domingo, 15 de agosto de 2021

SENDA DO RÍO SISALDE + PARQUE DE MONTICAÑO + SATUARIO DE SANTA Mª DA PASTORIZA (ARTEIXO)

 

Hoxe fomos ao concello de Arteixo , na provincia de A Coruña, para realizar unha ruta moi curta e moi fácil e por eso quixemos ademais desfrutar doutros espazos naturais que ten este concello, e así pola tarde subimos ao Parque de Monticaño na parroquia de A Pastoriza e achegámonos tamén ao santuario de Santa Mª de Pastoriza na mesma parroquia.

A Senda do río Sisalde presenta dúas versións que no cartel que hai ao principio da ruta están ben explicadas: unha versión trazada de vermello duns 10km. que deixamos para outra ocasión e a que nós fixemos, a trazada en amarelo de 7, 8 km.

Esta ruta, ademais de curta é moi doada de camiñar, apenas ten desniveis e o chan é moi regular e cómodo.

Aínda que é unha ruta fermosa, non é espectacular, por eso se imos de lonxe e só facemos esta camiñata pode sabernos a pouco. Por ese motivo nós programamos para a tarde outras visitas neste mesmo concello.

SENDA DO RÍO SISALDE:

Características:

Lonxitude: 7,8 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular moi ben sinalizada.

A ruta en WIKILOC

A miña Valoración desta ruta:🔅🔅🔅

Descripción:

Saimos de ao pé do restaurante "Pirixel" xunto á praia de Barrañán, onde temos un panel grande indicando as características da ruta que imos facer.

Iniciando a ruta

Case ao inicio temos Os Boedos  sinalizado no panel que vimos. Esta zona é así chamada polo nome destas herbas que abundan  a ámbolos dous lados da pista.  É unha zona pantanosa que no inverno e primavera acostuma a estar moi encharcada. As plantas que medran aí son estas herbas: os boedos.

Os Boedos

Iniciamos agora unha leve subida ata o Monte de Cartas:

Dende este monte, as vistas son espléndidas:

Ás veces imos por sendeiros moi sombreados:

E noutras ocasións, a paisaxe ábrese en verde:

Estamos en zona rural e os cultivos de millo así o atestiguan:

E chegamos ao famoso túnel de loureiros, tal vez a foto que máis se ve desta ruta:

Vólvese a abrir a paisaxe. Agora baixamos cara aos muíños:

Por una pista moi cómoda, imos á busca do río Sisalde:

Xa case chegamos aos muíños aínda que non oimos o río porque é moi estreito e leva pouca auga:

Muíño de A Zapata, totalmente restaurado:

O muíño polo outro lado:

Case pegado ao restaurado, vemos outro totalmente en ruínas:

O entorno dos muíños é fermoso:


Imos achegándonos xa á igrexa de Barrañán, aldea que vemos ao lonxe. Vemos campos de trigo, algo que chama a nosa atención xa que nalgunha zonas de Galicia este cultivo está totalmente desaparecido.

A igrexa de S. Xián de Barrañán atópase no lugar chamado "O igrexario".
Ten unha soa nave e é orixinaria do S. XIII.

Igrexa de S. Xián de Barrañán.

Seguimos a ver cultivos de trigo:


E deseguida chegamos de novo á praia de Barrañán que é un espazo natural protexido cun sistema dunar moi importante que ten un grande valor ecolóxico e paisaxístico. A pesares desto e de que avisan no cartel de entrada á praia de que que hai que respectar as dunas, non pisalas...etc vimos moita xente derriba delas coas sombrillas...falta moito espíritu cívico e moita educación medioambiental e cultural.

Praia de Barrañán. Ten 1200m de lonxitude e é unha praia ventosa, moi apreciada polos surfistas, aínda que hoxe o mar estaba moi en calma.
Vemos tamén como a xente se instala derriba das dunas.

PARQUE DE MONTICAÑO

Despois de rematar a Senda do Río Sisalde, e como xa queríamos visitar este parque, pois achegámonos alí xa para comer debaixo da sombra dalgunha das moitas  árbores que hai neste inmenso parque.

