo cine e escola:



 O día non estaba para fotos pero esta quere amosar o aspecto rural de Somao:

E esta o coidado das súas casas e xardíns aínda que non sexan indianos:

Xardíns moi coidados ao pé das casas. Ao fondo "El Noceo"

 
A arquitectura tradicional asturiana está moi presente na gran cantidade de hórreos que vimos:

Damos por rematada a nosa visita a Somao levando moito e bon que contar desta fermosa parroquia.

luns, 19 de xullo de 2021

SENDA COSTEIRA DE XOVE (XOVE-LUGO) Tramo: Porto de Morás- Praia de Portocelo.

 A Senda Costeira de Xove é unha ruta litoral que vai dende a área etnográfica de Morás ata a praia de Portonovo nun percorrido de case 19km. Transcorre pegada ao mar case todo o traxecto e comparte bastantes tramos co Camiño Natural do Cantábrico. Vai moi pouco por asfalto (no tramo que nós fixemos hoxe, nada) e ten unha riqueza paisaxística moi salientable xa que pasa por grandes cantís, moi preto de illas, restos arqueolóxicos, miradoiros, faros, enseadas e praias moi fermosas. 

Unha ruta moi, moi recomendable!!

Hoxe, a nosa 1ª intención era facer o tramo Morás- Faro de Roncadoira pero cando chegamos á praia de Portocelo tan fermosa e nun día que ía moita calor decidimos quedarnos alí!

A ruta en WIKILOC


Características:

Lonxitude: 7,6 km.

Dificultade: Moderada xa que aínda que o firme ou piso da senda é moi bo hai algunha subida importante.

Ruta lineal ben sinalizada.

Descripción:

Saímos do Porto(ou portiño como é coñecido pola zona) de Morás.

A praia de Morás, de 80m, de lonxitude é tranquila pola situación e polas poucas ondas. A carón desta praia atopábanse as antigas instalacións baleeiras de Morás xa que a pesca da balea tivo unha grande importancia no pasado e hoxe podemos recordalo  polo paseo etnográfico que temos neste lugar.

Praia de Morás

Estes son os dolos: formacións de formigón que se fabricaron aquí para a realización do espigón de abrigo do porto da fábrica de aluminio nos anos 70 do pasado século.

Parque onde se fabricaban os dolos
 
Unha vista do porto e praia de Morás. Esta ruta parte dun lugar ben fermoso:
Porto e praia de Morás

Esta ruta coincide coa Ruta do Camiño Natural do Cantábrico da que hai neste blog  8 entradas que son os tramos que levo feitos ata o momento, se contamos o de hoxe, son nove.

Empezando a ruta
Vista de cerca dos enorme dolos(os máis grandes de Europa) que pesan 50 toneladas cada un.
Dolos

Este mundo de dolos parece mergullarnos nunha paisaxe futurista e case algo sinistra:

Desvíamonos da ruta uns 100m. para ver os cantís de Morás tamén chamados cantís de papel  debido á súa apariencia formando pregos,dobreces, formas singulares que fan pensar en papeis pero tamén fan pensar en titáns, en grandes monstros que impoñen pola súa envergadura. Son unhas inmensas formacións graníticas duns 40 m. de altura.

Cantís de Morás

Quen colocaría aí esas pedras?

Voltamos á ruta. O camiño é ancho e cun firme axeitado e vai á beira do Cantábrico:

Aparece unha néboa baixa que dificulta á visibilidade ao lonxe:

Empezamos a subir ao Alto do Cabalo:


Pasando polo Miradoiro de A Atalaia dende onde pouco ou nada poidemos mirar hoxe polo densa néboa.



Baixando a Punta Arxente podemos divisar entre a néboa a Illa de Sarón:


Ao chegar a Punta Arxente, case podemos tocar a illa de Sarón, oficialmente coñecida como Ansarón. A súa altura é de 83m. e a superficie é de aprox. 10 hectáreas o que a convirte nunha das maiores illas da costa lucense. Son famosos os seus cantís por seren uns dos maiores productores de percebes de alta clase. A illa atópase a uns 200m. da terra firme.


Estamos subindo agora ao punto máis alto da ruta: ao Coto da Vela e as vistas empezan a ser magníficas xa que a néboa parece alonxarse:

Atravesamos algún monte tamén :

Deseguida voltamos a ver o mar:

Xa no máis alto, e como di o indicador que a 100m está o Coto da Vela, intento chegar aló:

Pero deseguida este carreiro xa avisa do que vai vir e é que uns pasos máis e xa non se pode avanzar. O sendeiro está totalmente pechado:

Despois da dura subida, toca baixar. Imos cara á Enseada de Sucastro.

Esta enseada aparece ante nós cunhas augas que nos lembran imaxes doutros lugares lonxanos. Pois non é necesario desplazarse moito: na nosa Terra tamén temos augas cristalinas dunha cor esmeralda que non envexa nada á doutros lugares.

Enseada de Sucastro coa illa de Sarón de fondo

O punto máis elevado da foto é Coto da Vela, un lugar onde se cre que houbo un castro e de aí o nome da enseada. A forte pendente que vemos, en forma de acantilado rochoso, funcionaría como un resgardo natural. No ano 1956 as fotos dun un voo américano descubren os restos dun poblado moi ben conservado. Hoxe está cuberto todo de eucaliptos de propiedade privada. Agardemos que nun futuro haxa estudos arqueolóxicos que permitan recuperalo.

Vistas dende Punta Merixe. Á dereita, Punta Arxente que acabamos de pasar.

E á esquerda, Punta Roncadoira. Coa néboa non vemos o faro, pero alí se atopa.

Cruzamos outro monte

 E xa a paisaxe s eabre para deixarnos ver a aldea de Portocelo:

Desembocamos deseguida na súa fermosa e recollida praia:
 
A mín personalmente namoroume esta praia. Conta cos servizos de socorrista, duchas e baños impecablemente limpos. Semella unha piscina debido ao espigón do muelle que a protexe, non é nada perigosa, moi, moi cha e ten ademais todo arredor árbores onde podes atopar sombra. 
En marea baixa podemos pasar camiñando ao outro areal que vemos á esquerda, a praia de Canela. En marea chea non se pode pasar pero ten unha entrada pola estrada.

O pequenísimo e tranquilo porto de Portocelo. Este nome en latín Porto Celo significa "porto escondido" e é ben certo que o está


Nesta praia de Portocelo, en marea baixa queda unha enorme extensión de area.

E aquí nos quedamos. A nosa intención era chegar ata Faro Roncadoira pero en vistas da calor que ía, decidimos desfrutar toda a tarde desta espectacular praia.