A ubicación deste parque AQUÍ

Nesta zona houbo unhas antigas baterías militares que defendían ría de A Coruña e aínda podemos ver elementos militares como canóns, o bunker principal e moitos pavillóns restaurados.
O Ministerio de Defensa, devoveu estes terreos ao concello de Arteixo no ano 1998 que os converteu (44.000 metros cadrados) nunha inmensa zona verde con moitísimas árbores, zonas axardinadas,  un parque infantil, unha área recreativa...Esta zona é ademais un inmeso miradoiro sobre a cidade de A Coruña, o seu porto exterior e outros concellos próximos.
Hai varias sendas para pasear por todo o parque con bancos para descansar se queremos. Un lugar que nos encantou e que desfrutamos moitísimo xa que a pesares de ser agosto había moi pouca xente.
 O primeiro que vimos ao baixar do coche, foron estas árbores das que chama a atención o troco tan retorto que teñen. Investigando, parece que son falsos loureiros. A folla dende logo parécese moito aos que coñecemos todos.


Vistas da entrada principal ao parque.

Dende aquí temos vistas excelentes da cidade de A Coruña e os seus arredores:

Restos da antiga batería militar que houbo aquí:

Un gran parque infantil (na foto non se aprecia todo) 

Grandes espazos verdes moi coidados e que invitan ao relax:

Restos dos antigos pavillóns:

Outro miradoiro dende o que apreciamos o porto exterior de A Coruña e Punta Langosteira:


Pavillóns da antiga batería militar restaurados e cun entorno ben acondicionado.

Despois de comer neste parque e de percorrelo todo sacando fotos e parando a descansar e a contemplar as fabulosas vistas que ofrece, ao baixar fixemos unha parada no Santuario de Santa Mª da Pastoriza que está moi próximo ao parque e que pertence á  mesma parroquia á que tamén pertence o parque de Monticaño: parroquia de Pastoriza no concello de Arteixo.

A ubicación, AQUÍ

A igrexa de Santa Mª da Pastoriza foi anteriormente un templo románico. A construcción do actual santuario iniciouse no S. XVII.

É este un santuario de grande devoción cunha concurrida romaría que se celebra en setembro. Coma tódolos santuarios ten a súa lenda mesturada con historia.
Emilia Pardo Bazán, gran devota desta santa editou no 1887 o libro "La leyenda de la Pastoriza". Neste libro di a autora que o rei suevo Rechiario, 1º rei cristián de Hispania, fundou a igrexa da Pastoriza, na que se adoraba unha virxe.


Por mor da invasión dos normandos ou pola chegada de Almanzor, alguén agachou a imaxe da Virxe nuns penedos para salvala dunha posible profanación. A pequena igrexa fora derribada pero a imaxe da Virxe salvouse por estar escondida ata que unha nena que pastoreaba o gando atopouna debaixo dun montón de pedras no Monte do Cruceiro. Dende aquela, este lugar é coñecido como "O berce da Virxe"

Dúas pías bautismais que podemos ver no atrio:

Detrás do ábside podemos ver este cruceiro de Domingo Pérez de Doicela posiblemente do S. XVIII.
 
E diante da fachada podemos ver este de Blas Pereira do S. XVII


Álvaro de Torres Taboada, pertencente a unha acomodada familia de A Coruña, comprometeuse nunha peregrinaxe no 1887 a construir unha imaxe da Virxe en pedra sobre o lugar onde se lle aparecera á pastora. A Virxe de granito foi encargada a un canteiro chamado Xosé Couso no 1887.
Para subir ao Monte do Cruceiro hai que subir 111 escaleiras pero son cómodas, moi baixiñas e con sombra e bancos para descansar quen o precise.

Chegando ao pico:

Imaxe da Virxe en granito:

A situación de " O berce da Virxe", como se coñece este lugar, é privilexiada xa que domina parte da parroquia de Pastoriza e incluso A Coruña.





http://www.queverengalicia.com/



sábado, 31 de xullo de 2021

PASEO FLUVIAL DO RÍO XUBIA + S. SADURNIÑO

 Despois de visitar o Castelo de Naraío, percorrer o sendeiro do río Castro e achegarnos á fervenza do mesmo río:

Rutas de sendeirismo: CASTELO DE NARAÍO+ SENDEIRO DO RÍO CASTRO+ FERVENZA DO RÍO CASTRO

fomos comer á mesma vila de S. Sadurniño, ao Restaurante Mesón A Granxa, un lugar moi recomendable polas súas instalacións (moi grandes, con varios comedores, terraza e amplísimo aparcamento) pola atención do persoal e polo menú do día: fantástico e a un prezo imbatible e pola ubicación: ao pé do parque do Pazo da Marquesa e do paseo fluvial do río Xubia cun parque infantil.

Dende o aparcamento deste restaurante parte o "Paseo Fluvial do río Xubia". Curtiño pero fermosísimo e didáctico paseo ás beira do río Xubia que nos permitirá desfrutar dun entorno marabilloso no medio de moitísimas árbores autóctonas e dun arboreto (xardín botánico moi grande onde están representadas as árbores autóctonas de Galicia, todas elas rotuladas) É unha ocasión perfecta para coñecer o nome das nosas árbores máis representativas.

Tamén veremos unha presa e tres estatuas, dúas en madeira (Pinocho e o guardián dos bosques) e unha en granito, Navia, a deusa galaica das fontes , os ríos e as augas.
Este é un paseo para desfrutar con moita calma, sentarse nalgún dos moitos bancos que ten a desfrutar do silenzo, do marmurio do río, do piar dos paxaros...ou para contemplar con calma o arboreto, parándose en cada especie arbórea.

Esta ruta podemos comparala no seu trazado a un globo con cordel. No memo lugar de saída, temos dúas opcións: empezar indo de frente ou cruzar unha pequena ponte e empezar pola outra marxe do río. Sairemos ao mesmo lugar e despois iremos  1,5km aprox. ata o final, damos a volta e cando atopemos a estrada de novo, podemos ir pola outra marxe do río. No sei se se entende pero in situ, vense perfectamente as opcións.

A ruta en WIKILOC:

Características:
Lonxitude: 3,2 km.
Dificultade: ningunha
Ruta semicircular que non ten perda.

Descripción:

Partimos pois dende o restaurante  Mesón A Granxa:


Estes son os arredores do restaurante:

Sorprendenos este grandioso freixo e o salgueiro a continuación:
E

Aquí, se queremos tamén podemos cruzar para a outra marxe do río:

 Deseguida vemos o arboreto ou xardín botánico. Foi creado a finais de 2009 co obxectivo de reproducir as 7 formacións boscosas máis representativas de Galicia. Situado na finca da Cortiña, dentro do paseo fluvial e ao carón da horta de froiteiras, do apiario e do Pazo da marquesa.
Parte do arboreto

Aquí temos unha BIDUEDA, tamén chamada BIDUEIRAL. Son formacións boscosas onde predomina a presenza de bidueiros.
Coa madeira destas árbores facíanse antigamente as zocas.
Bidueda

Agora vemos un FAIAL: lugar onde predominan as faias. No pasado , esta árbore chegou a estar moi presente en gran parte de Galicia ata que empezou o seu declive como consecuencia das actividades deforestadoras para a agricultura e gandería. Hoxe so hai faiales nas áreas  montañosas máis abruptas do oriente de Galicia onde as condicións climáticas e o dificil aceeso para os humanos favoreceron a súa pervivencia.


Faial

Vemos agora un SOBREIRAL. As sobreiras son abundantes no sur e no interior de Galicia. Do seu tronco sácase a cortiza usada para corchos, como illante térmico...etc e tamén se emprega como combustible. Os seus froitos, as landras, son empregadas para manter os porcos.
Sobreiral
Agora temos un SOUTO. Un souto é un lugar onde se dan os castiñeiros. É unha árbore ben coñecida e extendida por toda Galicia, sobre todo polo interior. É moi apreciada pola súa madeira en carpintería e polo seu froito. É unha árbore autóctona galega presente na nosa Comunidade dende hai máis de 20.000 anos. O castiñeiro é  a árbore que pode ser máis lonxeva.


Souto

E agora a CARBALLEIRA, formada por carballos. Esta árbore está en regresión porque foi en moitos casos sustituido polo piñeiro e o eucalipto que medran máis rápido. A presenza na toponimia en Galicia da palabra carballo e carballeira denota a súa importancia, ao igual que ocorre co castiñeiro. Hai carballos practicamente en toda Galicia aínda que moito máis no interior. Un lugar onde hai moi poucos carballos e xa non digamos carballeiras, é na Mariña lucense onde foron sustituídos xa hai anos polo eucalipto que domina os nosos montes.
Carballeira

Tamén temos no arboreto un BOSQUE DE RIBEIRA que mestura salgueiros, ameneiros, bidueiros, freixos...

E non podía faltar unha FRAGA con carballos, castiñeiros, bidueiras, loureiros...
Fraga

Para comunicar cada un destes conxuntos boscosos habilitáronse uns carreiros peonís. Cada grupo e cada especie forestal conta con paneis onde se explican as cararterísticas de cada árbore acompañadas de fotos.

No concello de S. Sadurniño din:


"...Os obxetivos fundamentais do proxecto son a preservación e mellora deste espazo natural,así como  protexer e dar a coñecer a nosa flora autóctona particularmente  nestes momentos de desenvolvemento incontrolado,nos que o noso valioso patrimonio natural  atópase seriamente ameazado .Por iso, de maneira  máis concreta , as funcións deste Arboreto son:

  • Función cultural e educativa :permite ver a heteroxeneidade e diversidade do legado patrimonial botánico galego , así como sensibilizar de cara á súa conversación e protección .
  • Función de protección :posibilita salvagardar e conservar a biodiversidade e o patrimonio vexetal autóctono
  • Función documental: serve para difundir entre os visitantes os coñecementos sobre a vexetación autótona galega
  • Función recreativa:achega un novo espazo á cidadanía,abrindoo a actividades socioculturais e festivas
  • Función de acondicionamento vexetal:permite a reprodución e difusión de especies ,trala posterior recolleita de sementes
  • Función turística:convértese nun reclamo turístico para aquelas persoas que queiran gozar da beleza da natureza galega ,e polo tanto posibilita a creación de emprego e riqueza para a realización deste proxecto o Concello de San Sadurniño contou cos axudas económicas de AGADER, a Deputación da Coruña e a Fundación Biodiversidad..."
A verdade é que nos encantou o arboreto!!!

Ao pé do arboreto temos tamén a "HORTA DE CONSERVACIÓN DE FROITEIRAS", Carlos Fornos con máis de 100 variedades de froiteiras. Está nunha finca colindante protexida por un peche e tamén vimos un colmear didáctico:



Tamén atopamos a Pinocho e ao guardián dos bosques, dúas figuras en madeira obra do escultor Carlos García.


De lonxe pensamos que era un acivro, pero resultou ser un espiño albar:

 Saímos do arboreto, cruzamos a estrada e continuamos o paseo:
Á nosa dereita queda o centro urbán

Encántanos ver que houbo repoboación de novas exemplares de árbores á beira do río:

Chegamos a unha presa:

Nestas escaleiras de madeira que dan acceso á estrada remata a ruta. Hai que dar a volta.

Pasamos ao pé dunha pequena área recreativa que a verdade estaba algo abandonada e desentonaba do ben que estaba coidado o resto.

Chegamos de novo á estrada anterior e optamos por ir pola outra marxe do río:

Agora o camiño é de terra:

O entorno non pode ser máis fermoso:



Na próxima ponte, cruzamos e voltamos pola outra marxe cara atrás, xa que a meternos polo arboreto perdéramos de ver algo moi fermoso: a Volta do Pozo dos Donceis coa estatua da deusa Navia.

A deusa precristiá Navia é asociada á auga, a fertilidade e á morte como barqueira que lle axuda ás almas a cruzar o río para o máis alá. Diante da deusa podemos ver de feito a proa dunha barca de toelo (o toelo é unha rocha gris verdosa que aparece na zona de Moeche, Cerdido e S. Sadurniño)
Navia, a deusa das fontes dos ríos, das augas.

Na ponte que vemos, rematamos este fermoso paseo.

A VILA DE S. SADURNIÑO

Empezamos por percorrer o precioso Xardín  da Marquesa, ao pé do Pazo. É un xardín maxestuoso con influxo dos xardíns franceses creado polos marqueses de S. Sadurniño que adoitaban acompañar á realeza polo xardíns da Granxa de Segovia.
Este xardín ten elementos decorativos exóticos e unha variedade de árbores moi diferentes á propias do lugar debido á viaxes que os marqueses fixeran por Europa.

Nesta foto vese o muro que mandaron construir os marqueses no 1894 para pechar os xardíns.

A continuación vemos a parte de atrás do pazo cunhas escaleiras que dan aos xardíns.

Estes xardíns daban paso a unha fraga moi grande con enormes extensións no val do río Xubia.

Unha imaxe dos xardíns con altas palmeiras e un gran estanque.

Aspecto da parte traseira do pazo:

Os xardíns están pegados ao Paseo Fluvial do Xubia e os marqueses tiñan na beira do río un pequeno embarcadoiro para descargar madeira para o pazo e para o Convento do Rosario. A marquesa tamén navegaba seica na súa barquiña.

Coa morte sen descencia da marquesa no ano 1953, o pazo foi herdado polas monxas da congregación de Cristo Rey que converteron o edificio nun colexio e estes xardíns foron usados como patio do mesmo.

Ao fondo dos maxestuosos xardíns, vemos o pazo e o edificio anexo construído moito máis tarde e pouco acorde co pazo.

Chaman a atención  este abeto e o inmenso magnolio; a continuación deste, hai outro igual de grande.

A principios dos anos 90, o colexio pecha e o pazo e xardíns quedaron nun total abandono ata que no ano 2007 o concello  logra a cesión dos xardíns para evitar o seu deterioro e destinalos a uso público.

Imos agora percorrer o centro da vila e chamounos a atención esta pequena rotonda onde mediante unha laxas postas ao redor se fai unha homenaxe ás 7 parroquias do concello.

Actualmente, o Pazo é a sede do concello de S. Sadurniño. 

O que hoxe vemos do pazo é só unha parte do que houbo no pasado, xa que había, ademais do que se pode ver, un pombal, outras estacias anexas, a capela, a granxa e moito máis terreo de xardín cunha frondosa fraga.
A estructura do pazo é froito dunha reforma feita no S. XIX.

Moi preto do pazo está a igrexa parroquial de Santa Mª a Maior do Rosario. É un templo do S. XVIII que se atopa unido ao Convento do Rosario ao que pertenceu ata o ano 1835. Edificouse sobre unha igrexa medieval anterior que xa fora reformada por Fernando de Andrade no S. XVI.
No interior da igrexa están os sepulcros con estatuas xacentes dos dous primeiros señores de S. Sadurniño, Fernando de Andrade e Xoán Freire de Andrade así como Inés de Castro, muller de Fernando.

Vista da fachada principal da igrexa e convento e o cruceiro do adro.

A orixe do Convento do Rosario foi un antigo hospital e igrexa dos cabaleiros da Orde Templaria que se disolvería a principios do S. XIV. O edificio quedou entón en ruínas e sobre elas ergueuse dous séculos máis tarde o convento, auspiciado polos primeiros señores de S. Sadurniño, Fernando de Andrade e a súa dona, Inés de Castro.
O convento estivo rexido por varias ordes relixiosas ata a desamortización de Mendizabal no S. XIX. Foi empregado despois desto como Casa Reitoral, como escola e casa dos mestres e  como Casa do Concello ata 2014.
Actualmente, unha parte do Convento é a "Casa da Xuventude" e outra alberga a sede da Garda Civil.


Vemos agora a Capela de Belén que amosa na súa fachada principal o escudo dos marqueses de S. Sadurniño e foron eles os que a mandaron construir.

Voltamos de novo ao aparcamento frente á entrada aos xardíns do Pazoda Marquesa e damos por rematada a nosa visita a este fermoso concello que coma todos os de Galicia ten moito que ensinarnos.